Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 2021 Páx. 2316

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 4/2021, do 14 de xaneiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario do corpo de profesores técnicos de formación profesional.

O Decreto 164/2019, do 12 de decembro, aprobou a oferta de emprego correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

No artigo 3 do mencionado decreto cuantificouse a oferta de emprego público relativa á estabilización de emprego temporal en 1.134 prazas. Estas prazas supoñían dispor de todas as prazas de estabilización de emprego temporal que autorizou o artigo 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, e que se cifraban en 2.160, un 90 por cento das prazas que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompida polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016.

A disposición adicional vixésimo terceira da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021, establece que a taxa adicional para a estabilización de emprego temporal nos termos e condicións que regula o artigo 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, incluirá ata o 100 por cento das prazas que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompida polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016. Este incremento do 10 por cento das prazas supón a posibilidade de que se poida aprobar unha oferta de emprego de 240 prazas máis de estabilización de emprego temporal.

De conformidade co establecido no artigo 3 do Real decreto lei 31/2020, do 29 de setembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, os procedementos selectivos de ingreso que se realicen na execución das ofertas públicas de emprego que, ao amparo do disposto no apartado 6 do artigo 19.un da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, e do número 9 do artigo 19.un da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, sexan aprobadas polas distintas administracións educativas e publicadas nos respectivos diarios oficiais nos exercicios 2017 a 2021, tendo en conta a ampliación prevista no artigo 11 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, axustaranse aos criterios establecidos na disposición transitoria terceira do Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, aprobado polo Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, ata a finalización dos procesos selectivos derivados das ofertas públicas de emprego a que se refire este artigo.

Posto que a normativa aplicable aos procedementos selectivos derivados desta oferta de emprego é a mesma que a aplicable aos procedementos selectivos convocados pola Orde do 24 de febreiro de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia do 13 de marzo de 2020, procede que estas 240 prazas sexan acumuladas ás convocadas na referida orde e que se abra un novo prazo de solicitude exclusivamente naquelas especialidades en que se produza un incremento de prazas.

O corpo de profesores técnicos de formación profesional ten unha elevada taxa de temporalidade, polo que resulta procedente que estas 240 prazas sexan ofertadas en especialidades deste corpo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 14 de xaneiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que inclúe as prazas de estabilización de emprego temporal pendentes de convocar, de conformidade co disposto no artigo 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, segundo a redacción dada pola disposición adicional vixésimo terceira da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de estabilización de emprego temporal no corpo de profesores técnicos de formación profesional distribuída por especialidades

1. O número total de prazas que integran esta oferta ascende a un total de 240 prazas no corpo de profesores técnicos de formación profesional.

2. A distribución do número de prazas por especialidades detállase no anexo deste decreto.

Artigo 3. Acumulación das prazas coa oferta de emprego aprobada polo Decreto 164/2019, do 12 de decembro

1. As prazas correspondentes a esta oferta de emprego acumularanse coas correspondentes á oferta de emprego aprobada polo Decreto 164/2019, do 12 de decembro, e convocadas pola Orde do 24 de febreiro de 2020 pola que se convocan procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de educación, ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas e ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, e de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de profesores de música e artes escénicas, ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A).

2. Ás prazas correspondentes a esta oferta de emprego resultaranlle de aplicacións as bases que procedan dos procedementos selectivos convocados pola mencionada Orde do 24 de febreiro de 2020.

3. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade procederá a abrir un novo prazo de solicitude no corpo de profesores técnicos de formación profesional unicamente naquelas especialidades en que, en virtude da acumulación, se incremente o número de prazas.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núnez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO

Código/especialidade

Prazas

201

Cociña e Pastelaría

8

202

Equipos Electrónicos

14

203

Estética

10

204

Fabricación e Instalación de Carpintaría e Moble

12

205

Instalacións e Mantemento de Equipos Térmicos e Fluídos

6

206

Instalacións Electrotécnicas

16

208

Laboratorio

4

209

Mantemento de Vehículos

30

210

Máquinas, Servizos e Produción

1

211

Mecanizado e Mantemento de Máquinas

10

214

Operacións e Equipamentos de Elaboración de Produtos Alimentarios

8

216

Operacións de Produción Agraria

8

217

Patronaxe e Confección

5

218

Peiteado

16

219

Procedementos de Diagnóstico Clínico e Ortoprotésico

8

220

Procedementos Sanitarios e Asistenciais

12

221

Procesos Comerciais

12

222

Procesos de Xestión Administrativa

20

223

Produción de Artes Gráficas

2

225

Servizos á Comunidade

7

226

Servizos de Restauración

7

227

Sistemas e Aplicacións Informáticas

17

228

Soldadura

4

229

Técnicas e Procedementos de Imaxe e Son

3

Total

240