De conformidade co previsto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade do seguinte encargo coas seguintes características:
• Resolución do 7 de decembro do 2020 pola que se dá publicidade ao encargo á empresa pública Empresa Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A. S.M.E. S.P., como medio propio personificado, das tarefas de apoio na xestión de axudas para o fomento da contratación de tecnólogos para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia, código de procedemento IN848C); axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcadas en prioridades estratéxicas da RIS3 (código de procedemento IN848D); axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Talento Senior, código de procedemento IN858A) e axudas do programa Conecta peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema Rexional de Innovación orientados ao mercado e aliñadas cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN852A), xestionadas pola Axencia Galega de Innovación.
• Actividade: Tragsatec realizará tarefas de apoio na xestión das axudas que se relacionan no punto anterior nos termos e condicións que deriven da Resolución do encargo e que se detallan no anexo I da citada resolución, referente ás condicións técnicas da execución.
• Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encargo a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Tal condición de medio propio está recollida na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a cal establece que Tragsa e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2º da letra d) do número 2 do artigo 32, e nas letras a) e b) do número 4 do mesmo artigo, e estarán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estes lles encomenden nas materias sinaladas nos números 4 e 5, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.
A empresa pública Tragsatec encargarase de realizar as tarefas que se detallan no anexo I da resolución.
O persoal necesario para a execución do encargo dependerá exclusivamente de Tragsatec, o cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregador respecto deste.
• Financiamento: o orzamento de execución é de 369.658,24 € (non aplica IVE), con cargo á aplicación orzamentaria 09.A3.561A.640.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Innovación para o ano 2021
Para todos os efectos, entenderase que o orzamento aprobado por GAIN en canto administración pública e poder adxudicador, comprende todos os gastos directos e indirectos que a empresa deba realizar para a normal execución dos traballos encargados.
• Prazo de vixencia: na anualidade 2021 (do 1 de xaneiro ao 28 de decembro).
A empresa Tragsatec está obrigada ao cumprimento do prazo fixado para o encargo.
Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2020
Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación