Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 2021 Páx. 2632

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía solar fotovoltaica dirixidas a particulares para o ano 2021 (código de procedemento IN421O).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas renovables callou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia mediante o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como a de diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar o coidado do medio natural, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten a xeración e o aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables.

Máis concretamente, preténdese fomentar a utilización da enerxía fotovoltaica, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a fotovoltaica é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos. Polo tanto, no contexto actual este sistema de axudas é necesario tendo en conta as recentes modificacións normativas que regulan o autoconsumo eléctrico e que esta actividade aínda está nunha fase inicial de desenvolvemento.

Esta convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2021 e o importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.000.000 de euros.

Estas axudas xestionaranse coa intervención de entidades colaboradoras. A dita colaboración formalizarase mediante o correspondente convenio.

As referidas entidades colaboradoras serán seleccionadas mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación, que se regula na Resolución 28 de decembro de 2020 pola que se convoca o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, que se publicará simultaneamente ás bases reguladoras destas axudas.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) poderase consultar a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Por outra banda, establécese a obrigación de que as entidades colaboradoras solicitantes das axudas se relacionen co Inega utilizando só medios electrónicos, conforme o disposto nos números 2 e 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por razón dos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da dita norma, e no caso de las entidades colaboradoras, así mesmo, con base na capacidade técnica e solvencia exixida na convocatoria do procedemento de selección para acceder á dita condición, a través da cal se acredita o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite a presente liña de subvencións, co obxectivo de fomentar o aforro enerxético a través da utilización da enerxía fotovoltaica.

Precisamente o uso das enerxías renovables pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade e por iso a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista de cara ao futuro, materializando esta a través da concesión de subvencións.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía solar fotovoltaica, para o exercicio 2021, que se xuntan a esta resolución como anexo I.

2. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2021 que se xuntan a esta resolución como anexos II a VIII (código de procedemento IN421O).

3. Convocar para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxía fotovoltaica. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do cal se dará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten a xeración e o aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables que, cumprindo os requisitos especificados nestas bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

Non se poden determinar circunstancias valorables que permitan establecer unha orde de prelación entre unhas solicitudes e outras e, ademais, co réxime de concorrencia non competitiva poderanse atender todas as necesidades que vaian xurdindo ao longo do ano.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2021 e imputaranse á aplicación orzamentaria 06.A3.733A.780.3. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.000.000 de euros.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

De se producir a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

3. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación

1. As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

As solicitudes deberanse presentar exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 3 de marzo, ás 9.00 horas, e finalizará o 1 de xullo de 2021.

Artigo 4. Prazo de resolución das solicitudes

O prazo para ditar resolución expresa de concesión das axudas ás persoas beneficiarias e notificárllela ás entidades colaboradoras será de catro (4) meses contados desde o día seguinte a aquel en que se efectúe a solicitude da axuda. Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Prazos de execución e xustificación dos investimentos

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de setembro de 2021. O feito de non xustificar correctamente os ditos investimentos devirá en perda do dereito ao cobramento da axuda concedida.

Disposición adicional primeira. Réxime de recursos

Contra esta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Actos de resolución

A directora do Inega poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta execución desta convocatoria.

Disposición derradeira única

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

Paula María UríaTraba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica dirixidas a particulares

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos para subministración en vivendas ou inmobles de carácter residencial.

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

Poderán ter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 1 destas bases reguladoras que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2021.

Artigo 3. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables:

a) Os paneis solares fotovoltaicos.

b) O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cableado, equipamentos de medidas, etc), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota, etc.) e sistema de acumulación con baterías.

c) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

d) O custo da montaxe e o conexionado, a dirección de obra.

e) IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.

2. Non son subvencionables:

a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

b) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.

c) Equipamento e materiais de segunda man.

d) As obras de mantemento e os gastos de alugamento.

e) As taxas e licenzas administrativas.

Artigo 4. Contía da axuda.

A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación, tendo en conta o seu orzamento e os requisitos específicos recollidos no artigo 5 destas bases reguladoras. A contía máxima por proxecto será de 25.000 €. Na procura de instalacións de potencia racionais, establécese unha axuda máxima por vivenda de 4.000 €. No caso de que o proxecto solicitado inclúa baterías de litio de potencia igual ou superior a 4 kWh, incrementarase en 1.500 €.

En ningún caso serán subvencionables as ampliacións das instalacións fotovoltaicas asociadas á subministración eléctrica das vivendas que xa foron obxecto de axuda por parte do Inega en anos anteriores.

Cada entidade colaboradora poderá solicitar un máximo de 250.000 € en proxectos con reserva de fondos.

Artigo 5. Normas específicas

O custo elixible máximo establécese como o sumatorio de dous compoñentes:

Potencia en paneis (kwp)

€/kwp (sen IVE)

P<= 3 kWp

2.500

3 <P<= 6 kWp

3400-300* P

6 <P<20 kWp

1780-30* P

P >= 20 kWp

1200

Adicionalmente á táboa anterior, consideraranse custos por kWh de acumulación en baterías, distinguindo entre as baterías de última tecnoloxía (litio) e o resto das baterías convencionais (monoblock, opz, xel, etc.). De non incorporar o proxecto baterías, este sumando sería cero.

Tipo de baterías

€/kWh acumulación (sen IVE)

Baterías de litio

750

Resto de baterías (monoblock, opzs, xel, etc.)

200

Para efectos do cálculo da axuda final, non se considerará un custo elixible máximo en baterías (€/kWh acumulación) superior aos custos elixibles máximos da táboa da instalación solar da potencia en paneis (€/kwp).

Artigo 6. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 20 destas bases reguladoras.

Artigo 7. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal.

2. No teléfono 981 54 15 00.

3. Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5. San Lázaro. 15703 Santiago de Compostela).

Artigo 8. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, que non se poderán disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou as condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, no que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Facilitarlle á entidade colaboradora seleccionada as outras dúas ofertas que necesariamente se teñen que xuntar á solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

d) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

e) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que se deban presentar ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 24 destas bases.

f) Cando non poida executar o proxecto, deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitaraa a entidade colaboradora mediante a presentación do anexo V que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os tres (3) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

i) Comunicarlle ao Inega, a través da entidade colaboradora, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

j) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 11. Solicitudes

1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e a documentación xustificativa da actuación). O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día 3 de marzo, ás 9.00 horas, e finalizará o 1 de xullo de 2021.

2. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, o beneficiario deberá solicitar como mínimo o contido de tres (3) ofertas de distintos provedores, tendo en conta que a oferta seleccionada corresponderá á da entidade colaboradora adherida encargada da tramitación da súa solicitude.

3. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas á convocatoria de axudas.

4. Unha vez elixida a instalación, a entidade colaboradora terá que:

a) Comprobar que a persoa que vai solicitar a axuda cumpre cos requisitos, establecidos no artigo 8 destas bases, para poder ser beneficiario da axuda.

b) A entidade colaboradora cubrirá a solicitude para ese solicitante, mediante a aplicación informática habilitada para o efecto e accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde a páxina web do Inega (www.inega.gal). Para o acceso á aplicación de presentación da solicitude será necesario o número do NIF e o contrasinal determinados polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

5. Para que a reserva de fondos sexa válida, debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda-anexo II.

b) Autorización para a representación-anexo III.

c) Memoria técnica da actuación, segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

6. Os fondos solicitados e os validados poderanse visualizar en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Polo tanto, a axuda máxima que se concederá ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De se chegar a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha lista de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na lista de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se encontren en lista de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8. As entidades colaboradoras serán seleccionadas mediante un procedemento específico no cal virán determinadas as condicións de eficacia e de solvencia técnica que deben ter.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As entidades colaboradoras deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación segundo o anexo III.

b) Para acreditar a titularidade admitiranse os seguintes documentos: título de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado de declaración responsable (asinada polo solicitante da axuda) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

c) No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, o representante deberá asinar a solicitude e a entidade colaboradora achegará a seguinte documentación:

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de persoas beneficiarias mediante a presentación do anexo IV que se xunta a título informativo. Este anexo deberase cubrir a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

d) No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o presidente exercerá a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, e deberase presentar:

1º. Acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación dos propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.

2º. Certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios en que acepta as bases da convocatoria, se compromete á execución das respectivas obras e faculta o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.

3º. Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a esta cuestión, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

4º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de persoas beneficiarias mediante a presentación do anexo IV que se xunta a título informativo. Este anexo deberase cubrir a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

e) Presentación da oferta da instalación que se pretende levar a cabo. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, a entidade adherida, á cal corresponde a oferta seleccionada, presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as tres (3) ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Neste caso, o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

f) Memoria técnica da actuación, composta polos seguintes documentos:

1º. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía do lugar onde se vai executar o proxecto. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Bosquexos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación, especificando o sistema de integración dos paneis.

2º. Folla de características dos paneis solares.

3º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) e unha memoria técnica en que se describirán, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación, especificando o sistema de conexión.

4º. Orzamento desagregado.

5º. Última factura do consumo eléctrico.

g) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

Artigo 13. Forma de presentación da documentación complementaria

1. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicita novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das entidades colaboradoras presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades colaboradoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (5 MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

4. Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento á AEAT, á Seguridade Social e á Facenda autonómica.

b) DNI ou NIE, cando a persoa solicitante sexa unha persoa física.

c) Concesión de subvencións de axuda.

d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Órganos competentes

A Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponderalle á persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 16. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da lista de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, se dite resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición e se arquivará o expediente.

Efectuarase igual requirimento no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderase requirir a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

4. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes que cumpran cos requisitos serán recollidas por un comité formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Enerxías Renovables e dous técnicos do Inega (un da Área de Enerxías Renovables e outro da Xerencia). O comité elaborará unha proposta na cal figuren de xeito individualizado os solicitantes propostos para obteren subvención, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 17. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase á directora do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación do beneficiario, o custo elixible do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

Para utilizar os servizos de Notifica.gal deberá dispor dun usuario e clave no servizo Chave365, ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria, e comprobar que o seu navegador e sistema operativo cumpren os requisitos técnicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-Mi sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante a directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando, por circunstancias técnicas, sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, a entidade colaboradora débello notificar ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo VII.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderanse formalizar a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola directora do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 21. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da proposta de resolución definitiva sen que a entidade colaboradora comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberallo comunicar á entidade colaboradora, que presentará o anexo V polos medios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras, e comunicará este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunique a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará de conformidade co procedemento establecido no artigo 18 destas bases reguladoras.

Artigo 22. Prazos de execución das instalacións

O prazo de execución das instalacións iniciarase unha vez que se efectuase a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2021.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentaraa a entidade colaboradora de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades colaboradoras, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 18 destas bases reguladoras.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen se ter presentado ningunha documentación, requirirase igualmente a entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

O Inega efectuará igual requirimento no suposto de resultado negativo da consulta de verificación do NIF do solicitante (persoa física).

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 24. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberanse presentar dentro do prazo establecido no artigo 22 destas bases reguladoras e, nese momento, os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento por parte do solicitante da subvención concedida, a entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberase cubrir a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, nas cales figurará o importe total a pagar e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.

1º. A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Nome e NIF/NIE do beneficiario.

– Enderezo onde se realiza a obra.

– Descrición detallada da totalidade do equipamento instalado de acordo coa solicitude.

– Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen.

A expedición da factura e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas: transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:

– Titular da conta desde a cal se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que deben coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención.

– Receptor do pagamento (empresa ou autónomo).

– Número de factura obxecto do pagamento.

3º. Non se admitirán os supostos de autofacturación (factura emitida polo propio beneficiario da subvención).

4º. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas alíneas a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

6º. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

7º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considerarase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

b) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal). De existiren modificacións no proxecto, deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Achegaranse fotografías dos principais equipamentos instalados.

d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo VIII).

e) A beneficiaria achegará un certificado asinado polo técnico instalador no cal se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Naqueles proxectos con potencia superior a 10 kW, deberase achegar o certificado de dirección de obra asinado polo técnico. Ademais, o beneficiario deberá achegar o boletín e o xustificante de solicitude de inscrición da instalación no Rexistro de Instalacións Eléctricas da consellería competente en materia de industria. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de que sexa necesario.

f) No caso de ser necesario pola normativa vixente, comunicación fidedigna realizada polo titular á compañía distribuidora de solicitude de punto de conexión para a instalación.

Artigo 25. Incumprimentos xerais do proxecto

1. Incumprimento total. Se se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 26. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material na cal certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderase reducir proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 27. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega reservará para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se, no curso destas verificacións, se detecta que as persoas beneficiarias das subvencións ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas nestas bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias das subvencións, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolvido no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 28. Normativa de aplicación

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014.

7. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

8. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

9. Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

10. Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file