Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 2021 Páx. 2612

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020 pola que se convoca o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinadas a particulares, para o ano 2021 (código de procedemento IN421N).

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de atribuír a unha entidade colaboradora a xestión de aspectos materiais da tramitación da subvención.

O Inega considera conveniente atribuír a colaboración, no seguimento da xestión das subvencións relativas aos proxectos de enerxías renovables para uso térmico (IN421P) e aos proxectos de enerxía fotovoltaica (IN421O), destinados a particulares, a entidades colaboradoras que reúnan os requisitos establecidos neste procedemento.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das axudas previstas na Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, destinadas a particulares, e na Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares (código de procedemento IN421N).

Artigo 2. Requisitos, condicións de solvencia e eficacia das entidades colaboradoras

1. Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

2. Será necesario que as entidades colaboradoras estean dadas de alta na Consellería de Economía, Emprego e Industria:

a) Para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico como empresas de instalacións térmicas en edificios (procedemento IN609E).

b) Para a xestión de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

3. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e sen que isto implique a entrega e distribución dos fondos públicos ás persoas beneficiarias, que recibirán o importe da axuda directamente do Inega.

4. Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

a) Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

b) Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

c) Xustificación da axuda ante o Inega.

5. Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).

Os autónomos e os empresarios individuais presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional teñen acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos necesarios.

6. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo que se indica no artigo 4 destas bases reguladoras.

7. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

8. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

9. No caso de empresas vinculadas a que se refire o anexo I artigo 3.3 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, deberán elixir unha do grupo como representante de todas elas, de forma que sexa esta a que actúe como entidade colaboradora tramitando a totalidade das solicitudes de axuda.

Artigo 3. Formularios

Apróbanse e incorpóranse o seguinte formulario e modelo de convenio de colaboración como anexos á presente convocatoria:

– Anexo I Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras.

– Anexo II Convenio de colaboración para subscribir coas entidades colaboradoras.

Artigo 4. Prazo para presentar as solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será de cinco (5) días hábiles, a partir 25 de xaneiro de 2021 incluído, desde as 9.00 horas, e para solicitar a súa adhesión terán que cubrir e presentar o formulario de adhesión (anexo I).

Artigo 5. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras

1. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

c) Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Inega.

d) Actuar en nome e por conta do Inega para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións sen que se produza a previa entrega e distribución dos fondos recibidos.

e) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

f) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Inega.

g) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo I) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

b) Vender no marco da iniciativa só os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

c) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do convocatoria, en concreto a autorización ou inscrición da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria.

Artigo 6. Adhesión de entidades colaboradoras

1. Adhesión simplificada.

a) Esta forma de adhesión esta unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, reguladas na Resolución do 18 de decembro de 2019 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro de 2020) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, para a anualidade 2021.

b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II) e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.

Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participaran no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, da anualidade 2020.

Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2020.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido.

2. Adhesión común (altas novas entidades colaboradoras).

a) A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II) e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.

c) Documentación complementaria:

1º. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

i. Recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, se for o caso, declaración responsable de exención de pagamento segundo figura no anexo I.

ii. Convenio de colaboración (anexo II) debidamente asinado pola entidade colaboradora.

Unha vez asinado polo Inega, a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

iii. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

iv. Cando se trate de medianas ou pequenas empresas, deberá achegarse declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique ás empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4º. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (5MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

d) Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1º. NIF da entidade colaboradora.

2º. DNI/NIE da persoa solicitante.

3º. DNI/NIE da persoa representante.

4º. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

5º. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

6º. Certificado de estar ao día no pagamento coa facenda autonómica.

7º. Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.

8º. Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

e) Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 7. Órganos competentes

A xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de adhesión das entidades colaboradoras, e corresponderá ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 8. Instrución do procedemento de adhesión

a) Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento será efectuado polo Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda, rexistro mercantil e outros rexistros públicos.

b) De conformidade co establecido no artigo 2.5 desta convocatoria en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións.

c) Para dar cumprimento ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (artigo 14.2), e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (artigo 10), todas as notificacións realizaranse por medios electrónicos, mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), na parte Notificacións electrónicas.

Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións á súa conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

d) As entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico.

Para utilizar os servizos de Notifica.gal deberán dispoñer dun usuario e clave no servizo Chave365 ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria e comprobar que o seu navegador e sistema operativo cumpren os requisitos técnicos.

e) As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

Se o envío da notificación non é posible por problemas técnicos, o Inega practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Resolución

O prazo máximo para que o director do Inega resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de 1 mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). Pasado o devandito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos a este programa.

Artigo 10. Notificación das resolucións

a) Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) Segundo o establecido no artigo 2.5 desta resolución en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, as notificacións se entenderán practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

c) Na páxina web do Inega (www.inega.gal) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

d) As entidades colaboradoras poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A Miña Sede, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 11. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

– Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal.

– No teléfono 981 54 15 00.

– Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5. San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 15 00.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro desta convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Normativa de aplicación

Rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións da Comunidade Autónoma e, en particular, as seguintes:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

7. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

8. Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

9. Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a entidade colaboradora... para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e/ou para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, para o ano 2021

Santiago de Compostela, ... de... de...

Dunha parte, a directora do Inega, en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle confire o artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 212, do 8 de novembro) e polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, publicado mediante Resolución do 8 de abril de 1991 da Consellería de Economía e Facenda.

Da outra parte..., con NIF..., actuando en nome e representación da entidade... con NIF/CIF..., debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que a Resolución do 28 de decembro de 2020 regula as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e a Resolución do 28 de decembro de 2020 as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, ambas destinadas a particulares.

II. Que o Inega acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para o programa de axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares. Estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Inega e os beneficiarios das axudas que se convoquen para proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables.

III. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de dar unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre o Inega e a entidade... de acordo coa

(Unha ou as dúas)

Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, destinadas a particulares

E/ou coa

Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvención para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinadas a particulares

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade... é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 2 e 5 da Resolución pola que se convoca o procedemento de selección das entidades colaboradoras para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares (código de procedemento IN421N) (en diante resolución), que acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas na mencionada resolución.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia hasta o 15 de decembro de 2021.

Cuarta. Obrigacións da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 5 das bases reguladoras das axudas, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión ante o Inega das axudas dos beneficiarios.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como, a idoneidade da documentación que se lles exixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas dos beneficiarios e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións tal e como se recolle nas bases reguladoras.

– Vender ao solicitante da axuda no marco da iniciativa só os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

– Comunicar ao Inega calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos fornecidos.

– Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo a protección da persoa física no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos e as normas que o desenvolvan.

– Atoparse sometida ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Atoparse ao día no pagamento das obrigacións coa facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 5 da Resolución pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras, a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido das bases reguladoras destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

– Que ten o domicilio social ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 2 da Resolución pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras.

– Que consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Inega segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

– Que non se atopa incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que comunicará ao Inega calquera variación que poida ocorrer nos datos recolleitos nos documentos presentados.

– Que autoriza o órgano xestor das axudas para que solicite a información necesaria en relación co NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día coas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigacións do Inega

– Facilitar á entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispoñer na páxina web do Inega (www.inega.gal) unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

– Manter informada en todo momento e comunicar á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos dos beneficiarios

A xustificación polos beneficiarios das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes realizarase no momento da solicitude.

A entidade colaboradora atópase obrigada a requirir aos beneficiarios a documentación establecida nas bases reguladoras das axudas, así como a comprobala e a gardala durante un período de cinco anos desde a concesión da axuda.

Oitava. Rexistro especial de operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará á disposición do Inega e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado e da Comunidade Europea.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen os beneficiarios.

Novena. Requisitos da entidade e dos beneficiarios

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións son os que se especifican no artigo 5 da resolución pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras.

Décima. Xustificación das subvencións

Os beneficiarios xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, nos prazos e na forma prevista nas bases reguladoras das axudas.

Décimo primeira. Causas de resolución

Son causas de resolución deste convenio entre o Inega e a entidade colaboradora o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, no articulado da Resolución pola que se convoca o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se no curso das verificacións que realizará o Inega se detecta que a entidade colaboradora incumpre algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

O presente convenio ten natureza administrativa e queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público; sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que poidan presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

(Sinatura)

A directora do Inega

Paula María Uría Traba

(Sinatura)

Pola entidade colaboradora,

Representante legal de...