Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 2021 Páx. 2578

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do III Convenio colectivo da empresa Supervisión y Control, S.A.U.

Visto o texto do III Convenio colectivo da empresa Supervisión y Control, S.A.U. (código 82100012012012), que se subscribiu, con data do 6 de novembro de 2020, entre a representación da empresa e de CC.OO., UGT e CIG en representación dos traballadores e traballadoras, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

III Convenio colectivo Supervisión y Control, S.A.U. 2019-2023

Artigo 1. Ámbito territorial

O convenio colectivo será aplicable, dentro do seu ámbito funcional, nos centros de traballo actualmente existentes en Galicia e naqueles que se poidan crear nun futuro.

Artigo 2. Ámbito persoal e funcional

As condicións reguladas no presente convenio colectivo afectarán o persoal de todas as estacións de ITV da Comunidade Autónoma de Galicia encadrado nos seguintes postos de traballo: xefe/a de equipo, xefe/a de liña, inspector/a, administrativo/a de estación, inspector/a de entrada e administrativo/a de entrada.

Artigo 3. Xornada

A xornada operativa de traballo da empresa Supervisión y Control, S.A.U. será de 1633,5 horas anuais de media durante os 5 anos de vixencia do presente convenio colectivo (2019, 2020 2021, 2022 e 2023), incluída a formación obrigatoria, que será de 28 horas anuais cada ano, polo que ambas as dúas partes entenden e conveñen que os excesos ou defectos de xornada que se poidan producir cada ano serán compensados durante os 5 anos de vixencia do presente convenio colectivo. En calquera caso, a xornada anual media resultante durante a vixencia deste convenio colectivo será de 1633,5 horas anuais.

Serán días non laborables:

– Sábado Santo.

– 24 e 31 decembro.

Dentro das 28 horas anuais de formación:

• 22 horas anuais destinaranse a formación obrigatoria, das cales 8 son condición necesaria e ineludible para manter a cualificación para poder prestar servizos como inspector de ITV.

• 6 horas anuais serán empregadas no proceso necesario para a realización das obrigatorias lecturas e notificacións de recepción correspondentes ás modificacións e/ou novas publicacións de documentos incluídos no sistema xeral de calidade de Supervisión y Control, S.A.U.

Ademais, as persoas traballadoras poderán gozar de dous días de libre disposición anuais, garantindo as necesidades do servizo, non remunerados ou recuperables ou descontados das vacacións.

Co fin de establecer normas que permitan o desfrute dos días de libre disposición, sen prexudicar as necesidades do servizo, ambas as dúas partes chegan aos seguintes acordos:

• Número máximo de persoas que poden gozar simultaneamente os días de libre disposición:

En estacións de 1, 2 e 3 liñas, 1 persoa por estación e día.

En estacións de 4 liñas en diante, 1 persoa de nave e 1 persoa de oficina por estación e día.

No caso de que as peticións superen os límites indicados, resolveranse atendendo á orde de presentación da solicitude.

• Aviso previo: con carácter xeral, solicitaranse os días de libre disposición cun aviso previo de 15 días, salvo motivo xustificado imprevisto.

• Todas as solicitudes serán respondidas por escrito nun prazo máximo de 7 días desde a súa presentación, e indicarase o motivo do rexeitamento da solicitude, se for o caso.

No caso de que estas normas non sexan suficientes para evitar problemas de organización do traballo que prexudiquen as necesidades do servizo, estas resolveranse na Comisión Mixta. Nesta comisión, pola súa vez, analizaranse as solicitudes rexeitadas.

A xornada anual de convenio será a que estableza o Convenio colectivo provincial para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña en cada momento. A diferenza entre a xornada de convenio e a xornada operativa de traballo da empresa Supervisión y Control, S.A.U. destinarase única e exclusivamente ao tempo investido nos desprazamentos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, ao tempo investido nas operacións de apertura e peche das unidades móbiles e ao tempo necesario para a realización dos test de coñecementos e recoñecementos médicos, e isto non poderá en ningún caso superar a diferenza entre esta xornada e a establecida para o Convenio colectivo provincial para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña.

Artigo 4. Vacacións

O persoal gozará de 23 días laborables de vacacións retribuídas anuais, que se poderán fraccionar nun máximo de tres períodos de 5 días laborables como mínimo. Os ditos períodos comprenderán un máximo de catro sábados.

As vacacións quedarán fixadas o 31 de xaneiro do ano en curso. Para a elaboración dos calendarios anuais, a primeira regra será a proposta das persoas traballadoras de mutuo acordo coa empresa, mantendo as necesidades do servizo. De non haber acordo entre a persoa traballadora e a empresa, mediaría con ambas as dúas partes o/a delegado/a de persoal ou comité de empresa segundo corresponda.

Fíxanse como necesidades do servizo, para os efectos de determinar o número máximo de persoas traballadoras que poderán gozalas simultaneamente, as establecidas por centro e período na seguinte táboa. As persoas traballadoras agruparanse en dous colectivos, nave e administrativos.

Persoal de nave:

Persoal

Vacacións

<=7

1

8>=<9

1,5*

10>=<15

2

16>=<18

2,5*

19>=<22

3

23>=<24

3,5*

25>=<27

4

>28

5

*0,5=1 persoa medio mes.

Persoal administrativo: poderá irse 1 persoa simultaneamente, sendo necesario que o desfrute das vacacións do persoal do centro se realice de forma sucesiva.

Como excepcións á regra xeral:

• En estacións de 4 ou máis administrativos/ás, poderán gozar fóra do período de vacacións sucesivas 5 días consecutivos por persoa (nun único período). Os ditos períodos cubriranse con distribución heteroxénea da xornada.

• En estacións con menos de 4 administrativos/ás poderán gozar fóra do período de vacacións sucesivas 5 días consecutivos por persoa (en único período). Neste caso, os días de libre disposición a que fai referencia o artigo 3 serán, unicamente, non remunerados ou recuperables, agás no caso de que se unan co período de 5 días de vacacións elixidas.

O período de 5 días referenciado nos dous puntos anteriores só poderá ser gozado por 1 persoa simultaneamente.

• Nas estacións de 5 ou máis administrativos/ás poderán gozar de vacacións 2 persoas, simultaneamente.

En caso de que non se chegue a un acordo segundo o texto anterior, 12 días serán a conveniencia da persoa traballadora e 11 da empresa.

Artigo 5. Gratificación de convenio

A empresa distribuirá a seguinte gratificación de convenio correspondente aos anos 2019, 2020, 2021, 2022 e 2023, baixo os criterios establecidos neste artigo:

a) A gratificación percibida do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do 2019 aboarase na nómina do mes seguinte á sinatura do convenio cun importe base de 623 € brutos.

b) A gratificación percibida do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2020 aboarase no primeiro cuadrimestre do 2021, cun importe de 623 € brutos máis a porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano 2020 *.

c) A gratificación percibida do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2021 aboarase no primeiro cuadrimestre do 2022, cun importe equivalente á cantidade aboada en 2021 máis a porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano 2021 *.

d) A gratificación percibida do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2022 aboarase no primeiro cuadrimestre do 2023, cun importe equivalente á cantidade aboada en 2022 máis a porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano 2022 *.

e) A gratificación percibida do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2023 aboarase no primeiro cuadrimestre do 2024, cun importe equivalente á cantidade aboada en 2023 máis a porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano 2023 *.

*En todos os casos, se o IPC resulta negativo ou igual a 0, a cantidade base teórica non se verá minorada.

Terán dereito a esta gratificación de convenio os traballadores/ás que prestasen os seus servizos de forma ininterrompida durante 12 meses no período de remuneración en proporción á xornada traballada. Para estes efectos, excepcionalmente, para a gratificación percibida no ano 2020 non se terá en conta o período en que os traballadores/ás estivesen en situación de ERTE durante o ano 2020.

Ás cantidades das alíneas a, b, c, d e e aplicaráselles o seguinte baremo de penalización:

1. Procesos de incapacidade temporal derivada de enfermidade común ou de accidente de traballo motivado pola non utilización de equipamentos de protección individual, sempre e cando quede constatada a entrega previa dos EPI e a formación e información, e cando o Servizo de Prevención prevexa a súa necesidade de utilización:

I. Duración superior a 45 días: -100 %.

II. Duración entre 45 e 30 días: -50 %.

III. Duración entre 29 e 15 días: -25 %.

IV. Duración entre 14 e 7 días: -10 %.

Exceptúanse as situacións de maternidade e paternidade.

Excepcionalmente, para os efectos das cantidades percibidas no ano 2020 e 2021 non será de aplicación o punto 1.IV

2. Presenza: as ausencias inferiores a unha xornada sen xustificar acumularanse a razón de 10 € por cada 8 horas.

Descontaranse 10 € por cada día de ausencia, agás por licenzas retribuídas.

As faltas de puntualidade sen xustificar contaranse a razón de 10 € por hora, acumulando as fraccións inferiores.

3. Formación: restaranse 10 € por cada hora de ausencia a formación obrigatoria (exceptuando vacacións, maternidade, paternidade e licenzas retribuídas e días de libre disposición regulados no artigo 3, salvo que exista un ofrecemento de acudir noutras datas).

Aptitude para o posto de traballo: faranse dous test por cada posto que demostren os coñecementos correspondentes que, se non se superan, restarán 20 € por exame (exceptuando vacacións, maternidade, paternidade, licenzas retribuídas e días de libre disposición regulados no artigo 3, salvo que exista un ofrecemento de acudir noutras datas).

Na finalización da vixencia do presente convenio colectivo quedará consolidada como gratificación extraordinaria fixa e non sometida a ningunha condicionante variable o importe da cantidade base percibida no ano 2023.

Artigo 6. Incremento salarial

Os incrementos salariais serán os seguintes:

Ano 2019: 1,1 %.

Ano 2020: 2 %.

Ano 2021: IPC real en 31 decembro 2020, incrementado nun 1,25 %.

Ano 2022: IPC real en 31 decembro 2021, incrementado nun 1,5 %.

Ano 2023: IPC real en 31 decembro 2022, incrementado nun 1,5 %.

En todos os casos:

Se o incremento total (IPC+incremento adicional) é negativo, o incremento salarial será=0.

Se o incremento total (IPC+incremento adicional) está entre 0 e 0,5 %, ambos os dous incluídos, o incremento salarial será=0,5 %.

O incremento salarial máximo será dun 5 %.

Os incrementos salariais aplicaranse sempre sobre as táboas salariais da empresa do ano anterior e nunca quedarán por debaixo das táboas do Convenio colectivo provincial para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña. Así, do incremento salarial do ano 2019 resultan as seguintes táboas:

Grupo e nivel

Salario bruto 2019

5 B Xefe/a de equipo

33.086,41 €

5 B Xefe/a de liña

Nivel I

30.128,55 €

Nivel II

27.084,73 €

5 B Inspector/a

Nivel I

23.740,28 €

Nivel II

23.105,00 €

6 Inspector/a entrada

Nivel I e II

21.699,75 €

5 A Administrativo/a

Nivel I

23.740,28 €

Nivel II

23.721,18 €

6 Administrativo/a entrada

Nivel I e II

21.699,75 €

Non se inclúe nas anteriores táboas salariais:

– O complemento de antigüidade do artigo 50 do Convenio colectivo provincial para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña, que se actualizará, para as persoas traballadoras que o veñen percibindo na actualidade, segundo o dito convenio colectivo.

– Os complementos de posto actualizaranse para os anos 2020, 2021, 2022 e 2023 co IPC real do ano anterior (complemento de móbil**, complemento de foso e complemento de mando). *En todos os casos, se o IPC resulta negativo ou igual a 0, o importe do complemento correspondente non se verá minorado.

**Excepcionalmente, para o ano 2020 e desde a sinatura do presente convenio colectivo, acórdase un incremento de:

• 4 € brutos por día efectivo de traballo no complemento de posto de móbil con efectos da data de sinatura do convenio colectivo para as unidades móbiles 3, 5 e 10. A partir do ano 2021, a cantidade resultante do complemento de posto de móbil actualizarase co IPC real do ano anterior.

• 5 € brutos por día efectivo de traballo no complemento de posto de móbil con efectos da data de sinatura do convenio colectivo para a Unidade móbil 4. A partir do ano 2021, a cantidade resultante do complemento de posto de móbil actualizarase co IPC real do ano anterior.

• 6 € brutos por día efectivo de traballo no complemento de posto de móbil con efectos da data de sinatura do convenio colectivo para as unidades móbiles 1 e 6. A partir do ano 2021, a cantidade resultante do complemento de posto de móbil actualizarase co IPC real do ano anterior.

• 7 € brutos por día efectivo de traballo no complemento de posto de móbil con efectos da data de sinatura do convenio colectivo para a Unidade móbil 2. A partir do ano 2021, a cantidade resultante do complemento de posto de móbil actualizarase co IPC real do ano anterior.

Artigo 7. Estacións móbiles

Cando unha persoa traballadora preste os seus servizos nunha unidade móbil, o seu lugar de traballo será o da situación da estación en cada momento, sendo o centro de traballo a estación fixa a que está adscrita a correspondente unidade móbil.

Por razón do desprazamento que realizan ás localidades de situación das móbiles 1 a 6 e a 10 segundo o calendario anual correspondente, as persoas traballadoras percibirán por día efectivo de traballo na estación móbil unha axuda de custo en compensación polos gastos de desprazamento e manutención, segundo a seguinte escala:

Grupo I: 39 €.

Grupo II: 45 €.

Grupo III: 56 €.

Grupo IV: 70 €.

Achéganse en anexo os grupos e destinos.

Nos casos en que as persoas traballadoras se despracen en vehículo de empresa (móbiles 7, 8, e 9), percibirán por día efectivo de traballo unha axuda de custo en compensación polos gastos de manutención segundo a seguinte escala:

Grupo A: 20 €.

Grupo B: 25 €.

Achéganse en anexo os grupos e destinos.

No caso de que temporalmente presten os seus servizos en unidade móbil persoas traballadoras pertencentes a centros de traballo diferentes ao de adscrición da unidade móbil, as axudas calcularanse atendendo á distancia existente entre o centro de traballo de orixe da persoa traballadora e o lugar de situación da unidade móbil en cada momento.

No caso de que a unidade móbil se desprace a unha localidade pertencente ao mesmo municipio que a súa estación fixa de adscrición, non procederá aboamento de axuda de custo exenta fiscalmente; aboaranse os gastos xustificados contra presentación dos recibos por parte das persoas traballadoras e aboarase a quilometraxe correspondente conforme os procedementos, prezos e normas establecidos internamente.

Artigo 8. Xubilación parcial

As persoas traballadoras que así o decidan poderán acollerse á xubilación parcial, nos termos establecidos no Convenio colectivo provincial para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña e lexislación laboral vixente en cada momento.

Artigo 9. Período de proba

Os contratos temporais terán un período de proba de 2 meses.

Artigo 10. Comisión Paritaria

No prazo de 1 mes desde a sinatura do presente convenio colectivo formalizarase a Comisión Paritaria, que terá as seguintes competencias:

I. Como órgano de interpretación, conciliación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do pactado neste convenio e todas aquelas que lle reserve a lexislación vixente en cada momento.

As súas funcións específicas serán as seguintes:

1. Interpretación auténtica do presente convenio colectivo.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidos por ambas as partes, de común acordo, en asuntos derivados deste convenio colectivo.

3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponder aos organismos correspondentes.

4. Vixilancia e seguimento do cumprimento do pactado.

5. Estudo da evolución das relacións entre as partes contratantes.

6. Cantas outras cuestións tendan á maior eficacia práctica do presente convenio colectivo.

7. Coñecer e resolver sobre as solicitudes de inaplicación das condicións do presente convenio colectivo que se lle sometan.

8. Vixilancia e seguimento do cumprimento da xornada laboral e tempo asignado a xustificantes de recepción.

9. Todas aquelas atribuídas polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e demais normativa vixente.

Os acordos ou resolucións adoptados por unanimidade de todos os membros presentes da Comisión Mixta terán carácter vinculante.

De non se obter unanimidade, seguiranse, para a resolución das cuestións formuladas, as canles legalmente previstas.

A Comisión Mixta, en primeira convocatoria, non poderá actuar sen a presenza de todos os vogais previamente convocados, e en segunda convocatoria, que terá lugar media hora despois da primeira, actuará cos que asistan, tendo voto unicamente un número paritario dos vogais presentes, sexan titulares ou suplentes.

A Comisión Mixta reunirase, no prazo máximo de 15 días, por instancia das partes, poñéndose de acordo sobre o lugar e a hora en que deberá celebrarse a reunión.

Ambas as dúas partes conveñen en dar coñecemento á Comisión Mixta de cantas dúbidas, discrepancias e conflitos se poidan producir como consecuencia da interpretación e aplicación do presente convenio colectivo, para que actúe de acordo coas súas funcións.

No suposto de que non se poida ditar resolución por non existir acordo no seo da Comisión Mixta, ambas as partes quedarán obrigadas a someterse ao procedemento de mediación establecido no Acordo interprofesional galego (AGA) sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo.

II. Como órgano de vixilancia do Plan de igualdade: seguimento e adaptación á normativa vixente.

III. Como órgano de seguimento do Plan de formación: consulta previa e aprobación do plan de formación anual. Ademais, asinará, de ser o caso, a documentación necesaria para as bonificacións correspondentes.

A Comisión Mixta estará integrada por dous membros por cada sindicato asinante do presente convenio colectivo e mesmo número de membros por parte da empresa, que serán designados entre as respectivas representacións asinantes deste convenio colectivo.

Poderán nomearse asesores por cada representación, aínda que non terán dereito ao voto.

Como domicilio da Comisión Paritaria, fíxase o do centro de traballo de Espírito Santo (Estrada Nacional VI, km 582--pol. O Espírito Santo, 15168 Sada (A Coruña).

Artigo 11. Complemento IT

No caso de incapacidade temporal (IT) por enfermidade común, a empresa complementará a base reguladora da persoa traballadora afectada ata o 90 % desde o 21º día de baixa médica.

Artigo 12. Equiparación permisos de paternidade e maternidade

O permiso por nacemento de fillo/a establecido no Convenio colectivo provincial para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña e no Plan de igualdade da empresa Supervisión y Control, S.A.U. manterá a súa vixencia durante os anos 2019 e 2020.

A partir do ano 2021 en diante, quedará sen efecto o permiso por nacemento de fillo/a indicado no parágrafo anterior, dado que foi eliminado do articulado do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e que a lexislación vixente (Real decreto lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación) iguala os dereitos entre proxenitores. Así, esténdese o período de permiso de paternidade, igualándoo ao da maternidade, en 16 semanas de desfrute total.

Artigo 13. Vixencia e condicións para a renovación

O presente convenio colectivo terá unha duración de 5 anos; estenderase desde o 1 de xaneiro de 2019 ao 31 de decembro de 2023.

A entrada en vigor producirase desde o día seguinte ao da sinatura, agás para o incremento das táboas salariais que recollen os salarios brutos anuais por grupo e nivel. En relación cos anos 2019 e 2020, o incremento salarial terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2019 e o 1 de xaneiro de 2020, respectivamente. Os atrasos correspondentes ao ano 2019 e 2020 faranse efectivos na nómina do mes de decembro de 2020.

Calquera das dúas partes poderá realizar a denuncia por escrito do presente convenio colectivo durante o mes de setembro de 2023, comprometéndose as partes a iniciar a negociación dun novo convenio colectivo tres meses antes da finalización da vixencia deste.

Unha vez denunciado o presente convenio colectivo, e mentres non se alcance un acordo expreso, este manterá a súa vixencia ata que sexa substituído por un novo convenio colectivo.

Artigo 14. Dereito complementario

No non previsto expresamente neste convenio colectivo e que non contradiga o nel disposto observarase o establecido no Convenio colectivo provincial para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña, no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no previsto nas disposicións de carácter xeral que sexan de aplicación.

Artigo 15. Solución de conflitos

Os asinantes deste convenio colectivo acordan acollerse, no referente a conflitos colectivos, aos procedementos de conciliación, mediación e arbitraxe recollidos no AGA.

Disposición derradeira

O texto resultante da negociación colectiva que recolle o presente convenio colectivo considerarase modificado, en todo aquilo que sexa necesario segundo as modificacións lexislativas que teñan lugar durante a súa vixencia, para o que se convocará a Comisión Paritaria para a súa aprobación no seo desta.