Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 2021 Páx. 2997

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 28 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciaron a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xullo de 2018, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS403G).

BDNS (Identif.): 544505.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro . Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as persoas físicas titulares das casas niño que iniciaron a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xullo de 2018 que estean en funcionamento e manteñan a súa situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia.

2. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obteren a condición de beneficiarias.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva ás persoas titulares de casas niño que iniciaron a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xullo de 2018, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021, coa finalidade de dar continuidade a este recurso e seguir atendendo ás necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia en que están establecidas (código de procedemento BS403G).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 28 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciaron a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xullo de 2018, e se procede a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS403G).

Cuarto. Natureza e contía da axuda

A axuda consistirá nunha prima de 22.000 €/ano para a prestación dunha atención personalizada a nenos e nenas de 0-3 anos.

Quinto. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 968.000 € que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.470.0.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social