Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 2021 Páx. 2969

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 28 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciaron a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xullo de 2018, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS403G).

O Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, establece no artigo 1.3.d) que a protección da maternidade é unha necesidade social e que todas as cargas e coidados que supón a gravidez, o parto, a crianza e a socialización das fillas e fillos deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de non constituíren discriminación gravosa para as mulleres.

Neste sentido, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6, como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións, e establece no 28 que a Administración pública galega adoptará medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar.

De conformidade co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e a adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas recóllese igualmente no Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021 e é unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a dar continuidade ás casas niño que iniciaron a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xullo de 2018 en núcleos rurais de Galicia que, por mor da súa escaseza de poboación, carecían de recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, coa finalidade de seguir atendendo ás necesidades de conciliación das familias con independencia do seu lugar de residencia e, ao mesmo tempo, seguir favorecendo o acceso ao mercado laboral e a permanencia no territorio das mulleres como factor clave para a fixación de poboación nestes territorios afectados polo declive demográfico.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de novembro de 2020.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto lexislativo 1/1999, de 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para que foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva ás persoas titulares de casas niño que iniciaron a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xullo de 2018, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021, coa finalidade de dar continuidade a este recurso e seguir atendendo as necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas (código de procedemento BS403G).

Artigo 2. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 968.000 € que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.470.0.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as persoas físicas titulares das casas niño recollidas no artigo 1 que estean en funcionamento e manteñan a súa situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia.

2. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Artigo 4. Natureza e contía da axuda

A axuda consistirá nunha prima de 22.000 €/ano para a prestación dunha atención personalizada a nenos e nenas de 0-3 anos nas condicións seguintes:

1. A casa niño continuará ofrecendo unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.

2. A atención prestarase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano agás os días festivos e un mes cada doce, no cal a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

3. Salvo as excepcións contidas no número anterior, a casa niño debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

4. A atención prestada nas casas niño comprenderá o servizo de cociña, entendendo por este o quentamento de alimentos, a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. En todo caso serán achegados polas familias tanto o leite e alimentos xa cociñados como o material de hixiene tales como cueiros, toalliñas ou cremas.

5. As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolva o proxecto piloto. Tamén se pactará coas familias un mes ao ano en que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

6. Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas e para os efectos desta orde as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo suporán dúas prazas, sen que poida haber, en ningún caso, máis dun neno ou nena con estas necesidades por casa.

Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, terán prioridade, se as houber, as solicitudes de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello en que se sitúe a casa niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade, a seguir as de irmáns/ás de nenos e nenas que xa están asistindo á casa niño e as de nenos e nenas empadroados/as no concello, por esta orde. De ser aínda necesario, aplicarase o baremo de acceso ás prazas coas puntuacións establecidas no anexo V.

Artigo 5. Requisitos

1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa solicitante teña a súa residencia no concello onde está situada a casa niño.

b) Acreditar unha revisión médica anual.

c) Atender un número mínimo de 2 nenos/as.

d) Dispoñer dun plan de actuación cos/coas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Ter contratada unha póliza de seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

f) Contar coa comunicación da Consellería de Política Social para ter iniciado a actividade da casa niño entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xullo de 2018.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1 . A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.

4. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variaren as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado médico oficial acreditativo do estado de saúde.

b) Programa de actuación da casa niño onde consten as actividades que se desenvolverán cos nenos e nenas e as prestacións ás familias para a anualidade 2021 (máximo 5 páxinas).

c) Xustificante de ter contratada unha póliza de seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

d) Proposta pedagóxica básica que inclúa as modificacións incorporadas ao documento presentado coa solicitude de concesión da axuda de creación da casa niño e que, en todo caso, aborde os seguintes contidos: a organización do período de adaptación e a adquisición de hábitos de autonomía persoal relativos á alimentación, o descanso e a hixiene desde a súa vertente educativa. A proposta incluirá, así mesmo, a programación xeral dunha xornada.

e) Plan de actuación cos/coas nenos/as ante unha emerxencia.

f) Anexo II relativo á comprobación de datos da persoa que se encargará de substituír a titular da casa niño nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia.

Os documentos recollidos nas letras d) e e) do número anterior só serán achegados no suposto de que sufrisen variación respecto dos que están en poder da Consellería de Política Social.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de extranxeiro (NIE) da persoa solicitante e da persoa que se encargará de substituír a titular da casa niño nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

c) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas.

d) Concesión de subvencións ou axudas.

e) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais da persoa solicitante e da persoa que se encargará de substituír a titular da casa niño nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia.

f) Situación de alta na Seguridade Social da persoa solicitante.

g) Situación de alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante.

h) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia estatal de Administración tributaria (AEAT) da persoa solicitante.

i) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social da persoa solicitante.

j) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.

k) Titulacións oficiais universitarias da persoa que se encargará de substituír a titular da casa niño nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia.

l) Titulacións oficiais non universitarias da persoa que se encargará de substituír a titular da casa niño nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión e resolución das axudas

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As axudas tramitaranse por un procedemento abreviado no cal o órgano instrutor formulará ao órgano concedente a proposta de resolución despois de comprobar que concorren os requisitos requiridos para a súa concesión.

2. Estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Por tanto, se a persoa física ou xurídica reciben outras axudas baixo o réxime de minimis, deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. A resolución destas axudas corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse ben recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte da súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

No caso de se interpor o recurso de reposición, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 14. Modificación da resolución

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais especificamente a:

a) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

b) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social respecto das exixencias de acondicionamento do inmoble previstas para a posta en marcha e mais da atención prestada na casa niño subvencionada.

c) Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas na casa niño de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo V no suposto de que a demanda de prazas sexa superior á oferta.

d) Solicitar copia da cartilla de vacinación infantil do neno ou nena para a formalización da matrícula.

e) Prestar atención personalizada aos nenos e nenas nas condicións previstas no artigo 4. Nos supostos en que se vexa afectada a actividade presencial por indicación da autoridade sanitaria observarase o disposto no artigo 17.

f) Manter a situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia.

g) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios da casa niño e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

i) Dar adecuada publicidade ao número de solicitudes de praza recibidas e, de ser o caso, do baremo aplicado para a súa selección, a través do taboleiro de anuncios da casa niño e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 16. Xustificación da axuda

1. Con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias, deberán achegar con data límite do 5 de decembro de 2021, sempre que non se opoña ás operacións de peche do exercicio establecidas nas normas de aplicación, a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento (anexo III).

b) Rexistros mensuais de asistencia, anexo IV, asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento do proxecto e mais polos/as pais/nais, titores/as ou gardadores/as legais dos nenos e nenas que acoden á casa niño.

c) Memoria de actuación asinada pola persoa responsable da casa niño onde consten as actividades realizadas cos nenos e nenas e todas as prestacións realizadas ás familias.

d) Acreditación documental, material e/ou gráfica, a través de fotografías, fotocopias ou capturas de pantallas, do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

2. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda pola perda do dereito á percibir a subvención concedida e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

Artigo 17. Pagamento

As persoas beneficiarias das axudas percibirán ata o 90 % da cantidade concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á súa xustificación, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. O 10 % restante librarase unha vez xustificada a realización da actividade para a cal se concedeu a axuda nos termos establecidos nesta orde.

Artigo 18. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se for o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

Nos supostos en que a actividade presencial se vexa afectada por indicación da autoridade sanitaria por tempo superior a un mes, procederá o reintegro do 2 % da contía da axuda percibida en proporción ao período de tempo que corresponda sempre que a persoa beneficiaria mantivese a súa alta como traballadora autónoma no réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a súa alta fiscal.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 15, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas mencionadas no artigo 15, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración e o alumnado afectado.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Valoración da situación económica

1. Nos supostos de que, conforme o previsto no artigo 4.6, haxa que aplicar o baremo que se recolle no anexo V, na valoración da situación económica seguiranse as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/da pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.

4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras, se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar, familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, a renda da que non contribúe non será computada sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no momento de presentación da solicitude de praza.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros do ano 2019, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

No suposto de unidades familiares en que ningún dos membros ten obriga de facer declaración conforme o previsto na normativa do IRPF, os ingresos serán os que consten no/nos certificado/s expedido/s pola Axencia Estatal de Administración Tributaria acreditativo/s de tal circunstancia.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de unidades familiares formadas por unha soa persoa proxenitora (familias monoparentais) incrementarase o número real de membros que a compoñen nun 0,8 sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao sustento.

d) A renda per capita mensual será o resultado de dividir o importe resultante por doce.

2. Cando as circunstancias na data da devindicación da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde e no artigo 25 do Decreto11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional segunda. Cambio de localización da casa niño

No suposto de que se produza un cambio de localización da casa niño, poderase manter a condición de beneficiaria das axudas reguladas nesta orde sempre que a nova localización estea no mesmo concello e nun núcleo rural en que non exista ningunha outra casa niño ou outro recurso de atención continuada á infancia de ata 3 anos de idade e que se presente un informe emitido por un técnico con titulación habilitante acreditativo de que o novo inmoble proposto cumpre, segundo se trate de inmobles destinados ou non a vivenda, coas condicións de habitabilidade ou coas do Código técnico da edificación, e que conte, logo da reforma proposta, coas seguintes dotacións:

1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das menores e dos menores.

2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.

3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, se for o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedeiro e microondas.

5º. Elementos de protección: enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.

6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá, como mínimo: cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, urinais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación CE.

En todo caso, o mobiliario deberá ter bordes romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos chans e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para desinfectar. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.

As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar ademais en planta baixa.

Estes aspectos serán comprobados polos servizos de inspección da Consellería de Política Social con carácter previo ao inicio da actividade no novo inmoble.

Disposición adicional terceira. Límite das axudas

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 2021.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación das facultades para a concesión destas subvencións a favor do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar os actos e instrucións necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Baremo admisión casa niño

Nos supostos previstos no artigo 4.6, as prazas adxudicaranse segundo o que resulte da aplicación do seguinte baremo:

• Situación familiar.

Condición de familia monoparental: 3 puntos.

Condición de familia numerosa: 3 puntos.

• Situación laboral ou académica.

1. Criterios sobre a situación laboral ou académica:

a) Situación laboral ou de realización de estudos que impliquen dedicación preferente debidamente xustificada:

Nai: 7 puntos.

Pai: 7 puntos.

b) Persoas que desenvolven e perciben o tramo de inserción (Risga):

Nai: 3 puntos.

Pai: 3 puntos.

c) Situación de busca activa de emprego:

Nai: 2 puntos.

Pai: 2 puntos.

A situación de busca activa de emprego acreditarase coa certificación de demanda de emprego.

No caso de familias monoparentais adxudicáraselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

2. Sobre as puntualizacións sobre o concepto de situación laboral terase en conta:

a) Non se considerará o traballo realizado sen a alta na Seguridade Social ou, se for o caso, no imposto de actividades económicas.

b) Para efectos de baremación computarase como traballo a xornada completa ou parcial a situación recoñecida de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez.

c) Na valoración dos estudos enténdese por estudos os dirixidos á obtención de títulos oficiais como ESO, bacharelato, formación profesional, titulacións universitarias, ou formación para a capacitación profesional entre outras.

Así mesmo, entenderase que existe dedicación preferente cando a persoa interesada presente a matrícula e un certificado de asistencia regular.

• Situación económica.

Renda per capita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

– Inferior ao 30 % do IPREM +8 puntos.

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM +7 puntos.

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM +6 puntos.

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM +5 puntos.

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM +4 puntos.

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM +3 puntos.

– Do 150 % ao 200 % do IPREM +2 puntos.

– Superior ao 200 % do IPREM +1 puntos.