Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 21 de xaneiro de 2021 Páx. 3373

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 31 de decembro de 2020, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento ED481D e IN606C).

A finalidade desta convocatoria é posibilitar a continuación da formación das doutoras e doutores que comezaron a súa formación posdoutoral, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

Trátase de continuar a formación dos doutores e doutoras que obtiveron unha axuda para a súa formación inicial na modalidade A da convocatoria de axudas de apoio á etapa posdoutoral do ano 2017, cuxa actividade investigadora se viu condicionada pola pandemia do COVID-19, polo que nestes casos non se exixirá a avaliación final positiva do programa de orixe.

Así mesmo, preténdese a continuación da carreira investigadora das persoas da convocatoria do ano 2016 que finalizaron o seu contrato con posterioridade ao 31 de xullo de 2019, que obtiveron unha avaliación positiva e que non concorreron a ningunha convocatoria da modalidade B posdoutoral cos códigos de procedemento ED481D ou IN606C; e tamén daquelas persoas que tiveron un contrato posdoutoral cunha das entidades establecidas no artigo 2 desta convocatoria e financiado pola Gain, que non renunciaron á dita axuda antes do seu remate e que finalizaron o seu contrato antes do 1 de outubro de 2019, que obtiveron unha avaliación positiva e que non concorreron con anterioridade a ningunha convocatoria da modalidade B posdoutoral cos códigos de procedemento ED481D ou IN606C.

Esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación na formación posdoutoral no Sistema de I+D+i galego, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de maneira que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia Galega de Innovación (en diante Gain) da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e na procura de sinerxías, considérase de interese realizar convocatorias conxuntas que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación convocan as axudas para completar a etapa de formación posdoutoral para o ano 2021.

En consecuencia, e no uso das atribucións que temos conferidas,

ACORDAMOS:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Gain, de apoio á etapa de formación posdoutoral e procede á súa convocatoria (códigos de procedemento ED481D e IN606C).

2. O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e da IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.

3. A finalidade é dar continuidade á súa carreira investigadora, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria a través dun contrato de dous anos de duración e unha axuda complementaria para o establecemento da liña de investigación.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

2. Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que se atopen, na data de peche da convocatoria, nalgún dos seguintes supostos:

– Que estivesen contratadas na modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2017 e que non renunciasen ao contrato.

– Que estivesen contratadas a través da modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2016, que finalizasen o seu contrato con posterioridade ao 31 de xullo de 2019, que obtivesen unha avaliación positiva e que non concorresen previamente a unha convocatoria da modalidade B posdoutoral cos códigos de procedemento ED481D ou IN606C.

– Que tivesen un contrato posdoutoral cunha das entidades establecidas no artigo 2 desta convocatoria e financiado pola Gain, que non renunciasen á dita axuda antes do seu remate e que finalizasen o seu contrato con anterioridade ao día 1 de outubro de 2019, que obtivesen unha avaliación positiva no programa e que non concorresen con anterioridade a ningunha convocatoria da modalidade B posdoutoral cos códigos de procedemento ED481D ou IN606C.

3. As persoas investigadoras que tiveron ou teñan unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei e que non finalizasen o seu contrato na data límite de presentación de solicitudes poderán optar entre participar nesta convocatoria ou na do ano 2022. A participación nesta convocatoria impide participar na do ano 2022.

4. O contrato deberá desenvolverse na mesma entidade e pola mesma área en que a persoa contratada desenvolveu o seu contrato da etapa inicial de formación posdoutoral. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato, agás por circunstancias sobrevidas de forza maior.

Artigo 3. Número, duración e importe das axudas

Convócanse 24 axudas (20 para as universidades do SUG e 4 no resto de entidades beneficiarias), dun máximo de dous anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terá que ser a partir do 1 de marzo de 2021 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas, de acordo coa seguinte desagregación:

a) Un total de 38.000 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

b) Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 10.000 euros en 2021, 10.000 euros en 2022 e 5.000 euros en 2023.

Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

c) Un complemento a cada unha das entidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada, deberá achegar a diferenza.

En ningún caso lles serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou á Gain máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

Artigo 4. Conceptos subvencionables

Os importes das axudas só poderán ir destinados ao financiamento das actividades necesarias para o desenvolvemento desta convocatoria.

Os gastos que se consideran elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, son os seguintes:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación sempre que non estea vinculado funcionarial ou estatutariamente coa entidade que o contrate. Esta contratación non creará ningún compromiso en canto á súa posterior incorporación á entidade beneficiaria. Inclúese o custo de persoal dedicado de xeito específico ás funcións de xestión, así como o cofinanciamento das persoas contratadas ao abeiro de convocatorias competitivas dos programas estatais de recursos humanos.

2. Pequeno equipamento inventariable e material funxible.

3. Material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas. Non se considerarán elixibles os gastos derivados da realización de publicacións científicas.

4. Viaxes e axudas de custo para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

5. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

6. Gastos de servizos tecnolóxicos externos.

7. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixen as entidades á persoa contratada, que non superarán o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED481D (anexo I), no caso das universidades do SUG, e IN606C (anexo I bis) no caso das demais entidades, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria e sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Con cada solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Declaración responsable da persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o anexo II, en que se fagan constar os seguintes aspectos:

– Que acepta ser presentada como candidata ás axudas, indicando que se presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria.

– A rama de coñecemento e a área temática ás cales se adscribe.

– A declaración opcional do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade, para os casos de desempate.

b) Documento asinado pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente en que acepte a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do equipo de traballo (anexo III).

c) Documento asinado pola persoa directora do departamento, unidade de traballo ou equivalente, en que manifeste a súa conformidade para a integración no seu departamento, unidade de traballo ou equivalente da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo IV).

d) Plan de traballo das actividades académico-investigadoras que propón realizar durante o período de contrato, con especial referencia á liña propia de investigación que se pretende establecer e ao seu orzamento, cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata.

e) Currículo (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es/.

f) Documentos xustificativos dos méritos alegados, xunto coas copias ou ligazóns ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos, etc. que se citen no CV, que se presentarán nun único documento pdf precedido dun índice. Sinalaranse de xeito expreso e detallado as melloras no CV durante o tempo de contrato no programa de formación posdoutoral. Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades ou a Gain, segundo corresponda, poderán solicitar ás entidades beneficiarias os comprobantes dos méritos alegados.

Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

g) Memoria asinada pola persoa candidata relativa á actividade investigadora desenvolvida nos anos que foi contratada na etapa inicial de formación posdoutoral, cunha extensión de 2.000-3.000 palabras. Nesta memoria deberase facer fincapé expreso nos seguintes aspectos:

g.1. Achegas en forma de artigos orixinais, libros ou capítulos de libro, sobre todo naquelas achegas en que a persoa candidata sexa responsable do traballo ou principal executora. Deberase facer unha breve recensión (de non máis de 500 palabras) da relevancia das achegas deste punto.

g.2. Actividade da persoa candidata no seo de grupos de investigación, liñas de traballo e/ou obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, sinalando, ademais, o seu grao de participación nestas accións.

g.3. Patentes rexistradas, indicando as que están en explotación, e destacando especialmente a extensión da protección da patente nacional, europea ou polo Tratado de cooperación de patentes (PCT).

g.4. Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutoras e doutores e a dirección de teses de doutoramento.

h) Certificado da entidade solicitante en que se faga constar que a persoa candidata foi contratada ao abeiro do programa de formación posdoutoral da convocatoria de 2017 e a data de finalización do contrato; ou que foi contratada ao abeiro da convocatoria de 2016 e a data de finalización do contrato; ou que tivo un contrato posdoutoral financiado pola Gain, de acordo coas características indicadas no punto 2 do artigo 2, e a data en que o finalizou.

i) Certificación acreditativa da entidade contratante dos períodos de interrupción do contrato posdoutoral que se recolle no artigo 2.2 desta convocatoria por algunha das causas que se indican no artigo 19.3, de ser o caso.

Para os efectos de control, as entidades convocantes poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes dous procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.

c) Certificado da entidade solicitante de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado da entidade solicitante de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios I e I bis, ou no recadro correspondente do anexo II, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade solicitante, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades para as solicitudes presentadas por unha universidade do SUG e á Gain para as restantes solicitudes.

2. Para este fin comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas da exclusión, na internet no enderezo www.edu.xunta.gal (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades) e http://gain.xunta.gal.

3. Estas listas estarán expostas por un período de 10 días naturais e durante este prazo as entidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros ou falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, no caso das universidades do SUG, ou ante a dirección da Gain, nos demais casos, para o cal presentarán a documentación oportuna. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

4. Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, as persoas titulares da Secretaría Xeral de Universidades e da dirección da Gain ditarán unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal.

5. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no caso de solicitudes do SUG, ou ante a Presidencia da Gain, nos demais casos, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O feito de non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de inadmisión da solicitude presentada, con independencia de que se poidan acordar outro tipo de actuacións.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Os criterios e o baremo que rexerán no proceso de avaliación e selección serán os seguintes:

Criterio

Puntuación máx.

1. Plan de traballo que a persoa candidata propón realizar durante o período de contrato.

40

2. CV da persoa candidata, en que se indiquen as melloras durante o programa posdoutoral.

30

3. Capacidade da persoa para liderar unha liña de investigación: potencialidade da persoa candidata para o liderado de grupos de investigación, establecemento dunha liña propia de traballo e obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas.

30

2. Para garantir a calidade das propostas presentadas será preciso obter unha puntuación igual ou superior a 75 puntos para poder obter a axuda.

Artigo 11. Avaliación e selección

1. A avaliación e selección realizarase, para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo avaliador que estará formado por persoas expertas de fóra do SUG, que poderá contar coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 6.

2. O equipo avaliador outorgará a puntuación correspondente a cada persoa candidata de acordo cos criterios que se recollen no artigo 10, e será preciso obter unha puntuación igual ou superior a 75 puntos para obter a axuda.

3. Os resultados desta avaliación faranse chegar á Comisión de Selección, que elaborará un informe para os órganos instrutores en función dos criterios establecidos nesta convocatoria e da dispoñibilidade de recursos.

4. A Comisión de Selección estará constituída por oito membros:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue, ou a persoa titular da Dirección da Área de Xestión da Gain ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta ou presidente da comisión.

Serán vogais da comisión:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.

– Unha directora ou un director de área da Gain ou persoa en quen delegue.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas pola presidenta ou presidente da Comisión de Selección.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretaria ou secretario da comisión.

5. A Comisión de Selección poderá asignar ata un máximo de 1 punto a aquelas solicitudes que superen a puntuación mínima indicada no artigo 10.2 e que acrediten que interromperon o seu contrato posdoutoral por algunha das causas que se indican no artigo 19.3 desta orde, a razón de 0,10 puntos por cada mes de interrupción.

6. No informe da Comisión de Selección figurarán de xeito individualizado as entidades beneficiarias, xunto coa prelación das persoas candidatas a seren destinatarias das axudas, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no artigo 10.

7. Complementariamente, a Comisión de Selección incluirá no informe un total de dúas listas de espera (unha por cada órgano instrutor), nas cales figurarán, por orde decrecente de puntuación, as solicitudes que non acaden a puntuación suficiente para seren adxudicatarias da axuda pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola Comisión de Selección. Cada unha das listas estará formada por un número equivalente ao 50 % das axudas concedidas para cada órgano instrutor, sempre que o número de solicitudes presentadas e que superen a avaliación o permita.

8. En caso de igualdade de puntuación, aplicaranse os seguintes criterios de desempate:

1º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

2º. A solicitude da persoa candidata que obteña maior puntuación na valoración do plan de traballo (criterio 1 do artigo 10.1).

3º. A solicitude da persoa candidata que se comprometese a utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.

9. A proposta de concesión elaborada polos órganos instrutores a partir do informe da comisión así como, de ser o caso, as listas de espera para posibles substitucións, publicaranse no enderezo da internet http://www.edu.xunta.gal (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades) e http://gain.xunta.gal da Gain. Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 12. Resolución de concesión das axudas

1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelles conxuntamente á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e á persoa titular da Presidencia da Gain. Os órganos instrutores elevarán a proposta de resolución que incluirá, para cada entidade beneficiaria, a relación de persoas seleccionadas co importe da axuda concedida, as listas de espera, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. Con cargo aos créditos da Secretaría Xeral de Universidades financiaranse as axudas correspondentes ás universidades do SUG e a Gain asumirá o financiamento das restantes entidades.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (http://edu.xunta.gal) e da Gain (http://gain.xunta.gal), pola cal se entenderá notificada para todos os efectos ás persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no caso de solicitudes pertencentes ao SUG, e ante a persoa titular da Presidencia da Gain nos restantes casos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

A resolución publicarase no prazo máximo de cinco meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Aceptación da axuda

1. Unha vez asinada a resolución, as entidades beneficiarias deberán remitir á Secretaría Xeral de Universidades, e as restantes entidades á Gain, un escrito de aceptación da axuda no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG e vincularán as persoas seleccionadas aos seus organismos mediante a formalización do correspondente contrato.

2. Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ao Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou da Gain, segundo o caso.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación de servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo.

3. A data límite para a sinatura dos contratos será o 31 de marzo de 2021. A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

Artigo 15. Libramento da subvención

1. As entidades beneficiarias e contratantes das persoas seleccionadas serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

2. Para proceder ao libramento da axuda correspondente aos contratos e os seus custos sociais será preciso que a entidade correspondente remita a copia dos contratos asinados no prazo dun mes contado desde a súa sinatura e a xustificación da axuda nos termos que a seguir se indican:

a) Certificado de dedicación exclusiva á actividade asinado pola persoa investigadora e pola persoa designada para dirixir ou titorizar a súa actividade científica durante o período de xustificación.

b) Certificado asinado polo órgano responsable de control da entidade onde conste a permanencia efectiva e a dedicación exclusiva da persoa investigadora ao programa.

c) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Só se terá en conta aquela documentación relativa ás persoas contratadas que permanecesen no programa un mínimo de tres meses, quedando sen ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas que non acaden este período.

d) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que a entidade solicitante se opoña a que o órgano xestor solicite as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

e) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. A documentación indicada achegarase consonte a seguinte periodización:

Período de xustificación

Data límite
de presentación

1ª xustificación: desde a data de comezo dos contratos ata o mes de abril de 2021, este incluído.

Con esta xustificación libraranse os fondos correspondentes aos custos dos contratos e os complementos por persoa contratada, destinado a cada unha das entidades beneficiarias, correspondentes ao primeiro ano de contrato.

30 de xuño de 2021

2ª xustificación: mensualidades de maio de 2021 a outubro de 2021, ambos os meses incluídos.

15 de decembro de 2021

3ª xustificación: de novembro de 2021 a abril de 2022, ambos os meses incluídos.

Con esta xustificación libraranse os fondos correspondentes aos custos dos contratos e os complementos por persoa contratada, destinados a cada unha das entidades beneficiarias, correspondentes ao segundo ano de contrato.

30 de xuño de 2022

4ª xustificación: de maio de 2022 a outubro de 2022, ambos os meses incluídos.

15 de decembro de 2022

5ª xustificación: de novembro de 2022 ata a finalización dos contratos.

Ademais da documentación indicada no punto 2 deste artigo, achegarase a documentación que se indica no punto 7 deste artigo que se ten que enviar coa última xustificación.

30 de xuño de 2023

4. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 360 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

5. Para a xustificación da axuda para o desenvolvemento da liña de investigación, a data límite para achegar a documentación correspondente é o 30 de novembro de cada anualidade e terá que incluír os seguintes documentos:

a) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

b) Xunto coa 3ª e a 5ª xustificación deberá achegarse unha conta xustificativa con entrega de informe de auditoría, de acordo co establecido no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso das entidades beneficiarias ás cales non lles sexa de aplicación o artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. A conta xustificativa terá o seguinte contido:

– Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, segundo o establecido no artigo 48.1 do citado regulamento.

– Memoria económica que conterá unha relación detallada dos gastos efectuados na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados por conceptos de gasto con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

c) Informe de auditor/a inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores/as de Contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, período de realización e pagamento dos gastos presentados nesa anualidade. O informe de auditoría axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos/das auditores/as de contas na realización dos traballos de revisión das contas xustificativas de subvencións.

d) Declaración da persoa investigadora en que se recolla a relación do persoal que forma parte do seu equipo de investigación, de ser o caso.

e) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que a entidade solicitante se opoña a que o órgano xestor solicite as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

f) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Os investimentos e pagamentos que se efectúen desde o 1 de decembro da anualidade corrente poderán presentarse como xustificante da anualidade seguinte. No caso dos custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, os pagamentos das nóminas, Seguridade Social e IRPF dos meses de outubro e novembro de cada anualidade poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da anualidade seguinte.

Considérase gasto realizado aquel que efectivamente se pagase con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior para axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade a data de xustificación.

6. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

7. Ademais, coa última xustificación, a entidade beneficiaria presentará:

a) Unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa, no caso de que se opoña á súa consulta. No caso de que a persoa contratada renunciase antes do remate do seu contrato, esta documentación presentarase transcorrido un mes desde a súa renuncia.

b) Unha memoria final da actividade, de aproximadamente 2.000 palabras, na cal se describa o traballo realizado durante a duración do programa. O prazo para a súa presentación será dun mes desde a extinción do contrato de traballo. As persoas que abandonen o programa antes da finalización do contrato deberán presentar unha memoria da actividade desenvolvida durante o tempo que permaneceron nel, no prazo dun mes desde que se produza a extinción da relación contractual.

8. Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na presente orde.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 16. Réxime de compatibilidade

As entidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable, o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades ou da Gain (segundo sexa o caso).

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga da entidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Renuncia ás axudas, novas incorporacións e interrupcións

1. No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a entidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades ou á Gain (segundo sexa o caso), nun prazo mínimo de 15 días naturais antes de que se produza. Con el deberase achegar un informe da entidade beneficiaria en que se indique se a persoa contratada desenvolveu unha actividade satisfactoria que permitise o seu perfeccionamento e especialización profesional durante a permanencia no programa.

2. Poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de espera, sempre e cando a renuncia se produza dentro do prazo de tres meses a partir da data de publicación da resolución de concesión. Para cubrir as renuncias seguirase a prelación das listas de espera definidas no artigo 11, tendo en conta que soamente poderán ser cubertas coas solicitudes da lista de espera do órgano instrutor en que se produzan. A persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións durante o tempo de aproveitamento da axuda.

A competencia para adxudicar unha nova axuda correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou á persoa titular da Presidencia da Gain, segundo que as novas incorporacións procedan da lista de espera da Secretaría Xeral de Universidades ou da Gain, respectivamente.

3. As entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo da suspensión dos contratos financiados cando estas suspensións se produzan polas seguintes causas:

a) Nacemento.

b) Adopción.

c) Garda con fins de adopción ou acollemento.

d) Risco durante o embarazo.

e) Risco durante a lactación natural de menores de nove meses.

f) Incapacidade temporal durante o embarazo por causas vinculadas con el.

g) Incapacidade temporal por causas distintas ás do punto anterior por un período mínimo dun mes.

h) As situacións previstas no artigo 45.1.n) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, como medida de protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.

4. Cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha destas situacións, as entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, no prazo de dez días hábiles desde que esa baixa se produza.

5. A interrupción e a prórroga ás cales se fai referencia no parágrafo anterior deberán ser autorizadas polo órgano instrutor correspondente, que poderá solicitar os informes que considere oportunos. A entidade correspondente deberá achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.

6. Cando se autorice a interrupción e a prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación en que poida incorrer a entidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo de interrupción, polo que non se deben incluír nas certificacións de xustificación económica. A duración do contrato verase ampliada por un período idéntico ao da interrupción para os efectos previstos nesta convocatoria.

7. A autorización de interrupción e de prórroga da axuda en ningún caso supón un aumento da contía da axuda concedida inicialmente. Calquera incremento no pagamento da cota patronal da Seguridade Social como consecuencia do período prolongado será por conta da entidade contratante.

Artigo 20. Dereitos e obrigas

1. Son obrigas xerais da entidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Formalizar un contrato de traballo de duración determinada con dedicación a tempo completo coa persoa candidata seleccionada.

c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.

d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e as prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

2. O persoal investigador contratado ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes relacionadas coa actividade de investigación proposta, ata un máximo de 80 horas anuais, por pedimento propio e coa aprobación da súa entidade, respectando en todo caso a normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

3. As persoas contratadas mediante estas axudas teñen os seguintes dereitos e obrigas:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

c) Poderán recibir bolsas que se convoquen para cubrir algunha das accións formativas que vaian realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización).

d) Presentar a memoria final da actividade a que se fai referencia no artigo 15.7.b) da convocatoria.

4. As entidades beneficiarias e as persoas contratadas teñen como obriga específica de publicidade adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas, así como as persoas contratadas con cargo a elas, deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para isto, nas accións de difusión, así como nos resultados da produción científica e calquera outra acción que se realice ao abeiro destas axudas, deberá figurar expresamente o cofinanciamento das actuacións con fondos do Programa de axudas á etapa posdoutoral da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou da Gain, segundo sexa o caso), que irá acompañado, sempre que sexa posible, do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Control

1. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Gain poderán realizar as actividades de inspección que consideren oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Así mesmo, poderán solicitar un informe ás entidades beneficiarias sobre a execución das axudas e o seu impacto, en particular, sobre as persoas contratadas mediante un seguimento destas durante os seis meses posteriores á finalización do contrato, que permita constatar cal é a súa situación laboral.

2. No último ano, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación da actividade investigadora desenvolvida. O proceso de avaliación será realizado por un equipo avaliador formado por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, que poderá contar coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lles será requirida ás persoas contratadas.

3. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.

Artigo 22. Dotación orzamentaria

1. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a súa eficacia queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2021, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

2. As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias 10.20.561B.444.0, 10.20.561B.744.0, 06.A2.561A.403.0, 06.A2.561A.703.0, 06.A2.561A.481.0 e 06.A2.561A.781.0, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, coa seguinte distribución por anos:

Entidade beneficiaria

Nº axudas

Aplicación orzamentaria

Crédito (en euros)

2021

2022

2023

Total

Universidades
do SUG

20

10.20.561B.444.0

526.666,60

780.000,00

253.333,40

1.560.000,00

Universidades
do SUG

10.20.561B.744.0

200.000,00

200.000,00

100.000,00

500.000,00

Total universidades do SUG

726.666,60

980.000,00

353.333,40

2.060.000,00

Outras entidades

3

06.A2.561A.403.0

78.999,84

117.000,00

38.000,16

234.000,00

06.A2.561A.703.0

30.000,00

30.000,00

15.000,00

75.000,00

Outras entidades

1

06.A2.561A.481.0

26.333,28

39.000,00

12.666,72

78.000,00

06.A2.561A.781.0

10.000,00

10.000,00

5.000,00

25.000,00

Total outras entidades

145.333,12

196.000,00

70.666,88

412.000,00

Total convocatoria

871.999,72

1.176.000,00

424.000,28

2.472.000,00

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade só financiará as axudas que correspondan ás universidades do SUG, as cales se imputarán ao Plan galego de financiamento universitario para o período 2016-2020. De acordo co artigo 36 da Lei 7/2019, do 27 de decembro, polo que se engade un punto 4 ao artigo 115 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, a súa vixencia será prorrogada ata a aprobación e comezos de efectos do novo plan, sempre que así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

3. En cada organismo financiador a distribución de fondos e as aplicacións orzamentarias sinaladas son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Regulamento de subvencións de Galicia, se deberá axustar tras a valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola Comisión de Selección. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.

4. De acordo co disposto no artigo 2.1.1 da Comunicación da Comisión sobre o Marco sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2014/C198/01), publicado no Diario Oficial de la Unión Europea C 198, do 27 de xuño de 2014, non se aplicará o disposto no artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas previstas nesta orde, que se outorgarán a organismos de investigación para actividades non económicas. As entidades beneficiarias que, ademais de actividades non económicas, realicen tamén actividades económicas, deberán consignar por separado o financiamento, os custos e os ingresos respectivos.

5. Cando o organismo de investigación realice case exclusivamente actividades non económicas, poderá quedar excluído na súa totalidade do ámbito de aplicación do artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea sempre que as súas actividades económicas sexan puramente accesorias; é dicir, que correspondan a unha actividade que estea relacionada directamente co seu funcionamento ou sexa necesaria para o funcionamento do organismo de investigación ou estea estreitamente vinculada ao seu principal uso non económico, e teña un alcance limitado.

6. Considerarase que isto se produce cando as actividades económicas consomen exactamente os mesmos insumos (como material, equipamento, man de obra e capital fixo) que as actividades non económicas e a capacidade asignada cada ano a estas actividades económicas non supera o 20 % da capacidade anual total da entidade de que se trate.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Contra esta orde poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou a persoa titular da Presidencia da Gain no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e presidente da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
IN606C-G.pdf
IN606C-G.pdf
IN606C-G.pdf
IN606C-G.pdf
IN606C-G.pdf
IN606C-G.pdf
IN606C-G.pdf