Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 21 de xaneiro de 2021 Páx. 3411

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2021 (códigos de procedemento TR802H e TR358D).

As cooperativas, as sociedades laborais, os centros especiais de emprego e as empresas de inserción, forman parte (entre outras entidades) da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo das persoas que as integran, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

A economía social, polos seus principios, perfílase cada día máis como un actor económico e social fundamental na sociedade actual. A Lei de economía social de Galicia recoñece, no seu artigo 14, como de interese xeral e social a promoción, estímulo e desenvolvemento das entidades de economía social e as súas organizacións representativas.

De acordo co disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndenlle á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social as competencias na comunidade autónoma en materia de cooperativismo e economía social.

As axudas establecidas nesta orde forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e pretenden facer efectiva a promoción das organizacións representativas das entidades que forman parte da economía social, procurando un axeitado desenvolvemento destas estruturas.

Encádranse dentro das medidas plasmadas na Estratexia Galega de Economía Social para 2019-2021, que recolle expresamente, entre as actuacións previstas, o incremento das axudas ás entidades para o seu funcionamento co fin de fortalecer o tecido asociativo da economía social.

Concrétanse en dous programas, en función das posibles entidades beneficiarias, destinados a subvencionar os seus gastos de funcionamento. O primeiro programa diríxese ás asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e o segundo programa ás entidades asociativas de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral.

Divídense en dous programas para reflectir as características especiais que presentan os centros especiais de emprego e as empresas de inserción, en atención aos colectivos aos que representan, sendo entidades con niveis de inclusión social que xustifican un tratamento diferenciado.

Establécese o financiamento con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido no artigo 25 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, ao estar previsto a existencia de crédito suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Por todo o exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizado polo Consello da Xunta de Galicia a establecer pagamentos anticipados, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións destinadas a sufragar os gastos de organización interna e funcionamento de entidades representativas da economía social, a través dos seguintes programas de axudas:

Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais (procedemento TR802H).

Programa II. Fomento e consolidación das asociacións de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral (procedemento TR358D).

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda:

a) As asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, para as actuacións previstas no programa I.

b) As asociacións de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral para as actuacións previstas no programa II.

2. Con carácter xeral as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e cumprir os requisitos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade autónoma.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

Artigo 4. Financiamento

1. A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación 11.04.324C.481.1 da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, dotada con fondos propios da comunidade autónoma.

2. A distribución inicial de créditos fixarase na convocatoria de axudas.

3. Estes importes poderán verse modificados ou incrementados de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

CAPÍTULO II

Solicitudes, documentación e procedemento

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible para cada programa (anexos I e IV) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación recollida nos artigos 31 e 38, segundo o programa que corresponda.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Emenda de solicitudes

1. Unha vez recibidas as solicitudes, a unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

No caso de que a solicitude sexa presentada de xeito presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, requirirase a entidade interesada para que a corrixa a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realice a emenda.

2. Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como as certificacións correspondentes aos datos indicados no número 1 do artigo 9.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de atoparse ao día das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificación de atoparse ao día das obrigas coa Atriga.

e) Certificación de atoparse ao día das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio do programa correspondente e achegar os devanditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que os expedientes pasarán para o seu exame á Comisión de Avaliación que aplicará os criterios de valoración sinalados nas bases reguladoras para cada programa de axudas.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Comisión de Avaliación

1. A Comisión de Avaliación das solicitudes presentadas estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Economía Social, que a presidirá, a persoa titular da Xefatura de Servizo de Promoción da Economía Social e dúas persoas funcionarias designadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, actuando unha delas como secretaria.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa en que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria.

2. A Comisión de Valoración levantará acta en que conste a valoración efectuada e trasladaralla ao órgano instrutor, quen formulará proposta de resolución.

3. Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada e homes e mulleres.

Artigo 14. Criterios obxectivos de concesión

1. Os criterios de valoración das solicitudes serán os recollidos para os programas de axudas I e II nos artigos 30 e 37 respectivamente. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

2. O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

En caso de empate de puntos de baremación asignarase a subvención, en primeiro lugar, ás entidades beneficiarias que obtivesen maior puntuación no primeiro criterio de valoración, logo no segundo e así sucesivamente. De persistir o empate, terán prioridade as solicitudes segundo a súa orde de entrada.

3. No suposto de renuncia ou non aceptación da subvención por algunha entidade beneficiaria e/ou de ampliación do crédito, e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente poderá acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes ou, de ser o caso, ás actividades seguintes na orde de puntuación.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses, contado desde o fin do prazo da presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de 13 de xuño.

3. Unha vez notificada a resolución as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. A xustificación do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos documentarase mediante conta xustificativa.

O rendemento da conta xustificativa deberá incorporar a documentación que se exixa na resolución de concesión e a que se relaciona nos artigos 31 e 38 desta orde, segundo o programa de que se trate.

2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o anexo III ou V, correspondentes aos programas I e II respectivamente, acompañada da conta xustificativa.

A presentación das solicitudes de pagamento realizarase na forma sinalada no artigo 6.

3. A entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente as solicitudes de pagamento e a documentación xustificativa da subvención nos prazos fixados na resolución de concesión da axuda e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Excepcionalmente, este prazo poderá ser prorrogado de xeito extraordinario e por causas debidamente xustificadas, por un prazo non superior a 15 días, sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros e que permita a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro, de ser o caso, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos da xustificación, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

6. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. Para estes efectos considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique mediante documentos bancarios, nos que deberán quedar claramente identificadas as persoas ou entidades receptoras e as emisoras dos pagamentos así como o concepto destes. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

7. A Subdirección Xeral de Economía Social analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, órgano competente para ordenar o pagamento.

8. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida como subvención.

9. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

10. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexan debedoras en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teñan algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

11. A Consellería de Emprego e Igualdade poderá excepcionalmente solicitar, de xeito motivado, a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, xa se atope en poder da Administración actuante.

Artigo 17. Pagamento anticipado

Unha vez acreditada a aceptación da subvención e se así o solicita a entidade beneficiaria, poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata un 80 % do importe da subvención, segundo o previsto nos artigos 63 e 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, en referencia aos pagamentos anticipados e a exoneración da constitución de garantía por tratarse de entidades non lucrativas.

Artigo 18. Gastos subvencionables

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, reunindo os requisitos establecidos nos artigos 27 e 34 respectivamente, de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os abone efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, ou coa solicitude de pagamento, en función de cando se execute a actividade, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles con calquera outra concedida por esta administración para a mesma finalidade.

2. O importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde non poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria, en que se incluirán todos os custos directamente derivados dela.

3. O importe máximo das axudas para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nestas bases reguladoras.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidade beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, en especial as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Respectar na realización de todas as actividades subvencionadas a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, así como o emprego dunha linguaxe inclusiva, mediante o uso dunha linguaxe, mensaxes e contidos visuais que contribúan á transformación social, e afastados dos estereotipos sexistas configurados a partir dunha asignación de roles e valores diferenciados en función do sexo.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

d) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

e) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

g) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, nos termos establecidos no Decreto 11/209, do 8 de xaneiro. As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado tanto na súa forma como na súa duración e deberán incluír a imaxe institucional da Xunta de Galicia, de acordo co manual de identidade corporativa (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual), así como lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben mencións realizadas en medios de comunicación.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

i) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da axuda

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento das obrigas establecidas no artigo 20, alíneas f) e g), dará lugar a un reintegro dun 2 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga establecida no artigo 20, alínea e), dará lugar ao seguinte reintegro da axuda concedida:

i. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, procederá ao reintegro do 5 % do importe da subvención percibida.

ii. No caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, procederá ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo de sancións que puidesen corresponder.

d) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sobre infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións.

Artigo 23. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención, indicando expresamente a beneficiaria da subvención e o número de expediente.

2. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das persoas ou entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados con indicación das contías do principal da subvención que se devolve e dos xuros aplicados. A memoria deberase acompañar da copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

Artigo 24. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

3. A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e para estes efectos as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

CAPÍTULO III

Programa I: Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas
e de sociedades laborais (procedemento TR802H)

Artigo 25. Finalidade

A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e consolidación das entidades representativas da economía social de Galicia, en concreto das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos de funcionamento.

Artigo 26. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas con actividade acreditada e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como as asociacións de sociedades laborais debidamente inscritas e con actividade acreditada, que agrupen principalmente entidades inscritas no Rexistro de Sociedades Laborais de Galicia.

2. Para seren beneficiarias, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Teren personalidade xurídica propia e independente.

b) Teren o seu domicilio social e a sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñeren dunha oficina permanente nela.

c) Estaren ao día no cumprimento das obrigas referidas a depósito de documentos e inscrición de acordos nos rexistros competentes, segundo o establecido na normativa de aplicación.

3. Non poderán solicitar as subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unións de asociacións que igualmente presentasen unha solicitude de axudas ao abeiro deste programa.

Artigo 27. Actividades e gastos subvencionables

1. Considéranse gastos de funcionamento subvencionables os que se indican a continuación:

a) Alugamentos de locais e equipamentos.

b) Gastos de persoal da asociación. Neste concepto só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou ao posto de traballo, as pagas extraordinarias, así como as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

c) Axudas de custo e desprazamento.

d) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e auga.

e) Primas de seguros.

f) Material de oficina, comunicacións e publicacións diversas.

g) Mantemento da páxina web da asociación e xestión de redes sociais, difusión e publicidade.

h) Servizos profesionais independentes, incluídos os gastos derivados do informe auditor da conta xustificativa a que se refire o artigo 31. En ningún caso serán subvencionables os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

i) Cotas asociativas a entidades de intercooperación.

j) Gastos de participación do persoal pertencente á entidade beneficiaria en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante.

Artigo 28. Contía das axudas

1. A contía das axudas non poderá superar o 80 % dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos sen que, en ningún caso, excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia. No caso de axudas de custo e desprazamento, a subvención non superará os 1.500 €. O importe da subvención para gastos derivados do informe de auditoría da conta xustificativa non superará os 3.000 €.

2. A contía da subvención non poderá superar, para cada beneficiaria, a contía resultante de multiplicar a puntuación acadada, logo da aplicación dos criterios de avaliación, polo cociente entre o crédito asignado na convocatoria e a suma da puntuación acadada por todas as entidades beneficiarias.

3. A contía máxima da subvención para cada beneficiaria é de 100.000,00 €.

4. Se, unha vez asignado o crédito de acordo co anterior, resulta crédito sobrante, repartirase entre as entidades beneficiarias da subvención que non acadasen o máximo establecido no parágrafo 3 proporcionalmente á súa puntuación e, neste caso, poderase superar a contía establecida no parágrafo 2.

Artigo 29. Documentación complementaria

A documentación que se deberá xuntar coa solicitude é a seguinte:

a) Memoria asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade e que conteña:

1. Relación nominal das entidades socias (no caso de que a entidade socia sexa unha cooperativa de segundo grao, debe especificar o número das de primeiro grao integradas nela). Especificaranse, se é o caso, as entidades resultantes dun proceso de integración.

2. Centros de traballo, o seu domicilio e horario de apertura, así como o número de persoas traballadoras adscritas con indicación para cada unha delas do sexo, tipo de contrato e número de horas traballadas.

3. Breve descrición das actividades realizadas durante o ano 2020 así como das previstas para a súa realización no ano 2021.

b) RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e RNT (relación nominal de traballadores) do último mes relativo ao persoal adscrito aos centros de traballo declarados na memoria, así como os documentos acreditativos da condición de persoa con discapacidade ou de persoa en situación ou risco de exclusión social, se é o caso.

c) Documentación acreditativa do plan de acción e implantación das medidas de responsabilidade social empresarial.

d) Balance social do ano 2019, se é o caso.

e) Relación individualizada dos gastos de funcionamento para os que se solicita a axuda, cuantificados economicamente en todos os seus conceptos e co IVE desagregado.

f) No caso de asociacións de sociedades laborais, certificación acreditativa das inscricións practicadas no rexistro público onde figure inscrita e copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso, así como relación de entidades socias debidamente certificada.

g) Certificación ou documentación análoga que acredite a integración da entidade solicitante nunha entidade de intercooperación, se é o caso.

h) Se é o caso, documentación acreditativa de que a entidade solicitante non pode recuperar o IVE soportado.

i) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

Artigo 30. Criterios de valoración

A concesión e contía das axudas realizarase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas en función da representatividade que teñan as asociacións solicitantes e dos niveis de actividade que desenvolvan, de acordo co seguinte baremo:

a) Polo nivel de representatividade:

– 1 punto por cada entidade asociada. Se a entidade asociada é resultado dun proceso de integración efectuado nos últimos cinco anos computará 3 puntos.

b) Polo nivel de actividade da asociación outorgarase:

– Por cada local de atención ás entidades asociadas en funcionamento, cun horario mínimo de apertura de 35 horas semanais, 8 puntos. Se o horario resulta inferior reducirase proporcionalmente a puntuación.

– Por cada persoa traballadora a tempo completo, 4 puntos; se se trata de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión, 4 puntos adicionais; no caso de traballo a tempo parcial reducirase proporcionalmente a puntuación.

– Taxa de estabilidade do cadro de persoal, é dicir, pola porcentaxe de persoas traballadoras fixas sempre que esta sexa superior ao 65 %, ata un máximo de 4 puntos. A puntuación máxima obterase cunha taxa de estabilidade superior ao 80 %.

– Pola proporción de homes e mulleres que traballan na entidade, incluído o persoal de dirección sempre que acade como mínimo un 40 % de mulleres na entidade, ata un máximo de 2 puntos. A puntuación máxima obterase cando a proporción de mulleres sexa igual ou superior ao 50 %.

– Por ter definido un plan de accións e implantación de medidas de responsabilidade social empresarial na súa xestión, 2 puntos.

– Por ter elaborado e publicado o balance social do ano 2019, 2 puntos.

– 2 puntos por cada entidade de intercooperación en que estea integrada a asociación.

Artigo 31. Documentación xustificativa para o pagamento

As entidades beneficiarias deberán achegar a conta xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión, e que constará dos seguintes documentos, segundo o importe da subvención que se xustifique:

1. Subvencións de importe inferior a 20.000 €:

a) Relación das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, certificada pola persoa que ocupe a secretaría da asociación co visto e prace da persoa que exerza a presidencia, con referencia expresa ao cumprimento dos fins obxecto da subvención. Nesta relación deberá constar:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

b) Facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como copia dos xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra a). Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

c) Cando a xustificación comprenda gastos de persoal, a documentación xustificativa consistirá en:

– Contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións á conta do IRPF (modelo 111), así como xustificantes bancarios do seu pagamento, en que deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

– Partes de traballo asinados pola empresa e pola persoa traballadora, en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

– Declaración responsable da persoa que teña a representación da entidade da adecuación do custo salarial das persoas traballadoras ao convenio colectivo aplicable, especificando cal é este e a categoría profesional das persoas traballadoras, para os efectos da súa verificación.

d) No caso de axudas de custo e desprazamento xustificación da vinculación do gasto coa actividade da asociación.

e) Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas, deberá presentar tres ofertas de diferentes provedores, previas á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención. Deberá indicarse cal é a oferta elixida e xustificarse expresamente cando non sexa a proposta económica máis vantaxosa.

f) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo II.

g) No caso de non estar exenta da obriga de levar contabilidade, balance provisional de fondos da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada da subvención.

h) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes dos anticipos non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

2. Subvencións de importe igual ou superior a 20.000 €:

a) Relación das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, certificada pola persoa que ocupe a secretaría da asociación co visto e prace da persoa que exerza a presidencia, con referencia expresa ao cumprimento dos fins obxecto da subvención. Nesta relación deberá constar:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

b) Informe sobre a conta xustificativa elaborado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, conforme o estipulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá conter manifestación expresa acerca dos seguintes aspectos:

b.1. Verificación da existencia de facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, así como dos xustificantes bancarios de pagamento. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas no período que estableza a convocatoria.

b.2. No caso de gastos de persoal:

– Verificación da existencia de contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións á conta do IRPF (modelo 111), así como xustificantes bancarios do seu pagamento, en que deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

– Verificación da existencia de partes de traballo asinados pola empresa e pola persoa traballadora, en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

– Verificación da adecuación do custo salarial das persoas traballadoras ao convenio colectivo aplicable.

b.3. Se a xustificación inclúe axudas de custo e desprazamento, verificación da vinculación do gasto coa actividade da asociación.

b.4. Para o caso de que o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude, verificación do cumprimento do establecido no artigo 18.4.

b.5. Verificación da existencia dunha contabilidade separada da subvención concedida, no caso de que a entidade non estea exenta de levar contabilidade.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo II.

d) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes dos anticipos non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

CAPÍTULO IV

Programa II: Fomento e consolidación das asociacións de centros especiais
de emprego e empresas de inserción laboral (procedemento TR358D)

Artigo 32. Finalidade

A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e consolidación das entidades representativas da economía social de Galicia, en concreto das asociacións de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral, subvencionando parcialmente os seus gastos de funcionamento.

Artigo 33. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de centros especiais de emprego que asocien principalmente centros inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, así como as asociacións de empresas de inserción laboral que asocien principalmente empresas inscritas como tales no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia.

2. As entidades solicitantes, para seren beneficiarias, deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Teren personalidade xurídica propia e independente.

b) Estaren inscritas no rexistro público correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia e teren actividade acreditada.

c) Teren o seu domicilio social e a sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñeren dunha oficina permanente nela.

d) Estaren ao día no cumprimento das obrigas referidas a depósito de documentos e inscrición de acordos nos rexistros competentes, segundo o establecido na normativa de aplicación.

3. Non poderán solicitar as subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unións de asociacións que igualmente presentasen unha solicitude de axudas ao abeiro deste programa.

Artigo 34. Actividades e gastos subvencionables

1. Considéranse gastos de funcionamento subvencionables os que se indican a continuación:

a) Alugamentos de locais e equipamentos.

b) Gastos de persoal da asociación. Neste concepto só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou ao posto de traballo, as pagas extraordinarias, as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

c) Axudas de custo e desprazamento.

d) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e auga.

e) Primas de seguros.

f) Material de oficina, comunicacións e publicacións diversas.

g) Mantemento da páxina web da asociación, e xestión de redes sociais, difusión e publicidade.

h) Servizos profesionais independentes, incluídos os gastos derivados do informe de auditoría da conta xustificativa a que se refire o artigo 38. En ningún caso serán subvencionables os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

i) Cotas asociativas a entidades de intercooperación.

j) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante.

k) Gastos ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción dos centros especiais de emprego ou das empresas de inserción en Galicia.

Artigo 35. Contía das axudas

1. A contía das axudas non poderá superar o 90 % dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos sen que, en ningún caso, excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia. No caso de axudas de custo e desprazamento, a subvención non superará os 1.500 €. O importe da subvención para gastos derivados do informe de auditoría da conta xustificativa non superará os 3.000 €.

2. A contía da subvención non poderá superar, para cada beneficiaria, a resultante de multiplicar a puntuación acadada logo da aplicación dos criterios de avaliación, polo cociente entre o crédito asignado na convocatoria e a suma da puntuación acadada por todas as entidades beneficiarias.

3. A contía máxima da subvención para cada beneficiaria é de 35.000,00 €.

4. Se, unha vez asignado o crédito de acordo co anterior, resulta crédito sobrante, repartirase entre as entidades beneficiarias da subvención que non acadasen o máximo establecido no parágrafo 3 proporcionalmente á súa puntuación e, neste caso, poderase superar a contía establecida no parágrafo 2.

Artigo 36. Documentación complementaria

A documentación que se deberá xuntar coa solicitude é a seguinte:

a) Memoria asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade e que conteña:

1. Relación nominal das entidades socias. Especificaranse, se é o caso, as entidades resultantes dun proceso de integración.

2. Centros de traballo con que conta a asociación, o seu domicilio e horario de apertura, así como o número de persoas traballadoras adscritas con indicación para cada unha delas do sexo, tipo de contrato e número de horas traballadas.

3. Breve descrición das actividades realizadas durante o ano 2020 así como das previstas para a súa realización no ano 2021.

b) Certificación do rexistro público competente que acredite a súa inscrición nel e as inscricións practicadas, así como que están ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos.

c) Copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso.

d) Libro de rexistro dos centros ou empresas asociados á entidade, debidamente actualizado.

e) RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e RNT (relación nominal de traballadores) do último mes relativo ao persoal adscrito aos centros de traballo declarados na memoria, así como os documentos acreditativos da condición de persoa con discapacidade ou de persoa en situación ou risco de exclusión social, se é o caso.

f) Documentación acreditativa do plan de acción e implantación das medidas de responsabilidade social empresarial.

g) Balance social do ano 2019, se é o caso.

h) Relación individualizada dos gastos de funcionamento para os que se solicita a axuda, cuantificados economicamente en todos os seus conceptos e co IVE desagregado.

i) Se é o caso, documentación acreditativa de que a entidade solicitante non pode recuperar o IVE soportado.

j) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

Artigo 37. Criterios de valoración

A concesión e contía das axudas realizarase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas en función da representatividade que teñan as asociacións solicitantes e dos niveis de actividade que desenvolvan, de acordo co seguinte baremo:

a) Polo nivel de representatividade:

– 1 punto por cada entidade asociada. Se a entidade asociada é resultado dun proceso de integración efectuado nos últimos cinco anos computará 3 puntos.

b) Polo nivel de actividade da asociación:

– Por cada local de atención ás entidades asociadas en funcionamento, cun horario mínimo de apertura de 35 horas semanais, 8 puntos. Se o horario resulta inferior reducirase proporcionalmente a puntuación.

– Por cada persoa traballadora da entidade a tempo completo, 4 puntos; se se trata de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión, 4 puntos adicionais; no caso de traballo a tempo parcial reducirase proporcionalmente a puntuación.

– Taxa de estabilidade do cadro de persoal, é dicir, pola porcentaxe de persoas traballadoras fixas sempre que esta sexa superior ao 65 %, ata un máximo de 4 puntos. A puntuación máxima obterase cunha taxa de estabilidade superior ao 80 %.

– Pola proporción de homes e mulleres que traballan na entidade, incluído o persoal de dirección sempre que acade como mínimo un 40 % de mulleres na entidade, ata un máximo de 2 puntos. A puntuación máxima obterase cando a proporción de mulleres sexa igual ou superior ao 50 %.

– Por ter definido un plan de accións e implantación de medidas de responsabilidade social empresarial na súa xestión, 2 puntos.

– Por ter elaborado e publicado o balance social do ano 2019, 2 puntos.

– 2 puntos por cada entidade de intercooperación en que estea integrada a asociación.

Artigo 38. Documentación xustificativa para o pagamento

As entidades beneficiarias deberán achegar a conta xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión, e que constará dos seguintes documentos, segundo o importe da subvención que se xustifique:

1. Subvencións de importe inferior a 20.000 €:

a) Relación das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, certificada pola persoa que ocupe a secretaría da asociación co visto e prace da persoa que exerza a presidencia, con referencia expresa ao cumprimento dos fins obxecto da subvención. Nesta relación deberá constar:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

b) Facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como copia dos xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra a). Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

c) Cando a xustificación comprenda gastos de persoal, a documentación xustificativa consistirá en:

– Contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións á conta do IRPF (modelo 111), así como xustificantes bancarios do seu pagamento, en que deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

– Partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora, en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

– Declaración responsable da persoa que teña a representación da entidade da adecuación do custo salarial das persoas traballadoras ao convenio colectivo aplicable, especificando este e a categoría profesional para os efectos da súa verificación.

d) No caso de axudas de custo e desprazamento, xustificación da vinculación do gasto coa actividade da asociación.

e) Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas, deberá presentar tres ofertas de diferentes provedores, previas á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención. Deberá indicarse cal é a oferta elixida e xustificarse expresamente cando non sexa a proposta económica máis vantaxosa.

f) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo II.

g) No caso de non estar exenta da obriga de levar contabilidade, balance provisional de fondos da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada da subvención.

h) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes dos anticipos non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

2. Subvencións iguais ou superiores a 20.000 €:

a) Relación das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, certificada pola persoa que ocupe a secretaría da asociación co visto e prace da persoa que exerza a presidencia, con referencia expresa ao cumprimento dos fins obxecto da subvención. Nesta relación deberá constar:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

b) Informe sobre a conta xustificativa elaborado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, conforme o estipulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá conter manifestación expresa acerca dos seguintes aspectos:

b.1. Verificación da existencia de facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, así como dos xustificantes bancarios de pagamento. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas no período que estableza a convocatoria.

b.2. No caso de gastos de persoal:

– Verificación da existencia de contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións á conta do IRPF (modelo 111), así como xustificantes bancarios do seu pagamento, en que deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto.

– Verificación da existencia de partes de traballo asinados pola empresa e pola persoa traballadora, en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

– Verificación da adecuación do custo salarial das persoas traballadoras ao convenio colectivo aplicable.

b.3. Para o caso de que o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude, verificación do cumprimento do establecido no artigo 18.4.

b.4. Se a xustificación inclúe axudas de custo e desprazamento, verificación da vinculación do gasto coa actividade da asociación.

b.5. Verificación da existencia dunha contabilidade separada da subvención concedida, no caso de que a entidade non estea exenta de levar contabilidade.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo II.

d) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes dos anticipos non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

CAPÍTULO V

Convocatoria de axudas para o ano 2021

Artigo 39. Convocatoria

Convócanse para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas dirixidas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral reguladas por esta orde.

Artigo 40. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 41. Período de execución das accións

O período de execución de accións, para os dous programas, será o comprendido entre o comprendido entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.

Artigo 42. Xustificación das accións subvencionadas

1. As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos mediante solicitude conforme o modelo que corresponda segundo o programa (anexo III ou anexo V).

2. A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 31 de outubro
de 2021.

Artigo 43. Financiamento e normativa reguladora

O orzamento total desta convocatoria ascende a trescentos mil euros 300.000,00 €, correspondentes a fondos propios da comunidade autónoma, que se financiarán con cargo á aplicación 11.04.324C.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

A distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:

Programa I: douscentos trinta mil euros (230.000,00 €).

Programa II: sesenta mil euros (70.000,00 €).

Artigo 44. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Remanentes de crédito

Se unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta consellería poderá efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file