Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 22 de xaneiro de 2021 Páx. 4089

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 8 de xaneiro de 2021 pola que se fai pública a resolución do procedemento para a declaración de abandono da embarcación Morning Dew, varada no porto de Camariñas.

De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), do procedemento administrativo común das administracións públicas, por resultar descoñecido o enderezo de Emmanuel Palmier, propietario da embarcación Morning Dew, de bandeira francesa e matrícula 649745, varada no porto de Camariñas, e por motivos de interese público que o fan aconsellable, faise público mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado esta resolución que declara en situación de abandono a embarcación de referencia.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

A resolución emítese por encontrarse a embarcación varada na explanada do porto de Camariñas en estado de abandono, sen actividades nin mantemento ningún, desde que foi trasladada a porto por Salvamento Marítimo en maio de 2018 tras ser encontrada á deriva, con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro (DOG núm. 236, do 14 de decembro), de portos de Galicia, e unha vez que non existe constancia da presentación de alegacións contra o acordo de iniciación do procedemento.

De acordo coa normativa que se cita, Portos de Galicia vai proceder ao despezamento e traslado da embarcación a vertedoiro autorizado.

Todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se van realizar sobre o buque serán por conta do propietario.

Esta resolución emítea a Presidencia de Portos de Galicia en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, alíneas a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa e é executiva, poderase interpor recurso contencioso-administrativo nun prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda.

Para o seu exame, o expediente encóntrase nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia, en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2021

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia