Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 25 de xaneiro de 2021 Páx. 4189

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Emprego e Economía Social, pola que se publica a reasignación dos créditos orzamentarios recollidos na Orde do 8 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2019-2020.

A Orde do 8 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2019-2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 164, do 30 de agosto.

Conforme o disposto nos números 2 e 3 do artigo 20 das bases reguladoras, poderanse modificar as resolucións iniciais do Programa I, de subvención ás unidades de apoio á actividade profesional (procedemento TR341K), cando a contía xustificada sexa superior á concedida por existiren variacións respecto da estimación realizada na resolución inicial, e ditaranse as resolucións complementarias que procedan. Estas resolucións complementarias estarán supeditadas a que se cumpran todas e cada unha das seguintes condicións:

a) Que exista crédito adecuado e suficiente.

b) Que o CEE beneficiario solicite a modificación da resolución de concesión.

c) Que aumenten o número de contratos e/ou as xornadas laborais das persoas con discapacidade respecto da resolución inicial. Neste caso, as resolucións complementarias da primeira anualidade poderanse financiar con cargo aos créditos da segunda anualidade.

Unha vez solicitada a modificación da resolución por parte das entidades beneficiarias, e verificado que existe incremento no número de contratos e/ou xornadas laborais das persoas con discapacidade que atende a unidade de apoio, compróbase que non existe crédito suficiente na aplicación 09.40.324C.481.3 para realizar todas as resolucións complementarias que proceden.

Por outra banda, segundo o número 2 do artigo 50 da dita Orde do 8 de agosto, de se produciren remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada programa, procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito doutros programas.

No Programa II, de subvencións para a creación de postos de traballo estables, adaptación de postos e asistencia técnica nos centros especiais de emprego (procedementos TR341E e TR341N), unha vez rematada a concesión das axudas, existe crédito suficiente para atender as necesidades do Programa I, polo que procede realizar unha reasignación de créditos entre programas.

En consonancia co parágrafo anterior, o artigo 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece que a alteración da distribución entre os créditos consignados non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o exposto, e co fin de realizar as resolucións complementarias que procedan no Programa I da dita Orde do 8 de agosto de 2019,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o crédito destinado ás axudas convocadas pola Orde do 8 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2019-2020, redistribuíndo o crédito asignado entre os programas de axudas I e II sen variar o orzamento total consignado na convocatoria, segundo o indicado no seguinte cadro:

Aplicacións

Minoración do Programa II

Incremento no Programa I

09.40.324C.481.3

10.000,00

09.40.324C.481.3

10.000,00

Total

10.000,00

10.000,00

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura do prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

Covadonga Toca Carús
Directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social