Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 27 de xaneiro de 2021 Páx. 5016

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021(código de procedemento BS212B).

BDNS (Identif.): 545919.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas para a continuidade do funcionamento das casas do maior as persoas físicas que se estableceron como empresarios autónomos ou que constituíron cooperativas de traballo asociado que, durante o ano 2019, puxesen en marcha unha casa do maior.

Só poderán acceder ás axudas aqueles promotores/as de casas do maior que contasen, polo menos, cunha persoa usuaria ao longo do ano 2019 ou respecto das cales exista solicitudes de persoas usuarias pendentes de tramitación, na data de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2021, de subvencións destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado para a continuidade e mantemento das casas do maior postas en marcha no ano 2019.

O código do procedemento regulado nesta orde é o BS212B.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021(código de procedemento BS212B).

Cuarto. Tipos de axuda e contías

1. A axuda polo mantemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora que se liquidará nos termos previstos no artigo 19.

2. Adicionalmente, no caso de que os promotores optasen por asumir o desprazamento das persoas usuarias, as persoas beneficiarias das axudas desta orde percibirán un máximo de 5 euros por persoa e día. Para estes efectos, o beneficiario da axuda deberá acreditar o número de usuarios deste servizo mediante a cobertura do anexo V.

Quinto. Financiamento

1. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, e na Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto.

Desta forma, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 no momento da súa resolución.

2. A contía total máxima destinada ás axudas reguladas na presente orde é 515.000,00 €, que se imputará á aplicación orzamentaria 13.04.312E.470.0.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social