Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 27 de xaneiro de 2021 Páx. 5018

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 19 de xaneiro de 2021 pola que se modifica temporalmente o prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

No DOG núm. 74 do día 17 de abril do ano pasado publicouse a Orde do 15 de abril de 2020 pola que se modifica temporalmente o prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

Esta modificación respondía á situación excepcional provocada pola pandemia da COVID-19, que obrigou a adoptar medidas extraordinarias a gobernos e autoridades sanitarias de todo o mundo. En España, esas medidas concretáronse naquel momento inicial da pandemia no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 durante quince días; o Real decreto 476/2020, do 27 de marzo, que prorrogou o devandito estado de alarma ata o 12 de abril de 2020, e nas súas prórrogas e modificacións posteriores. Estas normas obrigaron a tomar medidas excepcionais que afectaron a actividade económica en xeral e, consecuentemente, a diferentes ámbitos da produción e a comercialización agroalimentaria.

Así, as citadas normas supuxeron a aplicación de medidas restritivas para o movemento das persoas e para a actividade de determinados establecementos, en particular os de hostalaría e restauración. Estas restricións afectaron de xeito notable a comercialización da carne de vacún en xeral e á indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega en particular, porque comercializa unha boa parte da súa produción neses establecementos.

Por iso, logo da petición feita polo Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia, mediante a citada Orde do 15 de abril de 2020 a Consellería do Medio Rural aprobou unha modificación temporal do prego de condicións da IXP Ternera Gallega consistente en permitir a conxelación das carnes, práctica prohibida expresamente na epígrafe E (método de obtención) do prego de condicións. O mantemento da certificación de Ternera Gallega en pezas de carne que os operadores autorizados conxelasen durante un período de tempo delimitado permitiría posteriormente a súa saída equilibrada ao mercado e serviría para atenuar as dificultades que as medidas de contención estaban a provocar na cadea de produción, especialmente nas gandarías e industrias. De acordo con esta modificación temporal, a carne da IXP Ternera Gallega sometida a un proceso de conxelación podería comercializarse ata o 31.12.2020.

Esta modificación temporal atopaba a súa base legal na normativa europea que regula as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, que se recolle, nos seus aspectos fundamentais, no Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios. En concreto, no artigo 53.3 recóllese a posibilidade de modificacións temporais dos pregos de condicións das denominacións de orixe e indicacións xeográficas rexistradas derivadas de medidas sanitarias ou fitosanitarias obrigatorias impostas polas autoridades públicas. A dita previsión desenvolveuse posteriormente no artigo 6.3 do Regulamento delegado (UE) núm. 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, en que se establece que os devanditos cambios poden ser adoptados polos Estados membros, que os deben facer públicos e comunicalos á Comisión, xunto coas razóns en que se baseen, como moi tarde dúas semanas despois da súa aprobación. O formato desta comunicación á Comisión recóllese no anexo VIII do Regulamento de execución (UE) núm. 668/2014 da Comisión, do 13 de xuño de 2014.

Unha vez decaído o estado de alarma establecido mediante o citado Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e tras entrar na denominada «nova normalidade», as autoridades estatais e autonómicas tomaron diversas medidas de acordo coa evolución da pandemia, medidas que supuxeron en moitos casos a prolongación das restricións tanto da mobilidade das persoas como da actividade do sector da hostalaría e a restauración. En particular, o goberno central aprobou o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declarou de novo o estado de alarma e os gobernos das comunidades autónomas aprobaron diversas medidas para restrinxir a mobilidade das persoas e a interacción social.

De acordo co exposto, a través do Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, adóptanse medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, e as súas ulteriores modificacións. Ademais, aprobouse tamén a Orde do 3 decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa concordante.

Todo isto fai que a comercialización da carne certificada baixo a IXP Ternera Gallega siga a atravesar unha situación de dificultade, o que motivou ao Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia que xestiona a dita IXP, logo dun acordo adoptado polo seu Pleno o pasado día 17 de decembro, a solicitar á Consellería do Medio Rural que a posibilidade de comercialización das carnes amparadas pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega sometidas a procesos de conxelación se manteña ata o día 30.6.2021.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios e as súas normas de desenvolvemento e de acordo coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar unha modificación temporal do prego de condicións da IXP Ternera Gallega de acordo co seguinte:

Na epígrafe E) Método de obtención, no parágrafo sétimo, substitúese o texto:

«As carnes que sufran procesos de conxelación perderán a protección da IXP»,

Por este outro:

«As pezas de carne amparadas pola protección da IXP Ternera Gallega, procedentes de canais certificados durante a vixencia do estado de alarma e/ou medidas similares en España adoptadas polas autoridades estatais ou autonómicas competentes que provoquen restricións na comercialización da carne de vacún nos establecementos de hostalaría e restauración como consecuencia da COVID-19 poderán someterse a procesos de conxelación mentres duren estas medidas. En todo caso, estas pezas de carne poderán comercializarse baixo a protección da IXP ao consumidor final só ata o 30.6.2021. Ademais, as ditas pezas de carne conxeladas deberán cumprir os requisitos aplicables á comercialización de carne conxelada de vacún, especialmente no relativo á información ao consumidor sobre o proceso de conxelación e a data de consumo preferente, así como á excepcionalidade da súa comercialización baixo a protección da IXP».

Segundo. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da súa transmisión á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo un recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural