Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 27 de xaneiro de 2021 Páx. 4880

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 12/2021, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade das vías provinciais LU-P-2902 Lugo-A Ponte do Ombreiro (LU-234) e da LU-P-2924, accesos á estrada do Ombreiro, nas Saamasas, a prol do Concello de Lugo.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Lugo, o día 16 de setembro de 2020, solicita á Deputación Provincial de Lugo a cesión dos tramos das vías das estradas provinciais LU-P-2902 e LU-P-2924. O Concello fundamenta a súa solicitude na posibilidade de que esas vías teñen que converterse en vieiros de carácter urbano ou de acceso á trama urbana, xa que se atopan dentro do proceso de urbanización do sector Norte I (As Saamasas), actualmente en execución.

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo, na sesión levada a cabo o dia 29 de setembro de 2020, aceptou o cambio de titularidade dos treitos propostos polo Concello.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, indica que a estrada LU-P-2902 conta cunha lonxitude total de 8.570 metros e o treito que se propón transferir, de 1.034 metros, comeza no solo urbano de Lugo e remata ao pasar a ponte da estrada N-540. Por outro lado, proponse transferir na súa totalidade a estrada LU-P-2924, que conta con 1.048 metros en total e está composta por un itinerario principal de 628 metros (inicio na LU-P-2902 e remata na rúa dos Deportes), e por un ramal de 420 metros (inicio do itinerario principal e remate na LU-P-2902). Estas estradas cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Lugo de:

Clave

Denominación

p.q.i

p.q.f

LU-P-2902

Lugo-A Ponte do Ombreiro (LU-234)

0+000

1+034

LU-P-2924

Accesos á estrada do Ombreiro, nas Saamasas

Itinerario principal

0+000

0+628

Ramal

0+000

0+420

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Lugo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír os cambios de titularidade aos que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Lugo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade