Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 27 de xaneiro de 2021 Páx. 4781

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 10/2021, do 21 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 237/2007, do 5 de decembro, polo que se crea a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan a súa composición e funcións.

O tempo transcorrido desde a creación, no ano 2007, da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, exixe unha revisión da estrutura e funcións deste órgano colexiado, atendendo á experiencia do camiño percorrido e aos cambios normativos que en materia de contratación derivan da entrada en vigor da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, así como das leis de transparencia: Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, de ámbito estatal e autonómico, respectivamente.

Así, a Lei 9/2017, do 8 de novembro, prevé no seu artigo 78.2, como función deste órgano consultivo, a emisión dun informe preceptivo con carácter previo á autorización excepcional do Consello da Xunta de Galicia para subscribir contratos con persoas non clasificadas cando o requisito da clasificación sexa en principio exixible. Tamén recolle a mesma norma a competencia deste órgano, no seo da regulación dos expedientes declarativos de prohibicións de contratar, de formular a proposta de resolución nos supostos legalmente previstos nos artigos 72 e 73.

Igual argumento cabe sobre a obriga, recollida no artigo 132 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de notificarlle á Comisión Galega da Competencia calquera feito, de que teña coñecemento no exercicio das súas funcións, que poida constituír infracción da lexislación de defensa da competencia.

Non só a nova lei de contratos, senón outras normas de desenvolvemento alteran o réxime competencial das xuntas consultivas de contratación de ámbito autonómico. Así, o artigo 9.7 do Real decreto 55/2017, do 3 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 2/2015, do 30 de marzo, de desindexación da economía española, establece a obriga deste órgano de emitir informe preceptivo sobre a estrutura de custos de determinados contratos en que se prevé a revisión periódica e predeterminada de prezos.

Doutra banda, a experiencia acumulada nos trece anos transcorridos desde a creación do órgano permite describir e deseñar, con mais precisión, unha serie de funcións que neste tempo se asentaron como fundamentais na súa actividade. Así, a estreita colaboración da Xunta Consultiva coa Escola Galega de Administración Pública na aprendizaxe dos empregados públicos amosouse como tarefa esencial cara á profesionalización do persoal destinado nas unidades de contratación, impulsando a súa formación e o seu desenvolvemento profesional. Tamén a asistencia a foros e encontros con outras administracións públicas, agrupacións empresariais ou organizados polas universidades galegas –con grupos de investigación moi activos na materia– exixe potenciar a función deste órgano como xerador de espazos colaborativos e comúns que redunden nun maior coñecemento da contratación pública desde todas as perspectivas posibles. Difundir e favorecer o intercambio de experiencias, de coñecementos e a aprendizaxe da xestión contractual convértese para este órgano colexiado nun obxectivo estratéxico da súa actividade.

A modificación do artigo 7, referido á Presidencia do órgano, vén motivada polos cambios operados a través do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, segundo o cal a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa mudou a súa dependencia orgánica e queda vinculada á Consellería de Facenda e Administración Pública.

A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa xa tiña atribuídas as funcións en materia de racionalización, simplificación e transparencia na xestión dos procedementos administrativos. O carácter transversal das licitacións públicas, por tratarse de procesos comúns a todos os departamentos, e a súa contribución ao mantemento da actividade dos sectores produtivos converten o de contratación nun dos procedementos administrativos por excelencia. Por esta razón, e coa nova estrutura, o departamento aspira a integrar as unidades con atribucións en materia de administracións públicas e de transparencia, o que xustifica a oportunidade de cambiar a adscrición da Secretaría da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, vinculada orixinariamente á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, para incluíla no ámbito da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, como órgano encargado de promover, planificar e coordinar os procesos de racionalización, simplificación e modernización dos procedementos administrativos, así como de promover a implantación da Administración electrónica, xestionar e coordinar desde a perspectiva funcional os sistemas de xestión dos procedementos administrativos que sirvan de base do sistema de información da Administración autonómica, así como velar pola transparencia na súa xestión.

En consecuencia, polo seu coñecemento do procedemento e das dificultades da súa aplicación, así como polo seu papel na transparencia do proceso, a Secretaría da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa constitúe a unidade máis adecuada para asistir a dirección xeral na execución, desde a perspectiva da contratación pública, das competencias a ela atribuídas en materia de procedementos administrativos, transparencia e proposta das políticas de mellora da contratación pública da Administración autonómica e das súas entidades.

O decreto contén un artigo único, polo que se modifica o Decreto 237/2007, do 5 de decembro, polo que se crea a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan a súa composición e funcións. En concreto, modifícanse o artigo 2, sobre as competencias, o artigo 7, a Presidencia, o artigo 9, a Secretaría, e o artigo 10, sobre o réxime de funcionamento. Así mesmo, establécese que todas as referencias á «Consellería de Economía e Facenda» contidas no Decreto 237/2007, do 5 de decembro, se entenderán feitas á «Consellería de Facenda e Administración Pública», en virtude da nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia prevista no Decreto 110/2020, do 6 de setembro.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento.

A norma adecúase aos principios de boa regulación do artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así, en aplicación dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade e eficiencia, a norma persegue un interese xeral, que é actualizar a estruturación e funcións da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, atendendo á experiencia e aos cambios normativos que en materia de contratación pública se produciron desde a súa creación, recollendo as normas necesarias para tal fin. En virtude do principio de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico e, en cumprimento do principio de transparencia, identifícanse con claridade nela os obxectivos perseguidos e, ademais, durante a súa tramitación promoveuse a participación da cidadanía, directamente e a través das organizacións interesadas, mediante os trámites de audiencia e publicación no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 237/2007, do 5 de decembro, polo que se crea a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan a súa composición e funcións

O Decreto 237/2007, do 5 de decembro, polo que se crea a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan a súa composición e funcións, queda modificado como segue:

Un. O artigo 2 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 2. Competencias

Correspóndelle á Xunta Consultiva de Contratación Administrativa:

1. Emitir informe con carácter facultativo sobre aquelas cuestións que, en materia de contratación administrativa, sometan á súa consideración as entidades enumeradas no artigo 1.

2. Emitir informe preceptivo con carácter previo á autorización excepcional do Consello da Xunta de Galicia para subscribir contratos con persoas non clasificadas cando o requisito da clasificación sexa en principio exixible.

3. Emitir informe preceptivo sobre a estrutura de custos de determinados contratos en que se prevé a revisión periódica e predeterminada de prezos, de conformidade co disposto no artigo 9.7 do Real decreto 55/2017, do 3 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 2/2015, do 30 de marzo, de desindexación da economía española.

4. Formular a proposta de resolución nos expedientes de declaración de prohibición de contratar nos supostos legalmente previstos.

5. Ademais, no ámbito da Administración autonómica, os seus organismos autónomos, sociedades públicas, fundacións do sector público autonómico e demais entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, emitirá informe preceptivo sobre as cuestións seguintes:

a) Os proxectos e anteproxectos normativos que afecten a contratación administrativa cuxa aprobación sexa competencia da Xunta de Galicia ou dos seus conselleiros ou conselleiras e non fosen elaborados ou propostos pola propia Xunta Consultiva de Contratación.

b) Os pregos de cláusulas administrativas xerais e os pregos de prescricións técnicas xerais.

c) Os pregos de cláusulas administrativas particulares e os pregos de prescricións técnicas particulares que propoñan a inclusión de estipulacións contrarias aos respectivos pregos xerais.

d) As demais cuestións determinadas polas disposicións vixentes.

6. Elaborar e propor as normas, instrucións e medidas que considere precisas para a mellora e eficacia da contratación da Administración autonómica, os seus organismos e sociedades, fundacións do sector público e demais entidades de dereito público dela dependentes.

7. Aprobar e elevar á consellería de que dependa a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, para a súa remisión ao Consello da Xunta, a memoria anual sobre a xestión contractual da Comunidade Autónoma nos seus aspectos administrativos, económicos e técnicos, con proposta das medidas pertinentes para a mellora da eficacia da contratación.

8. Colaborar, no ámbito das súas funcións, cos organismos homónimos das comunidades autónomas e da Administración xeral do Estado.

9. Notificarlle á Comisión Galega da Competencia calquera feito de que teña coñecemento, no exercicio das súas funcións, que poida constituír infracción da lexislación de defensa da competencia.

En particular, comunicará calquera indicio de acordo, decisión ou recomendación colectiva, ou práctica concertada ou conscientemente paralela entre os licitadores, que teña por obxecto, produza ou poida producir o efecto de impedir, restrinxir ou falsear a competencia no proceso de contratación.

10. Coordinar o cumprimento das obrigas de información que impón a normativa contractual.

11. Especificamente, correspóndenlle todas aquelas competencias que a lexislación estatal lles atribúe ás xuntas consultivas de contratación administrativa das comunidades autónomas.

12. A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa constitúese como centro de coñecemento na materia e, como tal, impulsará a formación, investigación e innovación dos recursos referidos á contratación pública en Galicia. Destacan entre as súas funcións as seguintes:

– Elaborar estudos, informes e propostas sobre contratación pública.

– Formular recomendacións, en especial no relativo á homoxeneización e simplificación da documentación dos procesos e á utilización dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos na contratación administrativa.

– Promover a colaboración en xestión do coñecemento entre as distintas administracións públicas de Galicia, favorecendo o intercambio de experiencias e a aprendizaxe.

– Impulsar e colaborar en actividades de formación en materia de contratación pública e promover o acceso a cursos e conferencias.

– Xerar ámbitos ou espazos para incubar ideas e favorecer a investigación en colaboración co ámbito académico galego.

– Articular as necesidades de coñecemento e aprendizaxe que xurdan de persoas e equipos.

– Informar sobre normativa, documentos de interese, titoriais, guías, investigacións, tendencias e boas prácticas en materia de contratación pública».

Dous. O artigo 7 queda redactado como segue:

«Artigo 7. Presidencia

1. A Presidencia da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma exerceraa a persoa titular da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e terá as funcións que o artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, lles atribúe aos presidentes de órganos colexiados, dirimindo co seu voto os empates.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que ocupe a Presidencia será substituída nas súas funcións por quen desempeñe a Vicepresidencia do Pleno».

Tres. O artigo 9 queda redactado como segue:

«Artigo 9. Secretaría

A Secretaría é o órgano de apoio técnico e administrativo da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa. Constituirase como unidade permanente, con nivel de subdirección xeral, adscrita á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

A persoa titular da Secretaría deberá ser licenciada ou con grao en Dereito, con experiencia en materia de contratación administrativa. Asistirá con voz e voto ás reunións do Pleno e da Comisión Permanente, estudará e elaborará as propostas de acordos en relación cos asuntos e expedientes de competencia da Xunta Consultiva e, en xeral, desenvolverá as demais funcións que o artigo 18 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e demais normativa aplicable, lles atribúe aos secretarios dos órganos colexiados, así como as que lle asigne a Presidencia.

Entre as súas funcións estará a xestión e actualización do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia e do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia».

Catro. O artigo 10 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 10. Réxime de funcionamento

O réxime de funcionamento dos órganos da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, das comisións non permanentes que poidan crearse, en canto a convocatorias, constitución e adopción de acordos, axustarase ao establecido na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e demais normativa aplicable, e será competente o Pleno da Xunta Consultiva para establecer ou complementar as súas propias normas de funcionamento».

Cinco. Todas as referencias á «Consellería de Economía e Facenda» contidas no decreto se entenderán feitas á «Consellería de Facenda e Administración Pública».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta norma.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o 1 de febreiro de 2021.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública