O 5 de decembro de 2019 publicáronse no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e convocáronse para o ano 2020. Estas axudas tiñan como finalidade aplicar a medida 8.1 (establecemento e mantemento de superficies forestais) que figura no PDR de Galicia 2014-2020.
Estas axudas están recollidas no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, foron comunicadas por España á Comisión Europea e publicadas na páxina web da Comisión (http://ec.europa.eu/competition/elojade/isef/case_details.cfm?proc_code=3_SA_43021) o 20 de outubro de 2015, coa clave SA.43021 (2015/XA).
A experiencia na xestión desas axudas no ano 2020 supón modificar certos procedementos na súa tramitación que xustifican a elaboración dunhas novas bases reguladoras.
Así mesmo, e respecto da tramitación destas axudas, desde a convocatoria do ano 2018 incluíuse como obrigatoria a tramitación electrónica do procedemento por parte das persoas físicas solicitantes, xa que se considerou acreditado que poden ter acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, xa que, de acordo coa experiencia de anos anteriores e tamén por razón da súa capacidade económica, na tramitación das axudas as persoas físicas son asesoradas na maioría dos casos por gabinetes técnicos, os cales formalizan practicamente toda a solicitude de axuda (proxecto técnico, memorias xustificativas das actuacións, etc.). Ademais, a tramitación electrónica do procedemento redunda nunha maior comodidade na presentación e recepción de documentos, así como nunha maior rapidez, seguridade e axilidade na tramitación, cuestións moi valoradas polas persoas físicas.
Por todo o anterior, e polos bos resultados de xestión nas convocatorias anteriores, na convocatoria do ano 2021 a tramitación electrónica é obrigatoria tamén para as persoas físicas.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e proceder á súa convocatoria para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR670B).
2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado, por última vez, mediante a Decisión de execución da Comisión C (2020) 8432 final, do 25 de novembro de 2020.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:
a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central, autonómica ou local.
b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.
c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.
d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.
e) Das superficies que tivesen algún compromiso de mantemento e/ou conservación de ordes de axuda anteriores.
f) Dos terreos en que existise arboredo nos últimos cinco anos, ou que teñan fracción de cabida cuberta igual ou superior ao 20 %. Excepto nos seguintes casos:
– Superficies ocupadas por eucalipto (Eucalyptus sp.) con diámetro normal medio inferior a 10 cm, que si poderán ser obxecto de axudas.
– Superficies ocupadas por acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e/ou falsa acacia (Robinia pseudoacacia), que si que poderán ser obxecto de axudas.
g) Dos terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.
h) Dos terreos onde o Plan xeral de ordenación municipal ou, na súa falta no Plan básico autonómico de Galicia (Decreto 83/2018, do 26 de xullo; DOG núm. 162, do 27 de agosto) non permita a plantación.
i) Dos terreos que dentro da Rede Natura 2000 teñan hábitats prioritarios establecidos na Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.
2. No caso de montes propiedade do Estado, da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades locais, a axuda poderá ser concedida se o órgano que xestiona esas terras é un organismo privado. Nese caso unicamente se ofrecerá a axuda para os custos de establecemento.
3. Tamén serán elixibles as actuacións en montes que teñan subscrito un convenio coa Xunta de Galicia ou en montes que teñan solicitado o cambio de consorcio a convenio, nos cales non estea prevista ningunha actuación con cargo ao convenio, e o proxecto de ordenación o permita, logo de informe favorable do servizo provincial responsable dos recursos forestais correspondente. Os montes consorciados coa Administración, na data que remate o prazo de solicitude da axuda, non poden solicitar as axudas dentro da superficie consorciada.
Artigo 3. Liñas de axudas
As axudas obxecto de subvención son as seguintes:
a) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo VIII desta orde (coníferas).
b) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo IX desta orde (frondosas).
Artigo 4. Tipos de superficies obxecto de axuda
1. Poderán ser obxecto de axuda as actuacións naqueles terreos que estean identificados no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como forestal (FO), pasto con arboredo (PA), ou pasto arbustivo (PR).
2. En todo caso, será de aplicación o disposto no Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas, e o establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e a normativa de desenvolvemento.
3. A superficie de actuación será a suma da superficie de forestación máis a superficie da área de defensa.
4. Non se concederá axuda sobre superficies situadas en Rede Natura 2000 con hábitats definidos como prioritarios pola Directiva 92/43/CEE.
5. A cualificación urbanística das parcelas que se vaian forestar debe admitir as actuacións polas que se solicita axuda.
6. Os terreos obxecto de solicitude de axuda, no momento da solicitude de axuda, deberán ter instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados e as accións solicitadas deben estar previstas nel, ou adhesión aos modelos silvícolas da totalidade do monte, consonte o establecido no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e a Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia (procedemento MR627D), e as actuacións solicitadas deberán ser coherentes co dito modelo.
Artigo 5. Beneficiarias
1. Serán beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, e non admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
5. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
7. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
8. Non poderán ser beneficiarias as entidades locais.
Artigo 6. Intensidade da axuda
A intensidade de axuda para estas actuacións será do 100 % e a axuda calcúlase sobre o custo real subvencionable do investimento determinado no correspondente proxecto técnico ou no anexo IV, segundo sexa o caso.
Artigo 7. Actuacións obxecto de axuda e importes máximos subvencionables
1. As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son as seguintes:
a) Gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais:
Estes gastos incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, así como os de plantación propiamente dita e a área de defensa contra incendios forestais.
O importe máximo do investimento en euros por hectárea de actuación, que se calculará aplicando os valores recollidos no anexo X, será de 1.853 euros en especies do anexo VIII (coníferas), e de 2.398 euros en especies do anexo IX (frondosas).
Este importe máximo de investimento por hectárea de actuación incluirá as axudas da medida 8.3 outorgadas na mesma superficie nos últimos 5 anos, sendo o computo deses anos con respecto ao ano de concesión da axuda (polo que na convocatoria do ano 2021 será desde o ano 2016 en diante).
b) As infraestruturas de acompañamento, obras complementarias e cartel das novas forestacións que se realicen ao abeiro desta orde estarán suxeitas aos seguintes condicionantes:
i) Deberanse localizar dentro ou estremeira coa área obxecto de forestación.
ii) O importe máximo do investimento calcularase aplicando os valores máximos recollidos no anexo X, será de 255 euros por cartel (máximo subvencionable un cartel por solicitude, e só no caso de que o solicitante estea obrigado á súa colocación), de 7.580 euros por quilómetro de peche perimetral e de 2.956,07 euros por quilómetro de arranxo de pista forestal.
iii) Ademais, a repercusión máxima total por hectárea de actuación no arranxo de pista forestal e de peche perimetral será de 720 euros. No caso do peche só se subvencionará cando se xustifique a súa necesidade (gando, fauna cinexética...).
c) Tamén se subvencionarán os honorarios de redacción de proxecto, logo de solicitude, segundo o tope por hectárea indicado no anexo X de traballos, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación.
d) As superficies que, conforme o anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, deben plantarse obrigatoriamente con frondosas do anexo I da Lei 7/2012, non poderán excluírse da superficie obxecto de actuación, salvo que as ditas superficies se atopen entre as superficies excluídas no artigo 2 da presente orde ou porque o terreo que se vai plantar non fai viable a súa plantación, debendo xustificarse tecnicamente.
2. O IVE non é subvencionable.
Artigo 8. Condicións técnicas xerais
1. As densidades mínimas de plantación deberán ser as seguintes:
a) Anexo VIII (coníferas): a densidade de plantación será de polo menos 1.100 plantas/ha.
b) Anexo IX (frondosas): a densidade de plantación será de polo menos 625 plantas/ha excepto no caso indicado no punto 2.a) do presente artigo.
2. Especies que se van utilizar:
a) Serán obxecto de axuda as plantacións coas especies comprendidas nos anexos VIII e IX desta orde. As superficies recollidas nos puntos c), d), e), g), h), i) e j) do anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, plantaranse obrigatoriamente con frondosas (cunha densidade de 625 plantas/ha ou coa máxima permitida pola lexislación) do anexo I da Lei 7/2012 e recollidas no anexo IX desta orde, agás xustificación técnica de que non procede por existir xa esa vexetación ou porque o terreo que se vai plantar non a fai viable.
b) A nivel de parcela, só se admitirán plantacións mixtas entre especies do mesmo anexo ata un máximo de tres especies diferentes.
c) Características da planta empregada: as partidas de planta empregada deberán cumprir cos seguintes requirimentos:
i) Etiquetaxe e documento provedor expedido polo ente provedor de material forestal de reprodución consonte o Real decreto 289/2003, do 7 de marzo, sobre comercialización dos materiais forestais de reprodución, e a súa modificación recollida no Real decreto 1220/2011, do 5 de setembro.
ii) Os entes provedores de material forestal de reprodución que teñan expedidos os ditos documentos provedores, e con sede social en Galicia, deberán ter presentado correctamente a súa declaración anual de material forestal de reprodución da campaña 2019/2020 mediante o modelo MR621K, establecido para tal efecto na sede electrónica da Xunta de Galicia.
iii) Os entes provedores de material forestal de reprodución que teñan expedidos os ditos documentos provedores deberán xuntar unha declaración responsable en que certifiquen que o dito material forestal de reprodución cumpre cos requirimentos establecidos polo Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o Sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución, en materia de calidade exterior.
iv) Pasaporte fitosanitario do material forestal de reprodución consonte a lexislación vixente en materia de sanidade vexetal. A produción e a comercialización do material forestal de reprodución poderá proceder de calquera persoa provedora da Unión Europea, salvo que por motivos de sanidade vexetal a Consellería do Medio Rural estableza medidas preventivas.
v) Especificamente, a planta de Pinus pinaster deberá ter categoría controlada de xeito xeral, pode aceptarse, de xeito excepcional, material de categoría cualificada, unicamente por razóns debidas á inexistencia de semente no Centro de Sementes Forestais da Xunta de Galicia (SEMFOR).
d) A lonxitude máxima subvencionable de arranxo de pista forestal, que se deberá realizar dentro da superficie obxecto de actuación, será de 40 metros lineais por hectárea de actuación, e de 20 metros lineais por hectárea en zonas de montaña, tal e como se definen na medida 13 do PDR de Galicia 2014-2020, ou que afecten espazos protexidos, segundo o proxecto técnico presentado. No caso de solicitudes de propietarios particulares de xeito individual en superficies de actuación inferior a 10 hectáreas, non se subvencionará o arranxo de pista.
3. No caso de actuacións superiores a 40 hectáreas, as actuacións consistirán en:
a) A plantación exclusiva de especies ecoloxicamente adaptadas e/ou de especies resistentes ao cambio climático na zona bioxeográfica de que se trate, que non fosen declaradas, mediante unha avaliación de impacto, unha ameaza para a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, nin teñan un impacto negativo na saúde humana, ou
b) Unha mestura de especies de árbores que inclúa polo menos un 10 % de frondosas por zona, ou un mínimo de tres especies ou variedades de árbores, representando a menos abundante como mínimo o 10 % da superficie.
Estas actuacións deberán estar xustificadas no proxecto técnico.
4. As condicións técnicas mínimas e limitacións de uso que deben observarse figuran no anexo XI.
5. No caso de solicitudes de propietarios particulares de xeito individual en superficies comprendidas entre 1 e 10 hectáreas, non será necesaria a realización de áreas de defensa contra incendios forestais, agás que o correspondente plan de prevención e defensa contra incendios forestais o estableza.
6. A planificación da plantación deberá axustarse ás distancias que exixen a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e as súas modificacións, e que se concretan no artigo 68 e no anexo II da lei.
7. Nos terreos obxecto de solicitude de axuda deberase cumprir, en todo caso, o disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e nas súas modificacións; na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; nos artigos 12, número 1.e), 15, números 2 a 8, e 17 do Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e na Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal.
8. As mouteiras de rexenerado existentes nas superficies obxecto de actuación quedarán excluídas e deberanse manter, en todo caso, non interrompendo a continuidade do couto redondo da solicitude, excepto nos seguintes casos, que non poderán excluirse da superficie obxecto de axuda:
– Superficies ocupadas por eucalipto (Eucalyptus sp.) con diámetro normal medio inferior a 10 cm.
– Superficies ocupadas por acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e/ou falsa acacia (Robinia pseudoacacia).
9. No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico, botánico, faunístico, histórico e paisaxístico delimitarase a súa localización e zona de influencia e excluiranse da superficie de actuación.
10. Todos os solicitantes destas axudas, no momento da solicitude de axuda, deberán ter adhesión aos modelos silvícolas da totalidade do monte, consonte o establecido no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia (procedemento MR627D), coa seguinte excepción:
– Se a persoa solicitante dispón dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, é suficiente con que na solicitude de axuda faga referencia a esta circunstancia.
11. En cumprimento do establecido no artigo 45 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, as operacións de investimento Feader irán precedidas dunha avaliación de impacto ambiental, conforme a lexislación vixente. Neste suposto, no caso de que o investimento requira unha avaliación de impacto ambiental, esta realizarase conforme o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. O solicitante deberá acreditar a súa dispoñibilidade en sentido favorable e autorizar a Consellería do Medio Rural a recibir copia do informe para efectos de tramitación da solicitude, especialmente no caso de terreos en Rede Natura 2000. No caso de que a dita autorización/informe xa constase en poder da Administración deberá indicalo no impreso de solicitude da axuda. No caso de que, unha vez resolta a concesión da axuda algunha das autorizacións/informes sexa desfavorable ou sexa entregada fóra do prazo de tres meses, contados desde a resolución de aprobación, procederase a tramitación do correspondente expediente de perda do dereito ao cobramento da axuda. Ademais, o solicitante deberá cumprir a normativa en materia de avaliación de impacto ambiental, en aplicación da Directiva 2011/92/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2011, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o ambiente, e conforme o disposto na normativa do Estado, en concreto, na Lei 21/2013, se for de aplicación.
12. É obrigatorio solicitar dentro da superficie de actuación as superficies que conforme o anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, deben plantarse obrigatoriamente con frondosas do anexo I da Lei 7/2012 e recollidas no anexo IX da presente orde.
Artigo 9. Condicións técnicas para a redacción do proxecto das actuacións
1. No anexo XIII figuran as instrucións do formato da información do proxecto en soporte dixital e vectorial, que se debe presentar xunto coa solicitude de axuda e demais documentos.
2. No proxecto, coas actuacións, deberá figurar como mínimo o seguinte:
a) Estado legal do predio obxecto de solicitude de axuda: superficie, localización, estremeiros e accesos.
b) Descrición das actuacións que se levarán a cabo.
c) Especies, densidade final, marco de plantación e quenda da especie.
d) Indicación, segundo o visor http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/, se existe algunha afección, de que afección se trata e localización das parcelas afectadas.
e) Orzamento, de acordo coa norma UNE 157001 de xuño de 2014, Criterios xerais para a elaboración formal dos documentos que constitúen un proxecto técnico.
f) Cartografía: planos sobre mapas oficiais. A planimetría do proxecto presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29, con referencia ao datum ETRS89, e terá que ser achegada en soporte dixital en formato vectorial, en formato shape (shp), obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. Indicarase claramente o ano do Sixpac respecto do cal se toman os datos. No caso de instrumento de ordenación indicaranse as mouteiras e cantóns de ordenación.
As agrupacións de propietarios terán que incluír nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie con que participa cada membro da agrupación.
Nos planos presentados deberá reflectirse indubidablemente onde se localizan os distintos tratamentos que se van efectuar na mesma parcela e teñen que aparecer na correspondente táboa de atributos os datos de tipo e superficie de actuación de cada recinto, segundo a táboa número 1 do anexo XIII.
g) Estudo básico de seguridade e saúde.
h) Prego de condicións técnicas: de acordo coas normas de redacción de proxectos.
3. Deberán respectarse as restricións que a autoridade competente en materia de augas estableza.
Artigo 10. Superficies mínimas e máximas para solicitar as axudas e superficies excluídas
a) Para todos os solicitantes, con excepción das Sofor, as agrupacións legalmente constituídas e os propietarios particulares de xeito individual, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas, nun ou varios coutos redondos e sempre e cando a superficie mínima de cada couto sexa de 1 hectárea.
b) Para propietarios particulares de xeito individual, a superficie de actuación mínima por solicitude será de 1 hectárea por couto redondo.
c) No caso das agrupacións legalmente constituídas e Sofor, a superficie mínima de actuación será de 1 hectárea, distribuída en non máis de 3 coutos redondos por solicitude de axuda.
d) As superficies que, conforme o anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, deben plantarse obrigatoriamente con frondosas do anexo I da Lei 7/2012 e recollidas no anexo IX da presente orde deberán incluírse na superficie obxecto de actuación.
2. Superficie máxima:
Para todos os solicitantes, a superficie máxima de actuación por solicitude será de 150 hectáreas nun ou varios coutos redondos, e sempre e cando a superficie mínima por couto sexa de 1 hectárea, excepto no caso de Sofor e agrupacións legalmente constituídas, que poderán ter coutos redondos inferiores a 1 hectárea.
3. En todos os casos a continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.
4. Superficies excluídas:
a) Excluiranse da superficie de actuación os encravados de extensión igual ou superior a 100 m2, pistas, estradas, etc.
b) En superficies en concentración parcelaria en execución soamente poden ser aprobadas as axudas solicitadas en superficies en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme antes do remate do prazo de solicitude destas axudas. Non obstante, poderanse aprobar as axudas nos casos en que, non sendo firme o acordo, o servizo provincial responsable das infraestruturas agrarias emita un certificado en que indique o nome do propietario e a manifestación de que o dito predio non vai cambiar.
c) As superficies incluídas nun proceso iniciado de expropiación forzosa non se poderán beneficiar destas axudas.
d) No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edafolóxico, botánico, fáunico, histórico, literario e paisaxístico, delimitarase a súa localización e zona de influencia e excluiranse da superficie de actuación.
Artigo 11. Compromisos
1. Os beneficiarios das axudas comprométense expresamente ao cumprimento das condicións previstas nesta orde.
2. Compromisos de mantemento e conservación:
a) O titular comprométese a manter a forestación, incluído o cartel informativo, se for o caso, conforme as condicións de comprobación, e a conservar a masa creada durante a quenda da especie, ou ao menos 20 anos (no caso de instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados será a quenda da especie indicada no proxecto desde a data da solicitude de pagamento da axuda), e proceder á devolución do diñeiro percibido e dos seus xuros legais se o bosque é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta de coidados silvícolas por parte do solicitante. Así mesmo, deberanse manter operativas as súas infraestruturas de acompañamento e a área de defensa da masa. Tamén se compromete, nos cinco anos contados desde a data da solicitude de pagamento da axuda, a manter as condicións par obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes.
b) No caso de sociedades e agrupacións de propietarios legalmente constituídas, comunidades de bens, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, todos os seus membros se comprometen a cumprir todos os compromisos e obrigas establecidos nesta orde, así como na demais normativa concorrente. A responsabilidade do bo fin da actuación será exixible a cada propietario segundo a lexislación aplicable en cada caso. Todos os membros integrantes se comprometen a levar unha xestión conxunta da forestación durante a quenda da especie.
3. Se as superficies forestadas se transmitisen en todo ou en parte durante o período de compromiso, o novo titular deberá cumprir as condicións exixibles para a percepción das axudas que se lle outorgaron.
4. Poderán ter lugar usos gandeiros complementarios cando estes xa non prexudiquen a forestación, logo da autorización do servizo provincial responsable dos recursos forestais e cando estean dados de alta no rexistro correspondente.
5. Se, unha vez efectuada a solicitude e antes da forestación, o terreo fose obxecto dun incendio forestal ou queima do mato, o beneficiario deberallo comunicar inmediatamente, por escrito, ao servizo provincial responsable dos recursos forestais, co obxecto de adecuar a memoria descritiva das actuacións á nova realidade física do terreo antes do inicio dos traballos.
6. No caso de abandono ou destrución da plantación por calquera causa, agás forza maior allea ao beneficiario, suspenderanse todas as axudas pendentes ata que sexa restaurada a superficie abandonada ou destruída, total ou parcialmente, sen prexuízo dos compromisos adquiridos e das responsabilidades que deriven. O solicitante estará obrigado a comunicar, no prazo máximo dun mes, os feitos e circunstancias que provocaron a destrución da totalidade ou de parte da plantación.
7. O beneficiario comprométese en todo momento a lle facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á consellería competente no medio rural nas materias relacionadas con esta orde.
8. Nas superficies de actuación todos os beneficiarios se comprometen a cumprir co establecido no manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable. Este aspecto verificarase na comprobación final e o seu incumprimento pode dar lugar á revogación da axuda concedida segundo se resolva o correspondente procedemento de perda de dereito ao cobramento. Así mesmo, nos montes conveniados que formen parte do Sistema de xestión forestal sustentable da Xunta de Galicia, os beneficiarios das axudas comprométense a cumprir co establecido no Manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable.
9. En todos os casos, e para calquera tipo de titular, o persoal que execute os traballos deberá estar dado de alta no réxime xeral da Seguridade Social e, poderáselle solicitar en calquera momento que verifique que cumpre o devandito requisito. Ademais, as empresas executoras deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).
10. No caso de cesións de pagamento, o titular da conta bancaria debe coincidir co cesionario e comprométese a manter a conta aberta ata o final do proceso de xestión da axuda.
Artigo 12. Prioridades
1. Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria segundo o tipo de beneficiario:
a) Propietarios particulares de xeito individual: 10 %.
b) Sociedades e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens e outras persoas xurídicas (S.A., S.L. ...): 45 %.
c) CMVMC: 45 %.
d) No caso de que, unha vez priorizados os expedientes solicitados, non se consuma a totalidade do importe especificado nos distintos puntos da distribución do crédito detallado nas letras anteriores, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.
2. Establecerase unha orde de prioridade segundo a seguinte prelación:
a) Para as CMVMC que tivesen investido en melloras do monte, aplicarase a puntuación maior dos tres puntos seguintes:
1º. Investimentos de máis dun 40 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado na data do final de prazo da solicitude da axuda: 10 puntos.
2º. Investimentos dun 50 % a un 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado na data do final de prazo da solicitude da axuda: 20 puntos.
3º. Investimentos de máis dun 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado na data do final de prazo da solicitude: 30 puntos.
b) Para CMVMC sen ingresos nos últimos tres exercicios fiscais pechados anteriores á solicitude da axuda: 10 puntos.
c) Por cada membro, da sociedade ou agrupación de propietarios particulares, da cooperativa agrícola, do proindiviso (copropietarios), dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou da comunidade de bens: 1 punto (ata un máximo de 10 puntos).
d) Por ser sociedade ou agrupación de propietarios legalmente constituída con xestión conxunta: 10 puntos.
e) Sociedade de fomento forestal rexistrada: 50 puntos.
f) Actuacións que se vaian realizar en montes inscritos no Rexistro de Montes Ordenados ou que fose solicitada a aprobación do instrumento de ordenación ou xestión forestal: 10 puntos.
g) Montes con certificación forestal co sistema PEFC ou FSC: 20 puntos. A data límite que se terá en conta á hora de computar os méritos será a correspondente ao derradeiro día de presentación de solicitudes.
h) Sociedade ou agrupación de propietarios en zonas de concentración parcelaria forestal: 10 puntos.
i) Monte veciñal en man común sen convenio ou consorcio en toda a superficie clasificada da comunidade de montes: 30 puntos.
j) Zonas de montaña ou con limitacións naturais significativas ou limitacións específicas, tal e como se definen na medida 13 do PDR de Galicia 2014-2020: 10 puntos.
k) Zonas de alto risco de incendio forestal (Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal): 10 puntos.
l) Actuación en zona clasificada como Rede Natura 2000: 10 puntos.
m) Actuacións que se vaian realizar en montes en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 20 puntos.
n) Plantacións de especies do anexo IX (frondosas): 5 puntos por hectárea de actuación ata un máximo de 40 puntos.
ñ) Por solicitude de propietario particular, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, de cooperativa agrícola, de proindiviso (copropietarios), de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou da comunidade de bens: 15 puntos.
o) Por cada parcela para a que se solicitou axuda que estean inscritas no Rexistro da Propiedade, no caso de propietario particular, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, de cooperativa agrícola, do proindiviso (copropietarios), os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou da comunidade de bens: 1 punto por cada parcela, ata un máximo de 10 puntos.
p) 40 puntos se as actuacións se atopan nas seguintes superficies incluídas en:
– A área demarcada establecida polo artigo 2 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación (DOG núm. 24, do 4 de febreiro).
– O anexo IV da Resolución do 28 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presencia de cinco novos positivos do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación (DOG núm. 8, do 11 de xaneiro de 2019).
– Os puntos 1.a) e b) da Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 76, do 20 de abril).
3. A puntuación máxima será de 65 puntos, mentres que a mínima será de 20 puntos. En caso de empate, desempatarase polos seguintes criterios, segundo sexa o tipo de beneficiario, e na orde que se establece:
a) Cando o tipo de beneficiario sexa propietario particular de forma individual priorizarase de acordo cos seguintes criterios:
1º. Situación da actuación para apoiar medidas de erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus.
2º. Actuacións que se vaian realizar en montes en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas autóctonas.
3º. Actuacións que se vaian realizar en montes inscritos no Rexistro de Montes Ordenados ou que fose solicitada a aprobación do instrumento de ordenación ou xestión forestal.
4º. Maior número de parcelas para as cales se solicitou a axuda que estean inscritas no Rexistro da Propiedade.
5º. No caso de empate, por maior superficie de actuación.
6º. No caso de seguir co empate, por maior investimento nas actuacións.
b) Cando o tipo de beneficiario sexa Sofor, sociedades e agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas, cooperativas agrícolas, proindivisos, montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, comunidades de bens ou outras persoas xurídicas (S.A., S.L. ...), priorizarase segundo os seguintes criterios:
1º. Situación da actuación para apoiar medidas de erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus.
2º. Actuacións que se vaian realizar en montes en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas.
3º. Actuacións que se vaian realizar en montes inscritos no Rexistro de Montes Ordenados ou que fose solicitada a aprobación do instrumento de ordenación ou xestión forestal.
4º. Solicitudes que sumen un maior número de propietarios.
5º. No caso de seguir empatados, por maior superficie de actuación.
c) Cando o tipo de beneficiario sexan CMVMC, priorizarase segundo os seguintes criterios:
1º. Situación da actuación para apoiar medidas de erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus.
2º. Actuacións que se vaian realizar en montes en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas.
3º. Actuacións que se vaian realizar en montes inscritos no Rexistro de Montes Ordenados ou que fose solicitada a aprobación do instrumento de ordenación ou xestión forestal.
4º. Porcentaxe de reinvestimento nas melloras do monte no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda.
5º. Maior superficie de actuación.
6º. Maior número de comuneiros.
7º. No caso de seguir empatados, por maior superficie clasificada do monte.
Artigo 13. Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A persoa solicitante fará constar na solicitude de axuda (anexo I) se a superficie de actuación comprende zonas incluídas na Rede Natura 2000, zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se está afectada pola normativa de patrimonio cultural de Galicia, conforme o Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, así como calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materias distintas da forestal. As ditas afeccións están reflectidas no visor que figura no enderezo electrónico http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/
O solicitante, de acordo coa letra c.5) do artigo 15, deberá presentar, xunto coa solicitude de axuda (anexo I), as ditas autorizacións/informes dos órganos competentes por razón da materia ou, na súa falta, a solicitude das correspondentes autorizacións/informes presentadas perante os órganos competentes, de acordo co que establece o punto 3, letra d) deste artigo. No caso de que a dita autorización/informe xa constase en poder da Administración deberá indicalo no impreso de solicitude da axuda. No caso de que algunha das autorizacións/informes sexa desfavorable ou non se atope en poder da Subdirección Xeral de Recursos Forestais no momento en que o xefe territorial de cada provincia propoña a relación de solicitudes que cumpren os requisitos da convocatoria, a solicitude declararase decaída no seu dereito a trámite.
3. Deberán presentar a solicitude correctamente cuberta conforme o anexo I, xunto co resto de anexos, se for necesario. Os datos da solicitude que se citan a seguir considéranse o mínimo imprescindible para a súa tramitación, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude ou á súa revogación, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan. Estes datos son:
a) Datos da persoa solicitante (nome, apelidos, NIF e enderezo completo).
b) En todos os casos, correo electrónico ou teléfono móbil.
c) Datos do tipo de solicitante.
d) Autorizacións/Informes dos órganos competentes indicados no número 2 (incluída a solicitude de avaliación de impacto ambiental, se for o caso) ou, na súa falta, a solicitude das correspondentes autorizacións/informes perante os órganos competentes, reflectidas no visor que figura no enderezo electrónico http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/
e) Tres ofertas de diferentes provedores, nas cales debe constar como mínimo: sinatura, NIF, número do Resfor, nome e enderezo da empresa ofertante ou da persoa que asine; o nome ou razón social da persoa solicitante da axuda; a data de expedición; os conceptos ofertados e o seu importe.
f) Número de expediente dixital da adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal da totalidade do monte, excepto no caso de instrumentos de ordenación ou xestión forestal inscritos no Rexistro de Montes Ordenados ou solicitada a súa aprobación.
4. Soamente se poderá presentar unha solicitude por titular e ano e para os terreos que se encontren nun mesmo concello, agás no caso de que un titular teña terreos en dúas ou máis agrupacións forestais, nas cales o 50 % dos seus membros deberá ser distinto. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberase presentar unha solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos.
5. Toda a información para a presentación de solicitudes está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos. Tamén se poderá acceder a través da oficina agraria virtual (OAV) dispoñible no enderezo https://mediorural.xunta.gal/gl/oficina-virtual-do-medio-rural
6. A presentación da solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución favorable á petición.
Artigo 14. Prazos
1. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 20 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.
Artigo 15. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación xeral:
a.1) No caso do representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:
A. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna:
1. Poder notarial.
2. Representación legal, debendo presentar a autorización asinada (persoas físicas), ou copia de escrituras ou poderes onde se acredite a representación legal (persoas xurídicas).
B. Mediante declaración en comparecencia persoal do interesado (poder apud acta):
Realizará o levantamento de acta un funcionario público dunha oficina de asistencia en materia de rexistros, e deixará constancia de que a partir dese momento un suxeito actuará como representante doutro, apartarase desde ese momento a persoa representada do procedemento e dirixiranse as seguintes actuacións ao representante.
C. Mentres non entre en vigor o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos, declaración responsable asinada electronicamente polo solicitante e a persoa a que se lle outorga a representación, en que se deixe constancia de que a partir dese momento un suxeito actúa en nome e representación doutro suxeito.
a.2) Acreditación da propiedade:
A propiedade acreditarase no caso das CMVMC, mediante declaración responsable e de acordo cos datos que figuren no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.
No caso de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, mediante declaración responsable e de acordo cos datos que figuren no Rexistro de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo.
No caso de Sofor, mediante declaración responsable e de acordo cos datos que figuren no Rexistro de Sofor (Rsofor).
No caso de propietarios particulares de xeito individual, mediante algún dos seguintes documentos: escritura pública ou privada (en que se inclúa a relación catastral das parcelas e permita xustificar a propiedade ou outro dereito adquirido), contrato de xestión, inscrición rexistral dos predios, certificación catastral; fichas catastrais (nominais), xustificante do pagamento do IBI, ou coa inscrición como titular dunha explotación agraria no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia así como dos predios sobre os que se solicita a axuda.
No caso de proindivisos, proindivisos legalmente constituídos, asociacións e agrupación de propietarios legalmente constituída, excepto SAT e cooperativas, mediante unha copia do documento que acredite a propiedade dos terreos (só para os efectos desta orde).
No caso de agrupacións de propietarios legalmente constituídas (SAT ou cooperativas), mediante certificado do responsable do Rexistro de SAT e do responsable do Rexistro das Cooperativas de Galicia.
No caso de titulares non propietarios do terreo, copia do contrato de arrendamento ou de xestión cunha duración equivalente, polo menos, ao período de compromiso da axuda.
a.3) As CMVMC, as sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, cooperativas agrícolas, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío, de fabeo, comunidades de bens, outras persoas xurídicas e os propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación igual ou superior a 10 hectáreas deberán presentar un proxecto (en formato PDF ou similar, e coa cartografía en soporte dixital en formato vectorial), de acordo co establecido no artigo 9, asinado con certificado dixital por unha persoa titulada en Enxeñaría de Montes ou Enxeñaría Técnica Forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal, e co nomeamento do director de obra.
a.4) En todos os casos o solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, en que figurarán detalladas as actuacións que se van realizar (desagregación de todas as actuacións polas que se solicita axuda por custos unitarios de unidades de obra, incluído o cartel publicitario, se for o caso). A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable, e non se admitirán as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas nin coa persoa solicitante da axuda, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Estas ofertas deberán estar asinadas e incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da persoa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Así mesmo, as empresas e persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor). Por outra banda, non poderá haber vinculación entre o solicitante da axuda e calquera dos ofertantes e, en referencia ao artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas co dito beneficiario. Para estes efectos, consideraranse persoas ou entidades vinculadas aquelas que se atopen nalgún dos casos establecidos no artigo 18 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.
a.5) Número de expediente dixital da adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal da totalidade do monte, excepto no caso de instrumentos de ordenación ou xestión forestal inscritos no Rexistro de Montes Ordenados ou solicitada a súa aprobación.
a.6) Declaración responsable da clasificación urbanística das parcelas para as que se solicita a axuda e localización nos planos do plan xeral de ordenación municipal (PXOM) das ditas parcelas ou nas normas subsidiarias ou no Plan básico autonómico da Xunta de Galicia (PBA). No caso dunha afección distinta da forestal (Camiño de Santiago, patrimonio, dominio público hidráulico, etc.) farase constar tamén nesta declaración responsable.
b) Documentación específica:
b.1) As asociacións ou agrupacións formalmente constituídas inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia presentarán o anexo II ou acordo de cesión asinado por todos e cada un dos compoñentes da agrupación. A asociación ou agrupación deberá estar inscrita no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia na data do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda.
b.2) Os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos e montes de varas, fabeo, de vocerío, de voces, abertais e comunidades de bens presentarán asinado o anexo III ou acordo de compromisos e obrigas por todos os seus compoñentes, e deberán presentar a acreditación da persoa física que os representa.
b.3) No caso de propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación inferior a 10 hectáreas, documento descritivo das actuacións ou anexo IV.
c) Documentación complementaria:
c.1) No caso de CMVMC: certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, co visto e prace do presidente, conforme autoriza que o presidente da CMVMC solicite axudas á Consellería do Medio Rural para a execución das accións obxecto da solicitude.
c.2) No caso de cooperativas agrarias: certificado do responsable do rexistro conforme se atopa inscrita e anexo V debidamente cuberto.
c.3) No caso doutras entidades xurídicas (asociacións, agrupacións, Sofor, etc.): certificado do responsable do rexistro conforme se atopa inscrita e anexo V debidamente cuberto.
c.4) No caso de propietarios particulares, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, de cooperativa agrícola, do proindiviso (copropietarios), proindiviso legalmente constituído e de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou de comunidades de bens que teñan parcelas inscritas no rexistro da propiedade, e unicamente para os efectos de desempate na puntuación da orde de prioridade, deberán presentar copia de documento que acredite as parcelas inscritas no Rexistro da Propiedade.
c.5) Solicitude ou autorizacións/informes dos órganos competentes indicados no artigo 13, número 2 (incluída solicitude de avaliación de impacto ambiental, se for o caso):
c.5.1) Solicitude ou autorización/informe do órgano competente indicando que os traballos obxecto de solicitude de axuda teñen actuacións en zona clasificada como Rede Natura 2000 ou, na súa falta a solicitude das correspondentes autorizacións/informes perante o devandito órgano competente.
c.5.2) Solicitude ou autorización/informe do órgano competente indicando que a superficie obxecto de solicitude de axuda comprende zona de protección lateral do Camiño de Santiago ou, na súa falta, a solicitude das correspondentes autorizacións/informes perante o devandito órgano competente.
c.5.3) Solicitude ou autorización/informe do órgano competente indicando que a superficie obxecto de solicitude de axuda afectada pola normativa de patrimonio cultural de Galicia conforme o Decreto 232/2008, do 2 de outubro, e calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materias distintas da forestal ou, na súa falta, a solicitude das correspondentes autorizacións/informes perante o devandito órgano competente.
c.5.4) Solicitude ou autorización/informe do órgano competente indicando que os traballos obxecto de solicitude de axuda precisan avaliación de impacto ambiental ou, na súa falta, a solicitude das correspondentes autorizacións/informes perante o devandito órgano competente.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Nos supostos de imposibilidade material de obter algún dos anteriores documentos, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
Artigo 16. Trámites posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 17. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).
d) DNI/NIE da persoa cesionaria (se for o caso).
e) NIF da entidade cesionaria (se for o caso).
f) DNI/NIE da persoa representante da persoa cesionaria (se for o caso).
g) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.
h) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT) a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.
i) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.
j) Estar inhabilitada a persoa solicitante para obter subvencións públicas.
k) Ter recibido a persoa solicitante axudas pola regra de minimis.
l) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e VI, e VII (se for o caso), e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 18. Tramitación
1. Os órganos competentes para tramitar esta orde de axudas son a subdirección xeral e os servizos provinciais responsables dos recursos forestais.
2. As solicitudes presentadas enviaranse, revisaranse e codificaranse nos servizos provinciais de Montes. As solicitudes en que non figuren os datos obrigatorios establecidos no artigo 13 desta orde non serán admitidas a trámite.
3. Os servizos provinciais responsables dos recursos forestais examinarán as solicitudes presentadas e requiriran os solicitantes para que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, as emenden, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Neste requirimento indicarase ademais que, se non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Os servizos provinciais responsables dos recursos forestais analizarán a documentación presentada coa solicitude. No caso de discrepancia entre a solicitude/declaración xurada e a documentación acreditativa dos criterios obxecto da priorización na axuda, dado que se trata dun procedemento por concorrencia competitiva que afecta terceiros, a solicitude declararase decaída no seu dereito a trámite.
En caso de que o proxecto sexa de cantidade económica superior ao estimado na solicitude, prevalecerá a contía reflectida na solicitude.
5. Unha vez tramitadas as solicitudes, a persoa titular da xefatura territorial de cada provincia proporá a relación de solicitudes que cumpren os requisitos da convocatoria e as que non os cumpren ou non se axustan, indicará a súa causa de incumprimento e remitiraa á subdirección xeral responsable dos recursos forestais.
6. Posteriormente, a subdirección xeral responsable dos recursos forestais emitirá un informe onde se reflictan os criterios de priorización, as solicitudes que, de acordo coa clasificación realizada atendendo a estes criterios, cubrisen a dispoñibilidade orzamentaria, e formulará a proposta de resolución que, de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, resolverá a persoa titular da dirección xeral responsable da planificación e ordenación forestal por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.
7. A aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de non se ditar resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da mesma Lei 39/2015.
9. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.
b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.
Artigo 19. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos, agás as que se refiren no número 6, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. Malia o establecido nos anteriores números, as notificacións das resolucións de aprobación e denegación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpolos. Tamén figurará a puntuación de todas as solicitudes que entran no procedemento de concorrencia competitiva. Por outra banda, tamén figurará unha lista de todos os expedientes aprobados que non teñan a autorización ou informe sectorial de afeccións distinta da forestal aos cales se lles dará un prazo de 3 meses, contados desde a resolución de aprobación, para a súa presentación. No caso de que a autorización ou informe sexa desfavorable ou sexa entregado fóra do prazo dado, procederase á tramitación do correspondente expediente de perda do dereito ao cobramento da axuda.
7. Na notificación de concesión da axuda informaranse os beneficiarios de que a operación se financia en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, así como da medida e da prioridade do PDR de que se trata.
Artigo 20. Inspeccións previas
Funcionarios da Consellería do Medio Rural realizarán unha inspección no campo para verificar as superficies polas que se solicita axuda, comprobar os datos da solicitude, a viabilidade dos traballos e súa compatibilidade co Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga). Esta inspección realizarase antes da resolución de aprobación. Unha diferenza superior ao 30 % entre os datos achegados coa solicitude/documentación acreditativa e as comprobacións que resulten na inspección de campo implicará a denegación da axuda. Será remitida, só no caso de minoración ou denegación, desde os servizos provinciais responsables dos recursos forestais copia da inspección aos solicitantes das axudas.
Artigo 21. Execución dos traballos
1. O prazo para executar e xustificar as axudas concedidas nesta orde remata o 15 de marzo de 2022, para propietarios particulares de xeito individual, Sofor, sociedades e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, proindivisos, comunidades de bens e outras persoas xurídicas (S.A., S.L. ...) e o 15 de abril de 2022 para CMVMC.
2. O custo de execución dos traballos subvencionados non pode ser superior ao valor de mercado.
3. A axuda definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dúas persoas funcionarias da Consellería do Medio Rural, unha delas distinta das que realizaron a inspección previa.
Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas, sempre que se acade o mínimo de actuación exixible para obter a axuda. Tamén nesa comprobación final se verificará que as actuacións realizadas son compatibles co Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).
4. De acordo co artigo 63 do Regulamento de execución 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, os pagamentos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante os controis administrativos realizados por persoal da Consellería do Medio Rural, que examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes admisibles. Ademais, fixará:
a) O importe que se deberá pagar ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión.
b) O importe que se deberá pagar ao beneficiario tras o exame da admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.
Se o importe fixado segundo a letra a) supera o importe fixado segundo a letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción administrativa ao importe fixado segundo a letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.
Porén, non se aplicarán sancións cando o beneficiario poida demostrar, a satisfacción da autoridade competente, que non é responsable da inclusión do importe non admisible, ou cando a autoridade competente adquira doutro modo a convicción de que o beneficiario non é responsable diso.
5. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder a ampliación do prazo de execución establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como mínimo, dous meses antes de que acabe o prazo de execución. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso. Os servizos provinciais responsables dos recursos forestais proporán as anteditas ampliacións á persoa titular da subdirección xeral responsable dos recursos forestais, que elevará a proposta á persoa titular da dirección xeral responsable da planificación e ordenación forestal para a súa aprobación con base nas funcións delegadas polo conselleiro responsable do medio rural para resolver.
6. Transcorrido o prazo establecido de execución sen ter presentado a xustificación dos traballos subvencionados a que se fai referencia no artigo 21.1, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días hábiles. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.
7. Así mesmo, no caso de ter presentado a xustificación dos traballos subvencionados, se a persoa beneficiaria fose requirida para presentar documentación adicional e non achegase esa documentación no prazo establecido no requirimento perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.
8. Ata dous meses antes da data de remate dos traballos, poderase solicitar unha modificación da resolución de aprobación para reducir a superficie e/ou traballos obxecto de axuda pola aparición de circunstancias técnicas non detectadas nin na redacción do proxecto. A dita modificación, que poderá aprobarse logo de informe favorable do Servizo Provincial de Montes, non poderá superar en ningún caso a superficie de actuación inicialmente aprobada. Para tramitar a solicitude de modificación da resolución de aprobación deberá estar asinada polo beneficiario da axuda, explicar os motivos da dita solicitude e deberá entregar un ficheiro shapefile coa nova superficie proposta, que poderá incluír parcelas Sixpac novas. No caso de non contestación á solicitude de modificación, entenderase aprobada.
Artigo 22. Xustificación dos traballos subvencionables
1. A data límite de xustificación dos traballos é a establecida no artigo 21.1, e só serán subvencionables os investimentos que se realicen e dos cales se xustifique o seu gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) con posterioridade á data da inspección previa a que se refire o artigo 20, e como límite na data de comunicación do remate dos traballos. Polo tanto, as facturas e os xustificantes de pagamento deberán ter datas entre o día seguinte ao da inspección previa e como límite o da data de notificación de remate dos traballos, sempre que se presentasen en prazo.
2. Malia o anterior, no caso de que a persoa beneficiaria da axuda se acolla á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 3 do artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor das persoas cesionarias, presentada de acordo coa letra h) do punto 3 deste artigo.
3. Xunto coa notificación de remate dos traballos (solicitude de pagamento, anexo VI), achegarase a seguinte documentación:
a) Xustificantes de gasto (facturas) e pagamento. As instrucións para a presentación dos xustificantes de gasto e de pagamento indícanse no anexo XIV. Nos xustificantes de gasto deberá figurar o número de rexistro do Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).
b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos coas unidades desagregadas por parcelas e traballos como na resolución de aprobación.
c) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:
i) Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas por código de parcela, de acordo coa desagregación dos traballos aprobados na resolución de concesión vixente. No caso dos propietarios particulares de xeito individual cuxa superficie de actuación sexa igual ou superior a 10 hectáreas, das CMVMC, das sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, das cooperativas agrícolas, dos proindivisos, dos proindivisos legalmente constituídos dos de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío, de fabeo, das comunidades de bens e doutras persoas xurídicas, a acreditación deberá estar asinada por unha persoa titulada en Enxeñaría de Montes ou Enxeñaría Técnica Forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal.
ii) Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os valores máximos das unidades de obra previstos no anexo X.
iii) Un detalle doutros ingresos ou axudas que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia e co balance final do proxecto (ingresos e gastos), en que deberá figurar a sinatura do solicitante ou representante da axuda.
d) Arquivo gráfico (medición con GPS) en formato dixital SHP ou similar coa superficie afectada polos traballos subvencionados, coas mesmas características que o ficheiro que figura no anexo XIII.
e) Respecto do material forestal de reprodución empregado:
i) Etiquetaxe e documento provedor expedido polo ente provedor de material forestal de reprodución consonte o Real decreto 289/2003, do 7 de marzo, sobre comercialización dos materiais forestais de reprodución, e a súa modificación recollida no Real decreto 1220/2011, do 5 de setembro.
ii) Declaración responsable dos entes provedores de material forestal de reprodución que teñan expedidos os ditos documentos provedores, en que certifiquen que o dito material forestal de reprodución cumpre cos requirimentos establecidos polo Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución, en materia de calidade exterior.
iii) Pasaporte fitosanitario do material forestal de reprodución consonte a lexislación vixente en materia de sanidade vexetal.
f) Certificado final de obra emitido polo director de obra, excepto no caso de propietarios particulares de xeito individual con superficie de actuación inferior a 10 hectáreas, en que figure unha relación valorada dos traballos executados.
g) Só no caso de CMVMC, xustificación do cumprimento da obriga de comunicación establecida no artigo 125.7 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, tendo en conta que as cotas mínimas de reinvestimento das CMVMC serán do 40 % de todos os ingresos xerados.
h) No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda cun terceiro:
i) Comunicación do dereito de cobramento, conforme o modelo que figura no anexo VII desta orde. No caso de que o cesionario do dereito de cobramento sexa unha CMVMC, o devandito anexo asinarao o presidente da CMVMC en nome da comunidade, pero deberá constar o certificado do secretario da comunidade en que indique que a asemblea xeral autorizou, expresamente, o presidente para asinar a dita cesión de cobramento.
ii) Copia do documento público ou privado no cal se formalizou a cesión. No caso de documento privado, este deberá estar asinado electronicamente. No caso de documento público, xustificación da liquidación do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITPAXD).
iii) Copia do DNI/NIF/NIE en vigor da persoa cesionaria, só no caso de denegar expresamente a súa verificación.
iiii) Copia do NIF en vigor da entidade cesionaria, excepto autorización para a súa obtención á Administración.
Artigo 23. Revogacións e reintegros
1. A axuda reintegrarase, se for o caso, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos:
a) Se se dá algunha das causas de reintegro sinaladas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.
c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
d) Execución de menos do 80 % do importe aprobado, unha vez realizada a certificación final, sen autorización ou causa xustificada excepcional ou de forza maior. Para estes efectos considéranse causas excepcionais ou de forza maior o falecemento da persoa beneficiaria, a incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria, unha catástrofe grave que afectase gravemente a explotación forestal, unha enfermidade vexetal que afectase unha parte ou a totalidade da masa arbórea da persoa beneficiaria, ou a expropiación da totalidade ou dunha parte importante da explotación forestal, se esta expropiación non era previsible o día en que se presentou a solicitude.
e) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente ou, se é o caso, da prórroga concedida.
f) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.
g) Incumprimento do ditado en calquera dos artigos desta orde que implique obrigas por parte do beneficiario.
Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora, que se calcularán conforme a normativa vixente, en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non se poderá fixar en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución, sen prexuízo das responsabilidades que procedesen.
Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de axuda de que se trate quedará excluído da axuda do Feader e recupéranse todos os importes que fosen aboados polo dito expediente. Ademais, o beneficiario quedará excluído destas axudas durante o ano natural en que se detectou a irregularidade e durante o ano natural seguinte.
Os beneficiarios desta convocatoria de axudas que non executen as accións previstas, salvo renuncia do beneficiario por forza maior, quedarán excluídos das próximas dúas convocatorias de axuda.
h) Así mesmo, se no caso de que nos controis administrativos sobre a solicitude de pagamento, controis sobre o terreo e a posteriori nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda se verifica que non se cumpren as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes e non se acada a puntuación mínima exixida para esa aprobación, suporá un incumprimento dos compromisos da aprobación e igualmente terá como consecuencia a perda do dereito ou o reintegro da axuda.
2. Naqueles supostos en que o importe das subvencións recibidas polo beneficiario exceda os custos da actividade, solicitarase a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade.
3. No caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, de ser o caso, os xuros conforme o disposto no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xuño. Os xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario, indicado na orde de recuperación, que non poderá superar os 60 días, e a data de reembolso ou dedución.
Artigo 24. Controis
1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.
2. O beneficiario e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso, comprométense a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a Consellería do Medio Rural, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvenciones e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás instancias comunitarias de control derivadas da aplicación dos regulamentos de execución (UE) nº 808/2014 e 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, e nº 1242/2017 da Comisión, do 10 de xullo, que modifica o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014.
3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen que antes se realizasen os controis establecidos no punto 4 deste artigo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas nos regulamentos de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, e 1242/2017 da Comisión, do 10 de xullo.
4. A Consellería do Medio Rural, ao abeiro do establecido nos anteriores regulamentos e demais normativa, realizará controis administrativos a todas as solicitudes de axuda e de pagamento con respecto a todos os aspectos que sexa posible controlar en relación coa admisibilidade da solicitude. Respecto dos controis sobre o terreo, realizaranse antes do pagamento final, e seleccionaranse sobre unha mostra que representará como mínimo o 5 % dos gastos, mencionados no artigo 46 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, cofinanciados polo Feader e que se reclaman ao organismo pagador cada ano natural. Ademais tamén se realizarán, se for o caso, controis a posteriori, dada a posibilidade de realizar actividades de investimento.
5. Respecto das ofertas presentadas a que se fai referencia no artigo 13, e de acordo co artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os provedores desas ofertas estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida e, sobre todo, a necesaria para verificar a posible vinculación entre eses provedores.
Artigo 25. Financiamento
1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2021 e 2022, con cargo ao código de proxecto 14.03.713B.770.0.2016 00207, por un importe de 7.750.000 € (2.000.000 € no ano 2021 e 5.750.000 € no ano 2022).
2. Esta orde tramítase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.
3. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. A Consellería do Medio Rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:
a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.
4. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.
Artigo 26. Infraccións e sancións
En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade; no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento de execución (UE) nº 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo, que modifica o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014.
Artigo 27. Alteración de condicións
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 28. Obrigas
1. O beneficiario da axuda e o solicitante está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos de control da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e as instancias de control comunitarias no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, e a levar un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta orde, onde se constatará o investimento efectivamente pagado antes do remate do prazo de execución.
2. O beneficiario está obrigado a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.
3. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicarllo inmediatamente á consellería competente en materia de cultura, de conformidade coa Lei 5/2016, do 4 de maio, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia.
4. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago serán comunicadas polo solicitante á consellería competente en materia de cultura, co obxecto de contar coa súa autorización previa, de conformidade coa Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
5. A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.
6. Durante cinco anos, contados a partir do ano seguinte ao da comunicación do remate dos traballos, realizarase obrigatoriamente, como mínimo, o control da vexetación de competencia e a reposición de faltas e, no caso de que o estado da forestación o requira:
a) Podas de formación e de calidade.
b) Fertilización cando o estado da planta o demande.
c) Mantemento das infraestruturas da forestación.
Artigo 29. Medidas informativas e publicitarias
1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader.
2. O beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, pola que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a súa posterior modificación mediante o Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, do 28 de abril, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento.
Así en todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:
a) O emblema da Unión.
b) Unha referencia á axuda do Feader.
Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:
a) Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando se poida establecer un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.
b) No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 euros, colocando ao menos un panel ou unha placa con información sobre o proxecto e cos requisitos especificados no anexo XII, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar ben visible para o público, así como a bandeira europea e o lema Feader: Europa inviste no rural.
c) No caso de que a persoa solicitante se beneficie dunha axuda pública total superior a 500.000 euros, deberá colocar, nun lugar visible para o público, un cartel temporal de tamaño significativo relativo ás operacións financiadas, cos requisitos especificados no anexo XII. Posteriormente, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente, cos requisitos especificados no anexo XII, de tamaño significativo no prazo de tres meses a partir da conclusión da operación financiada. Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación, e os elementos (bandeira europea e lema Feader) ocuparán como mínimo o 25 % do cartel, placa ou páxina web.
Artigo 30. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Disposición adicional primeira
A concesión e pagamento destas axudas está condicionada á aprobación polos servizos da Comisión Europea da sexta modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2014-2020, e ás posibles observacións e modificacións derivadas diso.
Disposición adicional segunda
As axudas concedidas nesta orde son incompatibles coas axudas para o cesamento anticipado da actividade agraria e con calquera outra axuda sobre a mesma superficie.
Disposición adicional terceira
No non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013, no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, no Regulamento de execución (UE) nº 809/20014, no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2017, no Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, teranse en conta as circulares de coordinación ditadas polo Fondo Español de Garantía Agraria 18/2019, relativas ao Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado de xestión e control, (https://www.fega.es/es/ayudas-directas-y-desarrollo-rural/control-de-medidas-desarrollo-rural/circulares-de-coordinacion-de-desarrollo-rural/node-50759 e 32/2017, que establece os criterios xerais para a aplicación de reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado de xestión e control do período 2014-2020 (https://www.fega.es/sites/default/files/CIRCULAR_32-2017_CRITERIOS_APLICACION_PENALIZACIONES_NO_SIG.pdf).
Disposición derradeira primeira
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2020
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural