Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 2 de febreiro de 2021 Páx. 6748

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

CÉDULA do 15 de xaneiro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se notifica a resolución sobre a necesidade de declaración de utilidade pública e interese social, en concreto, e sobre a necesidade de ocupación dunha parcela na concesión de explotación Rodeiro número 5208.1 no termo municipal de Amoeiro (Ourense).

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 de la Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, artigo 21.3 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa e o artigo 20 do Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa, notificase á César Dávila Meilán co último enderezo coñecido en Vigo-Pontevedra como interesado, a resolución sobre a necesidade de declaración de utilidade pública e interese social, en concreto, e sobre a necesidade de ocupación dunha parcela na concesión de explotación Rodeiro nº 5208.1 no termo municipal de Amoeiro provincia de Ourense.

Que di o que sigue:

«Examinado o expediente da solicitude para a necesidade de utilidade pública e interese social e sobre a necesidade de ocupación dunha parcela na explotación Rodeiro nº 5208.1, situada no termo municipal de Amoeiro, na provincia de Ourense, resultan os seguintes:

Feitos

Primeiro. O 9 de outubro de 2017, mediante resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outórgase á mercantil Granitos Milagros, S.L. a concesión de explotación denominada Rodeiro nº 5208.1 para a obtención de granito ornamental, dereito mineiro pertencente á sección C) por un período de trinta anos e para 4 cuadrículas, no termo municipal de Amoeiro na provincia de Ourense.

Segundo. O predio 322-C, situado dentro da concesión de explotación, resultou da execución de segregación da parcela 322, ordenada por Auto do 21 de xuño de 2011, do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ourense, na que se acorda que César Dávila Meilán ten dereito a facerse co 40 % dela logo do pagamento do correspondente importe.

Terceiro. Mediante escritura de segregación e compravenda do 23 de xaneiro de 2014, Juan José Dávila Fernández, en representación de César Dávila Meilán, adquire o 40 % indiviso da parcela 322-C segregada e cunha extensión de 5.870 m2 por un importe de 5.040 euros. Pertence á sociedade Granitos Milagros o 60 % indiviso da devandita parcela 332-C.

Cuarto. Unha vez realizada a segregación, a empresa Granitos Milagros, S.L. está pendente de resolución de procedemento xudicial iniciado por César Dávila Meilán ante o Xulgado de Primeira Instancia de Caldas de Reis e que finaliza por Auto da Audiencia Provincial de Pontevedra (Auto 234/2017) a favor da entidade mercantil en decembro de 2017.

Quinta. O 22 de maio de 2018, Ana Isabel López Fontenla, en calidade de administradora solidaria da sociedade Granitos Milagros, S.L. solicita o inicio do trámite de expropiación da parcela 322-C, resultado da segregación do predio matriz 322 do polígono 52, con referencia catastral 320003A0520032220000YZ, da cal son titulares a antedita mercantil nun 60 por cento a César Dávila Meilán nun 40 por cento, perante a imposibilidade de chegar a un acordo con este último e debido á necesidade de continuar cos labores mineiros na concesión de explotación de referencia, presentado para tal fin a seguinte documentación:

• Título do dereito mineiros.

• Escritura de segregación e compravenda da parcela 322-C.

• Burofaxes dirixidos a César Dávila Meilán expresando o interese da mercantil Granitos Milagros, S.L. para adquirir a cota da referida parcela, do 9.2.2018 e do 13.3.2018.

Na mesma solicitude preséntase o obxecto dela, a identificación do titular do dereito mineiro con determinación da delimitación da concesión outorgada, así como da superficie de explotación autorizada. Así mesmo, xúntase unha descrición e características do ben obxecto de expropiación, así como a súa representación gráfica, superficie que se vai expropiar e identificación do titular, así como xustificación da declaración de utilidade publica e da necesidade de ocupación da parcela de referencia.

Sexto. O 8 de outubro de 2018, Ana Isabel López Fontenla, en calidade de administradora solidaria da mercantil Granitos Milagros, S.L. solicita que o trámite de expropiación solicitado o 22 de maio de 2018 sexa considerado como urxente.

Sétimo. O 29 de outubro de 2018, concédese audiencia por un prazo de 15 días a César Dávila Meilán para que poida alegar e presentar os documentos e xustificacións que considere oportunos en relación coa solicitude de urxente expropiación da súa parte (40 %) da parcela anteriormente descrita.

Oitavo. O 8 de novembro de 2018, detectado un erro na comunicación anterior a César Dávila Meilán, concédese un novo prazo de audiencia por espazo de 15 días.

Noveno. O 2 de novembro de 2018, publícase no diario La Voz de Galicia o Acordo do 24 de outubro de 2018, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Ourense, polo que se somete a información pública a solicitude formulada por Ana Isabel López Fontenla, en nome e representación da mercantil Granitos Milagros, S.L., para a urxente expropiación forzosa dos bens necesarios para continuar cos labores da concesión de explotación mineira Rodeiro, no concello de Amoeiro. Por outra banda, o 26 de novembro de 2018 publícase o dito acordo no Boletín Oficial da provincia de Ourense e o mesmo día no Diario Oficial de Galicia.

Décimo. O 13 de decembro de 2018 recíbese na Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Ourense a certificación da publicación no taboleiro de anuncios do concello de Amoeiro entre o 8 de novembro de 2018 e o 10 de decembro de 2018.

Décimo primeiro. Unha vez emitido informe do técnico actuario e xunto coa documentación completa e ordenada do expediente, o 6 de novembro de 2019 remitiuse á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, para que se continuase o trámite procedente.

Décimo segundo. O 22 de xaneiro de 2020, a Dirección Xeral procede á devolución do expediente e a documentación achegada, coa indicación de que segundo o informe do 12 de maio de 2016, da Asesoría Xurídica de Enerxía, Minas e Comercio, non procede a urxente ocupación polo que deberá continuarse coa tramitación do procedemento de expropiación pola vía ordinaria.

Consideracións legais e técnicas

Primeira. De acordo co disposto no artigo 66 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2018), en diante, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, segundo o disposto no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, na disposición adicional segunda e disposicións transitoria segunda (DOG núm. 190, do 18.9.2020) seguen en vigor as delegacións de competencias e corresponde ás xefaturas territoriais a instrución dos procedementos e a elaboración das propostas de resolución relativa aos dereitos mineiros.

Segunda. No que respecta á declaración de utilidade pública e interese social e a necesidade de ocupación do procedemento expropiatorio pola vía ordinaria, solicitada por un titular de dereito mineiro pertencente á sección C), a competencia atribúese ao titular da consellería competente en materia de minas consonte o disposto no artigo 16.1 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, competencia delegada na persoal titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais de acordo coa delegación de competencias fixada polo artigo 2 da Orde do 10 de xuño de 2016 e ratificada na disposición adicional segunda do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, sobre delegación de competencias en diversos órganos desta concellería (DOG núm. 190, publicado o 17.9.2020).

Terceira. A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia indica no artigo 21 as condicións especiais para a declaración da utilidade pública ou interese social, en concreto, e a necesidade de ocupación. Establécese no punto 1 o seguinte: “naqueles casos en que a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, ou norma que a substitúa, declara implícita a utilidade pública no outorgamento do dereito mineiro, a persoa promotora deste poderá solicitar a declaración da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para o inicio do proxecto, sen prexuízo da posibilidade de futuros expedientes expropiatorios para o desenvolvementos da totalidade do proxecto. Para o anterior, deberá presentarse, xunto coa documentación recollida no artigo 18, unha relación concreta e individualizada, na que se describan, en todos os aspectos, material e xurídico, os bens ou dereitos que se estime de necesaria ocupación.

Cuarta. A Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, recolle no artigo 105, punto 1, que a declaración de utilidade publica considerase implícita ao outorgamento dunha concesión de explotación: “O titular legal dunha concesión de explotación, así como o adxudicatario dunha zona de reserva definitiva, terás dereito á expropiación forzosa ou ocupación temporal dos terreos que sexan necesarios para o emprazamento dos traballos, instalacións e servizos. 2. O outorgamento dunha concesión de explotación e a declaración dunha zona de reserva definitiva levarán implícita a declaración de utilidade pública, así como a inclusión das mesmas no suposto do punto dous do artigo 108 da Lei de expropiación forzosa (...)”.

Quinta. Deberá quedar xustificada a necesidade da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación como establece o artigo 105.3 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas: “A aprobación do proxecto e dos plans inicial e anuais a que se refiren os artigos 68 e 70 levará implícita a declaración da necesidade de ocupación, se se cumpren as condicións establecidas no número 2 do artigo 17 da Lei de expropiación forzosa”.

Sexta. A necesidade da mercantil Granitos Milagros, S.L., para obter a declaración de utilidade pública ou interese social e a necesidade de ocupación da devandita parcela queda xustificada nos plans de labores presentados pola empresa, que son aprobados, tras confrontación efectuada polo técnico actuario, que efectivamente determina a urxencia para ocupar o predio, para proceder ao axeitado aproveitamento do recurso, así como o desenvolvemento dos labores mineiros en seguridade, pois neste momento non resulta posible pola falta de espazo efectivo na execución dos traballos extractivos no banco, quedando xustificada descritiva e graficamente no actual Plan de labores para o ano 2020.

A explotación do recurso da sección C), para a obtención de granito ornamental, está baseada no proxecto de explotación presentado, e realízase basicamente polo método de avance por bancos escalonados descendentes. Isto implica que, para iniciar bancos a cotas inferiores, é preciso avanzar na explotación dos bancos superiores, deixando plataformas de traballo coas distancias mínimas o suficientemente seguras para o desenvolvemento dos traballos de explotación, manobras de maquinaria móbil mineira, posicionamento dos equipamentos de corte e arrinca con fío diamantado.

Sétima. A Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, recolle no seu título II do procedemento xeral, en concreto, no artigo 9 establece: “para proceder á expropiación forzosa será indispensable a previa declaración de utilidade pública ou interese social do fin a que teña de afectarse o obxecto expropiado”. No artigo 15 desta lei establécese o seguinte: “Declarada a utilidade pública ou interese social, a Administración resolverá sobre a necesidade concreta de ocupar os bens ou adquirir os dereitos que sexan estritamente indispensables para o fin da expropiación (...)”.

Oitava. O exposto na consideración anterior, reflicte a necesidade de ocupar o predio de 322-C para continuar coa explotación baixo un punto de vista da continuación dos labores en condicións de seguridade. Cómpre destacar que esta xefatura tamén ten en consideración o interese social, pois, ao non resultar posible acordo co propietario do 40 % do predio, que se acredita cos burofaxes achegados, para efectuar a venda suporía a paralización dos labores por tempo indefinido e levaría implícito a perda de postos de traballo, tanto na explotación como no serradoiro.

Novena. O exposto no segundo parágrafo do artigo 21.1 da Lei 3/2008, do 23 de maio, da minaría de Galicia, queda tamén reflectido no artigo 17 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, e estipula o seguinte: “(...) o beneficiario da expropiación estará obrigado a formular unha relación concreta e individualizada, na que se describan, en todos os aspectos, material e xurídico, os bens e dereitos que considere de necesaria expropiación (...)”. Neste sentido é preciso sinalar que o solicitante presenta a documentación que se expón no puntos cuarto dos antecedentes de feito.

Décimo. Segundo o artigo 18 da Lei de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa polo que se estipula que : “1. Recibida a documentación sinalada no artigo anterior, o gobernador civil abrirá información pública durante un prazo de quince días. 2. Cando se trate de expropiacions realizadas polo Estado, a dita relación haberá que publicala no Boletín Oficial del Estado e no da provincia respectiva e nun dos diarios de maior circulación da provincia, se o houbera, comunicándolles, ademais, aos concellos en cuxo termo radique a cousa que se vai expropiar para que a fixe no taboleiro de anuncios”. Realizados os trámites anteriores, consonte o descrito nos antecedentes de feito, non se recibiron alegacións.

Décimo primeiro. Atendendo ás instrucións da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 22 de xaneiro de 2020, para que se continúe coa tramitación do procedemento ordinario de expropiación forzosa, consérvanse os actos e trámites realizados consonte o artigo 51 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento común das administracións públicas: “O órgano que declare a nulidade ou anule as actuacións disporá sempre a conservación daqueles actos e trámites cuxo contido se mantivese igual de non terse cometido a infracción”.

Polo exposto,

Visto o expediente administrativo, de solicitude de expropiación forzosa do dereito mineiro Rodeiro nº 5208.1, e tendo en conta a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia (modificada por la Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia), a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, o Regulamento xeral para o réxime da minaría, do 25 de agosto de 1978, a Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e demais normativa de aplicación,

PROPONSE:

1. Declarar a utilidade pública, en concreto, da parcela 322-C resultado da segregación do predio matriz 322 do polígono 52, con referencia catastral 320003A0520032220000YZ, como requisito previo para a declaración da necesidade de ocupación, na concesión de explotación denominada Rodeiro nº 5208.1 en Amoeiro (Ourense). Deste predio, 322-C, son titulares a mercantil Granitos Milagros, S.L. nun 60 % e a César Dávila Meilán nun 40 %.

2. Resolver a necesidade de ocupación da parcela descrita no punto anterior, precisa para a continuidade dos labores de explotación da concesión de explotación referenciada, quedando delimitado o ben que se precisa expropiar á parcela propiedade de César Dávila Meilán nun 40 %.

3. Publicar a presente resolución de necesidade de ocupación, que inicia o trámite expropiatorio pola vía ordinaria e en igual forma que a prevista no artigo 18 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, así como notificar esta ás persoas interesadas no procedemento expropiatorio.

Pablo Fernández Vila

Xefe territorial

Vista a proposta de resolución que antecede, veño darlle a miña conformidade nos termos expostos elevándoa a resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da notificación da presente resolución, de acordo co disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben, recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes, contado desde a mesma data, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Santiago de Compostela,

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

P.D. (Orde do 10.6.2016; DOG núm. 131, do 12 de xullo)

Paula Uría Traba

Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais»

Contra o presente acordo de necesidade de ocupación o interesado poderá interpoñer recurso de alzada ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no prazo de dez días contado desde a presente publicación, consonte o artigo 22 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa e o artigo 21 do Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Ourense, 15 de xaneiro de 2021

Pablo Fernández Vila
Xefe territorial de Ourense