Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 2 de febreiro de 2021 Páx. 6670

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR353B).

BDNS (Identif.): 544215.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias da subvención: entidades promotoras

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, polas mancomunidades de concellos e polas entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2020 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos limítrofes da mesma provincia que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2020 deberá ser superior a 200 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos en que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Segundo. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego, cunha duración de 12 meses, dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (etapa de formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes programas de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Unha vez rematada esta primeira etapa de formación e aprendizaxe, a Consellería de Emprego e Igualdade promoverá a inserción laboral de todas as persoas participantes nos programas de emprego que rematen con resultado de apto/a, mediante unha futura convocatoria de incentivos á contratación por conta allea, durante un mínimo de 6 meses a xornada completa, en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR353B).

Cuarto. Importe

O importe total da convocatoria ascende a 7.057.092 euros e financiarase con cargo á aplicación 11.05.322A.460.2 (proxecto 2018 00017), correspondendo a cada unha das anualidades 2021 e 2022 un importe de 3.528.546 euros, respectivamente.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade