Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 3 de febreiro de 2021 Páx. 6831

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Resolución do 13 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas (200) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2021/22 nunha universidade galega (código de procedemento PR911A).

BDNS (Identif.): 546406.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3 b) e 20.8 a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas axudas os/as cidadáns/ás galegos/as residentes no estranxeiro cunha titulación universitaria de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de duascentas (200) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2021/22 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 13 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas (200) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2021/22 nunha universidade galega (código de procedemento PR911A).

Cuarto. Importe

Esta convocatoria terá carácter plurianual e para a concesión destas subvencións destinaranse os seguintes importes:

– 1.470.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.3 –bolsas excelencia mocidade exterior– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2021 e 2022, por importe de 750.000 € para a anualidade 2021 e 720.000 € para a anualidade 2022.

– 250.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.3 Fondo COVID-19 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2021.

A concesión destas subvencións quedará condicionada aos ditos límites orzamentarios.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de abril de 2021, ás 23.59 horas (hora peninsular española).

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración