Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 4 de febreiro de 2021 Páx. 7190

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago, e se establece a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU501D).

A Axencia Turismo de Galicia créase como axencia pública autonómica co obxectivo de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e tamén da conservación e promoción dos camiños de Santiago, de conformidade co disposto polo artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A peregrinación a Santiago de Compostela é un auténtico fenómeno de carácter histórico-cultural de relevancia universal e un símbolo de fraternidade que goza de numerosos recoñecementos: primeiro Itinerario Cultural Europeo (1987) polo Consello de Europa e Patrimonio da Humanidade pola Unesco: o chamado Camiño Francés en España (1993), os camiños históricos de Francia (1998) e no pasado ano 2015 os Camiños do Norte, que comprende en Galicia os chamados Camiño Norte ou da Costa e o Camiño Primitivo ou de Oviedo.

A significación histórica e cultural do Camiño de Santiago, a súa crecente vitalidade, a súa importancia como icona de Galicia, o seu decisivo papel como elemento dinamizador da vida social e económica de numerosas localidades de Galicia polas cales discorren os itinerarios xacobeos patentizan que a xestión do Camiño de Santiago é unha responsabilidade colectiva que abrangue tanto ás administracións públicas como a outras institucións e colectivos sociais; en definitiva, á propia sociedade galega.

A política desenvolvida pola Xunta de Galicia a principios dos anos noventa do pasado século revitalizou o Camiño de Santiago e fixo que nas últimas décadas este camiño experimentase un extraordinario auxe, vivindo un novo tempo de peregrinación, de intercambio de ideas, de culturas e de nacionalidades, que o converteu nun elemento referencial en toda Europa e en grande parte do mundo.

Non se pode esquecer, ademais da vertente cultural e relixiosa, o efecto económico e xerador de riqueza que supón o Camiño de Santiago, especialmente nos anos santos, afectando non só a cidade de Santiago de Compostela, senón a todo o territorio galego.

Así, a celebración do Ano Santo Xacobeo no ano 2021 constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia comunidade, e leva aparellado un amplo despregamento de actuacións en distintos ámbitos.

Dentro deste marco é precisa a colaboración no ámbito público e privado para o impulso, xestión, ordenación e innovación de actuacións que incidan e procuren a mellora paisaxística e embelecemento do Camiño de Santiago, polo que procede a convocatoria dunha liña de axudas para estas accións, co fin de consolidar unha boa imaxe do Camiño e de Galicia.

En consecuencia, con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e consonte ao establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos Estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases específicas, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago (código de procedemento TU501D).

Os seus principais obxectivos son:

• Avanzar na mellora do Camiño de Santiago, especialmente en relación cos seus itinerarios e contornas ambientais, paisaxísticas e arquitectónicas e na súa protección xeral e posta en valor.

• Aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago.

• Estimular o coñecemento do patrimonio xeral do Camiño.

• Fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e, no que respecta ás persoas físicas e xurídicas de natureza privada que resulten beneficiarias, quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser beneficiario destas subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU501D.

c) Os teléfonos 981 54 01 46 e 981 54 02 61.

d) Enderezo electrónico fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia
non competitiva, das axudas para actuacións de mellora paisaxística
e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago,
e se establece a súa convocatoria para o ano 2021
(código de procedemento TU501D)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora paisaxística, a procura da harmonía, a orde e respecto, e a coherencia do Camiño de Santiago e a súa paisaxe cos valores culturais ligados ás sociedades que ao longo do tempo construíron este espazo (código de procedemento TU501D).

As actuación deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección dos camiños de Santiago e no campo visual do seu recorrido. Exclúense de esta orde os núcleos urbanos consolidados.

2. En concreto, poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Actuacións sobre elementos etnográficos e a súa contorna:

Actuacións de valorización, mantemento, conservación, consolidación ou restauración dos bens que integran o patrimonio etnográfico de Galicia, de conformidade co sinalado no capítulo III da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, pontellas, muíños, valados, peches,… e calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar). As actuación realizaranse sobre o propio elemento e/ou a súa contorna.

b) Actuacións sobre a casa e a eira.

• Actuacións de mellora nos revestimentos: fachada, cuberta con materiais propios da zona como son a madeira, pedra, pintura e calquera material que harmonice coa contorna e as súas cores.

• Actuacións de mellora dos puntos de contacto coa traza do camiño: valados, pavimentos nos puntos de acceso, instalación de áreas de descanso para peregrinos,…

• Actuacións de mellora nas edificacións auxiliares, como adaptación da escala ou os acabados.

c) Actuacións no espazo agrario:

• Actuacións de ocultación mediante vexetación ou outros elementos daqueles bens ou elementos con forte impacto sobre o campo visual do Camiño, por exemplo naves gandeiras.

• Actuacións de demolición de elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico, como naves, silos ou casetas.

• Actuacións de mellora dos puntos de contacto coa traza do camiño: valados, pavimentos nos puntos de acceso.

• Actuacións de desescombro e limpeza de lixo ou materiais en desuso.

d) Actuacións de naturalización:

Incorporación de vexetación como elemento integrador das construcións e dos viais, como, arborado e vexetación arbustiva de acompañamento do camiño, e mellora do axardinamento en xeral.

e) Actuacións no trazado do camiño:

• Actuacións de substitución de elementos de mobiliario urbano e similares que polo seu estado de deterioro ou polas súas propias características físicas resulten alleos á contorna do Camiño. Por exemplo: marquesiñas, elementos de sinalización, bolardos, alumeado público, cableado aéreo, antenas, colectores de residuos,…

Todas as actuacións deberán executarse seguindo as indicacións que se recollen nas directrices que se xuntan como anexo VIII a estas bases.

3. As subvencións obxecto destas bases divídense en dúas categorías, en atención ás persoas solicitantes:

Categoría 1ª: entidades locais.

Categoría 2ª: persoas físicas e xurídicas privadas, as comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, así como outras entidades sen personalidade xurídica consonte ao previsto no artigo 4.1 destas bases reguladoras.

4. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

5. Só caberá presentar unha solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Para os efectos desta convocatoria, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención.

6. A persoa ou entidade solicitante deberá ter plena dispoñibilidade sobre os terreos ou inmobles nos que se pretende realizar as actuacións, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no artigo 18. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase, no caso de entidades locais, mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo III. No caso de persoas físicas ou xurídicas privadas, este requisito acreditarase mediante a presentación dunha copia da escritura de propiedade ou de calquera outro dereito real sobre o ben ou recurso.

7. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas. A estes efectos, o cumprimento do dito requisito, acreditarase na fase de xustificación.

Artigo 2. Gastos subvencionables e contía da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do 1 de xaneiro de 2021.

2. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, incluíndo, de ser o caso, os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e os de peritaxe, sempre e cando fosen indispensables para a execución da intervención.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

d) Os custos derivados do emprego de medios propios no desenvolvemento das actuacións subvencionadas, e os custos indirectos imputables pola persoa beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, sempre que se recollan no orzamento do proxecto para o que se solicita a subvención.

3. Non son gastos subvencionables:

a) Os gastos correntes de funcionamento da persoa/entidade beneficiaria.

b) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

c) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso ou o elemento sobre o que se propón a actuación en perfecto uso ou estado.

4. Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos polas entidades locais non son subvencionables:

a) Os pagamentos efectuados polo contratista á administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade.

b) Calquera outros conceptos que supoñan ingresos ou descontos que se deriven da execución do contrato.

c) Os pagamentos efectuados polo beneficiario que se deriven da execución dos contratos públicos.

5. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargos e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

6. O importe da subvención será do 75 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 15.000 € para a categoría 1ª (entidades locais) e 10.000 € para a categoría 2ª (persoas físicas ou xurídicas privadas).

7. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas ou entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia. Compatibilidade

1. As subvencións obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 1.500.000 €, dos cales 750.000 € dirixiranse á categoría 1ª (entidades locais) con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.760.0, código de proxecto 2016 00002; e 750.000 €, á categoría 2ª (persoas físicas ou xurídicas privadas), con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.781.0, código de proxecto 2015 00005 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios nos que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

Se as solicitudes presentadas por categoría non esgotan o crédito previsto no parágrafo primeiro deste artigo poderase destinar á outra categoría.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2021.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. No caso de que o réxime de axudas estea suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, ao tratarse de persoas físicas e xurídicas privadas, deberase garantir que, no caso de recibir as persoas beneficiarias outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

4. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

En todo caso, estas axudas serán incompatibles coas axudas que a entidade local beneficiaria reciba da Axencia Turismo de Galicia a través da convocatoria de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural para o ano 2021 (código de procedemento TU501B). Así mesmo, serán incompatibles coas axudas que as persoas físicas e xurídicas privadas reciban da Axencia Turismo de Galicia a través da convocatoria para a mellora das infraestruturas de establecementos turísticos para o ano 2021 (código de procedemento TU503A).

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

Categoría 1ª:

a) Os concellos de Galicia polos que discorra algún tramo físico terrestre do Camiño de Santiago.

b) Tamén poderán solicitar as axudas reguladas por estas bases calquera outra entidade local supramunicipal galega (deputación, mancomunidade,...) en relación a actuacións a realizar no Camiño de Santiago sempre que se teñan competencias para a actuación proposta.

Categoría 2ª:

a) As persoas físicas ou xurídicas titulares dun dereito real sobre un ben moble ou inmoble, recurso ou elemento situados en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas do Camiño de Santiago. Así mesmo, poderán ser beneficiarios os arrendatarios dos citados bens, así como aqueles que posúan calquera título válido en dereito que autorice a realización da actuación solicitada.

b) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, en relación cos inmobles situados en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas no Camiño de Santiago.

c) As asociacións de veciños, comunidades de montes veciñais en man común, comunidades de bens, e calquera outra institución ou asociación que teña título habilitante suficiente para actuar sobre o recurso ou elemento sobre o que se propón a actuación situado en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas do Camiño de Santiago.

2. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa/entidade local solicitante.

4. Os concellos solicitantes deberán ter remitidas as contas ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, así como para as persoas representantes de cada unha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Declaración responsable da persoa solicitante ou do seu representante, incluída no anexo II desta resolución, na cal se fará constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou recibidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

No caso de que a persoa solicitante sexa privada deberán declararse as axudas de minimis concedidas ou solicitadas.

b) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Que non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

No caso de que a entidade solicitante sexa unha entidade local, para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a persoa solicitante está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

d) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

e) Que as actuacións para as que se solicita subvención non estaban iniciadas á data do 1 de xaneiro de 2021.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.

g) Que se compromete, de non contar con elas, a solicitar as autorizacións ou licenzas urbanística ou sectoriais tanto municipais como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, ou estradas, entre outras, que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

2. Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello ou entidade local solicitante, segundo o modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a) O acordo da entidade local polo cal se solicita a subvención para a actuación que se pretende executar ao abeiro desta resolución, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

O acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas do exercicio 2019 ao Consello de Contas de Galicia.

O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores determinará a inadmisión da solicitude.

3. Acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante, cando esta sexa unha persoa física ou xurídica privada ou unha entidade sen personalidade xurídica.

4. Documentación que acredite a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles nos que se van desenvolver as actuacións, durante un período que como mínimo garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 18. No caso das entidades locais poderá achegarse certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello ou entidade local sobre a devandita dispoñibilidade.

No caso de que se soliciten as axudas por persoas ou entidades privadas ou por entidades sen personalidade xurídica propia, deberá achegarse documentación que acredite a titularidade, dereito real sobre o ben ou calquera título de disposición válido en dereito que autorice a realización da actuación solicitada.

5. Memoria asinada, no seu caso, por técnico competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, que deberá incluír:

– Memoria explicativa e xustificativa da actuación a desenvolver (cunha extensión máxima de 10 páxinas) onde se indique a tipoloxía de actuación e as coordenadas GPS da mesma.

– Reportaxe fotográfica do ben sobre o que se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna, así como fotografías tomadas desde o trazado do camiño desde as que se aprecie o elemento ou elementos obxecto da actuación en relación con este.

– Descrición dos materiais e acabados propostos, que deberán ser conformes coas indicacións que se recollen nas directrices do anexo VIII destas bases.

6. Orzamento detallado dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

7. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 9. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. O exame e comprobación de que o proxecto cumpre os requirimentos técnicos exixidos nestas bases, na normativa de patrimonio cultural e no anexo VIII, realizarase por unha comisión formada por dous técnicos nomeados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que deberá emitir un informe no prazo dun mes desde que o órgano instrutor lle remita os expedientes.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, así como os informados desfavorablemente pola comisión establecida no apartado anterior, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural

De conformidade co disposto na Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, as actuacións obxecto da presente resolución, por realizarse no trazado do Camiño de Santiago deberán contar coa autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

A estes efectos, o órgano instrutor remitirá os proxectos ou actuacións que se presentan e que reúnan os requisitos establecidos nestas bases, xunto co informe do órgano instrutor sobre o cumprimento da actuación proposta das directrices contidas no anexo VIII, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para que no prazo dun mes desde que se lle remitan outorgue as autorizacións ou se opoña as mesmas.

No caso de que a citada Dirección Xeral non autorice a actuación proposta, o expediente poñerase a disposición do órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución de inadmisión.

Artigo 12. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e recibida a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF da persoa ou entidade local solicitante, data de presentación da solicitude, actuación subvencionable e contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa ou entidade solicitante á que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. Unha vez esgotado o crédito destinado a cada unha das categorías de subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia dita circunstancia que conlevará a inadmisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009 de 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto fora expreso. Transcorrido dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, no seu caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fora expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a persoa ou entidade local beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tiveran lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 12.

6. Cando o/a beneficiario/a da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme ao establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedinte non exime ao beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se comunicase a renuncia, a persoa titular da Dirección da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co presentado á subvencións ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

3. Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación do investimento.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Os/as beneficiario/as, cando se trata de persoas físicas e xurídicas que teñan obriga, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

8. Os/as beneficiarios/as deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

A estes efectos e durante a execución das actuacións, será obrigatoria a colocación dun cartel no que figure a subvención da Xunta de Galicia conforme ao manual de identidade corporativa que estea vixente.

Os carteis serán de material resistente (ríxido ou semiríxido), non sendo admisible a simple impresión en papel. Colocaranse sempre nun lugar visible ao público.

Nos materiais impresos, medios electrónicos o audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación deberán constar lendas relativas á financiación pública.

Igualmente as persoas beneficiarias deberán incluír, nas súas accións promocionais, a marca Xacobeo 2021, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do/da beneficiario/a.

Artigo 19. Subcontratación

1. As persoas e entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

2. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as persoas beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación da obra e/ou equipamento, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 20 de outubro de 2021.

2. Para cobrar a subvención concedida, o/a beneficiario/a deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 5 destas bases, mediante a modalidade de conta xustificativa, copia da documentación que a continuación se indica:

Categoría 1ª: entidades locais, conta xustificativa conforme aos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, de 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, e a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ás actuacións subvencionadas coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).

d) No seu caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

e) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da alcaldía, sobre que a actuación desenvolvida conta coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como por parte doutros organismos ou administracións públicas preceptivas ou ben que estas non eran preceptivas.

En relación coa autorización prevista na Lei de patrimonio cultural de Galicia estarase ao disposto no artigo 11 destas bases.

f) Fotografías ilustrativas do investimento efectuado, da inclusión da marca do Xacobeo 2021, así como do cartel indicado no artigo 18.8 destas bases.

g) Certificado de obra ou relación valorada con base no proxecto de execución, na que se relacionen os materiais empregados, unidades, prezos unitarios e totais.

h) Declaración responsable segundo o modelo que figura no anexo VII: para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a persoa beneficiaria está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

Categoría 2ª: persoas físicas ou xurídicas privadas e demais entidades ás que se refire o artigo 4.1 das bases reguladoras, presentarán a xustificación na citada modalidade de conta xustificativa, conforme ao artigo 48 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro,

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo VI.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas. Deberá incluír fotos ilustrativas do investimento efectuado, da inclusión da marca do Xacobeo 2021, así como do cartel indicado no artigo 18.8 destas bases.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

c.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor, nº de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. De ser o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada no seguinte apartado.

c.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

c.3) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios u recursos propios e a indicación, no seu caso, dos criterios de reparto dos custes xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que fai referencia na letra a), salvo en aqueles casos nos que as bases reguladoras da subvención previsen a súa compensación mediante un tanto alzado sen necesidade de xustificación.

c.4) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o/a beneficiario/a.

c.5) De ser o caso, carta de pago de reintegro no suposto de remanentes non aplicados así como dos intereses derivados destes.

d) Autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como por parte doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

En relación coa autorización prevista na Lei de patrimonio cultural de Galicia estarase ao disposto no artigo 11 destas bases.

e) Certificado de obra ou relación valorada na que se relacionen os materiais empregados, unidades, prezos unitarios e totais.

f) Declaración responsable segundo o modelo que figura no anexo VII.

3. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención, ou coas modificacións autorizadas, e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

4. Se os/as beneficiarios/as xustifican conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable entenderase que non se acadaron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderase o dereito de cobramento da subvención, agás que pola natureza da actuación se acredite e se comprobe que nesta non se incumpren os ditos obxectivos. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpran o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 21. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Previamente ao pagamento deberá acreditarse que o/a beneficiario/a se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro. Esta acreditación poderá substituírse pola presentación dunha declaración responsable do beneficiario, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso de entidades locais.

2. As persoas ou entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo dun 50 % da subvención concedida, ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, previa autorización do Consello da Xunta de Galicia. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

O pagamento anticipado está exento de constituír garantía, segundo se establece no artigo 65.4.i) do citado Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 18, e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Procederá o reintegro parcial da subvención concedida nos seguintes supostos:

a) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 18, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

b) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

c) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período mínimo establecido no artigo 18 suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberanse xustificar en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, o programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, de 13 de xuño.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007 de 13 de xuño.

Artigo 25. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 193/2011, de 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VIII

Criterios básicos para as actuacións de mellora paisaxística e embelecemento
dos Camiños de Santiago.

1. Introdución e obxectivos.

2. Intervencións sobre elementos etnolóxicos e a súa contorna.

3. Intervencións sobre a casa e a eira.

4. Actuacións no espazo agrario.

5. Actuacións de naturalización.

6. Actuacións na traza do camiño.

7. Decálogo de boas practicas.

1. Introdución e obxectivo.

A paisaxe é un dos sinais de identidade do noso pais, e un valor cultural e económico de primeira orde. A especial morfoloxía deste territorio fixo que as persoas vivisen estreitamente relacionadas coa terra dun xeito íntimo e sen parangón na xeografía peninsular. Asentados en milleiros de lugares, a agricultura, como actividade secular, incidiu de xeito diferenciado sobre o territorio, construíndo paisaxes singulares con diferente grao de desenvolvemento, xerando paisaxes culturais de extraordinario valor que son o reflexo da nosa identidade.

En Galicia, a publicación no ano 2008 da Lei 7/2008, de protección da paisaxe de Galicia conforme as disposicións do Convenio europeo da paisaxe, pretende recoñecer xuridicamente a paisaxe e promover políticas vinculadas a ela, entendendo a paisaxe como «elemento esencial para o benestar individual e social, cuxa protección, xestión e planeamento comporta dereitos e obrigas para todos», tal como define o devandito Convenio europeo da paisaxe.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia incorpora as categorías de paisaxe cultural e territorio histórico como bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados. Así mesmo, a Lei 5/2016, do 4 de maio, recoñece como bens do patrimonio cultural as rutas dos Camiños de Santiago. Aquelas rutas incluídas na Lista do patrimonio mundial da Unesco terán a consideración de bens de interese cultural e o resto de rutas terán a consideración de bens catalogados, coa categoría de territorios históricos.

A significación histórica e cultural do Camiño de Santiago, a súa crecente vitalidade, a súa importancia como icona de Galicia, o seu decisivo papel como elemento dinamizador da vida social e económica de numerosas localidades de Galicia polas que discorren os itinerarios xacobeos, patentizan que a xestión do Camiño de Santiago é unha responsabilidade colectiva que abrangue tanto ás administracións públicas como a outras institucións e colectivos sociais; en definitiva, a toda a sociedade galega.

Resulta por tanto precisa a colaboración do ámbito público e privado para o impulso de actuacións que incidan na mellora paisaxística e o embelecemento da contorna do Camiño de Santiago co fin de consolidar unha imaxe de calidade para o Camiño en Galicia.

O Camiño é unha importante forma de aproximación ao coñecemento do medio rural e dos seus valores, e contribúe á integración da poboación local cos peregrinos. A mellora da paisaxe do Camiño e a súa contorna permiten mostrar o patrimonio, a riqueza sociocultural da contorna e a beleza do soporte natural.

O gran desafío parte da importancia de vencellar á poboación na defensa e protección da paisaxe, considerándoa fundamental para a calidade de vida das persoas e por iso tamén debe ser o reflexo fiel dun territorio e dun medio ambiente de calidade, dunha sociedade moderna e consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural, que vive en relación harmónica co medio, onde primen o uso racional do territorio e o aproveitamento sostible dos seus recursos.

A presente guía ten como obxectivo fundamental atopar o equilibrio entre o desenvolvemento e a conservación deste valioso patrimonio cultural e natural, achegando criterios de intervención sobre o ámbito dos camiños que garantan a salvagarda dos valores culturais, paisaxísticos e sociais dos camiños de Santiago, ofrecendo alternativas a modos de intervención habituais ou estandarizados que contribúen ao deterioro ambiental do medio rural.

Tipos de intervención e criterios de actuación.

En atención ao establecido nos citados artigos 44 e 45 da Lei 5/2016, do 4 de maio, sobre os criterios de intervención nos bens e no contorno, respectivamente, e de conformidade coa guía de boas prácticas para actuacións nos Camiños de Santiago, establécense os criterios de actuación para os distintos tipos de intervención.

2. Actuacións sobre elementos etnolóxicos e a súa contorna:

«Son elementos funcionais dos Camiños de Santiago os que forman parte da súa fisonomía como peches, muros, cómaros, valos, pasos, pontellas, pontes, fontes, lavadoiros ou espazos similares, así como os destinados á súa conservación e servizo e os que sexan necesarios para o seu uso» (Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia; título VI, Os Camiños de Santiago; artigo 74).

Trátase de actuacións de valorización, mantemento, conservación, consolidación ou restauración dos bens que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia, de conformidade co sinalado no artigo 91 da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia: lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

De conformidade co número 3 do citado artigo 91, para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade:

a) Os hórreos, os cruceiros, as cruces de mortos, as de termo e os petos de ánimas.

b) As construcións tradicionais de cuberta vexetal como as pallozas e os chozos característicos das serras galegas.

c) Os batáns e os muíños de río, de mareas ou de vento tradicionais, incluída a infraestrutura hidráulica necesaria para o seu funcionamento.

d) As fontes e os lavadoiros comunais ou públicos de carácter tradicional.

e) As ferrarías, as telleiras, os talleres artesanais e os fornos de cal, cerámicos ou de pan de uso comunal, de carácter tradicional.

f) Os camiños reais, as pontellas tradicionais e as eiras de mallar de carácter comunal, sempre que conserven de forma suficiente a súa traza, aspecto, carácter, formalización e pavimento tradicional.

g) As alvarizas, as xeleiras, as pesqueiras ou gamoas e os foxos de lobo.

h) Os recintos de feira, os santuarios tradicionais, os quioscos de música e as robledas de uso público ou consuetudinario relacionado co tempo de lecer e a celebración festiva de carácter tradicionais.

i) As fábricas de salgadura, as carpintarías de ribeira e as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia.

As actuación realizaranse sobre o propio elemento e/ou a súa contorna.

Serán actuacións respectuosas coa paisaxe na que se insiren, utilizando os materiais e as cores propias da contorna, e considerando que as características fundamentais da arquitectura popular son a funcionalidade e a economía de medios: trátase de construír elementos sinxelos que aproveiten ata o seu límite as características do material e da técnica dispoñible.

Utilizaranse nestas actuacións materiais nobres tradicionais como a pedra (sempre a propia da área na que se insire), a madeira e o ferro; e como material de cobertura tella ou lousa segundo as zonas.

De utilizar outros materiais, estes deben ter características que harmonicen coa contorna, sen imitala.

3. Actuacións sobre a casa e a eira:

A conservación do patrimonio arquitectónico debe considerar os criterios de sustentabilidade ambiental, procurando que as intervencións se realicen con métodos compatibles co seu valor cultural e deseñando un mantemento, uso e xestión futura sustentables. É recomendable a utilización de materiais, técnicas construtivas e solucións arquitectónicas tradicionais que, pola súa probada experiencia, efectividade e adaptación sensible ao medio, adoiten contribuír á sustentabilidade. Con todo, o significado cultural dos bens integrantes do patrimonio arquitectónico non debe verse danado polas medidas de mellora da eficiencia enerxética.

3A. Actuacións de mellora nos puntos de contacto coa traza do camiño:

Actuacións sobre os valados, pavimentos nos puntos de acceso, áreas de estacionamento de vehículos, …

Unha das circunstancias que máis inciden na integración dunha edificación no medio rural coa súa contorna é a incidencia visual que teñen no conxunto da parcela o acondicionamento dos accesos e o valado de delimitación da propiedade.

Polo seu valor, os valados de pedra, característicos da estrutura agraria tradicional favorecen a integración do conxunto no ámbito do camiño. Compre evitar os tipos de pedra alleos ao lugar que produzan contrastes de texturas ou cores, así como os peches de fábrica de bloque de formigón.

Utilizaranse nos valados os materiais propios do lugar: fundamentalmente pedra ou madeira.

Poderán utilizarse novos materiais e tecnoloxías que harmonicen en texturas e cores coa paisaxe da contorna, e cando se utilice fábrica de bloque ou ladrillo compre revestila e pintala en cores neutras similares ás existentes na contorna.

Unha solución acertada é a utilización de sebes vivas de especies autóctonas, evitando as pináceas alleas á paisaxe rural. Recoméndase a utilización de especies autóctonas como por exemplo: buxo, sabugueiro, aligustre, loureiro, acibro, ...

Mais información: Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, da Xunta de Galicia.

3B. Actuacións de mellora nos revestimentos da casa:

Actuacións de mellora nas fachadas e cubertas con materiais propios da contorna como son a madeira, pedra, pintura e calquera material que harmonice coa contorna e as súas cores para as fachadas; e lousa e tella para as cubertas segundo a zona.

Segundo as zonas, os muros tradicionais de cachotaría que conformaban a fachada adoitaban ser de pedra vista ou ben revestidos con morteiros de barro ou cal. Deberase respectar o carácter da edificación, mantendo o revestimento cando existe e a pedra vista cando foi construída deste xeito. Evitaranse as fábricas de bloque ou ladrillo visto, revestíndoas e pintándoas con cores que harmonicen coa contorna. (Guía de cor e materiais Xunta de Galicia).

Coidarase o aspecto das carpinterías, tanto na súa materialidade e cor, como na súa conservación e mantemento.

Recoméndase o uso da madeira nas carpinterías, xa sexa na súa cor natural ou pintada nas cores de referencia do lugar en concreto, en harmonía coas tonalidades propias da zona.

Evitaranse, no posible, os materiais alleos ao medio rural como aluminio, PVC ou plásticos en xeral, que pola súa textura e aparencia son dificilmente asimilables no contexto da edificación tradicional.

Evitaranse as persianas plásticas vistas, sendo recomendable utilizar a solución tradicional de contras.

A cuberta é o elemento máis visible de lonxe nos asentamentos rurais, por este motivo calquera elemento discordante provocará un notable impacto visual.

A súa configuración xeométrica e cromática vincula a edificación coa paisaxe na que se insire se se empregan materiais e tecnoloxías propias da zona. Procurarase a relación xeométrica, inclinación de pendentes e aliñación de cumios que caracterizan a área, así como unha adecuada integración cromática e de materiais de acabado.

No revestimento de cuberta evitaranse materiais alleos ao medio rural como o fibrocemento ou materiais sintéticos. Recoméndase a utilización de tella ou lousa segundo a zona paisaxística da que se trate.

3C. Actuacións de mellora nas edificacións auxiliares:

Existen unha serie de construcións adxectivas ligadas á arquitectura tradicional que caracterizan estas paisaxes culturais de tipo agrario: cortes, cortellos, currais, alpendres, palleiras, sendo unha das máis destacables, pola súa singularidade, o hórreo. Estas edificacións presentan características tipolóxicas distintas en función das áreas xeográficas ás que pertenzan.

En xeral, os materiais empregados na construción destas edificacións son os mesmos que na casa, polo tanto os criterios de intervención nestes elementos son semellantes aos das vivendas no que fai referencia aos muros e cubertas. Cando presenten cerramentos de madeira deberá contemplarse a súa recuperación ou substitución, si esta non fora posible, por outro de similares características.

Para as novas instalacións buscaranse localizacións que non obstaculicen a vista desde o camiño, nin ocupen localizacións principais con ampla visión desde os mesmos. A escala da edificación deberá adaptarse á das edificacións tradicionais da súa contorna.

Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901. Únense no horreo as características técnicas e constructivas derivadas da necesidade de almacenar os cereais nun espazo ventilado, con elementos simbólicos na súa ornamentación.

Os materiais característicos do horreo son a pedra e, según zonas a madeira.

Evitaranse, como regra xeral, os materiais alleos como ladrillo, bloque de formigón ou fibrocemento.

4. Actuacións no espazo agrario:

A modernización das explotacións gandeiras transformou a configuración das antigas granxas familiares, facendo aparecer un novo conxunto de naves de grande tamaño sen que exista ningún tipo de control volumétrico ou de implantación para estas.

A dimensión e número das explotacións gandeiras, tradicionalmente proporcional á dispoñibilidade de terreos agrícolas e á capacidade de traballo dos seus titulares, creceu notablemente, multiplicándose ao tempo as ampliacións de edificios existentes e tamén o número e tamaño das construcións auxiliares agrícolas (alpendres, silos, almacéns, …). A integración das construcións agrícolas, entendidas como aquelas vinculadas ao mundo agrario, é un aspecto concreto da nosa paisaxe no que é moi importante incidir tendo en conta as dimensións e ubicuidade do fenómeno.

O obxectivo é acadar un deseño funcional adaptado ao carácter paisaxístico da contorna, cunha visión moderna e dinámica da paisaxe, compatible coa súa necesaria evolución, evitando a degradación dos valores tradicionais, salvagardando o patrimonio e conservando a identidade histórico-cultural do territorio.

4A. Actuacións de ocultación mediante vexetación ou otros elementos daqueles bens ou elementos con forte impacto sobre o campo visual do Camiño, por exemplo naves gandeiras.

O uso da vexetación para relacionar as construcións agrarias coa paisaxe circundante é unha ferramenta de integración excelente, que contribúe a crear unha imaxe de conxunto estruturada, coherente e de calidade.

Consideracións a ter en conta no uso da vexetación:

– Cómpre utilizar patróns habituais da zona e especies autóctonas.

– Acompañar os volumes construídos con plantacións vexetais arbóreas.

– Prever plantacións no límite co viario para filtrar a visión, outorgando unha imaxe coidada do conxunto.

4B. Habilitar os espazos de recepción amplos e ordenados para crear unha imaxe positiva da explotación, minimizar o uso de pavimentos, optando, se é o caso, por materiais permeables. Tamén convén utilizar recursos vexetais de acompañamento, e coidar o mantemento e limpeza.

4C. Emprazar os vertedoiros e espazos de almacenaxe lonxe das vistas principais, coidando o mantemento e a orde, estudando a posibilidade de usar medidas de integración para atenuar o impacto visual: uso de espazos menos visibles, deprimidos, semisoterrados, plantación de vexetación, construción de muretes, …

4D. Pautas xerais de aplicación cromática nas naves gandeiras:

a) Convén elixir materiais e cores presentes na paisaxe.

b) Son preferibles os tons escuros, xa que os claros agrandan e acercan os volumes.

c) Evitar cores saturadas, discordantes e brillantes que contrastan cos tons matizados e suaves da paisaxe agraria.

d) Limitar o uso da cor verde, xa que pode destacar pola súa artificialidade.

e) Evitar grandes volumes completamente monocromos, é preferible distinguir o tellado dos paramentos.

5. Actuacións de naturalización:

Incorporación de vexetación como elemento integrador das construcións, arbolado e vexetación arbustiva de acompañamento do Camiño, e mellora do axardinamento en xeral.

A vexetación é un elemento fundamental na configuración das paisaxes agrarias. As formacións boscosas naturais, xunto coas plantacións artificiais de carácter produtivo, constitúen a matriz paisaxística do espazo rural e confírenlle unha parte substancial da súa identidade.

Recoméndase a utilización de valados formados por elementos vexetais como: silveiras, sebes, ligustro, xestas, ... Estas redes de sebes vivas forman valiosas corredoiras ecolóxicas, e supoñen unha importante reserva natural de flora autóctona, o que se traduce nun alto valor medioambiental como elemento de conservación da diversidade de especies vexetais e animais.

O arboredo pode ser utilizado como pantalla para ocultar elementos difíciles de integrar na paisaxe reducindo así o seu impacto.

Recoméndase a utilización de especies autóctonas tanto de árbores como arbustos, xa que se integran facilmente na paisaxe e están plenamente adaptadas ás condicións climáticas o que redunda nunha mellora calidade da vexetación e un aforro nas necesidades de mantemento.

6. Actuacións na traza do camiño.

Actuacións na propia traza do Camiño e naqueles pequenos espazos públicos que a el asoman. Intervencións para a renovación ou mellora da pavimentación, de substitución de elementos de mobiliario urbano e similares que polo seu estado de deterioro ou polas súas propias características físicas resulten alleos á contorna do Camiño. Por exemplo: marquesiñas, elementos de sinalización, bolardos, alumeado público, cableado aéreo, antenas, colectores de residuos, …

Nalgúns tramos, fundamentalmente cando o Camiño discorre por estradas, o uso da vexetación acompañándoo axuda a reducir a dureza da vía. O tipo de vexetación elixida deberá ser autóctona, que é aquela propia do lugar, e por tanto mellor integrada segundo as súas condicións climáticas, edafolóxicas, paisaxísticas e de mantemento.

Compre integrar os elementos de mobiliario urbano presentes no camiño, sinaléctica, alumeado, bolardos, marquesiñas,... coidando o seu aspecto, mantemento e orde.

Recoméndase recoller os contedores de lixo tras pequenos cerramentos de táboa de madeira que permita ocultar a súa visión.

7. Decálogo de boas prácticas na paisaxe do camiño:

– O uso da vexetación acompañando ao Camiño aporta sombra e contribúe á súa integración na paisaxe circundante, por conseguinte compre coidala e promovela.

– Coidar o mantemento dos bordos e cruzamentos dos Camiños, e manter a sinalética en bo estado.

– Compre rehabilitar os elementos de carácter etnolóxico que acompañan aos Camiños, xa que son fitos identitarios no territorio, e poden conformar lugares de pausa e descanso que aporten unha experiencia singular para os peregrinos.

– Cando se pinte a vivenda usaranse cores en harmonía coas tonalidades propias da zona e presentes nas vivendas tradicionais existentes.

– Manteranse en bo estado os elementos auxiliares: hórreos, palleiros, muíños. Utilizando na súa restauración materiais tradicionais e cores adaptadas á contorna.

– Cómpre manter limpos e ordenados os accesos ás parcelas, integrando a vexetación e axardinamento nestes puntos de contacto co Camiño.

– Na construción das naves agrícolas e gandeiras coidarase o material de acabamento, recoméndase pedra, ou madeira, pero se se utiliza o bloque de formigón, pintarase con cores acordes ao medio.

– Emprazar os lugares de vertedoiro e almacenaxe en zonas afastadas das vistas e protexidos por valados ou sebes.

– Recoméndanse os valados de pedra propia do lugar, ou sebes na contorna das edificacións, no límite co viario e no espazo agrario.

– Como medida xeral utilizaranse os materiais propios da contorna e as cores que harmonicen coa paisaxe.