Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 5 de febreiro de 2021 Páx. 7587

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de xaneiro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución de clasificación de terreos adquiridos pola comunidade de Pedrafita, no concello de Guitiriz (expediente 36-75/2020-16).

O artigo 57.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as adquisicións de terreos obtidas polas comunidades con anterioridade á entrada en vigor desta lei se comunicarán ao xurado provincial, que integrará a superficie adquirida ao monte veciñal con plenos efectos xurídicos, modificando o perímetro e a extensión do monte.

En relación con isto, na sesión celebrada polo xurado provincial o día 11.1.2021, figura o seguinte acordo:

Monte de Pedrafita (expediente 36/75), pertencente aos veciños da parroquia de Pedrafita, no termo municipal de Guitiriz.

O 5.3.2020 ten entrada un escrito da comunidade propietaria, en que solicitan a integración no monte veciñal de catro predios adquiridos mediante compravendas, formalizadas en escrituras públicas nos anos 2002 e 2003. Achegan copia das escrituras públicas e planos de situación dos predios.

Con data do 2.12.2020, o Servizo de Montes elabora unha memoria (2020_16) de ampliación do monte de Pedrafita na cal se especifican as parcelas catastrais obxecto de integración (27022A36400078, 27022A36400083, 27022A36400116 e 27022A36400119), que suman unha superficie de 3.600 m2, polo que despois desta ampliación o monte quedaría con 350,3 hectáreas, de acordo coa nova cartografía.

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñais en man común os terreos adquiridos pola comunidade, e proceder á actualización correspondente no expediente, de conformidade coa memoria técnica elaborada polo Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 20 de xaneiro de 2021

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Lugo