Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 5 de febreiro de 2021 Páx. 7381

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 5 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR949A).

A practica deportiva, a nivel competitivo, caracterízase pola necesidade de contar cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións en que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade.

Tendo en conta a importancia que as entidades deportivas sen ánimo de lucro teñen nesa actuación do fomento da práctica deportiva, faise preciso arbitrar un sistema de axudas públicas dedicadas á adquisición de equipamentos, co fin de contribuír na modernización e actualización do material deportivo necesario para o adecuado exercicio da práctica deportiva do cal dispoñen as citadas entidades.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.22, a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción do deporte. De conformidade cos parámetros de actuación establecidos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e segundo ás atribucións que lle son conferidas polo Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte establece as presentes bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades deportivas sen ánimo de lucro de Galicia, para a adquisición de equipamentos deportivos.

Esta resolución dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Por outra banda, as subvencións reguladas na presente resolución tramitaranse polo procedemento ordinario de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, conforme as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de novembro de 2020, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

En virtude do exposto, e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos que se recollen no anexo II, Relación de equipamento (código de procedemento PR949A).

2. Por esta resolución, convócanse as devanditas subvencións para o ano 2021.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o exercicio económico de 2021, o crédito orzamentario para financiar estas axudas é de 700.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.441A.780.1, «Convocatoria para equipamento deportivo ás entidades deportivas», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

2. Este crédito orzamentario poderase incrementar como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver e para xustificar.

4. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2021.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2021 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. A presentación das solicitudes, segundo o disposto na base 8ª, realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para a convocatoria do exercicio económico de 2021, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o rexistro electrónico de cada administración ou organismo rexerase, para efectos de cómputo dos prazos, pola data e hora oficial da sede electrónica de acceso, que deberá contar coas medidas de seguridade necesarias para garantir a súa integridade e figurar de modo accesible e visible.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o disposto na base 8ª, a seguinte documentación:

a) Certificación do órgano colexiado competente da entidade deportiva (anexo IV).

b) Memoria xustificativa (anexo V).

c) Acreditación da representación, de ser o caso (anexo X).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE/NIF da persoa/entidade representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións dos requirimentos e resolucións administrativas nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web http://deporte.xunta.gal/

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á cal estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 9. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2021

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos

Base 1ª. Obxecto

O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas para a adquisición de equipamentos deportivos.

Base 2ª. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión destas subvencións axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000,00 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

Base 3ª. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas.

2. Estas entidades, ademais dos requisitos xerais establecidos na normativa de subvencións, deberán reunir os seguintes requisitos.

– Figurar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia na data de publicación da convocatoria anual de subvencións.

– Ter actualizados os seus estatutos ás disposicións vixentes en materia deportiva.

3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 4ª. Equipamentos deportivos subvencionables

1. Só resultará susceptible de ser subvencionada a adquisición de equipamento deportivo inventariable (entendendo por tal o ben moble non funxible, é dicir, aquel de que se pode facer uso sen que se consuma polo uso normal para o cal está destinado), para ser destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos.

2. No anexo II enumérase a relación, non limitativa, de equipamentos deportivos subvencionables. A Comisión de Valoración poderá ampliar a relación de equipamentos deportivos subvencionables que se recollen no anexo II, en función das solicitudes presentadas e sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolvida.

Base 5ª. Intensidade da axuda

A subvención será do 80 % do gasto subvencionable, sendo a porcentaxe restante achega da entidade beneficiaria, ata esgotar o crédito dispoñible atendendo á orde de prelación das persoas beneficiarias.

Establécese como gasto mínimo subvencionable unha contía de 1.000 €, dos cales a entidade beneficiaria deberá achegar 200 €.

Non obstante o anterior, o importe total da axuda que se concederá non poderá superar a cantidade máxima de 5.000,00 € por club e por sociedade anónima deportiva, nin os 10.000,00 € por federación deportiva.

Base 6ª. Compatibilidade e acumulación de axudas

As subvencións que se regulan nesta resolución son compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar ao órgano concedente a súa obtención. O importe total da axuda non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo final xustificado do investimento para o cal se concedeu. No caso de superar o custo final xustificado, minorarase a axuda regulada nesta resolución na contía que exceda do custo final xustificado.

Base 7ª. Financiamento

1. Estas axudas serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria e código de proxecto e polo importe que, para cada exercicio, publique a Secretaría Xeral para o Deporte.

2. Resérvase un 30 % do orzamento total de cada convocatoria anual de subvención ás federacións deportivas galegas.

No caso de que non se esgote o crédito destinado aos clubs e sociedades anónimas deportivas ou ás federacións, a cantidade resultante incrementará o orzamento destinado ás outras entidades.

Base 8ª. Solicitudes e documentación complementaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes irán dirixidas á Secretaría Xeral para o Deporte segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo III; deberá presentarse unha única solicitude por cada posible beneficiario. A súa presentación implica o compromiso de someterse ás normas reguladoras da subvención establecidas nesta resolución.

Na solicitude, a persoa solicitante fará constar:

a.1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos para os mesmos equipamentos solicitados ao abeiro desta resolución e o compromiso de comunicar cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

a.2. Que a entidade deportiva non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

a.3. O equipamento solicitado e o seu custo.

a.4. A estrutura da entidade (ámbito internacional, estatal, autonómico ou local), os logros deportivos, e o número de licenzas (número total de licenzas, número de licenzas femininas, número de licenzas de deportistas con discapacidade, número de licenzas de categorías previa á absoluta).

2. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante deberá achegar a seguinte documentación:

a) Certificación emitida polo/a secretario/a da entidade deportiva solicitante ou persoa que teña atribuída a potestade para certificar, segundo o modelo do anexo IV, na cal se faga constar o acordo do órgano colexiado competente da entidade deportiva polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretenden executar ao abeiro desta resolución.

O dito acordo deberá estar adoptado entre a data de publicación da convocatoria no DOG e o día de vencemento do prazo de presentación de solicitudes e deberá expresar todos os equipamentos que integran a solicitude, que deberán ser os consignados no anexo III, o orzamento de cada equipamento, así como o orzamento total. Os importes dos orzamentos parciais e total deberán incluír o IVE.

b) Memoria xustificativa da necesidade dos equipamentos para as cales solicitan subvención asinada polo/a representante da entidade deportiva (anexo V).

d) Acreditación da representación, se é o caso (anexo X).

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nun parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Base 9ª. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate da presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 10ª. Órganos competentes

A Secretaría Xeral para o Deporte será o órgano competente para a resolución do procedemento para a concesión da subvención.

A Subdirección Xeral de Plans e Programas será o órgano competente para a instrución do procedemento e elevará proposta de resolución, conforme todo o actuado, á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte.

Base 11ª. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. O órgano instrutor publicará no DOG e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (http://deporte.xunta.gal/), a relación de entidades admitidas, as que deben emendar e as inadmitidas para que os interesados, no prazo improrrogable de 10 días contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, poidan presentar alegacións ou achegar a documentación que consideren oportuna. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda faranse mediante publicación no DOG e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

Non obstante, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, para o cal se terá en conta o seguinte:

a. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

d. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderase requirir a entidade solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, con respecto daqueles expedientes administrativos que cumpran todos os requisitos e reúnan toda a documentación necesaria, no caso de que se considere necesario, o órgano instrutor requirirá da respectiva federación deportiva certificación dos datos alegados pola entidade: estrutura da entidade (ámbito internacional, estatal, autonómico ou local), os logros deportivos, e o número de licenzas (número total de licenzas, número de licenzas femininas, número de licenzas de deportistas con discapacidade, número de licenzas de categorías previa á absoluta). Logo de recibir a certificación das federacións deportivas, remitiranse os expedientes á comisión encargada da súa valoración.

5. As solicitudes que non cumpran os requisitos exixidos nestas bases e, de ser o caso, na convocatoria anual de axudas, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que emita a proposta de resolución de inadmisión ou desistencia na cal se indicarán as causas desta.

6. As notificacións dos requirimentos e resolucións administrativas efectuaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Unha vez valoradas todas as proposta pola Comisión de Valoración, o órgano instrutor elevará proposta de resolución, conforme todo o actuado, á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte.

Base 12ª. Comisión de Valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A Comisión de Valoración estará composta por seis membros:

– Presidencia: subdirector/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Vogais:

• O/a director/a do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

• Os catro xefes/as de servizo de deportes das xefaturas provincias da Secretaría Xeral para o Deporte.

• Un/unha técnico/a deportivo/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

– O/a xefe/a de servizo de deporte escolar da Secretaría Xeral para o Deporte, que fará as funcións de secretario/a, con voz e voto.

3. O funcionamento desta comisión está sometida ao disposto para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Asemade, serán de aplicación as disposicións da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Base 13ª. Criterios de valoración

1. A comisión avaliará as solicitudes presentadas de acordo cos seguintes criterios de valoración:

A) Méritos deportivos da entidade. Ata 40 puntos.

Na valoración deste criterio, terase en consideración:

1) Estrutura deportiva (criterio soamente aplicable aos clubs e sociedades anónimas deportivas): valorarase a participación nas categorías absolutas e previa á absoluta (é a categoría de idade na que se desenvolve a competición deportiva anterior á categoría absoluta) en competicións oficiais organizadas por unha federación deportiva, no ano 2019 e 2020.

– Ámbito internacional: 20 puntos.

– Ámbito estatal: 15 puntos.

– Ámbito autonómico: 10 puntos.

– Ámbito local: 5 puntos.

Neste criterio, soamente se terá en consideración o ámbito principal de actuación de maior importancia e que se desenvolvan polo formato de liga ou similar.

2) Logros deportivos (criterio soamente aplicable aos clubs e sociedades anónimas deportivas): valorarase a obtención de determinados resultados nas categorías absolutas e previa á absoluta (é a categoría de idade en que se desenvolve a competición deportiva anterior á categoría absoluta) en competicións oficiais organizadas por unha federación deportiva, no ano 2019 e 2020.

– Campión de Europa/Mundo individual ou colectivo: 20 puntos.

– Subcampión de Europa/Mundo individual ou colectivo: 15 puntos.

– Campión de España individual ou colectivo: 10 puntos.

– Subcampión de España individual ou colectivo: 5 puntos.

3) Número de deportistas da entidade con recoñecemento vixente como deportista galego de alto nivel, na data de publicación da convocatoria: 5 puntos por deportista.

En todo caso, a suma de todos os puntos non poderá superar a puntuación máxima da epígrafe (40 puntos).

B) Ámbito subxectivo do uso do equipamento deportivo: ata 50 puntos.

Na valoración deste criterio, terase en consideración a tempada 2019 ou 2019/20:

1) Número total de licenzas federativas: ata 20 puntos.

– 150 ou máis deportistas con licenza federativa: 20 puntos.

– Entre 100 e 149 deportistas con licenza federativa: 15 puntos.

– Entre 50 e 99 deportistas con licenza federativa: 10 puntos.

– Entre 20 e 49 deportistas con licenza federativa: 5 puntos.

2) Apoio á igualdade de xénero: valoraranse contar cunha porcentaxe de deportistas femininas con licenza federativa. Ata 10 puntos.

– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas femininas con licenza federativa.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas femininas con licenza federativa.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas femininas con licenza federativa.

–Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas femininas con licenza federativa.

3) Apoio ás persoas con discapacidade: valoraranse contar cunha porcentaxe de deportistas con discapacidade con licenza federativa. Ata 10 puntos:

– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa.

– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa.

4) Apoio ao deporte de base: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta. Ata 10 puntos:

– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta.

– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta.

– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta.

C) Entidade solicitante que non resultase beneficiaria dunha subvención para a adquisición de equipamentos deportivos convocadas pola Secretaría Xeral para o Deporte durante o exercicio 2019 e 2020: 10 puntos.

Base 14ª. Proposta de resolución

1. Unha vez valoradas as solicitudes, a comisión elaborará un informe cunha relación das solicitudes presentadas ordenadas por orde de prelación de maior a menor puntuación en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo anterior.

2. No caso de producirse empate entre as entidades solicitantes que reúnan os requisitos valorarase, para o seu desempate, en primeiro lugar o criterio da alínea B) e se persistise o empate, o criterio A). Non obstante, no caso de persistir o empate priorizarase a entidade solicitante que solicitase un equipamento cun menor custo.

3. O órgano instrutor á vista do expediente e do informe do órgano avaliador formulará proposta de resolución provisional que incluirá aquelas entidades beneficiarias ata o esgotamento do crédito orzamentario consignado. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia para os efectos de que os interesados poidan presentar alegacións nun prazo de dez días a partir do día seguinte ao da publicación.

4. Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

5. Examinadas as alegacións aducidas, de ser o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que expresará de forma motivada a relación de clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, importe da axuda proposta e equipamento subvencionado.

6. De ser o caso, contará cunha relación de persoas beneficiarias admitidas que non conseguiran a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de espera. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de espera no suposto de que algunha entidade beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación as persoas beneficiarias admitidas que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

7. A proposta de resolución expresará tamén, de forma motivada, a relación de persoas beneficiarias para as cales se propón a denegación, inadmisión ou desistencia da solicitude presentada.

Base 15ª. Resolución

1. A persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o equipamento que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación ou inadmisión.

A dita resolución, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, será notificada mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 16ª. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Base 17ª. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Cumpriranse, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do investimento estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Secretaría Xeral para o Deporte, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente.

Base 18ª. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Base 19ª. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas do beneficiario:

1º. Cumprir o obxectivo que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a adquisición do equipamento deportivo e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fan referencia estas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

5º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión.

6º. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8º. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, á cal se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

9º. Segundo o disposto no artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

10º. Outorgar premios, trofeos ou outros recoñecementos nas mesmas condicións, categorías e contías aos practicantes de ambos os sexos nas competicións e eventos que organicen nos dous anos seguintes á data de concesión da axuda.

Base 20ª. Obrigas específicas de publicidade

As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, as persoas beneficiarias das axudas deberán facer constar o cofinanciamento dos equipamentos adquiridos ao abeiro desta axuda con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte. Para isto empregarán adhesivos ou distintivos similares coa lenda «Proxecto cofinanciado», acompañada do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

Base 21ª. Pagamento

1. Poderase realizar o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, segundo o anexo VI, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

Conforme o artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 11 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados, non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias das subvencións concedidas os pagamentos das cales non superen os 18.000 euros.

2. Para os supostos en que non se solicitase o pagamento anticipado da contía da subvención concedida, unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Secretaría Xeral para o Deporte, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado polo beneficiario e na cal debe figurar como titular a entidade beneficiaria da axuda.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Base 22ª. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 30 de novembro de 2021.

O pagamento da subvención quedará condicionada, para os supostos en que non se solicitase o pagamento anticipado, á presentación da xustificación e solicitude de pagamento, segundo o anexo VII, polas entidades beneficiarias, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria.

2. Na xustificación e/ou solicitude de pagamento, se é o caso, segundo o anexo VII, deberá constar:

a. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.

b. Deberase achegar a documentación seguinte:

a) Certificación responsable asinada polo secretario/a da entidade deportiva beneficiaria segundo o anexo VIII desta resolución, na cal conste:

1º. A aprobación polo órgano competente da xustificación da subvención, na cal se faga constar de forma detallada:

a. O cumprimento da finalidade da subvención.

b. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de pagamento.

2º. Que, segundo o informe do tesoureiro da entidade deportiva beneficiaria, se anotou na contabilidade do gasto correspondente á adquisición do equipamento subvencionado.

3º. Que, segundo o informe do/da secretario/a da entidade deportiva beneficiaria, a adquisición de equipamentos se realizou seguindo o seguinte procedemento:

– Solicitude de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

– Que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

– Que as solicitudes das ofertas, a elección e o pagamento do equipamento se realizou con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 e que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

b) Relación clasificada de gastos (anexo IX) e facturas xustificativas dos investimentos realizados coa xustificación dos pagamentos que deberá acreditar que se fixeron cos requisitos exixidos no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Os investimentos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

Con carácter excepcional, aceptarase a xustificación do pagamento mediante xustificante de recepción do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.

As facturas e os xustificantes bancarios dos correspondentes pagamentos deberán estar expedidos entre o un de xaneiro de 2021 e a data límite da xustificación do proxecto.

3. A presentación da solicitude de pagamento de subvención e a xustificación da subvención pola persoa interesada ou representante, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como, se é o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a orixe do reintegro.

Base 23ª. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a orixe do reintegro.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida cando, ao non cumprir a obriga de manter o investimento durante dous anos, se aproxime de maneira significativa a ela, entendendo como tal ter mantido o investimento durante polo menos dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

2. O procedemento para declarar a orixe da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Base 24ª. Control

1. A Secretaria Xeral para o Deporte poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. A parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Base 25ª. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

Base 26ª. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar as resolucións e instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Dos anexos

O anexo II de equipamentos subvencionables poderá modificarse na resolución que anualmente se publique para a convocatoria de axudas.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO II

Relación de equipamento

a) Relación de equipamentos de adestramento ou competición específicos por modalidades deportivas:

1. Actividades subacuáticas, esquí náutico, motonáutica, pesca e cásting: boias, balizas, líneas divisorias e material de sinalización acuático.

2. Aeronáutica: redes de protección de público e material de sinalización específico.

3. Atletismo: xavelinas, pesos, martelos, discos, colchonetas, pértegas e valos.

4. Automobilismo, caza, golf, motociclismo e tiro ao voo: simuladores.

5. Bádminton, béisbol e sófbol, pádel, tenis e voleibol: redes, postes, máquina lanza bólas, máquina lanza plumas e máquina lanza balóns.

6. Baloncesto: canastras, sistemas que formen parte da canastra, e protectores das canastras.

7. Balonmán, fútbol, hockei e patinaxe: portaría e redes, proteccións, cascos, conos, patíns.

8. Billar: mesas de xogo e tapete.

9. Bolos: xogo de birlos.

10. Boxeo: tatami ou tapiz, cascos de protección.

11. Chave: xogo de chave.

12. Ciclismo e tríatlon: rolos e soporte multimedia para adestramento en rolo e bicicletas.

13. Columbicultura e colombofilia: gaiolas para traslado de pombas nas competicións.

14. Deporte adaptado: cadeiras de rodas, bicicletas adaptadas.

15. Deportes de inverno: redes de protección.

16. Espeleoloxía e montañismo: cordas e arneses, poleas, mosquetóns, aseguradores, descensores, bloqueadores, cascos e sistemas ou elementos de seguridade.

17. Esgrima, judo, karate, kickboxing, kung fu, loita e taekwondo: tatami ou tapiz, cascos e sistemas de protección non electrónicos, petos electrónicos, cascos electrónicos, receptor Wi-Fi e cargadores, taboleiros visualizadores electrónicos de puntuacións, cos maletíns, baterías e carga batería recargables.

18. Halterofilia: halteras, barras, discos, pesas, andeis de barras, ergómetros, colchonetas.

19. Hípica: selas de montar, remolque cabalos, porterías ou aros.

20. Natación: liñas divisorias, portarías waterpolo. Equipos de música subacuática para natación sincronizada.

21. Orientación: balizas e sensores, sistemas de navegación ou de posicionamento, gps.

22. Pelota: xogo de pelotas.

23. Petanca: xogo de petanca.

24. Piragüismo, remo e surf: embarcacións de competición, así como os distintos compoñentes, remos ou pas, cascos, chalecos salvavidas, ergómetros, contapadas, portarías de kayak-polo e lanchas pneumáticas.

25. Rugbi e fútbol americano: escudos, bolsas tacleo, portarías, protectores portarías e máquina de melés.

26. Salvamento e socorrismo: skis de salvamento, táboas de salvamento e pas.

27. Squash: interactive squash e máquina lanza bólas.

28. Tenis de mesa: mesas de competición.

29. Tiro con arco e tiro olímpico: parapetos e dianas ou albos (exceptúanse os pratos).

30. Vela: embarcacións de competición, velas, mastros, botavaras e outros compoñentes, lanchas pneumáticas.

31. Xadrez: taboleiros, pezas e reloxos.

32. Ximnasia: tatami ou tapiz, trampolín, colchoneta quitamedos, anelas, barra fixa, barras paralelas, barras asimétricas, barra de equilibrio, cabalo con arco, poldro, camas elásticas, practicable, airtrack e minitramp.

b) Equipamentos non específicos:

1. Carros, remolques ou bacas para o transporte de material de competición e adestramento.

2. Material de ximnasio: halteras, barras, discos, pesas, andeis de barras, ergómetros, bicicletas, colchonetas, máquinas de pesas.

3. Furgonetas para o transporte de deportistas e material de competición e adestramento.

4. Marcadores portátiles e sistemas de cronometraxe. Equipos e sofware de programas de puntuación e de control de volta.

5. Cadeiras para xuíces/árbitros.

6. Plataformas de saída e placas de xiro para natación.

7. Ring para boxeo e kickboxing.

8. Sistemas de calefacción portátiles.

9. Máquinas de pintado de campo e cortacespede.

c) Material sanitario:

Desfibrilador, equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).

A Comisión de Valoración poderá ampliar a relación de equipamentos deportivos subvencionables que se recollen neste anexo, en función das solicitudes presentadas e sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolvida.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file