Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 5 de febreiro de 2021 Páx. 7369

I. Disposicións xerais

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 3 de febreiro de 2021 pola que se regula o procedemento e se aproba e se dá publicidade ao modelo de comunicación de cambios de situación nos expedientes de regulación temporal de emprego por forza maior de impedimentos ou limitacións da actividade como consecuencia das modulacións nas restricións sanitarias adoptadas polas autoridades competentes vinculadas ao COVID-19 (código de procedemento TR820V).

A aprobación do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego, recolle como novidade, no seu artigo 2.2, a posibilidade por parte da empresa que obtivese unha resolución estimatoria para a implantación dun ERTE de forza maior, xa sexa de impedimento ou de limitación ao desenvolvemento normalizado da actividade, de aplicar sen solución de continuidade as medidas correspondentes a cada unha desas situacións sen necesidade de tramitar un novo expediente administrativo, coa condición de que se realice unha comunicación do cambio de situación á autoridade laboral, incluíndo nela unha serie de datos recollidos no artigo 2.3 como son a data de efectos ou os centros e persoas traballadoras afectadas.

Esta posibilidade esténdese non só aos expedientes que se tramiten á entrada en vigor da norma habilitante, senón que tamén será de aplicación a aqueles cuxa resolución se ditou ao abeiro do artigo 2 do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, así como ás ditadas en virtude da disposición adicional primeira.2 do Real decreto lei 24/2020, do 26 de xuño.

Así, e ante a necesidade de dar cobertura á tramitación da comunicación empresarial recollida no artigo 2.3 do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, cómpre articular un procedemento electrónico para esta comunicación.

O proxecto de orde foi obxecto de informe por parte dos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica, avaliación e reforma administrativa.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento e aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado, (código de procedemento TR820V) para a súa tramitación por medios electrónicos, sobre a comunicación dos cambios de situación nos expedientes de regulación temporal de emprego por forza maior de impedimento ou limitacións da actividade como consecuencia das modulacións nas restricións sanitarias adoptadas polas autoridades competentes vinculadas ao COVID-19, que estean vixentes na data de entrada en vigor do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego, así como das que se produzan en expedientes autorizados a partir da entrada en vigor da anterior norma.

Artigo 2. Forma e prazo de presentación

1. A comunicación do cambio de situación deberá facerse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica de a Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

2. O prazo de presentación da comunicación comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto á comunicación os seguintes documentos:

– Comunicación do cambio de situación producido á representación legal das persoas traballadoras ou, de non existir, ás persoas traballadoras.

– Relación nominal das persoas traballadoras afectadas (segundo o modelo anexo II).

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento ou exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da a información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase súa a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Documento acreditativo da personalidade da persoa comunicante, consistente no NIF no caso de persoas xurídicas e DNI ou NIE no caso de traballadores/as autónomos/as con persoas traballadoras contratadas.

– DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema achegará ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de comunicacións

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file