Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 8 de febreiro de 2021 Páx. 7740

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209H).

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a da adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

A xestión sustentable dos recursos marisqueiros enmárcase en plans de explotación e xestión nos cales se desenvolven diversas medidas que melloran a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos. Estas actuacións tamén contribúen a acadar os obxectivos da Directiva marco sobre estratexia mariña (DMEM), trasposta ao ordenamento xurídico español pola Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño.

O obxecto da presente orde é o desenvolvemento de proxectos que teñan por obxecto a conservación de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión de especies. Os proxectos velarán polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca evitando o abandono de zonas produtivas en que se estea a dar unha perda de produtividade.

Os posibles beneficiarios das subvenciones serán as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro), sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan á mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños (código do procedemento PE209H).

Estas axudas acóllense ao réxime de minimis de acordo co establecido nos regulamentos (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, así como o Real decreto 1149/2011 polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

g) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

h) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

i) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

j) Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

k) Real decreto 1149/2011 polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro.

Artigo 3. Crédito orzamentario e contía das axudas

1. Para o ano 2021 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, na cal existe crédito suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. As axudas reguladas na presente convocatoria financianse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, co que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe máximo das subvencións que se concedan en 2021 será de trescentos mil euros (300.000 €) nunha única anualidade 2021.

4. Os importes consignados, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. A contía da axuda terá un límite máximo que non pode superar o establecido no artigo 3 do Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura, isto é, 30.000 euros no exercicio fiscal en curso e nos dous exercicios anteriores ao da presente solicitude.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nele en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

6. Cada unha das entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo só poderá formular unha solicitude de axuda de proxectos como máximo, sexa individual ou conxunta. No caso de presentar mais, só será considerada para entrar no procedemento a primeira solicitude segundo a orde de rexistro de entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias, ao formalizaren a solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As beneficiarias deberán:

a) Realizar e xustificar as actividades para as cales se conceda a subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base. A falta execución de ao menos o 50 % do gasto total subvencionado poderá levar á perda do dereito á totalidade da axuda concedida.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día na súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate. Así mesmo, comunicar a obtención de axudas de minimis.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

h) Manter un sistema de contabilidade separado ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, así como proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do proxecto aprobado.

i) Todas as entidades solicitantes deberán presentar unha declaración responsable en que conste non ter iniciado a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

j) As beneficiarias deberá dar axeitada publicidade do carácter publico do financiamento. Para tal obxecto deberá ter exposto nun lugar público un cartel de tamaño mínimo A-3 onde se especifique o nome do beneficiario ou dos beneficiarios, de ser un proxecto conxunto, o nome do proxecto, o importe concedido e a modalidade de financiamento a cargo dos fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como facer figurar a imaxe institucional da Consellería do Mar como concedente da axuda. Así mesmo, farase unha descrición do proxecto subvencionado no sitio da internet, no caso de que dispoña dun.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidas polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, proxectos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan á mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños.

Serán subvencionables, ao abeiro desta convocatoria, os gastos de adquisición de semente nas seguintes condicións:

1.1. O importe máximo subvencionable por proxecto será de 15.000,00 € (sen IVE).

1.2. Por cada 100.000 unidades de semente será subvencionable como máximo un importe de 1.600,00 € (sen IVE).

2. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan tecnicamente viables.

En ningún caso se subvencionarán proxectos para desenvolver en zonas que estean dentro dun parque natural ou nacional.

O acondicionamento do substrato deberá ser previo á realización das accións subvencionables. A beneficiaria deberá xustificar que o substrato está debidamente acondicionado antes de proceder á sementeira.

3. Os proxectos serán de carácter anual e coas limitacións recollidas no artigo 7.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, cos seguintes condicionantes para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de adquisición de semente de especies marisqueiras, coas seguintes condicións:

a.1) Soamente se poderá actuar sobre zonas onde se teña constatado unha perda de produción das especies obxectivo, ao menos nos últimos 12 meses anteriores á data de solicitude.

a.2) A semente deberá proceder exclusivamente de criadeiro.

a.3) En calquera caso, requirirase permiso de inmersión segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

a.4) Que a especie obxecto do proxecto se atope no catálogo de especies comerciais segundo a Resolución do 24 de maio de 2019, de la Secretaría Xeral de Pesca, pola que se publica a lista de denominacións comerciais de especies pesqueiras y de acuicultura admitidas en España.

2. Os gastos subvencionables son aqueles realmente efectuados polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes criterios:

a) Que se efectúen ao longo da duración da acción.

b) Que se consignen no orzamento estimado total do proxecto e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Que sexan necesarios para a execución da acción obxecto da subvención.

d) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. Considérase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extracto ou certificacións bancarias debidamente identificados.

e) Que sexan identificables e verificables, en particular, que consten na contabilidade do beneficiario e se inscribisen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre a data da solicitude e o 30 de novembro de 2021. Non obstante, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o beneficiario presente a solicitude de axuda; para os ditos efectos, será necesario realizar unha acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Mar, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos inmateriais con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda sera demostrada mediante a data da factura correspondente. A realización da acta de comprobación previa en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores segundo o establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23 UE e 2014/24 UE, do 26 de febreiro de 2014, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. A beneficiaria poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu regulamento.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) Adquisición de terreos e inmobles.

c) Adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) Adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

f) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

g) Os gastos de manutención e desprazamento de persoas e os de representación.

h) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, número 1, parágrafo primeiro da Directiva 2006/112 CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

i) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

j) Os custos indirectos.

k) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionable en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde. Non obstante, a intensidade da axuda estará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias; de superalas, deberá axustarse a estas limitacións orzamentarias respectando, en todo caso, os principios da concorrencia competitiva. A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. No caso de proxectos que prevexan investimentos substancialmente idénticos, poderase establecer unha contía de subvención para todos eles, independentemente do importe solicitado.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. Manterase a axuda, pero minorarase na fase de pagamento, se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

Artigo 10. Compatibilidade da axuda

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público ou privado, sempre que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase, por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. As solicitudes de axudas poderán ser presentadas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificarase aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 19.2 desta orde.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) .

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contida nela e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Non ter sido sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

c) Ter cumprido as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

d) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014C24901).

e) O conxunto de todas as solicitudes formuladas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Incluirase a información sobre outras axudas de minimis cubertas polo Regulamento(UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, para as axudas de minimis e no sector da pesca e da acuicultura ou por outros regulamentos de minimis, recibidas durante o exercicio fiscal correspondente e os dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.

f) Non ter iniciado a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

Artigo 13. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Proxecto, segundo o modelo P, que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http:mar.xunta.gal), que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde de bases reguladoras.

O proxecto deberá conter toda a información indicada nos puntos b.1 ao b.5 deste número. Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie ausencia desta información ou non sexa presentada segundo o modelo P; nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

b.1) Memoria descritiva das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos dous anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e o grao de consecución dos obxectivos esperados.

b.2) Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos. Deberase especificar expresamente a situación de baixada de produtividade que leva á solicitude de axuda, achegando os datos necesarios para xustificar a necesidade do proxecto.

b.3) Descrición das accións que se pretenden acometer.

b.4) Calendario de realización das accións previstas.

b.5) Plano de localización de todas as accións previstas no proxecto, coas coordenadas xeográficas dos vértices, indicando o sistema de referencia empregado.

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a solicitude de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.

d) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarios para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción.

e) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...), de conformidade co anexo III.

f) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo III.

g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:

g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

g.2) Acordo de distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

h) No caso das solicitudes en que se proxecte a execución de accións en zonas incluídas nun plan de explotación e xestión conxunto con outras entidades, a entidade solicitante deberá achegar escrito de conformidade co proxecto asinado polos demais cotitulares do plan.

4. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a), b.1), b.2),e) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Concesións pola regra de minimis.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. En caso contrario, poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 16. Órganos de xestión e resolución

1. A ordenación e instrución dos expedientes será realizada polo servizo de Xestión de Proxectos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, que realizará de oficio as actuacións que coide necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

O órgano instrutor emitirá informe de cualificación das solicitudes sobre o cumprimento dos requisitos establecidos nas bases reguladoras da presente orde.

2. A resolución das solicitudes corresponde á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 17. Comisión de Avaliciaón

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros:

Presidenta: a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada unha das súas xefaturas territoriais, designadas pola presidenta.

Un dos vogais da comisión actuará como secretario.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe a presidenta.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue convenientes.

Artigo 18. Criterios de avaliación

Unha vez determinados o cumprimento de requisitos e a viabilidade técnica dos proxectos, a comisión valorará a seguir os proxectos segundo os criterios ponderados co valor que se indica e que servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes:

a) Viabilidade técnica do proxecto: máximo 10 puntos

a.1) Relevancia e necesidade do proxecto: 4 puntos.

a.2) Calidade, detalle e coherencia da memoria: 2 puntos.

a.3) Concreción dos obxectivos: 2 puntos.

a.4) Efectos beneficiosos sobre o medio ambiente: 2 puntos.

b) Grao de participación entre entidades que cumpran co establecido no artigo 4: máximo 8 puntos.

b.1) Proxecto para desenvolver entre varias entidades: 2 puntos.

b.2) Intensidade da participación: un punto por entidade participante ata un máximo de 3 puntos.

b.3) Traxectoria das entidades solicitante/participantes: un punto por entidade participante ata un máximo de 3 puntos.

c) Dimensionalidade do proxecto: máximo 8 puntos.

c.1) Demanda de novos permisos PERMEX nas entidades participantes do proxecto: 2 puntos.

c.2) Utilización de medios propios da entidade solicitante: 2 puntos.

c.3) Porcentaxe de custo asumido pola entidade sobre o importe do proxecto: 1 punto por cada 5 %, ata un máximo de 4 puntos.

No caso de empate nas puntuacións finais obtidas por dúas ou mais solicitudes, procederase ao desempate das solicitudes, en primeira instancia, en función da puntuación obtida na alínea a) dos criterios de avaliación e, no caso de persistir o empate, prevalecerá a puntuación obtida alínea b) e, de ser necesario, por último, na alínea c) dos criterios de avaliación desenvoltos no presente artigo.

A comisión de avaliación poderá:

– Propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables non estea debidamente xustificado no proxecto presentado.

– Establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable.

Artigo 19. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o presidente da comisión avaliadora formulará ao órgano concedente proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.3 desta orde, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 20. Resolución

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, a persoa titular da Consellería do Mar emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 21. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo IV. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 22. Recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados dende o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización.

Non se aprobarán modificacións que impliquen unha minoración do importe subvencionable superior ao 50 % do importe aprobado inicialmente.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. Os gastos correspondentes poderán xustificarse ata o 30 de novembro de 2021. Este prazo poderá prorrogarse por resolución expresa do órgano concedente, de oficio ou logo de solicitude do beneficiario e por causas debidamente motivadas.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, e dentro do prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións indicando a localización e coordenadas de todas as actuacións executadas, as unidades de superficie e número de individuos de especies sementadas, segundo proceda. Incluiranse tamén os datos e incidencias máis significativas na súa execución que inclúa reportaxe fotográfica, cando sexa procedente, con especial referencia aos obxectivos acadados.

Deberá utilizarse o modelo M que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http:mar.xunta.gal).

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.

a.4) Comprobantes bancarios correspondentes aos pagamentos efectuados que xustifiquen a efectiva realización dos gastos e, se é o caso, importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas.

b) No caso de opoñerse expresamente á súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recollan os compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.

d) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.4 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

e) Documentos de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo V.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados. Para estes efectos, a entidade beneficiaria deberá comunicar previamente e coa anticipación mínima de 48 horas a realización das actividades subvencionadas ao servizo correspondente da Consellería do Mar.

Artigo 25. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 26.

O pagamento do anticipo terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Garantías

Segundo o establecido no punto 4.i) do artigo 65 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas axudas quedan exonerados da constitución de garantía.

Artigo 27. Reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de mora producidos dende o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de incumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe por reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de graduación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de demora producidos dende o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.j) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable axeitada, segundo o establecido no artigo 5.2.h), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 28. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 30. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da paxina web da Consellería do Mar (http:mar.xunta.gal) a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

Artigo 31. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude responsable deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 32. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición adicional segunda

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file