Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 8 de febreiro de 2021 Páx. 7624

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2021 (código de procedemento PR924B).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con estas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do titular do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior, co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propias.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 4 da lei recolle a distinta tipoloxía de entidades galegas que poderán ser recoñecidas ao abeiro desta.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo ao que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e sinaladamente nas áreas formativas, culturais, de xuventude, así como as que contribúan ao financiamento dos gastos de funcionamento.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, dado que, debido ao obxecto, a finalidade e a natureza dos beneficiarios, é interese da propia convocatoria atender a todas as solicitudes que reúnan os requisitos exixidos, fixándose a contía individual da subvención a través dun rateo proporcional determinado pola aplicación dos criterios que para cada programa se establecen, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns para todos os programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, sinaladamente nas áreas sociais, de xuventude, formativas, culturais, que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia, que se concretan nos seguintes programas de actuación (PR924B):

Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior.

Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

Programa 3. Accións de especial relevancia e/ou de promoción do Ano Santo Xacobeo.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas subvencións para o ano 2021.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria en cada programa as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e a condición de entidades galegas sen fin de lucro dos beneficiarios, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas ás entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarios da subvención de que se trate.

Artigo 3. Gastos subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro de cada programa os gastos e proxectos que se indican no capítulo II. Disposicións específicas desta convocatoria.

Só poderán ser subvencionados gastos ou proxectos que se vaian executar no prazo comprendido entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, para os programas 1 e 2, e entre o 1 de novembro de 2020 e o 31 de outubro de 2021, para o programa 3.

O importe da subvención solicitada será, como máximo, o 80 % do investimento total previsto na solicitude. No caso de que o importe solicitado superase esa cifra, non se terá en conta o exceso.

Para fixar o importe do investimento total previsto deberán terse en conta os límites establecidos no artigo 4.

Artigo 4. Financiamento e contía das subvencións

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución, destinarase inicialmente un crédito total de 1.200.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0-Axudas a entidades no ámbito das migracións, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2021. Este importe poderá ampliarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O crédito previsto distribuirase entre os programas da maneira que segue:

Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento.

O importe do crédito destinado a este programa é de 800.000 €.

O importe máximo total de gastos de funcionamento para os que se solicite subvención non poderá superar a contía de 50.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para efectos de determinar o importe da subvención que se conceda.

O importe máximo da axuda que se vai conceder a través deste programa será inferior a 30.000 €.

Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

O importe do crédito destinado a este programa é de 300.000 €.

O importe máximo do gasto no conxunto dos proxectos para os que se solicite subvención non poderá superar a contía de 40.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para efectos de determinar o importe da subvención que se vai conceder.

O importe máximo da axuda que se vai conceder a través deste programa será de 25.000 €.

Programa 3. Accións de especial relevancia e/ou de promoción do Ano Santo Xacobeo.

O importe do crédito destinado a este programa é de 100.000 €.

O importe máximo do gasto dos proxectos de especial relevancia para os que se solicite subvención non poderá superar a contía de 40.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para efectos de determinar o importe da subvención que se conceda.

O importe máximo da axuda que se vai conceder a través deste programa é de 24.000 €.

3. Á vista das solicitudes presentadas, e de existir remanente nalgún dos programas, logo de feita a proposta de concesión, poderá ser redistribuído entre os outros programas en función das necesidades.

4. Este expediente tramítase como anticipado de gasto ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2021. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001 a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 5. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Buenos Aires (Arxentina) e de Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

2. As entidades tan só poderán presentar unha única solicitude por programa.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Documentación

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación complementaria que especificamente se relaciona nos artigos 28, 31 e 34, segundo corresponda para cada un dos programas para os que presente solicitude. Así mesmo, poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Consecuente co disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español, que presenten a solicitude de xeito presencial deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo presidente ou polo representante legal da entidade solicitante.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, en poder da Administración actuante, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos oportunos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e resolución

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia non competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria requirirase á entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, en execución do disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá informe no que se concreten os resultados da avaliación efectuada e a correspondente proposta de concesión.

Estará formado por tres persoas vogais e unha persoa secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da Comisión de Avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

6. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios sinalados para cada programa nos artigos 29, 32 e 35 desta resolución.

7. O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa, tendo en conta a distribución do crédito, o gasto total previsto en cada solicitude e a puntuación acadada de acordo co disposto nesta resolución.

En función do número de puntos que acade cada solicitude, aplicarase a porcentaxe que corresponda segundo o contido do anexo A. A contía que se vai conceder a cada entidade resultará de aplicar a dita porcentaxe ao importe do gasto ou do custo dos proxectos para os que se pide a subvención, sen que supere o límite previsto no artigo 4, nin o 80 % do orzamento do proxecto –minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable–, nin a contía solicitada.

Atendendo ás características dos programas convocados, non se concederán axudas por contía inferior a 150 €. Os créditos correspondentes a axudas inferiores a esta contía distribuiranse de xeito porcentual entre o resto de axudas propostas, tendo en conta os límites previstos nos parágrafos anteriores.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 11. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada programa proposto na resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar a entidade beneficiaria para que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. A comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes, efectuarase a través do taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e da páxina web http://emigracion.xunta.gal. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Non obstante, o prazo de dez días computarase desde a publicación na páxina web destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

3. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes, para a súa análise, segundo o modelo que figura como anexo II. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

4. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

5. No suposto de que non se opte pola reformulación, co obxecto de garantir os dereitos ou beneficios que puideran reportar ás entidades beneficiarias o feito de axustar os seus compromisos á contía da subvención proposta, a Secretaría Xeral recollerá na resolución de concesión a contía do gasto mínimo que deberán xustificar para ter dereito a cobrar a totalidade da axuda concedida, logo de excluír os gastos non subvencionables de conformidade co establecido nesta resolución.

O importe do gasto mínimo ten que enmarcarse dentro do establecido nesta resolución sen modificar a correlación das fontes de financiamento recollidas pola entidade beneficiaria na súa solicitude inicial, polo que será o maior dos seguintes:

a) O resultante da aplicación da porcentaxe que representa a subvención concedida respecto da pedida pola entidade beneficiaria na solicitude sobre o importe total do investimento (minorado nos gastos non subvencionables, se é o caso).

b) Aquel que, ao aplicarlle o límite máximo do 80 %, permitido, coincida coa subvención concedida.

Artigo 12. Notificación

1. As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación, sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Excepcionalmente, no caso das entidades domiciliadas fóra do territorio español, de acordo co previsto no artigo 6.1 desta convocatoria, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos, non obstante, poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por este medio.

A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo a Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a devandita resolución, a entidade beneficiaria terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza calquera alteración dos requisitos exixidos ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas, podendo a Secretaría Xeral adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorrer circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención, que se resolverá a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 17. Xustificación

1. Os gastos ou proxectos subvencionados a través da presente convocatoria deberán ser executados e xustificados antes do 30 de setembro de 2021, agás os do programa 3, cuxa data límite será o 31 de outubro de 2021.

De conformidade co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, sen que a dita ampliación poida aplicarse ao prazo de execución das accións subvencionadas establecido no artigo 3 desta resolución.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobro total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificación é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe unitario das subvencións inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 18, as entidades beneficiarias de subvencións deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, antes do prazo sinalado, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria dos gastos ou dos proxectos realizados, xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos en cada un dos programas subvencionados.

b) Relación clasificada das facturas ou documentos equivalentes dos gastos realizados, con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, conforme o modelo normalizado que figura como anexo III.

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiaran a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa orixe, segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV.

d) Declaración responsable de que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia xa incluída no anexo IV.

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

No caso de que entre os proxectos informativos que aparecen na solicitude se inclúan algúns referidos á edición e difusión de libros e publicacións, ademais da documentación xustificativa indicada, deberá enviarse un exemplar do libro, revista, publicación ou edición periódica subvencionada, no que deberá figurar, en lugar visible, a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e as demais responsabilidades establecidas, de acordo co disposto no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, considerarase gasto subvencionable, o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

6. En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €, ben en documento independente, no que conste o importe recibido, a referencia da factura a que corresponde, a data na que se efectúa o pagamento e a sinatura do provedor, ou ben mediante a factura asinada e selada polo provedor, na que conste «recibín en efectivo» ou expresión equivalente.

7. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir á entidade beneficiaria a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

– Relaciónanse as entidades beneficiarias por programa e orde alfabética, asignándolles un número correlativo. Escóllese un número ao azar do 1 ao 20. O dito número determinará a primeira entidade que será obxecto da mostraxe e os seguintes que se elixan serán múltiplos do devandito número.

Artigo 18. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente e, para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, logo de solicitude xustificada pola entidade, poderanse efectuar pagamentos á conta ou acordarse anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estes pagamentos estarán suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. O resto do importe, ou a parte que corresponda, librarase logo de completar a xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido nos artigos 65.4.f) e 65.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 19. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto destas, podendo subcontratar con terceiros ata o cento por cento das accións subvencionadas.

Artigo 20. Requirimentos

De acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.gal.

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias das subvencións correspondentes aos programas convocados pola presente resolución quedan obrigadas a:

1. Executar o proxecto ou realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto, as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude ou o resultante da aplicación do artigo 11, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto, logo de resolución da Secretaría Xeral, o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 11.

6. Difundir o cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada, inserindo en lugar visible o logo da Xunta de Galicia coa lenda: «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia».

7. Á divulgación do contido de todos os programas que executa a Xunta de Galicia dirixidos aos galegos do exterior dentro do ámbito da súa área de influencia a través dos medios ao seu alcance e en especial mediante a utilización das TIC.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das condicións e obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que hai que minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento, ou, se é o caso, ao reintegro, na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se a resolución non fose expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa que a desenvolva.

CAPÍTULO II

Disposicións específicas

Sección 1ª. Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento

Artigo 27. Obxecto e finalidade das subvencións

Este programa ten por obxecto a concesión de subvencións para contribuír ao financiamento dos gastos correntes ou de funcionamento de carácter periódico derivados de servizos externos nos que incorran as entidades galegas solicitantes que resulten necesarios para o mantemento da súa actividade ordinaria, sempre que esta non teña ánimo comercial ou profesional e estean destinados a actividades sen fins de lucro para os seus asociados ou á promoción cultural, social ou económica de Galicia.

Poderanse subvencionar ao amparo deste programa os gastos derivados de:

1. O arrendamento ao nome da entidade solicitante de inmobles que se utilicen como sede habitual e permanente, sempre que non dispoña de locais ou instalacións en propiedade susceptibles de ser utilizados para esta finalidade.

2. Outros gastos correntes que soporte a entidade, como son os derivados da adquisición de subministracións non inventariables (material de oficina, ou material informático non inventariable), mantemento de aplicacións informáticas de xestión e desenvolvemento das actividades das entidades, adquisición de material funxible contra a COVID-19, subscricións periódicas á prensa ou revistas, comunicacións telefónicas, luz, auga, taxas e outros gastos de carácter similar incluídos dentro do capítulo II da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

3. Gastos ordinarios de reparacións, mantemento e conservación de maquinaria, instalacións ou utensilios.

4. Gastos administrativos e legais derivados de procesos de unión ou fusión.

Artigo 28. Documentación que se vai presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa dos gastos de funcionamento para os que se pide a axuda.

b) Orzamento detallado cos custos previstos para cada concepto de gasto relacionado na memoria, correspondente ao período que abrangue a convocatoria.

c) No caso de solicitar axuda para arrendamento do local da sede habitual e permanente da entidade, deberá achegarse a seguinte documentación:

– Copia do xustificante de pagamento do alugamento referido ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.

– Copia do contrato vixente de alugamento da sede, agás que xa conste na Secretaría Xeral da Emigración.

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución a calquera destes idiomas.

Artigo 29. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia dos gastos previstos na solicitude, en función da repercusión e da influencia que poida ter a entidade no seu ámbito e no seu contorno: ata 40 puntos, para comunidades galegas, centros colaboradores e federacións, sempre que a porcentaxe de persoas socias de orixe galega sexa superior ao 40 %, e ata 20 puntos para o resto das entidades inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Terase en conta o número de persoas asociadas que conste no Rexistro da Galeguidade na data de finalización da presentación de solicitudes, as actividades realizadas pola entidade, a traxectoria da entidade na difusión dos valores culturais de Galicia e do coñecemento da súa realidade, así como a presencia da muller e da mocidade nos órganos de dirección da entidade, a existencia de sección, departamento ou vocalía específica para a xuventude e/ou relacionada coas TIC que consten no dito rexistro, ás que se lle outorgará ata 5 puntos, dentro da puntuación total deste criterio.

As puntuacións asignaranse proporcionalmente, de conformidade co establecido neste punto tendo en conta o gasto total.

1.2. Importancia e repercusión das accións culturais, formativas, asociativas, informativas, asistenciais e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos: ata 15 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegas e descendentes que sexan usuarias das accións realizadas pola entidade, segundo a información que conste no Rexistro da Galeguidade na data de finalización da presentación de solicitudes.

As solicitudes presentadas por entidades que segundo os datos dos que dispón a Secretaría Xeral da Emigración non teñan realizado actividade cultural, formativa,... nos tres anos anteriores ao da convocatoria valoraranse con 0 puntos.

1.3. Emprego da lingua galega na realización das accións ata: 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

1.4. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do gasto; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.5. Ter a condición de comunidade galega, así como as federacións ou unións de entidades: 5 puntos.

1.6. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas: ata 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 15 puntos neste programa de axudas, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª. Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude

Artigo 30. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa preténdese fomentar, mediante a concesión de subvencións, o mantemento daquelas accións que potencien os vínculos con Galicia que anualmente con carácter ordinario executan as entidades galegas no exterior nos seguintes ámbitos:

1. Programación cultural, social e formativa das entidades galegas no exterior e, aquelas que promovan a difusión e preservación do patrimonio cultural de Galicia entre as colectividades de galegos residentes nos lugares de asentamento.

2. Accións informativas que contribúan a un mellor coñecemento da realidade e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento, tales como a edición de libros, publicación de revistas de carácter periódico, realización de programas de radio e televisión.

3. Proxectos creativos, formativos, de participación e de intercambio cultural que fomenten a integración da mocidade nas estruturas orgánicas das entidades, propiciando deste xeito a renovación xeracional.

4. As actividades propias para a consecución do seu obxecto social, recollido nos estatutos da sociedade, sempre que non teñan carácter comercial ou profesional sometido a prezo.

En cada un destes proxectos poderanse subvencionar as seguintes accións:

A) Proxectos culturais e formativos.

1. Actividades culturais ou de carácter formativo sobre aspectos da vida social ou cultural de Galicia.

2. Cursos de formación e seminarios (en materias que non sexan subvencionadas a través doutros programas pola Secretaría Xeral da Emigración ou por outro departamento da Xunta de Galicia).

3. Celebración de exposicións e mostras representativas das distintas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo en Galicia.

4. Conferencias, mesas redondas, xornadas e presentacións literarias que contribúan a dinamizar a vida social e cultural das colectividades de galegos no seu lugar de asentamento.

5. Organización e mantemento de grupos corais, musicais, teatrais e de danza, e as actividades que estes realicen.

6. Actos conmemorativos do Día das Letras Galegas e do Día Nacional de Galicia.

7. Contratación de grupos ou formacións de música, de danza, bandas e corais, e compañías teatrais de autor, de monicreques ou de espectáculos de maxia, que difundan a cultura galega.

8. Outros proxectos culturais e asociativos promovidos polas entidades galegas no exterior que se axusten á Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e que propicien o fomento e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas.

Non serán susceptibles de subvención aquelas actividades que teñan carácter exclusivamente gastronómico.

B) Accións informativas ou divulgativas sobre aspectos da vida social, cultural ou económica de Galicia.

1. A edición e difusión de libros ou publicación de revistas periódicas culturais, informativas, económicas, etc. ou boletíns de interese xeral, así como a realización por parte das entidades galegas de programas de radio e televisión dedicados á realidade galega.

2. A organización ou participación en xornadas, exposicións ou feiras sectoriais.

C) Proxectos promovidos pola xuventude que teñan relación con Galicia.

1. Formación específica da mocidade na xestión das entidades galegas e das institucións e asociacións sen fins de lucro e mellora de habilidades directivas.

2. Intercambios xuvenís de grupos da mocidade pertencentes ás comunidades galegas para a realización de actividades culturais, musicais, deportivas e sociais.

3. Formación específica da mocidade para o coñecemento e emprego das novas tecnoloxías da comunicación.

4. Promoción de actividades deportivas que fomenten a relación entre a xuventude de orixe galega.

5. Creación e apoio de grupos de teatro, música e danza.

6. Realización de actividades culturais relacionadas con Galicia (cursos, ciclos de conferencias, mostras, ciclos de cine galego ou de teatro, concertos) destinadas especificamente ao conxunto de mozos e mozas da colectividade.

7. Creación de foros de debate e intercambio cultural entre a mocidade da emigración e a mocidade galega, así como entre intelectuais, científicos e expertos en diversos eidos de Galicia e do país onde estes foros teñan lugar.

D) Outros programas e accións dirixidos a cumprir o obxecto social da entidade.

1. Programas e accións que persigan a mellor integración e participación dos/das galegos/as residentes no seu ámbito de actuación, na vida da propia comunidade e na dos países ou comunidades autónomas españolas de acollida e as súas xentes.

2. Outro tipo de accións non recollidas entre as anteriores, necesarias para a consecución do obxecto social recollido nos estatutos da sociedade, sempre que fomenten os vínculos con Galicia e non teñan carácter exclusivamente comercial ou profesional sometido a prezo.

Artigo 31. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude as entidades que pidan axuda por este programa teñen que achegar a seguinte documentación:

a) Memoria que relacione e describa cada un dos proxectos para os cales pide a axuda, cun máximo de doce. Para cada un dos proxectos debe detallarse a súa finalidade ou necesidade, as accións que se pretenden realizar, e as datas e os lugares en que ten previsto executalos.

De incluír proxectos xuvenís, esta memoria deberá vir asinada, ademais de pola persoa representante legal da entidade, pola persoa responsable da sección xuvenil ou do grupo de mozos organizadores.

b) Orzamento detallado do custo de execución previsto para cada proxecto, e de todos en conxunto para os cales se solicita a subvención, asinado pola persoa representante legal da entidade.

Artigo 32. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral dos proxectos relacionados na memoria: ata 37 puntos, atendendo a súa finalidade ou necesidade, ao seu carácter innovador, e á importancia e repercusión das accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

1.1.1. Finalidade ou necesidade dos proxectos para os que se solicita a subvención: ata 22 puntos.

Se a finalidade dos proxectos se refire exclusivamente ao programa anual de actividades culturais ou de formación, ata 15 puntos. Se se refire exclusivamente a proxectos xuvenís, ata 10 puntos. Se se refire exclusivamente a actuacións de tipo informativo, ata 6 puntos. Aquelas solicitudes que inclúan varios proxectos con distinta finalidade, terán unha puntuación máxima de 22 puntos.

1.1.2. Carácter innovador do programa. Valorarase o carácter innovador dos proxectos: ata 5 puntos.

1.1.3. Importancia e repercusión que tivesen as accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos: ata 10 puntos.

1.2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galegos que poidan ter os proxectos que se van realizar para os que se solicita a subvención, tendo en conta o número potencial de persoas usuarias de orixe galega ou descendentes segundo a información que conste no Rexistro da Galeguidade na data de finalización da presentación de solicitudes, o impacto informativo e cultural do proxecto: ata 13 puntos.

1.3. Entidades que conten con sección, departamento ou vocalía específica para a xuventude da que exista constancia no Rexistro da Galeguidade: ata 5 puntos.

1.4. Emprego da lingua galega na realización das accións: ata 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

1.5. Ter a condición de comunidade galega, así como as federacións ou unións de entidades: 5 puntos. Ter a condición de centro colaborador da galeguidade: 2 puntos.

1.6. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do gasto; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.7. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, cando no seu respectivo ámbito territorial non existan outras entidades galegas, ou ben cando se xunten varias entidades para a realización dun proxecto común: ata 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos neste programa, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 3ª. Programa 3. Accións de especial relevancia e/ou de promoción do Ano Santo Xacobeo

Artigo 33. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa pretenden subvencionar proxectos de actividades de carácter extraordinario para a entidade que as promove ou nas que participa activamente, non atendibles polo programa 2, cuxa finalidade é a promoción cultural, social ou económica de Galicia no ámbito no que estea asentada, para as que se xustifique a súa especial relevancia e diferenciación con respecto ás previstas no programa 2, tales como mostras, feiras, certames, accións de promoción no exterior do Ano Santo Xacobeo e do Camiño de Santiago, ou efemérides especiais da entidade (25º, 50º, 75º, 100º, 125º...aniversario, etc.).

Artigo 34. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude as entidades que pidan axuda por este programa, teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva que recolla o proxecto da actividade especial para a que se pide a axuda, na que se argumente a especial relevancia, a súa finalidade ou necesidade, a importancia e repercusión para acadar os obxectivos previstos, estimación dos participantes e poboación á que vai dirixida, as accións que se van desenvolver, as datas e os lugares nos que se pretende executar, etc.

b) Orzamento detallado que recolla o custo total previsto do proxecto da actividade especial, desagregado nas partidas especificas das principais accións que se van executar, asinado polo representante legal da entidade.

Artigo 35. Criterios de valoración

1. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral da acción que se vai desenvolver, atendendo ás finalidades para as que se solicita a subvención e ao seu carácter innovador; valorando a súa importancia e a repercusión: ata 55 puntos.

1.2. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do gasto; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.3. Entidades que conten con sección, departamento ou vocalía específica para a xuventude da que exista constancia no Rexistro da Galeguidade: ata 5 puntos.

1.4. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas, ou ben cando se xunten varias entidades para a realización dun proxecto común: ata 15 puntos.

1.5. Emprego da lingua galega na realización das accións: ata 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 40 puntos neste programa de axudas, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO A

Porcentaxes que hai que aplicar para determinar a contia das subvencións

Importe do proxecto de gasto

Puntuación obtida

% que hai que aplicar sobre o custo do proxecto do gasto

Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento

< 16.000 €

<= 20 puntos

> 20 < 40

>= 40 < 60

>= 60 < 80

>= 80

35 %

35 % + 0,70% por cada punto superior a 20

35 % + 0,85 % por cada punto superior a 20

35 % + 1 % por cada punto superior a 20

80 %

>= 16.000 < 32.000 €

<= 30 puntos

> 30 < 80

>= 80

30 %

30 % + 1,25 % por cada punto superior a 30

80 %

>= 32.000 €

<= 40 puntos

> 40 < 50

>= 50 < 60

>= 60 < 80

>= 80

30 %

30 % + 0,75 % por cada punto superior a 40

30 % + 1 % por cada punto superior a 40

30 % + 1,25 % por cada punto superior a 40

80 %

Programa 2. Axudas para proxectos culturais

< 13.000 €

<= 25

> 25 < 40

>= 40 < 80

>= 80

25 %

25 % + 1 % por cada punto superior a 25

25 % + 1,20 % por cada punto superior a 25

80 %

>= 13.000 < 26.000 €

<= 30 puntos

> 30 < 80

>= 80

20 %

20 % + 1,25 % por cada punto superior a 30

80 %

>= 26.000 €

<= 35

> 35 < 50

>= 50 < 60

>= 60 < 80

>= 80

20 %

20 % + 0,75 % por cada punto superior a 35

20 % + 1 % por cada punto superior a 35

20 % + 1,25 % por cada punto superior a 35

80 %

Programa 3. Axudas para accións de especial relevancia e/ou de promoción do Ano Santo Xacobeo

< 20.000

<= 45 puntos

> 45 < 80

>= 80

30 %

30 % + 1,45 % por cada punto superior a 45

80%

>= 20.000 €

<= 45 puntos

> 45 < 80

>= 80

20 %

20 % + 1,75 % por cada punto superior a 45

80 %

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file