Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 8 de febreiro de 2021 Páx. 7663

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Resolución do 12 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2021 (código de procedemento PR924B).

BDNS (Identif.): 547325.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria en cada programa as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e a condición de entidades galegas sen fin de lucro dos beneficiarios, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarios da subvención de que se trate.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, sinaladamente nas áreas sociais, de xuventude, formativas, culturais, que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia, que se concretan nos seguintes programas de actuación (PR924B):

Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior.

Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

Programa 3. Accións de especial relevancia e/ou de promoción do Ano Santo Xacobeo.

Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas subvencións para o ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 12 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2021 (código de procedemento PR924B).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 1.200.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0-Axudas a entidades no ámbito das migracións, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración