Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 9 de febreiro de 2021 Páx. 7998

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 das axudas, en concorrencia competitiva, destinadas ao impulso da boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR651C).

Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) constitúen unha forma de propiedade en común de natureza xermánica singular no contexto estatal, que se localizan maioritariamente no noroeste de España e, case exclusivamente, en Galicia. Segundo datos do Rexistro de MVMC existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos xurados provinciais, totalizando 664.230 ha, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte (rango de 92 a 430 ha, segundo o distrito forestal).

A distribución dos MVMC non é homoxénea nas 4 provincias galegas: o 39,2 % destes montes sitúanse en Ourense, un 30 % en Lugo, o 21,7 % en Pontevedra e só o 9,1 % na Coruña. O número total de comuneiros en Galicia é de 122.734, cunha media de 44 comuneiros por monte. As cifras indican a grande importancia superficial e social deste tipo de propiedade privada e colectiva (regulada no artigo 60 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia).

Con todo, os importantes cambios socioeconómicos acaecidos no medio rural galego durante a segunda metade do século XX e o XXI desencadearon problemas importantes de abandono da xestión, que supuxeron nalgúns casos que non se dispuxese de estatutos vixentes ou non ter a xunta reitora actualizada. Prodúcense tamén problemas no mantemento actualizado do censo de comuneiros ou na comunicación en tempo dos reinvestimentos. En particular, ao abeiro do datos publicados no Anuario de estatística forestal (ano 2019), a situación é máis desfavorable no Distrito VII A Fonsagrada-Os Ancares, no Distrito IX Lugo-Sarria e nos distritos da provincia de Ourense, que amosan unha menor porcentaxe de comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) que se atopan ao día na súas obrigas administrativas e legais.

Así mesmo, de forma xeneralizada, existen problemas na delimitación destes MVMC cos propietarios particulares, pero si semella máis frutífero e operativo acudir a deslindes parciais entre MVMC, e nalgúns casos a revisión de esbozos pode arranxar erros topográficos evidentes.

Polo que cómpre establecer unha liña de axudas para o impulso da boa gobernanza das comunidades de montes veciñais en man común.

Estas axudas divídense en catro tipos e actuacións:

a) Actuación 1. Servizo de apoio técnico para a xestión forestal.

b) Actuación 2. Revisión de esbozos das carpetas-ficha en CMVMC.

c) Actuación 3. Deslindamentos parciais entre CMVMC.

d) Actuación 4. Deslindamentos parciais entre a CMVMC e propiedades particulares.

A actuación 1 acóllese ao establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) ou, de ser o caso, estas axudas acolleranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) núm. 316/2019, do 21 de febreiro de 2019.

Mentres que as actuacións 2, 3 e 4 teñen como finalidade aplicar a medida 8.5 (investimentos para incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais) que figura no PDR de Galicia 2014-2020. Estas axudas están recollidas no artigo 35 do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, foron comunicadas por España á Comisión Europea e publicadas na páxina web da Comisión (http://ec.europa.eu/competition/elojade/isef/case_details.cfm?proc_code=3_SA_43021 ) o 20 de outubro de 2015, coa clave SA.43021 (2015/XA).

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas destinadas ao impulso á boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, en concorrencia competitiva.

2. Poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

a) Actuación 1. Servizo de apoio técnico para a xestión forestal.

b) Actuación 2. Revisión de esbozos das carpetas-ficha en CMVMC, consonte a disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

c) Actuación 3. Deslindamentos parciais entre CMVMC, consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

d) Actuación 4. Deslindamentos parciais entre a CMVMC e propiedades particulares, consonte o artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

3. As actuacións elixibles no punto 2.a) deste artigo ampáranse no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) ou, de ser o caso, no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) núm. 316/2019, do 21 de febreiro de 2019.

4. As actuacións elixibles no punto 2.b), c) e d) deste artigo ampáranse nos artigos 21.1.d) e 25 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e no artigo 35 do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado, por última vez, mediante a Decisión de execución da Comisión C (2020) 8432 final, do 25 de novembro de 2020.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio clasificado como monte veciñal en man común na Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:

a) Dos terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

b) Dos montes consorciados coa Administración que non teñan solicitado o cambio de consorcio a convenio na data en que remate o prazo de solicitude da axuda.

Artigo 3. Beneficiarias

1. As beneficiarias serán as CMVMC.

2. As beneficiarias deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

4. Non poderán ser beneficiarias as empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

5. Non poderán ser beneficiarias aquelas CMVMC que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Intensidade da axuda

1. A intensidade da axuda para estas actuacións será do 100 %, limitada por beneficiaria a un máximo de 25.000 €, tendo en conta os límites establecidos nos puntos 2 e 3 do artigo 27. Neste sentido, ás CMVMC que figuren como inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) aplicaráselles o límite establecido no punto 2 do artigo 27, mentres que ás CMVMC non inscritas nese rexistro se lles aplicará o límite establecido no punto 3 do artigo 27.

2. O importe da axuda calcularase sobre o custo real do investimento determinado na correspondente memoria e tendo en conta o anexo IV en que figura o cadro de importes máximos subvencionables por cada actuación obxecto de axuda.

3. O IVE non é subvencionable.

Artigo 5. Condicións técnicas

1. O servizo de apoio técnico consistirá na contratación do dito servizo técnico, de carácter forestal, con persoas físicas que sexan técnico competente en materia forestal, consonte a definición disposta no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou xurídicas inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor), co fin de subministrar á CMVMC o necesario soporte técnico para o impulso da súa boa gobernanza. Para este fin será obrigado presentar unha memoria de actividades anual en relación coas actuacións propias deste servizo, nomeadamente;

a) Xestión administrativa relacionada cos órganos e deberes establecidos na normativa específica que pode afectar a propiedade, en particular aquelas cuestións relacionadas coa constitución e renovación de xuntas reitoras, censo de comuneiros, libro de contas, así como outras obrigas establecidas na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, así como nos seus desenvolvementos regulamentarios.

b) Xestión específica do desenvolvemento do instrumento de ordenación ou xestión forestal (IOXF) aprobado.

c) Procedementos relacionados coa certificación forestal do monte.

d) Seguimento das actuacións relacionadas no monte, tales como obtención de permisos administrativos, redacción de proxectos, memorias ou informes, tramitación de axudas públicas ou direccións de obra.

2. Para a revisión dos esbozos das carpetas-ficha en montes veciñais en man común seguiranse os trámites dispostos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

3. A delimitación final, en formato shapefile (UTM29N, ETRS89), dos esbozos e deslindamentos parciais ou totais deberán ser remitidos xuntamente coa solicitude de pagamento.

4. A revisión dos esbozos das carpetas-ficha, así como as actuacións en materia de deslindamentos, serán axudas finalistas e, por tanto, a percepción das axudas previstas será obxecto de pagamento unha vez que chegue á fase de resolución o trámite administrativo previsto dunha forma exitosa consonte os artigos 53, 54 e disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, segundo sexa o caso.

Artigo 6. Condicións de elixibilidade

1. A actuación 1 será compatible co resto de accións e pódense solicitar as outras actuacións.

2. As actuacións 2, 3 e 4 non serán compatibles entre si cando sexan sobre o mesmo tramo e poden solicitarse cando afecten diferentes tramos do perímetro do MVMC.

Artigo 7. Compromisos

1. A beneficiaria comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á consellería competente no medio rural nas materias relacionadas nesta orde.

2. No caso de cesións de pagamento, o titular da conta bancaria debe coincidir co cesionario e comprométese a manter a conta aberta ata o final do proceso de xestión da axuda.

Artigo 8. Prioridades

1. Establecerase unha orde de prioridade segundo a seguinte prelación tendo en conta que a data de referencia á hora de computar os méritos será a correspondente ao derradeiro día de presentación de solicitudes. As solicitudes presentadas ordenaranse, de acordo cos criterios de prioridade indicados na seguinte epígrafe, e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible:

a) CMVMC con investimentos de máis dun 40 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 10 puntos.

b) CMVMC con investimentos dun 50 % a un 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 20 puntos.

c) CMVMC con investimentos de máis do 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 30 puntos.

d) Por cada membro de CMVMC: 1 punto, ata un máximo de 10 puntos.

e) Monte con proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, ou que teñan solicitada a súa aprobación: 10 puntos.

f) Montes con certificación forestal co sistema PEFC ou FSC: 20 puntos.

g) CMVMC sen convenio ou consorcio en toda a superficie clasificada da comunidade de montes: 30 puntos.

h) Zonas desfavorecidas (establecidas na medida 13 do PDR): 10 puntos.

i) Zonas de alto risco de incendio forestal (Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal): 10 puntos.

j) Actuación en zona clasificada como Rede Natura 2000: 10 puntos.

k) Actuacións que se realicen en montes en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 20 puntos.

l) 40 puntos se as actuacións se atopan nas seguintes superficies incluídas:

– Na área demarcada establecida polo artigo 2 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al., e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación (DOG núm. 24, do 4 de febreiro);

– No anexo IV da Resolución do 28 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza de cinco novos positivos do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación (DOG núm. 8, do 11 de xaneiro de 2019),

– Nos puntos 1.a) e b) da Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 76, do 20 de abril).

m) Actuación 1: servizo de apoio técnico para a xestión forestal, en montes dos distritos forestais VII A Fonsagrada-Os Ancares, IX Lugo-Sarria e os distritos da provincia de Ourense: 40 puntos.

2. A puntuación máxima será de 65 puntos, mentres que a mínima será de 20 puntos. En caso de empate, desempatarase polos seguintes criterios, segundo sexa o tipo de actuación, e na orde que se establece:

1. Situación da actuación para apoiar medidas de erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus.

2. Situación da actuación en zonas desfavorecidas.

3. Situación da actuación en Rede Natura 2000.

4. Actuacións que se realicen en montes en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas.

5. Actuacións que se realicen en montes inscritos no Rexistro de Montes Ordenados, ou que fose solicitada a aprobación do instrumento de ordenación ou xestión forestal.

6. Maior importe de subvención.

3. No caso de que, unha vez priorizados os expedientes solicitados, non se consuma a totalidade do importe establecido polas distintas porcentaxes de cada tipo de traballo na distribución do crédito detallado no punto 1, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Deberán presentar unha solicitude por actuación do artigo 1, punto 2, correctamente cuberta conforme o anexo I, xunto co resto de anexos, se for necesario. Os datos da solicitude que se citan a seguir considéranse o mínimo imprescindible para a súa tramitación, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude ou á súa revogación, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedesen. Estes datos son:

a) Datos da entidade solicitante (nome, apelidos, NIF e enderezo completo).

b) En todos os casos, correo electrónico ou teléfono móbil.

c) Tres ofertas de diferentes provedores, en que debe constar como mínimo: sinatura, NIF, número do Resfor, nome e enderezo da empresa ofertante ou da persoa que asine; o nome ou razón social da entidade solicitante da axuda; a data de expedición; os conceptos ofertados e o seu importe.

d) Tipo de actuación: deberá constar que tipo de actuación do artigo 1, punto 2, se solicita.

3. Toda a información para a presentación de solicitudes está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos. Tamén se poderá acceder a través da Oficina agraria virtual (OAV) dispoñible no enderezo http://mediorural.xunta.gal/es/institucional/oficina_virtual/.

4. A presentación da solicitude non implica ningún dereito para a peticionaria mentres non exista resolución favorable da petición.

Artigo 10. Prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As actuacións solicitadas na solicitude de axuda poderán iniciarse logo da presentación da declaración responsable establecida no artigo 16.

Artigo 11. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación xeral:

a.1) No caso do representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

A. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna:

1. Poder notarial.

2. Representación legal, debendo presentar a autorización asinada (persoas físicas) ou copia de escrituras ou poderes onde se acredite a representación legal (persoas xurídicas).

B. Mediante declaración en comparecencia persoal do interesado (poder apud acta):

Realizará o levantamento de acta un funcionario público dunha oficina de asistencia en materia de rexistros, e deixará constancia de que a partir dese momento un suxeito actuará como representante doutro, apartarase desde ese momento a persoa representada do procedemento e dirixiranse as seguintes actuacións ao representante.

C. Mentres non entre en vigor o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos, declaración responsable asinada electronicamente polo solicitante e a persoa a que se lle outorga a representación, en que se deixe constancia de que a partir dese momento un suxeito actúa en nome e representación doutro suxeito.

a.2) Acreditación da propiedade:

A propiedade acreditarase mediante declaración responsable e de acordo cos datos que figuren no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.

a.3) Deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, nas cales figurarán detalladas as actuacións que se van realizar (desagregación de todas as actuacións polas que se solicita axuda por custos unitarios de unidades de obra). A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable, e non se admitirán as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas nin coa entidade solicitante da axuda, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Estas ofertas deberán estar asinadas e incluír, como mínimo, o NIF, o nome e o enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Así mesmo, as empresas e persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor). Por outra banda, non poderá haber vinculación entre o solicitante da axuda e calquera dos ofertantes e, en referencia ao artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso poderá concertar a beneficiaria a execución das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas coa dita beneficiaria. Para estes efectos, consideraranse persoas ou entidades vinculadas aquelas que se atopen nalgún dos casos establecidos no artigo 18 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.

a.4) Unha memoria de actividades que conterá coma mínimo:

a.4.1) Os datos básicos da CMVMC e do/s monte/s da súa propiedade.

a.4.2) Memoria valorada xustificativa de todas as accións que se van realizar, de acordo coas epígrafes que figuran no anexo IV, indicando unidades e custo.

a.4.3) Para as actuacións de revisión de esbozos e deslindamentos parciais, a estimación de quilómetros de perímetro obxecto de solicitude de axuda pública.

a.5) No caso de dispor dela, documentación xustificativa que acredite que a superficie obxecto de solicitude está baixo certificación forestal consonte algún dos sistemas recoñecidos internacionalmente (PEFC ou FSC).

a.6) Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario co visto e prace do presidente, conforme autorizan que o presidente da CMVMC solicite axudas á consellería competente no medio rural para a execución das accións obxecto da solicitude. Este certificado non será obrigado no caso de existir unha situación de emerxencia sanitaria que limite ou prohiba a reunión de persoas, neste caso o dito certificado será entregado xuntamente coa solicitude de pagamento.

2. A documentación deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Nos supostos de imposibilidade material de obter algún dos anteriores documentos, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 12. Trámites posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) DNI/NIE da persoa cesionaria (se for o caso).

d) NIF da entidade cesionaria (se for o caso).

e) DNI/NIE da persoa representante da persoa cesionaria (se for o caso).

f) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

g) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT) a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

h) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

i) Estar inhabilitada a persoa solicitante para obter subvencións públicas.

j) Ter recibido a persoa solicitante axudas pola regra de minimis.

k) Concesións de subvencións e axudas.

l) Estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I, e anexo III (se for o caso), e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Tramitación

1. Os órganos competentes para tramitar esta orde de axudas son a subdirección xeral responsable dos recursos forestais e os servizos provinciais responsables dos recursos forestais.

2. As solicitudes presentadas enviaranse, revisaranse e codificaranse nos servizos provinciais de Montes. As solicitudes en que non figuren os datos obrigatorios establecidos no artigo 9.2 desta orde non serán admitidas a trámite.

3. Os servizos provinciais responsables dos recursos forestais examinarán as solicitudes presentadas e requiriran os solicitantes para que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, as emenden, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste requirimento indicarase ademais que, se non se emendan, se terá por desistido da súa petición, nos termos previstos na citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Os servizos provinciais responsables dos recursos forestais analizarán a documentación presentada coa solicitude. No caso de discrepancia entre a solicitude/declaración xurada e a documentación acreditativa dos criterios obxecto da priorización na axuda, dado que se trata dun procedemento por concorrencia competitiva que afecta terceiros, a solicitude declararase decaída no seu dereito a trámite.

En caso de que a memoria estableza unha cantidade económica superior ao estimado na solicitude, prevalecerá a contía reflectida na solicitude.

No caso de que un beneficiario supere nas súas solicitudes o tope indicado no artigo 4, punto 1, de 25.000 €, o importe da axuda axustarase segundo a orde de presentación de solicitudes.

5. Unha vez tramitadas as solicitudes, a persoa titular da xefatura territorial proporá a relación de solicitudes que cumpren os requisitos da convocatoria e as que non os cumpren ou non se axustan, indicará a súa causa de incumprimento, e remitiraa á subdirección xeral responsable dos recursos forestais.

6. Posteriormente, a persoa titular da subdirección xeral responsable dos recursos forestais emitirá un informe onde se reflictan os criterios de priorización, as solicitudes que, de acordo coa clasificación realizada atendendo a estes criterios, cubrisen a dispoñibilidade orzamentaria, e formulará a proposta de resolución que, de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, resolverá a persoa titular da dirección xeral responsable da planificación e ordenación forestal por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.

7. A aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

10. No caso de non se ditar resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da mesma lei. Contra esta desestimación poderá interpor:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro responsable do medio rural, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos, agás as que se refiren no número 6, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Malia o establecido nos anteriores números, as notificacións das resolucións de aprobación e denegación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpolos. Tamén figurará a puntuación de todas as solicitudes que entran no procedemento de concorrencia competitiva.

7. Na notificación de concesión da axuda informaranse os beneficiarios, se procede, de que a operación se financia en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, así como da medida e da prioridade do PDR de que se trata.

Artigo 16. Declaración responsable

Na solicitude de axuda o solicitante declara baixo a súa responsabilidade (anexo I):

a) Que na data de presentación da declaración non se iniciaron as actuacións solicitadas.

b) Que as actuacións solicitadas e as súas unidades orzadas son viables e cumpren coas condicións para a aprobación das axudas recollidas nas bases da orde convocada.

Artigo 17. Execución dos traballos

1. O prazo para executar e xustificar as axudas concedidas nesta orde remata o 30 de xuño de 2022.

2. O custo de execución das actuacións subvencionadas non pode ser superior ao valor de mercado.

3. As actuacións subvencionadas deberán ser realizadas por persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

4. Os pagamentos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren admisibles e realizados por persoal da consellería competente no medio rural, que examinará a solicitude de pagamento presentada pola beneficiaria e determinará os importes admisibles.

5. De acordo co artigo 63 do Regulamento de execución 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, os pagamentos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante os controis administrativos realizados por persoal da consellería competente no medio rural, que examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes admisibles. Ademais, fixará:

a) O importe que deberá pagar ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión.

b) O importe que deberá pagar ao beneficiario tras o exame da admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe fixado segundo a letra a) supera o importe fixado segundo a letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción administrativa ao importe fixado segundo a letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

Porén, non se aplicarán sancións cando o beneficiario poida demostrar, a satisfacción da autoridade competente, que non é responsable da inclusión do importe non admisible, ou cando a autoridade competente adquira doutro modo a convicción de que o beneficiario non é responsable diso.

6. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder a ampliación do prazo de execución establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como mínimo, dous meses antes de que acabe o prazo de execución. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso. Os servizos provinciais responsables dos recursos forestais proporán as ditas ampliacións á subdirección xeral responsable dos recursos forestais, que elevará a proposta ao director xeral responsable da planificación e ordenación forestal para a súa aprobación con base nas funcións delegadas polo conselleiro responsable do medio rural para resolver.

7. Transcorrido o prazo establecido de execución sen ter presentado a xustificación dos traballos subvencionados a que se fai referencia no artigo 18, requirirase a beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

8. Así mesmo, no caso de ter presentada a xustificación dos traballos subvencionados se a beneficiaria fose requirida para presentar documentación adicional, e non achegase esa documentación no prazo establecido no requirimento, perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

Artigo 18. Xustificación dos traballos subvencionables

1. A data límite de xustificación dos traballos é a establecida no artigo 17.1, e só serán subvencionables os investimentos que se realicen e dos cales se xustifique o seu gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) con posterioridade á data da declaración responsable, a que se refire o artigo 16, e como límite na data de comunicación do remate das actuacións. Polo tanto, as facturas e os xustificantes de pagamento deberán ter datas entre o día seguinte ao da declaración responsable e como límite o da data de notificación de remate dos traballos, sempre que se presentasen en prazo.

2. Malia o anterior, no caso de que a beneficiaria da axuda se acolla á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 3 do artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor das persoas cesionarias, presentada de acordo coa letra c) do punto 3 deste artigo.

3. Xunto coa notificación de remate dos traballos (solicitude de pagamento, anexo II), achegarase a seguinte documentación:

a) Os xustificantes de gasto e de pagamento, de acordo co establecido no anexo V.

b) Memoria valorada xustificativa de todas as accións realizadas, de acordo coas epígrafes que figuran no anexo IV.

c) No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda cun terceiro, presentará o anexo III (que asinará o presidente en nome da comunidade), xunto á seguinte documentación que achegará con ese anexo:

i. Certificado do secretario da comunidade en que indique que a asemblea xeral autorizou, expresamente, o presidente a asinar a dita cesión de cobramento.

ii. Copia do documento público ou privado no cal se formalizou a cesión. No caso de documento privado este deberá estar asinado electronicamente. No caso de documento público xustificación da liquidación do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITPAXD).

d) Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario co visto e prace do presidente, conforme autorizan que o presidente da CMVMC solicite axudas á consellería competente no medio rural para a execución das accións obxecto da solicitude, só no caso de que non se presentase xunto coa solicitude da axuda.

Artigo 19. Revogacións e reintegros

1. A axuda reintegrarase, se for o caso, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos:

a) Se se dá algunha das causas de reintegro sinaladas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

d) Execución de menos do 80 % do importe aprobado, unha vez realizada a certificación final, sen autorización ou causa xustificada excepcional ou de forza maior.

e) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente ou, se é o caso, da prórroga concedida.

f) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

g) Incumprimento do ditado en calquera dos artigos desta orde que implique obrigas por parte da beneficiaria.

Nestes supostos, a consellería competente no medio rural reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora que se calcularán conforme a normativa vixente, en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a beneficiaria indicado na orde de recuperación, que non se poderá fixar en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución, sen prexuízo das responsabilidades que procedesen.

2. Naqueles supostos en que o importe das subvencións recibidas pola beneficiaria exceda os custos da actividade, solicitarase a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade.

3. No caso de pagamento indebido, a beneficiaria quedará obrigada a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, de ser o caso, os xuros. Os xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a beneficiaria, indicado na orde de recuperación, que non poderá superar os 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

Artigo 20. Controis

1. A consellería competente no medio rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. A entidade beneficiaria e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso, comprométense a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a consellería competente no medio rural, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvenciones e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás instancias comunitarias de control derivadas da aplicación dos regulamentos de execución (UE) nº 808/2014 e 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, e nº 1242/2017 da Comisión, do 10 de xullo de 2017, que modifica o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014.

3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen que antes se realizasen os controis establecidos no punto 4 deste artigo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas nos regulamentos de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, e 1242/2017 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

4. A consellería competente no medio rural, ao abeiro do establecido nos anteriores regulamentos e demais normativa, realizará controis administrativos a todas as solicitudes de axuda e de pagamento con respecto a todos os aspectos que sexa posible controlar en relación coa admisibilidade da solicitude. Respecto dos controis sobre o terreo, realizaranse antes do pagamento final, e seleccionaranse sobre unha mostra que representará como mínimo o 5 % dos gastos, mencionados no artigo 46 do Regulamento de execución (UE) 809/2014, cofinanciados polo Feader e que se reclaman ao organismo pagador cada ano natural. Ademais, tamén se realizarán, se for o caso, controis a posteriori, dada a posibilidade de realizar actividades de investimento.

5. Respecto das ofertas presentadas a que se fai referencia no artigo 11, e de acordo co artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os provedores desas ofertas estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida, e sobre todo a necesaria para verificar a posible vinculación entre eses provedores.

Artigo 21. Financiamento

1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2021 e 2022, con cargo ao código de proxecto 14.03.713B.770.0. 2016 00210, por un importe de 1.500.000 €, distribuído do seguinte xeito:

– 150.000 €, ano 2021.

– 1.350.000 €, ano 2022.

2. Esta orde tramítase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

3. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. A consellería competente no medio rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. As axudas das actuacións 2, 3 e 4 fináncianse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Artigo 22. Distribución do crédito

1. Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no artigo 21, segundo o tipo de actuación:

a) Servizo de apoio técnico para a xestión forestal (actuación 1): 500.000 € (50.000 € para o ano 2021 e 450.000 € para o ano 2022).

b) Revisión de esbozos das carpetas-ficha en MVMC (actuación 2): 500.000 € (50.000 € para o ano 2021 e 450.000 € para o ano 2022).

c) Deslindamentos parciais entre CMVMC (actuación 3): 300.000 € (30.000 € para o ano 2021 e 270.000 € para o ano 2022).

d) Deslindamentos parciais entre CMVMC e propiedades particulares (actuación 4): 200.000 € (20.000 € para o ano 2021 e 180.000 € para o ano 2022).

2. No caso de que, unha vez priorizados os expedientes solicitados, non se consuma a totalidade do importe establecido polas distintas porcentaxes de cada tipo de actuación na distribución do crédito detallado no punto 1, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados, agás as axudas da actuación 1.

Artigo 23. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo será de aplicación o establecido no Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade, e a modificación realizada a este polo Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

Artigo 24. Alteración de condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 25. Obrigas

1. A beneficiaria da axuda e o solicitante están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos de control da consellería competente no medio rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e as instancias de control comunitarias no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, e a levar un sistema de contabilidade separado, ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta orde, onde se constatará o investimento efectivamente pagado antes do remate do prazo de execución.

2. A beneficiaria está obrigada a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.

Artigo 26. Medidas informativas e publicitarias

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a consellería competente no medio rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader.

2. Conforme o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, pola que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a súa posterior modificación mediante o Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, do 28 de abril, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento.

Así, en todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

Artigo 27. Réxime de axudas de minimis

1. As axudas establecidas no punto 2.a) do artigo 1 acolleranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) ou, de ser o caso, estas axudas acolleranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) núm. 316/2019, do 21 de febreiro de 2019.

2. De acordo co establecido no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, no caso de que a entidade beneficiaria se dedique á produción primaria de produtos agrícolas, o importe das axudas acollidas ao réxime de minimis non excederá os 20.000 euros durante un período de tres exercicios fiscais.

3. Para o resto das entidades beneficiarias, o importe das axudas acollidas ao réxime de minimis, non excederá os 200.000 euros durante un período de tres exercicios fiscais, de acordo co establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. Esta circunstancia farase constar nas resolucións de concesión das subvencións en que figuren as axudas establecidas no punto 2.a) do artigo 1.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira

As axudas concedidas nesta orde son incompatibles con outras axudas para os mesmos investimentos.

Disposición adicional segunda

Para as actuacións do número 2.a) do artigo 1, no non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), ou no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) núm. 316/2019, do 21 de febreiro de 2019.

Para as actuacións dos números 2.b), 2.c) e 2.d) do artigo 1, no non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013, no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, no Regulamento de execución (UE) nº 809/20014, no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2017, no Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, no Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, teranse en conta as circulares de coordinación ditadas polo Fondo Español de Garantía Agraria 18/2019, relativas ao Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado de xestión e control (https://www.fega.es/es/ayudas-directas-y-desarrollo-rural/control-de-medidas-desarrollo-rural/circulares-de-coordinacion-de-desarrollo-rural/node-50759#), e 32/2017, que establece os criterios xerais para a aplicación de reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado de xestión e control do período 2014-2020 (https://www.fega.es/sites/default/files/CIRCULAR_32-2017_CRITERIOS_APLICACION_PENALIZACIONES_NO_SIG.pdf).

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Cadro de importes máximos subvencionables

Os tipos de actuacións subvencionables son os seguintes:

Id- Acción

Descrición

Custo máximo subvencionable

1

Servizo de apoio técnico para a xestión forestal

A) Xestión administrativa e obrigas legais. Para un máximo de 1.500 €:

A.1) Organización asemblea xeral:

CMVMC≤40 persoas: 200 €

CMVMC>40 persoas: 400 €

A.2) Renovación xunta reitora:

CMVMC≤40 persoas: 100 €

CMVMC>40 persoas: 150 €

A.3) Actualización censo comuneiros:

CMVMC≤40 persoas: 100 €

CMVMC>40 persoas: 200 €

A.4) Actualización libro de contas:

MVMC≤220 ha clasificadas: 200 €

MVMC>220 ha clasificadas: 250 €

A.5) Presentación e aprobación instrumento de ordenación ou xestión forestal (IOXF):

MVMC≤220 ha clasificadas: 100 €

MVMC>220 ha clasificadas: 200 €

A.6) Xornadas divulgativas:

CMVMC≤40 persoas: 200 €

CMVMC>40 persoas: 300 €

A.7) Outras:

CMVMC≤40 persoas: 50 €

CMVMC>40 persoas: 100 €

B) Xestión específica do desenvolvemento do instrumento de ordenación ou xestión forestal (IOXF):

B.1) Informe técnico anual e de planificación do ano seguinte:

MVMC≤220 ha clasificadas: 600 €

MVMC>220 ha clasificadas: 800 €

B.2) Organización de poxas de produtos forestais: 600 €

B.3) Seguimento, organización e control dos aproveitamentos madeirables:

Cortas finais: 500 €

Claras: 1.000 €

C) Xestión relacionada coa certificación forestal do monte:

C.1) Primeira certificación:

MVMC≤220 ha clasificadas: 1.250 €

MVMC>220 ha clasificadas: 1.550 €

C.2) Certificación de mantemento:

MVMC≤220 ha clasificadas: 600 €

MVMC>220 ha clasificadas: 800 €

D) Outras actuacións relacionadas co MVMC, tales como: obtención de permisos administrativos, redacción de proxecto, memorias ou informes, tramitación axudas públicas, direccións de obra: 100 € por actuación para un máximo de 1.000 €.

Non se concederá unha axuda a unha entidade beneficiaria nesta acción 1 por máis de:

5.500 € CMVMC≤40 persoas comuneiras e MVMC≤220 ha

7.000 € CMVMC≤40 persoas comuneiras ou MVMC≤220 ha clasificadas (non cumprindo ambas as dúas condicións ao mesmo tempo)

8.000 € CMVMC>40 persoas comuneiras e MVMC>220 ha clasificadas

2

Revisión de esbozos das carpetas-ficha en montes veciñais en man común (MVMC).

P= importe máximo en euros.

L= km de perímetro.

P= 350* (L+3)

3

Deslindamentos parciais entre CMVMC.

P= importe máximo en euros.

L= km de perímetro.

P= 600* (L+3)

4

Deslindamentos parciais entre CMVMC e propiedades particulares.

P= importe máximo en euros.

L= km de perímetro.

P= 700* (L+3)

ANEXO V

Instrución para a presentación dos xustificantes de gasto e de pagamento das actuacións elixibles

1. Xustificantes de gasto. Consistirán en: facturas electrónicas ou copia das facturas orixinais en que se indicará se o importe se lle imputa total ou parcialmente á subvención. Neste último caso indicarase a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

a) As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, se é o caso, serie.

– A data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, con que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

– Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para determinar a base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, xustificantes de recepción nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

2. Xustificantes do pagamento efectivo. A xustificación do pagamento realizarase mediante a presentación de copia dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Presentaranse o xustificante bancario do pagamento por parte da beneficiaria (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da beneficiaria que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser unha copia que estará selada pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.), achegarase a copia da factura xunto coa copia do efecto mercantil, xunto coa documentación bancaria (extracto da conta da beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.), en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.