Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 10 de febreiro de 2021 Páx. 8552

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 19 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do ambiente, da seguridade e das condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE209N).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, define as modalidades e as condicións da intervención comunitaria no sector pesqueiro.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007, do Consello; e o Regulamento (UE) nº 1255/2011, do Parlamento Europeo e do Consello, recolle no artigo 6 que o FEMP contribuirá á prioridade 1 da UE relativa a fomentar unha pesca sustentable desde o punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento.

Mediante a Decisión de execución da Comisión do 13 de novembro de 2015 aprobouse o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para o período 2014-2020, que inclúe as medidas que se desenvolverán para a consecución dos obxectivos do FEMP en España.

A Lei 11/ 2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a ordenación do sector pesqueiro galego, a comercialización, manipulación, transformación e conservación dos produtos pesqueiros e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

A mellora da competitividade dos portos pesqueiros asegurarase aplicando as medidas do artigo 43.1 do Regulamento nº 508/2014, que promoverán a mellora da eficiencia enerxética, contribuirán á protección do ambiente, mellorarán a seguridade e as condicións de traballo, e tamén mellorarán a calidade e incrementarán o control e rastrexabilidade nos portos.

Galicia conta cun amplo número de portos pesqueiros e ancoradoiros distribuídos ao longo do seu litoral que conforman un sistema portuario pesqueiro, diverso e complexo, que presta servizo a unha frota heteroxénea en tamaño e actividades e a un amplo grupo de usuarios plural tanto nas súas actividades coma nos seus intereses, e que se insire no territorio tanto espacial como socialmente.

Nas lonxas dos portos pesqueiros, o custo enerxético é significativo e o prezo da enerxía e a súa contribución ao quentamento global determinan que o aforro enerxético e a mellora da eficiencia se definan como criterios básicos de actuacións que hai que promover. Os proxectos de mellora da eficiencia enerxética contribúen ao aforro enerxético, co que poden diminuír os custos económicos e tamén a pegada de carbono.

Por outra banda, Galicia reúne o 58 % da frota española de pesca costeira artesanal e consonte o establecido no punto 4.2 do Programa operativo de España para o FEMP, o Programa de equipamentos nos portos pesqueiros de Galicia incide sobre o Plan de acción de desenvolvemento, competitividade e sustentabilidade da pesca costeira artesanal.

Os proxectos subvencionados nesta orde financiarán as organizacións colectivas (confrarías de pescadores) para desenvolver medidas de interese colectivo, que contribúan á consecución da prioridade 1, ao logro do obxectivo específico 1.d) de fomento da competitividade e viabilidade das empresas do sector da pesca, con inclusión da pesca costeira artesanal, e de mellora das condicións de seguridade e traballo.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que modernicen as infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do ambiente, da seguridade e das condicións de traballo das persoas pescadoras, a mellora da calidade e o incremento do control e da rastrexabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca.

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código PE209N.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello.

b) Regulamento de execución (UE) nº 821/2014, da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

d) Regulamento delegado (UE) nº 2015/531, da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

e) Regulamento delegado (UE) nº 2015/2252, da Comisión, do 30 de setembro, polo que se refire ao período de inadmisibilidade das solicitudes de axuda do FEMP.

f) Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, da Comisión, do 22 de xullo, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, no relativo ao contido e á construción dun sistema común de seguimento e avaliación das operacións financiadas no marco do FEMP.

g) Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014, da Comisión, do 20 de novembro, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, normas no que atinxe á presentación de datos acumulativos sobre operacións.

h) Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014, da Comisión, do 20 de novembro, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas sobre a información que deben enviar os Estados membros, así como sobre as necesidades de datos e das sinerxias entre as fontes potenciais de datos.

i) Regulamento delegado (UE) nº 2015/288, da Comisión, do 17 de decembro de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

j) Programa operativo para España do FEMP, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 13.11.2015 (e a última modificación aprobada pola Comisión con data do 15.9.2020).

k) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

l) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) Decreto 11/2009 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

ñ) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

o) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

p) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

q) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

r) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2021 e a plurianualidade asociada alcanza o importe de catro millóns cincocentos mil euros (4.500.000 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partida orzamentaria:

Partida orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

Total

15.03.514A.781.0

3.000.000,00 €

1.500.000,00 €

4.500.000,00 €

Para o ano 2021, na partida orzamentaria sinalada, código de proxecto 2016 257, existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 20 de novembro de 2020.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores de Galicia que realicen os investimentos e gastos que se consideren subvencionables.

2. Non poderán obter a condición de beneficiaria aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter incumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non se concederán axudas ás empresas en crise de acordo coa definición establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise.

Artigo 5. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e o pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As beneficiarias deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria e na demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as cales se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

f) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de se detectaren infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 202 do Regulamento (UE Euratom) nº 2018/1046, poderase recuperar a axuda aboada indebidamente.

g) Manter os investimentos obxecto de subvención durante 5 anos, polo menos, ou 3 anos no caso de pemes, posteriores á súa realización de acordo co previsto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

h) Informar o público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e a súa porcentaxe de financiamento, nos seguintes termos:

A beneficiaria debe recoñecer que a operación recibiu o apoio dos fondos e en todas as medidas de información e comunicación adoptará:

1º. O emblema da Unión, de conformidade con las características técnicas establecidas no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 763/2014.

2º. Unha referencia ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que apoia a operación.

3º. O logotipo da Xunta de Galicia.

Durante a realización da operación, a beneficiaria informará o público do apoio obtido dos fondos:

1º. Facendo unha breve descrición da operación no sitio da Internet, no caso que dispoña dun, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, incluíndo os obxectivos e destacando o apoio financeiro da Unión. A descrición deberá permanecer durante a execución do proxecto e, cando menos, ata a data do pagamento final da axuda.

2º. Colocando un cartel con información sobre o proxecto (tamaño mínimo A3), no que se mencionará o apoio financeiro da UE, nun lugar facilmente visible para o público, como a entrada dun edificio.

3º. A beneficiaria colocará unha placa permanente ou cartel de tamaño significativo, en lugar ben visible para o público, no prazo de 3 meses despois da finalización dun proxecto que reúna as seguintes características:

i. Que o financiamento público total para o proxecto sexa superior a 500.000 €.

ii. Que o proxecto consista na compra dun obxecto físico ou no financiamento dunha infraestrutura.

A placa ou cartel permanente deberá indicar o nome do proxecto, o seu obxectivo principal, o emblema e unha referencia á UE e ao FEMP, que ocuparán polo menos o 25 % do cartel. Tamén se incluirá unha referencia ao logotipo da Xunta de Galicia.

Se o investimento consiste na adquisición de maquinaria ou elementos móbiles, a publicidade levarase a cabo mediante a colocación dun adhesivo perdurable.

i) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

j) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

k) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse a disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación, para o cal informarase a beneficiaria da data de inicio do período mencionado.

Os documentos conservaranse ou ben en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais, ou ben en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.

l) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) Manter, dentro do territorio da UE, os investimentos en infraestruturas ou produtivos a lo menos dez (10) anos contados dende a data do último pagamento realizado á persoa beneficiaria. Esta obriga non será de aplicación ás pemes.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención os proxectos colectivos que se desenvolvan en portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque da Comunidade Autónoma de Galicia, e teñan algún dos seguintes obxectivos:

a) Mellorar a eficiencia enerxética.

b) Mellorar a protección do ambiente.

c) Mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras.

d) Mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras como consecuencia da crise sanitaria provocada pola COVID-19.

e) Mellorar a calidade e incrementar o control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca.

2. Normas xerais dos proxectos:

a) Delimitación das actuacións do proxecto ao ámbito da pesca e da acuicultura no caso dos proxectos sinalados nos puntos 1), 2), 4) e 6) do artigo 7.

b) Delimitación das actuacións do proxecto só ao ámbito da pesca no caso dos proxectos sinalados nos puntos 3) e 5) do artigo 7.

c) O proxecto deberá identificar como contribuirá de xeito tanxible a mellorar os servizos diarios das persoas pescadoras e/ou acuicultoras que empregan o porto, en función do seu obxectivo.

d) No caso de proxectos promovidos por importe superior a 250.000 €, deberá presentarse un plan de negocio.

e) Un proxecto colectivo só poderá incluír investimentos que correspondan a unha mesma tipoloxía e lugar (lonxa, porto pesqueiro ou lugar de desembarque), segundo as seguintes regras:

1º. Un proxecto independente para cada un dos investimentos establecidos nas letras a) e b) do punto 1) do artigo 7.

2º. Un proxecto independente para cada un dos investimentos establecidos nas letras a), b) e c) do punto 2) do artigo 7.

3º. Un proxecto independente para cada un dos investimentos establecidos nas letras a), b), c), d) e e) do punto 3) do artigo 7. Só se poderá solicitar un dos investimentos establecidos nos números 1º ao 4º da letra a) do punto mencionado.

4º. Un proxecto independente para cada un dos investimentos do punto 4) do artigo 7.

5º. Un proxecto independente para cada un dos investimentos establecidos nas letras a), b), c) e d) do punto 5) do artigo 7.

6º Un proxecto independente para cada un dos investimentos do punto 6) do artigo 7.

f) Cada entidade só poderá presentar un máximo de dúas solicitudes de proxecto. Para este límite non se terán en conta os proxectos de mellora da seguridade e das condicións de traballo das persoas pescadoras como consecuencia da crise sanitaria provocada pola COVID-19.

A presentación de máis de dúas solicitudes de proxectos por unha confraría de pescadores (salvo a excepción anterior), será causa de inadmisión de todos os proxectos presentados.

g) O importe total do investimento subvencionable, é dicir a suma dos importes dos conceptos de investimento subvencionable, debe ser como mínimo de 2.000 €.

h) O orzamento do proxecto terá un gasto subvencionable para o ano 2021 de polo menos un 10 % do importe total de dito gasto para todas as anualidades.

i) Os proxectos serán técnica e economicamente viables.

j) Os proxectos que non cumpran as normas xerais establecidas neste artigo non poderán ser obxecto de subvención e serán inadmitidos.

Artigo 7. Tipoloxía de proxectos subvencionables

A tipoloxía de proxectos establecese en función dos investimentos subvencionables, e será a seguinte:

1) Proxectos de equipamentos para a mellora da eficiencia enerxética, nos que se pode diferenciar:

a) Proxectos de modernización dos sistemas de iluminación interiores dos edificios das lonxas pesqueiras por tecnoloxía led, e a renovación ou incorporación de sistemas de control de acendido, e de sistemas de regulación do nivel de iluminación.

Os únicos tipos de sistemas de control de acendido subvencionables son os detectores de presenza e pulsadores. Como sistemas de regulación da iluminación, o único tipo subvencionable son os sensores.

Poderán subvencionarse aqueles puntos de luz exteriores ao edificio e alimentados directamente dende o cadro de proteccións do edificio.

b) Proxectos de aforro enerxético nas instalacións de frío existentes xestionadas polas confrarías de pescadores e sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, cos seguintes investimentos subvencionables, entre outros:

1º. Mellora da eficiencia enerxética dos motores das bombas, compresores, condensadores ou ventiladores da instalación.

2º. Control da capacidade dos compresores mediante:

i. Variadores de velocidade para controlar a velocidade dos motores.

ii. Arrancadores suaves para un arranque ou paro progresivos.

3º. Control da capacidade do condensador operativo mediante:

i. Instalación de ventiladores de alta eficiencia no condensador ou ventiladores de dúas velocidades.

ii. Control de velocidade variable do ventilador (variadores de velocidade).

iii. Controlador de etapas para ventiladores e bomba de auga.

iv. Convertedores de frecuencia para controlar a velocidade do ventilador e a bomba de auga.

4º. Control da capacidade das bombas mediante a regulación da velocidade.

5º. Recuperación da calor de condensación para auga en circuíto pechado.

6º. Sistemas de desxeo por gas quente (investimento do ciclo).

2) Proxectos de equipamentos que contribúan á protección do ambiente e os que permitan reducir a pegada de carbono asociada ás actividades que se desenvolven nas lonxas pesqueiras ou nas instalacións de frío existentes xestionadas pola confraría de pescadores. Nesta categoría inclúense unicamente:

a) Proxectos de enerxía fotovoltaica destinados ao autoconsumo.

b) Proxectos de mellora da protección do ambiente mediante xeración de enerxía térmica por medio de instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a biomasa, a aerotermia e a solar térmica.

c) Contedores homologados para puntos de recollida de lixo.

3) Proxectos de equipamentos de mellora da seguridade e das condicións de traballo das persoas pescadoras, cos seguintes investimentos subvencionables:

a) Sistemas de varada de embarcacións pesqueiras:

1º. Guindastre para varada de embarcacións pesqueiras.

2º. Pórtico automotor para varada con capacidade ata 100 Tm, sempre que exista foso de varada.

A contía máxima de axuda para o investimento total subvencionable deste tipo (2º) será de: 425.000,00 €.

3º. Carro automotor semisomerxible para varada con capacidade ata 40 Tm, sempre que exista rampla de varada.

A contía máxima de axuda para o investimento total subvencionable deste tipo (3º) será de: 290.000,00 €.

4º. Carro varadoiro (tipo carretón, remolque, berce...) sobre rodas con ou sen cabrestante para o seu emprego en ramplas de varada.

b) Guindastre para descarga de caixas de produtos procedentes da pesca.

c) Casetas desmontables para vestiarios de persoas mariscadoras.

d) Equipos de movemento de cargas: carretillas, empilladores e/ou transpaletas.

e) Cámaras de conservación e/ou conxelación para almacéns de cebo con acceso independente.

4) Proxectos de mellora da seguridade e das condicións de traballo das persoas pescadoras como consecuencia da crise sanitaria provocada pola COVID-19, cos seguintes investimentos subvencionables:

a) Medidas de protección dos usuarios do sector pesqueiro e persoal da lonxa:

1º. Delimitación no chan de zonas, fluxos de movemento, marcas de posicionamento e distancia de seguridade interpersoal.

2º. Dispositivos de control de capacidade e sistemas de contaxe de persoas ou outro sistema para garantir a distancia entre persoas.

3º. Dispositivos de control de temperatura.

4º. Calquera outra medida das recomendadas pola autoridade sanitaria que permita incrementar a protección das persoas.

b) A adaptación da lonxa para reducir o contacto dos usuarios con elementos e superficies e evitar a súa contaminación, tales como:

1º. Portas de apertura automática.

2º. Sensores de luz.

3º. Calquera outra medida ou dispositivo para minimizar o contacto.

c) A adquisición de equipos ou realización de obras que permitan a ventilación e renovación de aire nas estancias da lonxa.

d) A instalación de equipos de desinfección de superficies e ambientes.

e) Cartelaría e información física ou dixital, sobre medidas de prevención ante o COVID-19 implementadas na lonxa.

f) A adquisición de medios de protección e hixiene: dispensadores automáticos de xeles hidroalcohólicos, lavamáns bombeados con pedal, analizadores de CO2, purificadores de aire, pantallas protectoras para o persoal para as zonas de pesada e calquera outro que sexa adecuado á actividade especifica desenvolta na lonxa.

5) Proxectos equipamentos para a mellora da calidade e de incremento do control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca, cos seguintes investimentos subvencionables:

a) Contedores e equipos de limpeza para lonxa:

1º. Contedores homologados para estabulación de crustáceos.

2º. Contedores isotermos para almacenamento ou transporte de xeo.

3º. Contedores isotermos para almacenamento de produtos procedentes da pesca na lonxa ou para transporte colectivo de produtos da pesca dende o punto de control ou desembarco ata a lonxa.

4º. Hidrolimpadoras, fregadoras de chan e máquinas de lavado de caixas, como equipos para limpeza da lonxa.

b) Instalacións frigoríficas:

1º. Produtores de xeo compactos autónomos ata un máximo de 5.000 kg/24 horas, con ou sen silo para a conservación do xeo con volume exterior ata 50 m3.

2º. Cámaras de conservación e/ou conxelación con volume exterior ata 50 m3.

c) Equipos de pesaxe.

d) Equipamentos de clasificación para moluscos bivalvos con básculas dun mínimo de 30 kg.

6) Proxectos de obras de modernización das infraestruturas:

a) Proxectos de obras nas infraestruturas que diminúan a demanda enerxética da totalidade ou parte do edificio da lonxa ou da instalación de frío existente, xestionadas pola confraría de pescadores mediante o incremento do illamento dos elementos da envolvente e a mellora das carpinterías e vidro en fiestras, portas e lucernarios que contribúan a un aforro enerxético acreditado pola mellora de, polo menos, unha letra na cualificación enerxética en emisión de CO2. Estes proxectos tamén poderán incluír investimentos dos relacionados no seguinte punto sempre que sexan no mesmo edificio.

b) Proxectos de obras de modernización das infraestruturas que mediante actuacións na totalidade ou parte do edificio da lonxa ou da instalación de frío existente xestionadas pola confraría de pescadores tales coma a construción ou adaptación de vestiarios e aseos, adaptación dos chans, acondicionamento das paredes, redistribución das diferentes zonas para crear lugares exclusivos e independentes, adaptación das condicións de accesibilidade, illamentos por problemas de condensación, corrosión ou filtracións; mellora dos sistemas de aperturas de portas e ventás, que contribúan a alcanzar algún dos outros obxectivos relacionados no artigo 6.1 desta orde.

Artigo 8. Requisitos específicos dos proxectos

1. Os requisitos específicos dos proxectos de modernización dos sistemas de iluminación por tecnoloxía led para ser subvencionables, son os seguintes:

a) Os investimentos deberán efectuarse nas instalacións de iluminación interiores existentes nos edificios das lonxas pesqueiras situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os investimentos só serán subvencionables no caso de que se mellore a eficiencia enerxética das instalacións de iluminación existentes que leven asociado unha redución anual de, polo menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación nas zonas de actuación (kWh/ano).

c) Os proxectos cumprirán os seguintes requisitos técnicos:

1º. Os equipos de iluminación non poderán ter unha temperatura de cor superior a 4.000 K coas excepcións establecidas na columna de requisitos específicos da norma UNE-EN12464-1 (iluminación dos lugares de traballo interiores).

2º. A instalación cumprirá cos requisitos establecidos na norma UNE-EN 12464-1 (iluminación dos lugares de traballo interiores) en canto á iluminancia mantida (Em), índice de cegamento (UGR) e uniformidade de iluminancia (Uo).

3º. No caso de puntos de luz situados no exterior das lonxas, non será necesario que verifiquen o punto anterior pero non poderán ter unha temperatura de cor superior a 4.000 K, deberán dispor como mínimo de IP65 e suporá unha redución de potencia respecto ao equipo instalado de, a lo menos, un 40 %.

d) Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dun informe de técnico competente, e dun estudo lumínico cuxos resultados se plasmarán na memoria do proxecto, conforme os modelos facilitados.

e) Serán subvencionables a subministración e instalación de luminarias e lámpadas, os detectores de presenza e pulsadores e os sensores de presenza e regulación de fluxo.

2. Os requisitos específicos dos proxectos de mellora da eficiencia enerxética das instalacións de frío existentes xestionadas polas confrarías de pescadores e sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, para ser subvencionables, son os seguintes:

a) Os investimentos só serán subvencionables no caso de que se mellore a eficiencia das instalacións existentes que leven asociada unha redución enerxética mínima anual de, polo menos, un 5 % respecto ao consumo inicial (kWh/ano).

b) Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dun informe de técnico competente, cuxos resultados se plasmarán na memoria do proxecto, conforme os modelos facilitados.

c) No serán subvencionables aqueles proxectos con rateos de aforro enerxético anual de enerxía final inferiores a 0,35 kWh por € de investimento elixible, por considerarse que a finalidade do investimento non é a consecución dunha maior eficiencia enerxética.

d) Consideraranse gastos elixibles aqueles que sexan necesarios para conseguir os obxectivos de eficiencia enerxética e que poderán incluír, entre outros, os seguintes conceptos: o subministro de equipos máis eficientes e os de montaxe das instalacións.

3. Os requisitos específicos dos proxectos de enerxía fotovoltaica, para ser subvencionables, son os seguintes:

a) Os proxectos de enerxía fotovoltaica cumprirán os seguintes requisitos técnicos:

1º. Os módulos fotovoltaicos deberán ter unha eficiencia enerxética igual ou superior ao 16,5 % para unha irradiación de 1.000 W/m2 e unha temperatura de 25 ºC.

2º. O investimento elixible máximo por potencia unitaria nominal da instalación será de 1.200 €/kW pico instalado para instalacións fotovoltaicas, IVE non incluído. A potencia da instalación fotovoltaica a efectos do custe elixible, será a suma das potencias máximas unitarias dos módulos fotovoltaicos que configuran a instalación, medidas en condicións estándar de acordo á norma UNE correspondente.

b) Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dun informe de técnico competente, cuxos resultados se plasmarán na memoria do proxecto, no que se xustifique que o dimensionamento da potencia que se vai a instalar é coherente coas necesidades enerxéticas da lonxa, de forma que non se produzan excedentes de enerxía. A instalación debe dispoñer dos equipos necesarios para evitar o envorco de posibles excedentes puntuais á rede. O informe deberá conter os resultados esperados de aforro de enerxía, a potencia renovable instalada e redución de emisións GEI asociadas á execución do proxecto. Os resultados obtidos plasmaranse na memoria do proxecto, conforme os modelos facilitados.

Para o cálculo da redución de emisións de GEI (en TnCO2/ano) utilizaranse os rateos establecidos no documento recoñecido «Factores de emisión de CO2 e coeficientes de paso a enerxía primaria de diferentes fontes de enerxía final consumidas no sector de edificios en España», versión 14.1.2016.

c) A contía máxima de axuda para o investimento total subvencionable dos proxectos contemplados neste punto será de: 60.000,00 €.

d) Os investimentos subvencionables para proxectos de enerxía fotovoltaica serán: paneis solares fotovoltaicos; equipos de acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cables, equipamentos de medidas, etc.), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota, etc.), sistema antivertedura e sistema de acumulación con baterías; estrutura soporte para a colocación dos paneis e resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

4. Os requisitos específicos dos proxectos de enerxías renovables térmicas, para ser subvencionables, son os seguintes:

a) As instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE), respecto de instalacións térmicas, coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE.

b) Non serán subvencionables aquelas instalacións que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE).

c) Considéranse instalación solar térmica as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils. O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2 ºC).

d) No caso da aerotermia, os equipamentos deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, nas condicións establecidas na norma que as afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

En aplicacións de bomba de calor aire-auga para solo AQS e/ou calefacción con radiadores que non sexan de baixa temperatura, o COP da bomba de calor será igual ou superior 4,9.

Para xustificar esta condición deberá achegarse a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP.

e) No caso das caldeiras de biomasa, os equipamentos térmicos terán una cualificación enerxética en modo calefacción igual ou superior a D para que o proxecto sexa subvencionable sempre e cando esta cualificación enerxética sexa de aplicación. No caso de estufas de aire e outros equipamentos que non requiran desa cualificación, o rendemento mínimo exixido será do 75 %.

f) O máximo investimento elixible será de 600 €/kW para as instalacións de aerotermia, sendo a potencia instalada a acreditada mediante certificado emitido por laboratorio independente e acreditado.

No caso das instalacións solares térmicas, o investimento máximo elixible será de 1.500 €/kW nas instalacións con paneis planos –considerando a potencia calculada a partir da superficie de apertura e da curva de rendemento do panel, para unha temperatura de 45 ºC– e 1.000 €/m2 –superficie de apertura– se se opta por paneis de baleiro.

Nas instalacións de biomasa o custe máximo elixible dependerá das súas características:

Tipo de equipo

Potencia (kW)

Custo máximo elixible sen IVE (€/kW)

Estufas de aire, cociñas calefactoras e xeradores de aire quente

P ≤ 25

225-5P

P > 25

100

Cambio de queimador en equipamento existente que non sexa de biomasa

50

Caldeiras sen sistema de alimentación automática ou con sistema de alimentación automática desde o volume de acumulación de combustible V < 250 litros

P ≤ 20 kW

300-5P

20 kW < P ≤ 40 kW

250-2,5P

P > 40 kW

150

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 250 litros e V < 1.000 litros

P ≤ 40 kW

300

40 kW < P ≤ 440 kW

310-(P/4)

P > 440 kW

200

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible con V ≥ 1.000 litros

P ≤ 40 kW

325

40 kW < P ≤ 440 kW

335-(P/4)

P > 440 kW

225

g) Serán subvencionables: o equipo principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira); o sistema de almacenamento e subministro de combustible no caso da biomasa; o resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema e o custe de montaxe e conexión. Non serán subvencionables as conducións de distribución do calor nin os equipos emisores.

5. Os requisitos específicos dos proxectos de obras de modernización das infraestruturas:

Para os proxectos de obras o importe máximo subvencionable será de 500.000 € (sen IVE). Ademais do orzamento das obras, tamén se subvencionarán os honorarios profesionais das actuacións preparatorias directamente relacionadas (redacción do proxecto ou memoria técnica, certificados enerxéticos, dirección de obra, seguridade e saúde) ata un máximo do 12 % do importe das obras (máximo 60.000 €).

Para os que teñan como obxectivo a eficiencia enerxética:

a) Considéranse subvencionables as actuacións sobre a envolvente do edificio que permitan reducir a demanda enerxética mediante a mellora do illamento dos seus elementos da envolvente e a mellora das carpinterías e vidros existentes. Pódese realizar unha reforma integral ou ben actuar nalgún dos elementos por separado.

b) Requisitos técnicos de eficiencia enerxética:

1º. A actuación cumprirá coa lexislación vixente que lle sexa de aplicación e, en particular, o recollido no Documento Básico de Aforro de Enerxía HEI-1 do Código técnico da edificación no relativo aos requisitos aplicables aos edificios existentes.

2º. Para a estandarización do proceso de xustificación das melloras obtidas, utilizarase como referencia as cualificacións enerxéticas obtidas utilizando o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios regulado polo Real decreto 235/2013, do 5 de abril. A actuación proxectada deberá acreditar a mellora de, polo menos, unha letra na cualificación enerxética en emisións de CO2 do edificio, para o que se deberán achegar o certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual e o certificado enerxético do edificio, que se alcanzará tras a reforma proposta para a que se solicita axuda. Estes certificados obteranse con algunha das ferramentas recoñecidas polo Ministerio para a transición ecolóxica e o reto demográfico.

c) Considéranse subvencionables aqueles gastos que sexan necesarios para conseguir os obxectivos de eficiencia enerxética e que poderán incluír, entre outros, os seguintes conceptos: a adquisición dos equipos e materiais necesarios, a execución das obras, a elaboración, polo técnico competente, dos documentos técnicos relacionados coas actuacións (incluídos memorias técnicas, proxectos e os estudos enerxéticos necesarios), os custos de dirección facultativa de obra. Non se incluirán licenzas, taxas, impostos ou tributos.

6. No caso dos proxectos de mellora da eficiencia enerxética (instalacións de frío, iluminación tecnoloxía led), proxectos de mellora da protección do ambiente (sistemas de enerxía fotovoltaica, sistemas de enerxías renovables de uso térmico) e proxectos de obras, o solicitante debe acreditar a capacidade legal do uso e desfrute da lonxa ou da instalación de frío existente. A acreditación deberá realizarse presentando unha copia da concesión ou autorización administrativa ou xustificación de tela solicitado, ou copia dun contrato de alugamento.

7. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non cumpran os requisitos específicos establecidos neste artigo, que serán inadmitidos.

Artigo 9. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para a adquisición de equipamento, instalacións e accesorios necesarios, a montaxe, conexión e posta en marcha, e a obra civil asociada para a execución dos proxectos referidos no artigo 7, excepto no caso dos proxectos de mellora da eficiencia enerxética (instalacións de frío, iluminación tecnoloxía led) e proxectos de mellora da protección do ambiente (sistemas de enerxía fotovoltaica, sistemas de enerxías renovables de uso térmico) nos que este concepto de obra civil non será subvencionable.

Os proxectos que non cumpran as normas xerais e requisitos específicos recollidos nos artigos 6 e 8 desta orde, respectivamente, non serán subvencionables.

2. Os gastos subvencionables efectuados pola beneficiaria axustaranse aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se efectuaran ao longo da duración da acción ou programa de traballo.

b) Que se consignaran no orzamento estimado total do investimento.

c) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

d) Que sexan identificables e verificables, en particular, que consten na contabilidade da beneficiaria e se determinen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais da beneficiaria en materia de gastos.

e) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

f) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira.

3. Os investimentos e gastos subvencionables para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda, salvo para os honorarios profesionais das actuacións preparatorias directamente relacionadas coas obras (redacción do proxecto ou memoria técnica, certificados enerxéticos) que poderán ser dende seis meses antes á data de presentación da solicitude da axuda.

O non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados.

Ademais, a non realización de investimentos con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda demostrarase mediante a data da factura correspondente.

4. Cando o importe do gasto total subvencionable (sen IVE) supere as contías establecidas no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o promotor deberá solicitar e achegar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

No suposto de que non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren o ben solicitado e que, polo tanto, non se presenten un mínimo de tres ofertas de distintos provedores, o solicitante acreditará o custo razoable do gasto subvencionable, mediante un informe de taxador ou perito independente.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Cando o importe do gasto total subvencionable (sen IVE) non supere as contías establecidas no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, para o contrato menor, o solicitante deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

5. A beneficiaria poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu regulamento. Queda fóra deste concepto a contratación de aqueles gastos nos que teña que incorrer a beneficiaria para a realización por se mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 10. Gastos non subvencionables

Consideraranse gastos non subvencionables:

a) As compras de materiais e equipos usados.

b) Os alugueres.

c) A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

f) Os rótulos lumínicos e a iluminación de sinalización.

g) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

h) O IVE.

i) Os custos de persoal e os custos indirectos.

j) Os impostos, taxas, licenzas ou calquera outro gasto financeiro.

k) Os pagamentos en metálico.

l) Os gastos de funcionamento.

m) Os gastos de legalización.

ñ) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, salvo para os honorarios profesionais das actuacións preparatorias directamente relacionadas coas obras.

o) Gastos periciais.

p) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 11. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde, así como co indicado no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

A Comisión de Avaliación prevista no artigo 19 decidirá a aplicación do incremento de intensidade de axuda pública.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados ás beneficiarias incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 12. Compatibilidade da axuda

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

Artigo 13. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. Para a convocatoria de 2021 o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3 De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución na que se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 22.2 desta orde.

Artigo 14. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O formulario normalizado correspóndese co anexo I desta orde. A presentación da solicitude nun formulario distinto será causa de inadmisión.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén a mesma e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiara segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no punto 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter cumprido as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non ser unha empresa en crise, segundo a definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

f) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

g) Que os investimentos non foron iniciados.

h) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir co proxecto para o cal se solicita a axuda.

2. As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. A presentación da solicitude non asinada polo representante legal será causa de inadmisión.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o interesado non poderá modificar a súa petición de axuda variando o importe do investimento subvencionable, nin modificando os investimentos e conceptos do punto do orzamento para os cales solicita a axuda. Non se considera variación do importe do investimento as diferencias ou erros materiais que se puideran dar ao transcribir os importes dos orzamentos ou facturas pro forma.

Artigo 15. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

b) Proxecto para un tipo de investimentos que permita determinar a súa viabilidade e realizar a valoración, conforme os criterios establecidos nos artigos 20 e 21 desta orde de bases reguladoras. Forman parte do proxecto a memoria e os documentos aos que se fai referencia neste punto.

Para elaborar a memoria que se xunta coa solicitude, poderán consultarse os modelos na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/). A presentación dunha memoria en modelo diferente será causa de inadmisión.

A memoria do proxecto deberá conter:

1º. Información xeral da memoria:

i. Descrición da entidade: experiencia da entidade na xestión de proxectos financiados pola Unión Europea. Elementos que aseguran a capacidade técnica da entidade para a realización do proxecto. Equipo que a entidade vai a destinar para a xestión do proxecto. Número de persoas pescadoras e acuicultoras asociadas á entidade. Historial produtivo e económico de produtos da pesca nos últimos 5 anos.

ii. Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos (xerais e específicos). Indicar como detectou a necesidade de desenvolver a actuación. Identificar como o proxecto contribuirá de xeito tanxible a mellorar os servizos diarios das persoas pescadoras e acuicultoras que empregan o porto.

iii. Descrición da situación anterior á actuación, das accións que se pretenden acometer, da situación posterior e dos resultados a obter coa implementación do proxecto.

iv. Explicar quen se beneficiará do proxecto, é dicir o/os grupo/s obxectivo/s que se verán beneficiados dos resultados dos investimentos. Indicar o número de persoas pescadoras e acuicultoras que se beneficiarán do proxecto. Explicar porque a solicitante sería unha beneficiaria colectivo e o interese colectivo das accións do proxecto.

v. Calendario de realización das accións previstas.

vi. Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no que o IVE deberá vir separado. Para cada zona na que se prevé actuar incluirá: marca, modelo, breve descrición e número de unidades dos equipamentos, importes de material e man de obra. De ser o caso, incluirase a relación de ofertas solicitadas e elixidas.

vii. Información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

viii. No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.

2º Información especifica da memoria:

i. Para proxectos de modernización dos sistemas de iluminación interiores dos edificios das lonxas pesqueiras por tecnoloxía led:

1) Plano da situación das instalacións de iluminación na lonxa coa distribución dos equipamentos inicial (luminarias/equipamento de iluminación, sistemas de control e regulación). Relación de luminarias/equipamentos para iluminación nas diferentes zonas obxecto de actuación. Para cada zona: nome da zona, número de puntos de luz, tipo (campá, proxector...), número de lámpadas por punto de luz, tipo de lámpada e potencia (W), sistemas de control e regulación da iluminación (no caso de existir), e consumo (kWh).

2) Plano da situación das instalacións de iluminación na lonxa coa distribución dos equipamentos final (luminarias/equipamento de iluminación, sistemas de control e regulación). Relación de luminarias/equipamentos para iluminación nas diferentes zonas obxecto de actuación. Para cada zona: nome da zona, número de puntos de luz, tipo (campá, proxector...), número de lámpadas por punto de luz, tipo de lámpada e potencia (W), sistemas de control e regulación da iluminación (no caso de existir), e consumo (kWh).

3) Comparación dos consumos nas situacións anterior e posterior á actuación, e indicar o consumo que se prevé reducir coa actuación prevista (potencia inicial kW, consumo inicial kWh/ano, potencia final kW, consumo previsto final en kWh/ano e % de aforro enerxético). Deben achegar copias das facturas de electricidade dun período anual completo tomado como referencia (ano 2020 ou últimos 12 meses), indicando a porcentaxe das mesmas correspondente aos equipos de iluminación interior.

4) Equipamento novo solicitado: marca, modelo, referencia, número/tipo. Características técnicas dos equipamentos solicitados: Ficha técnica ou catálogo do equipo de iluminación polo fabricante, onde figuren as características técnicas do equipo e onde se inclúan a lo menos os datos de potencia, fluxo luminoso, temperatura de cor, e rendemento. Marcación UE do equipamento.

5) Fotografías da situación actual

6) Estudo lumínico da totalidade da superficie a iluminar, identificando o programa de cálculo utilizado para a súa realización, no que se poda cotexar todos os resultados lumínicos declarados na memoria.

ii. Para proxectos de aforro enerxético nas instalacións de produción de frío existentes e sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento:

1) Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipos.

2) Fotografías da instalación actual, incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipos sobre os que se actúa.

3) Comparación dos consumos nas situacións anterior e posterior á actuación, e indicar o consumo que se prevé reducir coa actuación prevista (potencia inicial kW, consumo inicial kWh/ano, potencia final kW, consumo previsto final en kWh/ano e % de aforro enerxético). Deben achegar copias das facturas de electricidade dun período anual completo tomado como referencia (ano 2020 ou últimos 12 meses).

4) Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda (catálogo, certificado ou ficha técnica), onde se inclúan datos da produtividade do equipo e do seu consumo enerxético.

5) Cálculos xustificativos dos aforros previstos. O aforro acadado respecto á situación inicial debe xustificarse de forma clara e coherente, aportando toda aquela información necesaria que permita a avaliación correcta do mesmo. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores a menos que se presente a documentación que acredite tales aforros.

iii. Para proxectos de enerxía fotovoltaica destinada ao autoconsumo:

1) Plano de situación onde se indique a localización dos módulos e indicación da localización do campo captador sobre foto aérea.

2) Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda (catálogo, certificado ou ficha técnica) onde se informe da eficiencia enerxética do módulo para unha irradiación de 1.000 W/m2.

3) Cálculos xustificativos da produción esperada, dos aforros de enerxía previstos e das emisións GEI evitadas polo proxecto. Cálculos xustificativos do autoconsumo total da enerxía xerada.

4) Deben achegar copias das facturas de electricidade dun período anual completo tomado como referencia (ano 2020 ou últimos 12 meses). No caso de que nas facturas dispoñibles non se poda diferenciar os consumos ao longo do día, deberá realizar unha distribución dos mesmos en función das potencias dos equipos instalados, horario de funcionamento, curvas cuarto horarias, etc., de forma que se poda diferenciar o consumo nocturno e o diúrno.

iv. Para proxectos de xeración de enerxía térmica renovable:

1) Plano de situación onde se indique a localización dos equipos.

2) Descrición da instalación proxectada. Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda (catálogo, certificado ou ficha técnica).

3) Cálculos xustificativos da demanda a cubrir, da produción esperada, dos aforros de enerxía primaria previstos e das emisións GEI evitadas polo proxecto.

4) No caso da aerotermia: certificado do coeficiente de rendemento en modo calefacción (COP) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que os afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.). Para acreditar este coeficiente, deberá xuntarse a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de Calor) ou por un laboratorio de ensaio acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

5) No caso da solar térmica: resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación.

6) No caso da biomasa: documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de rendemento e eficiencia exixidos.

A información deberá achegarse de acordo cos modelos dispoñibles para tal fin.

v. Información especifica para proxectos de mellora da seguridade e condicións de traballo das persoas pescadoras:

1) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos.

2) Equipamento novo solicitado: marca, modelo, referencia. Características técnicas dos equipamentos solicitados: Ficha técnica ou catálogo do equipo.

vi. Información específica para proxectos de mellora da seguridade e das condicións de traballo das persoas pescadoras como consecuencia da crise sanitaria provocada pola COVID-19.

1) Equipamento novo solicitado: marca, modelo, referencia. Características técnicas dos equipamentos solicitados: Ficha técnica ou catálogo do equipo.

vii. Información especifica para proxectos de mellora da calidade e de incremento do control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca:

1) Equipamento novo solicitado: marca, modelo, referencia. Características técnicas dos equipamentos solicitados: Ficha técnica ou catálogo do equipo.

viii. Información especifica para proxectos de obras:

1) Proxecto asinado por técnico competente ou, se non fose preciso para a autorización das obras, memoria descritiva das actuacións a realizar asinada por técnico competente que deberán conter:

a) Descrición do obxecto das obras, que recollerá os antecedentes e situación previa ás mesmas, as necesidades a satisfacer e a xustificación da solución adoptada, detallándose os factores de todo orde a ter en conta.

b) Os planos de conxunto e de detalle precisos nos que a obra quede perfectamente definida.

c) Fotografías do estado anterior á actuación dos elementos sobre os que se pretende actuar.

d) Un orzamento desagregado e detallado.

No caso de que o proxecto teña como obxectivo a mellora da eficiencia enerxética deberán ademais presentar:

2) Certificado enerxético do edificio existente no seu estado actual, co contido que establece o artigo 6 do procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios, aprobado por Real decreto 235/2013, do 5 de abril, subscrita por técnico competente.

3) Certificado enerxético do edificio alcanzado tras a reforma proposta para a que se solicita axuda, segundo o Real decreto 235/2013, do 5 de abril, demostrando que o proxecto que solicita axuda permite dar un salto en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano), con respecto á cualificación enerxética inicial do edificio, asinado por un técnico competente.

c) Estudo económico-financeiro externo acreditativo da viabilidade económica do proxecto ou resultado da ferramenta de autoavaliación da viabilidade que pode consultarse na páxina web da consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

d) Os proxectos de mellora da eficiencia enerxética (iluminación por tecnoloxía led, instalacións frío, e mellora da envolvente) e os de implantación de enerxías renovables (fotovoltaica, térmica renovable) deben presentar informe firmado por técnico competente no que se xustifique o cumprimento da normativa de aplicación e que detallará as medidas a implementar, as melloras obtidas en función da tipoloxía do proxecto-aforro enerxético, diminución da demanda de enerxía, potencia renovable instalada e redución de emisóns GEI), e unha análise económica que xustifique que os investimentos implicarán un aforro de enerxía e mellorarán a eficiencia enerxética.

Os modelos de informes técnicos poden consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

e) Documentación xustificativa de todos os custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, etc.) cunha información detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, equipos ou sistemas que os integran. No seu caso, informe dun taxador ou perito independente.

As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.

f) No caso dos proxectos de mellora da eficiencia enerxética (iluminación tecnoloxía led, instalacións de frío), proxectos de mellora da protección do ambiente (sistemas de enerxía fotovoltaica, sistemas de enerxías renovables de uso térmico) e proxectos de obras, o solicitante debe acreditar a capacidade legal do uso e desfrute da lonxa ou da instalación de frío existente. A acreditación deberá realizarse presentando unha copia da concesión ou autorización administrativa ou xustificación de tela solicitado, ou copia dun contrato de alugamento..

g) Copia das autorizacións ou permisos ou licenzas, de ser o caso, ou da xustificación de habelos solicitado aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos.

h) Plan de negocio, no caso de proxectos de importe superior a 250.000 euros.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación dos documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

f) Concesións doutras subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 16, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento, o servizo xestor poderá requirir á entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 18. Órganos de xestión e resolución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será o Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

O órgano instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria, incluíndo a viabilidade técnica e económica do proxecto.

A viabilidade técnica analizase en función das garantías ofrecidas en canto á solvencia técnica e á adecuación dos medios aos fins previstos; e a viabilidade económica, incluirá a análise de si a empresa dispón de garantías para levar adiante a financiación do proxecto.

2. Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, á súa valoración.

3. Os expedientes que non cumpran coas exixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán a disposición do órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

4. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 19. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan nos dous artigos seguintes. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguinte membros:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: unha persoa do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e dúas persoas pertencentes ao cadro de persoal das xefaturas territoriais.

Unha das persoas vogais da comisión actuará como secretario/a.

A Comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. O funcionamento desta comisión está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público de autonómico de Galicia (artigos 14 ao 22).

4. A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

5. No caso de presentarse varios proxectos para accións substancialmente idénticas, a Comisión de Avaliación poderá establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

Artigo 20. Criterio de selección xeral

1. Inicialmente comprobarase o criterio de selección xeral, é dicir, que as operacións van dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa operativo para España do FEMP. Para isto se valorarán os seguintes indicadores, clasificando os proxectos en función do grado de axuste ao programa operativo en alto, medio, baixo ou excluído:

a) Indicador de valoración sobre a adecuación do proxecto á análise DAFO da Prioridade 1 do programa operativo do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do Obxectivo Específico OE1.d) previsto para as medidas recollidas no punto 3.3. do PO <Medidas Pertinentes e Indicadores de Produtividade> (artigo 43.1-puntuación ata 6 puntos: DAFO de 0 a 2 puntos; estratexia de 0 a 2 puntos; medidas pertinentes de 0 a 2 puntos).

b) Indicador de valoración sobre a achega do proxecto á consecución dos indicadores de resultado.

c) Indicador de valoración sobre a implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, así como noutros plans estratéxicos.

2. Ponderación da valoración conxunta: os indicadores a) b) e c) terán, respectivamente, o 50 %, 25 % e 25 % do peso total da valoración; os proxectos cualificaranse en función da porcentaxe obtida da puntuación máxima posible en: alto: ≥ 75% – medio: ≥ 25% e < 75 % – baixo: ≥ 10 % e < 25 %.

Os proxectos que non alcancen o 10 % da dita puntuación máxima posible quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, á súa valoración especifica.

3. Fórmulas para o cálculo dos indicadores:

Indicador a):

Va = (Poa x Pmax / Pmax a) x 2

Indicador b):

Vb = (Pob x Pmax / Pmax b)

Indicador c):

Vc = (Poc x Pmax / Pmax c)

Onde,

Va, b, c é o valor do indicador a), b) ou c), respectivamente.

Poa, b, c é a puntuación obtida da operación subvencionable do indicador a), b) ou c), respectivamente.

Pmax a, b, c é a puntuación máxima do indicador a), b) ou c), respectivamente.

Pmax é a puntuación maior entre Pmax a, Pmax b ou Pmax c.

No caso do indicador a), multiplicase por 2 para ter en conta a ponderación deste indicador ao 50 %.

Artigo 21. Criterios de selección específicos

1. Unha vez aplicado o criterio xeral, a Comisión valorará de novo os proxectos segundo os criterios de selección específicos seguintes:

a) Natureza do investimento:

1º. Eficiencia enerxética, protección do ambiente e como consecuencia da crise sanitaria provocada pola COVID-19: 5 puntos.

2º. Seguridade e condicións de traballo: 3 puntos.

3º. Calidade e control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca: 1 punto.

b) Viabilidade técnica do proxecto:

1º. Calidade, detalle e coherencia da memoria: ata 5 puntos.

2º. Traxectoria da entidade: ata 4 puntos.

3º. Concreción de obxectivos: ata 4 puntos.

4º. Capacidade xerencial: ata 2 puntos.

2. A prelación das solicitudes determinarase pola puntuación acadada polos criterios específicos.

3. A Comisión de Avaliación:

a) Poderá propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado.

b) Poderá establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable, independentemente do importe solicitado.

c) Poderá limitar a contía dos gastos elixibles que se consideren que non están xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica.

d) No caso de empate na avaliación, a comisión aplicará como criterio de desempate o valor da puntuación outorgada no criterio de selección específico 1.a). De persistir o empate, terase en conta a puntuación establecida nos criterios do punto 1.b), segundo a orde establecida.

Artigo 22. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o/a presidente/a da Comisión de Avaliación formularalle ao órgano concedente proposta de resolución que indicará de xeito individualizado as beneficiarias, os proxectos seleccionados e as accións para as que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

No caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadaran a puntuación necesaria para seren seleccionados por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 13.3 desta orde, emitirase unha nova proposta na que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 23. Resolución

1. Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo II. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como beneficiarias na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, punto 2 do citado Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello do 15 de maio de 2014, relativo ao FEMP.

Artigo 25. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde, poñerán fin á vía administrativa e, contra elas, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados dende o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 26. Modificación da resolución e prórrogas

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, ou calquera outro extremo que afecte a un aspecto substancial da resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente, e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos :

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

As modificacións deberán ser solicitadas pola beneficiaria, por escrito, con anterioridade á súa realización, e con antelación suficiente á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. O servizo xestor da medida, logo das comprobacións pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución ao órgano concedente.

3. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do investimento subvencionado.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. No suposto de que a beneficiaria considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación, solicitar unha prórroga presentando unha memoria onde se indique a situación actual do proxecto, o grao de realización da actividade subvencionada, as causas do atraso na execución e o novo cronograma de actuación.

No caso de que a prórroga sexa aprobada, non poderá exceder da metade do tempo inicialmente concedido. Para o cómputo do prazo de execución, terase por data de inicio da execución a data de solicitude.

6. Cando os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

Artigo 27. Xustificación

1. Con carácter xeral, agás que a resolución fixe outro prazo, os gastos correspondentes deberán executarse e xustificarse antes do 1 de novembro de cada anualidade.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención e dentro do prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

1º. Informe técnico no que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica dos equipamentos instalados e acredite o cumprimento das obrigas de publicidade.

No caso de pagamento final proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

2º. Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE, que incluirá, a lo menos: concepto facturado e entidade que factura; descrición do equipo, marca e modelo, nº de serie (de ser o caso); número de factura, data da factura, data de pagamento e importe xustificado (sen IVE).

3º. Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propia beneficiaria da subvención).

4º. Xustificante bancario (transferencia bancaria ou certificación bancaria), no que conste o número da factura obxecto de pagamento, o titular da conta desde a que se realiza a operación, que deberá coincidir coa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa ou empresa que emitiu a factura.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data da solicitude de axuda (salvo para os honorarios profesionais das actuacións preparatorias directamente relacionadas coas obras) e terán como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de execución e xustificación previsto no punto 1 deste artigo.

b) No caso de opoñerse a súa consulta polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) De ser o caso, copia da concesión ou autorización administrativa de uso e desfrute da lonxa ou da instalación de frío existente e autorizacións ou permisos para levar a cabo os investimentos. As beneficiarias deberán estar en posesión das autorizacións ou permisos no momento do pago final da axuda, nos casos en que sexan necesarios para a execución do proxecto.

d) Para os proxectos de mellora da eficiencia enerxéticas nas lonxas:

d.1.) Iluminación con tecnoloxía LED:

1º. Certificado do instalador/provedor no que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e na que se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos na presente orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente, de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Certificado asinado por técnico cualificado no que se relacionen as estancias reformadas, o seu uso, e se declare que tras as medicións realizadas se constata o cumprimento dos requisitos que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación nos lugares de traballo).

3º. Memoria de execución, firmada por técnico competente. A memoria especificará en detalle as actuacións realizadas. Esta memoria realizarase de acordo co modelo dispoñible no procedemento.

4º. Fotografías que reflictan claramente as actuacións realizadas incluíndo, de ser o caso, as placas de características dos equipos instalados.

d.2) Instalacións de frío:

1º. Certificado do instalador/provedor no que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e na que se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos na presente orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente, de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Memoria de execución, firmada por técnico competente. A memoria especificará en detalle as actuacións realizadas. Esta memoria realizarase de acordo co modelo dispoñible no procedemento.

3º. Fotografías que reflictan claramente as actuacións realizadas incluíndo, de ser o caso, as placas de características dos equipos instalados.

4º. Xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria, no que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se fose necesario ou, en caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da inscrición.

5º. Sempre que sexa obrigatorio, a beneficiaria da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. En caso de non acadar a autorización antes do fin do prazo de xustificación, acreditarase documentalmente que se solicitou. En caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da citada autorización.

e) Para os proxectos de protección do ambiente:

e.1) Instalacións fotovoltaicas:

1º. Certificado do instalador/provedor no que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e na que se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos na presente orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente, de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Memoria de execución, firmada por técnico competente. A memoria especificará en detalle as actuacións realizadas. Esta memoria realizarase de acordo co modelo dispoñible no procedemento.

3º. Fotografías que reflictan claramente as actuacións realizadas incluíndo, de ser o caso, as placas de características dos equipos instalados.

4º. Cando proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente no que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se fose necesario ou, en caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da inscrición.

5º. Sempre que sexa obrigatorio, a beneficiaria da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente para a posta en servizo da instalación. En caso de non acadar a autorización antes do fin do prazo de xustificación, acreditarase documentalmente que se solicitou. En caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da citada autorización.

6º. Solicitude de punto de conexión, se fora necesario pola normativa vixente.

7º. No caso de instalacións de xeración de potencia superior a 100 kW deberá achegarse xustificante de autorización previa e de construción. Para estes efectos, considerarase a suma da nova potencia e das eventuais instalacións de xeración preexistentes.

e.2) Instalacións de enerxía térmicas renovables:

1º. Certificado do instalador/provedor no que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e na que se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos na presente orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente, de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Memoria de execución, firmada por técnico competente. A memoria especificará en detalle as actuacións realizadas. Esta memoria realizarase de acordo co modelo dispoñible no procedemento.

3º. Fotografías que reflictan claramente as actuacións realizadas incluíndo, de ser o caso, as placas de características dos equipos instalados.

4º. Cando proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente no que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se fose necesario ou, en caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da inscrición.

5º. Sempre que sexa obrigatorio, a beneficiaria da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente para a posta en servizo da instalación. En caso de non acadar a autorización antes do fin do prazo de xustificación, acreditarase documentalmente que se solicitou. En caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da citada autorización.

f) Proxectos de obras:

1º. Certificado final de obra subscrito por técnico competente no cal se indique que as obras foron realizadas conforme o proxecto presentado.

2º. Licenza municipal de obras, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar. Cando a actuación non estea sometida á licenza municipal, comunicación previa ao concello, que deberá vir xunto con unha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda ou xuntar os requirimentos e a documentación solicitada.

3º. Fotografías nas cales se aprecien as actuacións realizadas.

No caso de que o proxecto teña como obxectivo a mellora da eficiencia enerxética deberán, ademais, presentar:

1º. Certificado en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e en que se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos na presente orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente e de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Certificación enerxética do edificio tras a reforma, subscrita por técnico competente despois da execución da actuación, de acordo co procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios, mediante a utilización dalgún dos programas informáticos oficiais recoñecidos, que regula o Real decreto 235/2013, do 5 de abril.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiaria, conforme o anexo III.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

5. Unha vez transcorrido o prazo establecido na resolución de concesión da axuda para a xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requirirase a beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Pagamento e pagamentos parciais

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria á beneficiaria e na contía que corresponda segundo o proxecto executado.

2. Poderán presentarse xustificacións parciais á medida en que se vaian executando as accións subvencionadas. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderán superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención.

Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 30. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

3. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 ao 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía ca o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

No suposto de que o custo definitivo real do investimento for inferior ao orzamento considerado para o outorgamento da axuda, esta minorarase proporcionalmente aplicando a porcentaxe da axuda deducido sobre a nova base constituída polo custo final do investimento.

5. Se a beneficiaria xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionado, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, procederase ao reintegro das cantidades que se aboasen, ou perderase o dereito de cobramento da subvención, de ser o caso.

Artigo 29. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 30.

Artigo 30. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e deberá acadar como mínimo ata os dous (2) meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que for o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 31. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento, xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.h) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou dunha codificación contable axeitada, segundo o establecido no artigo 5.2.i), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

3. Procederase ao reintegro parcial pro rata temporis da subvención se nos cinco anos seguintes ao pagamento final á beneficiaria se produce algunha das seguintes circunstancias:

a) O cesamento ou relocalización dunha actividade produtiva fóra da zona do programa.

b) Un cambio na propiedade que proporcione unha vantaxe indebida (entendendo por tal a utilización de mecanismos que permitan a obtención dun maior grao de axuda ca a que lle correspondería á beneficiaria).

c) Un cambio substancial (en relación coas condicións e cos requisitos polos que se concedeu a axuda) que afecte a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de forma que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

4. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 32. Infraccións e sancións

As actuacións das beneficiarias en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 34. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 35. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 36. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideren ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, poderá pór eses feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto por tal servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Comisión de Avaliación

A creación da Comisión de Avaliación non xerará incremento da consignación orzamentaria do órgano con competencias en materia de desenvolvemento pesqueiro.

Disposición adicional segunda. Desenvolvemento da orde

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira primeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file