BDNS (Identif.): 547887.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3. b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.
2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
Segundo. Finalidade
O apoio á realización de festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia, que polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e proceder á súa convocatoria para o ano 2021.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 15 de xaneiro do 2021 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT215B).
Cuarto. Importe
Destinase un crédito global de 200.000 euros, código de proxecto 2015-0003 repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:
10.A1.432B.460.0: 20.000 euros (entidades locais).
10.A1.432B.470.0: 20.000 euros (empresas).
10.A1.432B.481.0: 160.000 euros (asociaciones).
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2021
Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais