Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 12 de febreiro de 2021 Páx. 9114

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de xaneiro de 2021 pola que se habilitan determinados colectivos para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obrigación da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

Doutra banda, o artigo 73 recolle a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas realizadas por medios electrónicos nas cales legalmente estea xustificado o anonimato.

A Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo de habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo.

A Orde do 25 de maio de 2011, reguladora da tarxeta do persoal ao servizo do sector público autonómico de Galicia, establece no seu artigo 3 que esta tarxeta estará provista dun chip criptográfico que permitirá o almacenamento de varios certificados, entre eles, o certificado de persoal ao servizo das administracións públicas.

Con carácter xeral, os certificados de persoal empregado público son nominais e conteñen os datos persoais de cada empregado/a. Con todo, existen actuacións administrativas en que legalmente está xustificado o anonimato, e cómpre expedir un certificado de pseudónimo no cal se obvian os datos persoais, que son substituídos por un número de identificación profesional tal e como se recolle na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A Orde do 7 de decembro de 2012, pola que se regula a tarxeta de acreditación especial de empregados públicos do sector público autonómico, establece no seu artigo 4 as características da tarxeta de acreditación especial non nominativa, no suposto de empregados públicos que exerzan funcións de inspección e control.

No ámbito competencial da Consellería de Sanidade, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, modificada pola Lei 1/2018, do 2 de abril, considera no seu artigo 33 que, no desempeño das súas funcións, o persoal que leve a cabo funcións de inspección, terá a consideración de autoridade sanitaria.

Por todo iso e para efectos de garantir o desenvolvemento adecuado das súas funcións, resulta necesario habilitar o persoal desta consellería que desempeña funcións de inspección do uso dun certificado electrónico de pseudónimo.

Esta orde tramitouse de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e foi obxecto de publicación no portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

Finalmente, en prol da mellora da calidade normativa, esta administración actuou de conformidade cos principios de boa regulación, singularmente, os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia recollidos no artigo 37.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Na súa virtude, de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e no artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto habilitar determinados colectivos de persoal empregado público da Consellería de Sanidade para o emprego do certificado dixital de pseudónimo previsto no artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación aos seguintes colectivos de persoal empregado público, os cales quedan habilitados para o uso do certificado dixital de pseudónimo exclusivamente durante o desempeño de funcións en cuxo exercicio teñan a consideración de autoridade sanitaria:

a) Persoal funcionario pertencente ao corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de veterinarios/as dos servizos de inspección de saúde pública que desenvolven as súas funcións segundo o disposto no Decreto 200/1991, do 13 de xuño, polo que se reestruturan os servizos veterinarios oficiais, regulados na Lei 17/1989, do 23 de outubro, e se definen as súas funcións.

b) Persoal funcionario pertencente ao corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública que desenvolven as súas funcións segundo o disposto no Decreto 202/2005, do 7 de xullo, polo que se crea a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública.

c) Persoal funcionario pertencente ao corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, clase de inspectores/as médicos/as, clase de inspectores/as farmacéuticos/as e clase de subinspectores/as sanitarios/as que desenvolven as súas funcións segundo o disposto no Decreto 53/2014, do 16 de abril, de ordenación da inspección de servizos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Emisión do certificado dixital de pseudónimo

O certificado dixital de pseudónimo emitirase segundo as disposicións ditadas polos órganos competentes da Administración autonómica galega.

Artigo 4. Uso e custodia do certificado dixital de pseudónimo

1. O certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, actas ou documentos análogos elaborados no exercicio das funcións nas cales os colectivos sinalados no artigo 2 teñen a consideración de autoridade sanitaria ou no desempeño daqueloutras funcións cando resulte necesario preservar a identidade persoal do/da empregado/a por concorreren circunstancias ou feitos que aconsellen a adopción desta medida.

2. O persoal empregado público que dispoña de certificado dixital de pseudónimo ten a responsabilidade de custodialo e utilizalo de modo persoal e intransferible para o fin previsto na norma, conforme as instrucións e os medios facilitados, sen que en ningún caso a Xunta de Galicia responda do uso fraudulento, indebido, incorrecto ou neglixente por parte do/da seu/súa titular.

O mal uso ou o uso do certificado dixital de pseudónimo por persoa distinta ao seu titular dará lugar á responsabilidade disciplinaria, civil ou penal que corresponda.

O cesamento do persoal empregado público na prestación dos servizos para os cales foi emitido o certificado suporá a obrigación de cesar no uso del.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade