Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 2021 Páx. 9573

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 25 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria para o ano 2021 das axudas para proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia (programa Conecta hubs), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN852C) (axudas para proxectos de innovación en produto).

BDNS (Identif.): 548380.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de empresas, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule e un dos socios deberá exercer o papel de líder.

Os proxectos deberán estar enfocados ao mercado e orientados á xeración de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinados á mellora dos procesos de dixitalización e a creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido que revertan nas pemes galegas e melloren a súa competitividade.

As empresas poderán ser pequenas ou medianas e deberán ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda. A participación de cada empresa deberá estar xustificada, ser relevante e equilibrada, e non poderá superar nunca unha mesma empresa (ou empresas vinculadas) o 65 % do orzamento subvencionable total do proxecto.

Cada proxecto deberá incluír, como mínimo, tres indicadores medibles que permitan recoller os avances obtidos, segundo a situación actual en Galicia, no obxectivo ou obxectivos específicos do programa Europa dixital a que se oriente o proxecto, sempre no marco da RIS3 Galicia. Estes indicadores deberán cuantificarse para poder determinar a evolución acadada polo desenvolvemento do proxecto.

Segundo. Finalidade

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para o financiamento de proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs galegos de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia (programa Conecta hubs).

A través destes proxectos avanzarase nestes obxectivos dun xeito adaptado ás necesidades do Sistema galego da innovación mellorando a súa competitividade e resiliencia. Servirán, ademais, para consolidar os hubs galegos de innovación dixital estratéxicos no marco das súas áreas de traballo nun contexto de cooperación interrexional a nivel da Unión.

Esta resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria para o ano 2021 da liña 2 das axudas para proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia:

– Liña 2 (código de procedemento IN852C): proxectos de innovación en produto.

Os proxectos deberán ter un orzamento mínimo de 250.000 euros e un máximo de 600.000 euros, dividido nas distintas actividades que vai realizar cada un dos integrantes da agrupación.

Cada agrupación debe estar constituída por un mínimo de dúas empresas pemes non vinculadas entre si e un máximo de seis, todas elas pemes. Na agrupación non poderán participar grandes empresas.

Os proxectos poderán ser plurianuais. Deberán iniciarse a partir do 1 de xaneiro de 2021 e estar rematados antes do 30 de abril de 2023, e non poderán estar rematados materialmente antes da data de presentación da solicitude.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria. A concesión destas axudas realizarase a través dun réxime de concorrencia competitiva.

As axudas correspondentes á liña 2 axustaranse ao establecido no Regulamento (CE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis.

Cuarto. Importe

O importe total da convocatoria é de 6.800.000 €, coa seguinte distribución anual:

Eixe

OE

Beneficiarios

Desagregación medida (CE_Actividades)

Aplicación orzamentaria

2021 (€)

2022 (€)

2023 (€)

Total

1

1.2.1

Empresas pemes

CE064

06.A2.561A.770.0

CP 2021.00004

Total

2.010.000

2.600.000

450.000

5.060.000

Liña 1 (IN852B)

1.610.000

2.100.000

350.000

4.060.000

Liña 2 (IN852C)

400.000

500.000

100.000

1.000.000

1

1.2.1

Empresas grandes

CE002

06.A2.561A.770.0

CP 2021.00003

Total

690.000

900.000

150.000

1.740.000

Liña 1 (IN852B)

690.000

900.000

150.000

1.740.000

Total

2.700.000

3.500.000

600.000

6.800.000

As axudas reguladas nesta resolución estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 1: «Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación», prioridade de investimento 1.2: «O fomento do investimento empresarial en I+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector do ensino superior, en particular, mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes», obxectivo específico 1.2.1: «Impulso e promoción de actividades de I+i lideradas por empresas, apoio á creación e consolidación de empresas innovadoras e apoio á compra pública innovadora», actuación CPSO 1.2.1.7: «Proxectos de innovación aberta para subministrar incentivos á cooperación entre as empresas».

As axudas da presente convocatoria fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %. Compútase como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante.

As axudas que se concedan ao abeiro destas bases concederanse en forma de subvención, coma unha porcentaxe do investimento subvencionable dentro dos límites de intensidade previstos para a liña 2:

– Liña 2 (IN852C)

O importe máximo da subvención será do 80 % do investimento subvencionable. Esta liña de axudas está suxeita ao réxime de minimis.

Un mesmo proxecto non poderá recibir unha axuda total que supere os 400.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do líder da agrupación comenzará desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto 45 días hábiles.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación