Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 2021 Páx. 9645

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 1 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Río Abelleira, pertencente ao concello de Carral.

De conformidade co artigo 16.1.a) da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co ambiente a que se refiren os artigos 17 e 18 desta lei, as administracións públicas velarán por que se informe o público, mediante avisos ou outros medios apropiados, como os electrónicos cando se dispoña deles, sobre calquera proposta de plans, programas ou disposicións de carácter xeral.

A conservación da natureza e da diversidade biolóxica encóntrase dentro das materias sobre as que as administracións públicas deben asegurar que se observen as garantías en materia de participación.

Iniciado o procedemento para a elaboración do Plan de conservación do espazo natural de interese local Río Abelleira e do proxecto de decreto polo que se aproba o devandito plan,

ACORDO:

Primeiro. Someter a consulta pública, por un prazo de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o documento base de Plan de conservación do espazo natural de interese local Río Abelleira.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o Plan no seguinte enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia.

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/procedementos-de-informacion-publica

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

a) Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «PC do ENIL Río Abelleira».

b) Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin no enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2021

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural