Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 2021 Páx. 9368

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 18 de xaneiro de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual número 9 do Plan xeral de ordenación municipal das Neves no ámbito das unidades de execución UE-1 e UE-2.

O Concello das Neves remite a documentación relativa á modificación puntual número 9 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada por Otima, S.L. e asinada polo arquitecto Xavier Rivas Barros, con dilixencia de ter sido aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello das Neves na sesión do 1.9.2020, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello das Neves conta cun plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o día 13.11.1999 e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 16.2.2000 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 12.1.2000.

2. Mediante a Resolución do 6.8.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decide non someter esta modificación puntual (MP) ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 30.8.2018, expediente 2018AAE2209).

3. Constan informes municipais: técnico, do 3.1.2019; xurídico, do 17.1.2019; e da Secretaría, do 17.1.2019.

4. A modificación puntual é aprobada inicialmente polo Concello Pleno do 29.1.2019 e sométese a información pública polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 5.3.2019 e no periódico Faro de Vigo do 12.2.2019. Consta certificado da secretaria interventora do 7.5.2019 de que non foron presentadas alegacións.

5. Foron solicitados informes ao Ministerio de Economía e Empresa, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (consta informe do 26.7.2019), Ministerio para a Transición Ecolóxica, Confederación Hidrográfica Miño-Sil (consta informe do 13.2.2020) e Delegación do Goberno (que remite informe do 2.8.2019 e o informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 30.8.2019).

6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais ao Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria (consta informe do 14.6.2019), Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe do 26.6.2019), Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Axencia Galega de Infraestruturas (informe do 25.6.2019 e do 26.6.2019), Instituto de Estudos do Territorio (consta informe do 1.8.2019), Augas de Galicia (informe do 7.8.2019), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informe do 8.11.2019 e informe favorable do 4.8.2020) e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (consta informe do 19.6.2019).

Non contestou á solicitude de informe a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Cañiza, Arbo, Ponteareas e Salvaterra de Miño, e recibiuse a contestación favorable do Concello de Ponteareas.

7. Constan informes técnicos, dos días 12.5.2020 e 7.8.2020; informe do asesor xurídico e a secretaria interventora, do 27.8.2020, e informe-proposta da secretaria interventora, do 27.8.2020.

8. O Concello Pleno do 1.9.2020 aproba provisionalmente esta modificación puntual.

9. O Concello das Neves achega o documento aprobado provisionalmente, segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG e dá resposta aos requirimentos realizados.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxecto da MP é posibilitar o desenvolvemento dun ámbito de solo urbano non consolidado delimitado polo PXOM vixente, garantindo a preservación e protección do patrimonio cultural, pois a execución da ordenación detallada prevista non é viable.

O ámbito da MP abrangue unha superficie total de 9.616,00 m², que inclúe o solo urbano non consolidado (SUNC) en que o PXOM vixente delimita dúas unidades de execución, UE-1 e UE-2, e os terreos correspondentes ás vías de bordo destas. No seu interior existe unha edificación recollida no catálogo do PXOM co código E 1202, Casa cuartel da Garda Civil, con grao de protección ambiental e que ten na súa fachada oeste un escudo realizado con anterioridade ao ano 1901 que, segundo a Lei de patrimonio cultural, ten a consideración de ben de interese cultural (BIC).

O ámbito conta con ordenación detallada, sen prexuízo da exixencia da redacción e aprobación dun estudo de detalle para completar as determinacións urbanísticas do ámbito e desenvolver as dúas áreas de actuación previstas.

O estudo de detalle da UE-1 obtivo informe desfavorable da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Pontevedra con data do 8.11.2016, xa que a ordenación prevista no PXOM implica, por unha banda, a demolición de parte do inmoble catalogado e, por outra banda, unha modificación do parcelario que non respecta a parcela protexida polo propio planeamento municipal.

Para acadar a protección exixida do patrimonio existente e continuar o desenvolvemento do ámbito modifícanse as determinacións do planeamento actual para:

a) Recoñecer como solo urbano consolidado (SUC) a superficie do ámbito que cumpre cos requisitos establecidos no artigo 17.a) da LSG.

b) Refundir as dúas unidades de actuación nunha soa área de repartición, de 6.667 m², para acadar un desenvolvemento máis homoxéneo e equitativo, xa que se exclúen os terreos que reúnen os requisitos para ser considerados como solo urbano consolidado.

c) Modificar a ordenación prevista no PXOM vixente para os terreos e edificacións situados en SUC e incorporar a ordenación detallada da área de repartición definida en SUNC.

d) Modificar a ficha do elemento catalogado E 1202 para os efectos de adecuar as condicións de protección dos elementos que integran o ben ao establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para calquera modificación do PXOM xustifícanse na necesidade de posibilitar o desenvolvemento dun ámbito de solo previsto polo PXOM mellorando a ordenación urbanística prevista e garantindo a protección patrimonial dun elemento protexido existente.

2. O documento da MP dá cumprimento ao indicado no informe realizado pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o día 10.7.2018, no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 9 do Plan xeral de ordenación municipal das Neves (Pontevedra).

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda