Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 16 de febreiro de 2021 Páx. 9863

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 31 de decembro de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (códigos de procedemento MR651A e MR651B).

Os artigos 21 e 24 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, establecen medidas de apoio a prevención e defensa contra os incendios forestais.

Como resposta ás disposicións do citado Regulamento (UE) nº 1305/2013, a Xunta de Galicia elaborou o Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia para a etapa 2014-2020, na que se inclúe a submedida 8.3. Prevención de danos causados por incendios forestais, desastres naturais e catástrofes. O PDR 2014-2020 foi aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144 do 18 de novembro de 2015, modificado mediante Decisión de execución C (2017) 5420 final do 26 de xullo de 2017, a Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final do 30 de xullo de 2018, a Decisión de execución da Comisión C (2019) 1707 final do 26 de febreiro de 2019, a Decisión de execución da Comisión C (2020) 5374 final, do 30 de xullo de 2020 e a Decisión de execución da Comisión C (2020) 8432 final, do 25 de novembro de 2020.

Estas axudas sométense ao Regulamento (UE) Nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, tal e como esixe o seu artigo 34 no capítulo III.

Para cumprir a obriga de publicidade do artigo 9.2 do citado Regulamento (UE) nº 702/2014 deben comunicarse estas axudas á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Esta medida foi comunicada polo Estado co número de axuda SA.43021 ao abeiro do Regulamento (UE) nº 702/2014.

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, establecen que esta consellería é o departamento da Administración autonómica ao que corresponden, entre outras, as competencias para propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, nas que se inclúen a prevención e defensa contra os incendios forestais.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais e a Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal son o réxime xurídico específico aplicable ás actuacións da orde.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establecen a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas. Esta Lei aplícase con carácter supletorio respecto da normativa reguladora das subvencións financiadas pola Unión Europea.

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece no seu artigo 25 que a Consellería do Medio Rural lle dará aos montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da produción agraria e na concesión de subvencións para esta finalidade.

Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2021, no momento da resolución.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas, en consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que as persoas titulares de montes veciñais en man común (MVMC), as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (Sofor) poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva.

Esta incentivación na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común e as Sofor na realización de traballos de silvicultura preventiva contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, de grande importancia na nosa comunidade e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.

2. De acordo con este obxecto, establécense dúas liñas de subvencións:

a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).

b) Liña II: subvencións para a construción de puntos de auga (código de procedemento MR651B).

Artigo 2. Ámbito de aplicación e persoas beneficiarias

1. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e ás Sofor da Comunidade Autónoma de Galicia, agás aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, agás que solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio. No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia, poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.

2. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as Sofor, sempre que non incorran en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no punto 8.1. do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

4. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, ou sexa, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril do 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.

5. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada persoa membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias.

6. En calquera caso, deberá nomearse un/unha representante ou apoderado/a único/a da agrupación de montes veciñais en man común, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación. En caso de disolverse a agrupación antes de que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cada persoa xurídica membro da agrupación asumirá a obriga de reintegro que corresponda, de ser o caso.

7. No caso da liña II, o cálculo da subvención deberá ser proporcional á superficie de cada CMVMC con respecto á superficie total da agrupación.

Artigo 3. Superficies forestais mínimas para solicitar subvencións

1. A superficie forestal mínima por expediente en comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) será de cen hectáreas (100 ha).

2. Para acadar a superficie as CMVMC poderán formar unha agrupación, sempre que as CMVMC se localicen nunha mesma provincia e, ademais, cumpran con algún destes requisitos:

a) Localización nun mesmo concello.

b) Localización en concellos limítrofes sempre que sexan estremeiras.

3. Nas Sofor e, excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estivese localizada nalgún concello incluído en espazos protexidos Rede Natura 2000, a superficie mínima a que fai referencia o primeiro parágrafo sería de 50 ha.

Artigo 4. Condicións xerais

Con carácter xeral, deberase ter en conta o seguinte:

a) As Sofor e as CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro correspondente.

b) As cotas mínimas de reinvestimento dos montes veciñais serán do 40 % de todos os ingresos xerados, segundo o disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

c) Non se poderán solicitar subvencións para actuacións en:

1º. Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

2º. Zonas en que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

3º. Zonas incluídas en hábitats prioritarios.

d) En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as subvencións solicitadas en terreos en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme.

e) Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas subvencións.

f) Non se concederán subvencións para o control selectivo de combustible nas mesmas superficies en que se subvencionou nos tres anos anteriores, agás para a acción de roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais (artigo 31.5.d) desta orde).

g) Non se poderán solicitar simultaneamente subvencións para as actuacións de roza en rexenerado forestal natural e de roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas na mesma superficie. No caso de solicitarse, queda anulada esta última actuación.

h) Cando as subvencións consistan nunha porcentaxe do orzamento das actuacións preventivas, o total da subvención calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería do Medio Rural, segundo o disposto para cada liña de subvencións nos capítulos II e III desta orde. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non é subvencionable, agás que non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

i) Cada persoa beneficiaria só poderá obter unha subvención para cada unha das liñas, independentemente de que o solicite individualmente ou agrupada, xa que, en caso de agrupacións de CMVMC, hai que atender o disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que recolle que todas as persoas integrantes da agrupación terán a consideración de beneficiarias. Se unha persoa solicitante presenta solicitude individual e agrupadamente, comportará o arquivamento da solicitude presentada individualmente. Se presenta máis dunha solicitude para a mesma liña, arquivaranse todas as solicitudes presentadas.

j) Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

i) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando teña desaparecido máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

ii) Tratándose dunha sociedade na que polo menos algúns/algunhas socios/as teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando teña desaparecido polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

iii) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia a petición dos seus acredores.

iv) Tratándose dunha empresa que non sexa unha pequena e mediana empresa (peme), cando durante os dous anos anteriores:

– A cociente débeda/capital da empresa fose superior a 7,5.

– A cociente de cobertura de xuros da empresa, calculado sobre a base do EBITDA, fose inferior a 1,0.

– As pemes con menos de tres (3) anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, agás que cumpran a condición establecida na epígrafe iii) do parágrafo anterior.

– En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, copia dos balances e das contas de explotación dos tres últimos anos.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

k) Os montes con superficies superiores a 25 ha en couto redondo deben contar cun instrumento de ordenación ou xestión, ou cun instrumento equivalente, no que se considere a realización dos traballos solicitados ao abeiro desta orde, ou presentar xunto coa solicitude de axuda unha copia da súa adhesión aos modelos silvícolas, de acordo ao establecido na disposición transitoria segunda do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e segundo a Orde de 19 de maio de 2014, pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia.

j) Ao abeiro do disposto na disposición transitoria sexta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, os montes ou terreos forestais deberán dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal obrigatorio e vixente, como máximo, nos prazos que a seguir se indican:

i) O 31 de decembro de 2020, os montes cuxo couto redondo de maior tamaño sexa inferior ou igual a 15 hectáreas.

ii) O 31 de decembro de 2028, o resto de montes.

Artigo 5. Informes internos previos ao inicio das actuacións

1. No caso de que as actuacións se atopen dentro da Rede Natura 2000, solicitarase un informe ao servizo con competencias en materia de patrimonio natural da xefatura territorial correspondente.

2. No caso de que as actuacións se atopen en montes xestionados pola Xunta de Galicia, solicitarase un informe do servizo con competencias de montes da xefatura territorial correspondente.

3. Para a liña II, informe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da xefatura territorial correspondente, no que se fará referencia á idoneidade do punto de auga en relación coa súa localización, características construtivas, viabilidade dos traballos, realidade xeométrica das obras, dispoñibilidade dos terreos, radio de acción do punto de auga e superficie que se defenderá e o non inicio da construción.

Artigo 6. Actividades que se subvencionan, importes, contías e criterios de selección

1. As accións que se subvencionan, así como os importes e a porcentaxe que se subvencionará recóllense nos capítulos II e III desta orde para cada liña de subvención.

2. Os criterios específicos de valoración para a adxudicación de subvencións recóllense igualmente nos capítulos II e III para cada unha das liñas de subvención.

Artigo 7. Solicitudes electrónicas e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Deberán presentar obrigatoriamente solicitude electrónica correctamente completada, conforme o anexo I (código de procedemento MR651A) ou II (código de procedemento MR651B), segundo a liña de subvención. Os datos incluídos nestes anexos terán a consideración de declaración responsable e son esenciais para a súa aprobación polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude. A solicitude non implica ningún dereito para a persoa peticionaria mentres non exista resolución de concesión.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificación por parte da persoa beneficiara de non suxeición ou exención do IVE emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT). En caso de non presentarse esta xustificación ou non ser válida, considerase que o IVE non é subvencionable para a persoa beneficiaria.

b) Xustificación de que os montes con superficies superiores a 25 ha en couto redondo contan cun instrumento de ordenación ou xestión, ou cun instrumento equivalente, en que se considere a realización dos traballos solicitados ou unha copia da súa adhesión aos modelos silvícolas, de acordo co establecido na disposición transitoria segunda do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e segundo a Orde de 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia.

c) No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, a solicitude irá asinada polo/a representante da agrupación de conformidade co artigo 2.6 desta orde. Neste suposto, e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da subvención, deberá constar no expediente a documentación que acredite a representación para os efectos de tramitación da subvención e, se é o caso, do cobramento desta, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura no anexo III desta orde.

d) En todos os casos a persoa solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente a elección nunha memoria cando non recaia na proposta máis favorable economicamente. Non se admitirán as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas, nos termos establecidos no artigo 42 do Código de comercio, que regula os grupos de sociedades. Así mesmo, as empresas e as persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán exercer a súa actividade vinculada á silvicultura.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente, para as liñas I (MR651A) e II (MR651B), os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados pola Administración pública actuante ou elaborados polas administracións públicas agás, que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI e NIE da persoa representante e NIF da entidade solicitante.

b) Certificación de estar ao día de obrigas tributarias que constan en poder da AEAT.

c) Certificación de estar ao día de obrigas coa Seguridade Social que constan en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día de obrigas tributarias que constan en poder da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

e) NIF da entidade cesionaria, achegado no anexo IV.

f) DNI/NIE da persoa cesionaria, achegado no anexo IV.

g) NIF da entidade cedente, achegado no anexo IV.

h) Acreditación do cumprimento de obrigas tributarias da persoa cesionaria que constan en poder da AEAT.

i) Acreditación do cumprimento de obrigas tributarias da entidade cedente que constan en poder da AEAT.

j) Acreditación do cumprimento de obrigas coa Seguridade Social da persoa cesionaria que constan en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

k) Acreditación do cumprimento de obrigas coa Seguridade Social da entidade cedente que constan en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

l) Acreditación do cumprimento de obrigas tributarias da persoa cesionaria que constan en poder da Atriga.

m) Acreditación do cumprimento de obrigas tributarias da entidade cedente que constan en poder da Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos indicados, a Consellería do Medio Rural deberá solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución dos expedientes e resolución

1. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de subvencións é a Subdirección Xeral de Prevención.

2. Unha vez presentada a solicitude, os SPIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural revisarán que conteña toda a información requirida. No caso de que conteña defectos ou omisións, o requirimento de emenda de erros practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Os SPIF das xefaturas territoriais correspondentes proporanlle ao órgano colexiado, composto polas persoas titulares da xefatura do Servizo de Actuacións Preventivas, da xefatura do Servizo de Xestión de Fondos e Coordinación e dunha xefatura de sección da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que actuará como secretaria, a relación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde.

4. O órgano colexiado valorará as solicitudes de subvención segundo os criterios de prioridade establecidos nesta orde para as distintas liñas e emitiralle un informe á persoa titular da Subdirección Xeral de Prevención que, pola súa vez, elevará a proposta de concesión á persoa titular da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

5. A persoa titular da Dirección Xeral de Defensa do Monte, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, resolverá sobre a aprobación das subvencións solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso de non ditarse a resolución expresa no prazo indicado, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme ao disposto nos artigos 21 e 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. As notificacións de resolucións e actos administrativos, agás as que se refiren no punto 12, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

9. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

10. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

11. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

12. Malia o establecido nos anteriores números, as notificacións das resolucións de estimación e de desestimación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpolos. Tamén figurará a puntuación de todas as solicitudes que entran no procedemento de concorrencia competitiva.

13. Na notificación de concesión da axuda informarase ás persoas beneficiarias de que se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, submedida 8.3, prioridade 4 do PDR de Galicia 2014-2020 e a súa selección segundo os criterios establecidos nos artigos 34 e 37 desta orde, segundo establece o punto 1.5 do anexo III (notificación da concesión da axuda) do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Artigo 11. Recursos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo para resolver previsto no artigo 10.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa.

Artigo 12. Compromisos das persoas beneficiarias e coordinación co SPIF

1. Os medios humanos e materiais a que se refire esta orde observarán o disposto no artigo 47 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

2. Os puntos de auga deberán manterse operativos durante polo menos 20 anos e manter o acceso libre para as tarefas de prevención e defensa contra os incendios forestais.

3. A persoa beneficiaria comprométese, en todo momento, a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural, así como a outras instancias autonómicas ou comunitarias.

4. Os medios humanos e materiais que executen as obras deberán cumprir coa normativa laboral, en particular, coa de prevención de riscos laborais.

Artigo 13. Documentación complementaria posterior á resolución e prazo de presentación

1. No prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte á notificación da resolución de estimación, a persoa beneficiaria presentará electronicamente un documento descritivo das actuacións que se axuste aos contidos mínimos que se indican no artigo 14 desta orde. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para continuar coa tramitación do procedemento. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Artigo 14. Contido do documento descritivo das actuacións

1. Os contidos mínimos que deberá ter o documento descritivo, no caso de ter que presentarse, son os seguintes:

a) Estado legal dos predios obxecto de subvención: superficie, localización, estremeiros, accesos... En particular, deberá reflectirse se as actuacións se atopan en:

1º. Montes xestionados pola Xunta de Galicia.

2º. Rede Natura 2000.

3º. Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

4º. Zonas en que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

5º. Terreos cun proceso de concentración parcelaria iniciado.

6º. Terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

b) Descrición das actuacións que se levarán a cabo. As actuacións describiranse por zona de actuación ou mouteira (zona de actuación/mouteira 1, 2...), detallando a relación de parcelas Sixpac correspondentes ás zonas de actuación.

c) No caso de agrupacións de MVMC, incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie coa que participa cada monte veciñal da agrupación.

d) Cartografía: planos sobre mapas oficiais preferentemente a escala 1:5.000, ou na súa falta, a escala 1:10.000. Estes planos reflectirán onde se localizan as distintas actuacións para cada zona. As lendas incluirán para cada unha destas: a súa identificación (zona de actuación/mouteira 1, 2...), os tipos de actuación e as superficies de actuación. As actuacións en áreas de devasa marcaranse en cor ciano, as de faixas auxiliares en cor vermella, as de roza en rexenerado forestal natural en cor maxenta e as de rareo en entrefaixas en cor verde. Os puntos de auga irán marcados cun círculo en cor negra e indicaranse as coordenadas UTM.

2. No referente aos traballos para a liña I, ademais dos planos mencionados, a información que fai referencia ás actuacións previstas no parágrafo anterior terá que ser achegada en soporte dixital en formato vectorial. Os arquivos estarán xeorreferenciados sobre o datum ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N e en formato shape (shp). Teñen que aparecer na correspondente táboa de atributos os datos de tipo e a superficie de actuación de cada polígono.

3. A táboa de atributos do shape terá un formato dbf e a estrutura deberá seguir obrigatoriamente o modelo que se amosa abaixo, tanto nos títulos dos campos como na posición destes na táboa.

4. Co fin de asegurar unha homoxeneidade na información vectorial subministrada, detállase a continuación o modelo de datos e a codificación alfanumérica das entidades vectoriais (polígonos).

a) Formato: shapefile (a información subministrarase nun arquivo zip comprimido co conxunto dos arquivos que compoñen o formato shapefile).

b) Nome do arquivo: coincidente co código completo do expediente de axudas (tanto arquivos do shapefile como nome do arquivo de compresión).

c) Datum e proxección: ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N.

d) Entidade vectorial: polígono.

5. A información alfanumérica asociada á entidade vectorial deberá seguir as seguintes características:

Nome do campo

Características

Observacións

Cod_expdte

Alfanumérico (varchar) de 13 díxitos

Código completo do expediente de axudas

Prov

Numérico enteiro curto de 2 díxitos

Segundo códigos Sixpac 2020

Muni

Numérico enteiro curto de 5 díxitos

Segundo códigos Sixpac 2020 (provincia + municipio)

Agre

Numérico enteiro curto de 3 díxitos

Agregado segundo Sixpac 2020

Zona

Numérico enteiro curto de 3 díxitos

Zona segundo Sixpac 2020

Polig

Numérico enteiro de 6 díxitos

Polígono segundo Sixpac 2020

Parc

Numérico enteiro de 11 díxitos

Parcela segundo Sixpac 2020

Rec

Numérico enteiro de 11 díxitos

Recinto segundo Sixpac 2020

Sup_rec

Numérico decimal dobre de lonxitude con 4 decimais

En hectáreas

Mouteira

Alfanumérico (varchar) de 5 díxitos

Identificación da mouteira: 1, 2... (posibilidade de incluír letras nunca, acentuadas)

Act

Alfanumérico (varchar) de 40 díxitos

Código segundo cadro adxunto. Incluiranse unha ou varias actuacións. No caso de ser varias separaranse os códigos mediante un guión medio (-) sen espazos e a serie comezará co código menor de forma ascendente ata o código de máis valor

Sup_moutei

Numérico decimal dobre de lonxitude 7 con 4 decimais

En hectáreas

Esta información deberá ser plenamente coincidente cos datos dispostos no documento de descrición das actuacións que se levará a cabo (punto 1.b) deste artigo).

6. Táboa coa codificación do campo «Actuación»:

Código

Categoría

Actuación

1

Áreas de devasa

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

2

Faixas auxiliares de pista

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

3

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

4

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

5

Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais

Roza superficial de penetración e rareo das entrefaixas de masas forestais e eliminación mediante trituración con rozadora de martelos ou similar dos restos, no resto da superficie

6

Mellora de infraestruturas preventivas xa existentes

Mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina

A continuación, xúntase exemplo ilustrativo da información alfanumérica asociado á entidade vectorial (polígono):

Cod_expdte

Prov

Muni

Agre

Zona

Polig

Parc

Rec

Sup_rec

Mouteira

Act

Sup_moutei

02369999/2021

36

36017

0

0

284

2

1

0,0412

1

1

0,0301

02369999/2021

36

36017

0

0

282

16

4

0,1002

2

2-3

0,0912

02369999/2021

36

36017

0

0

284

55

1

0,0721

3

5

0,0721

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

7. No caso de que a subvención se vaia desenvolver con medios propios deberá figurar adicionalmente no documento descritivo:

a) A vontade da persoa beneficiaria de empregar medios propios.

b) Orzamento completo da obra, detallando a cantidade de horas das diferentes categorías profesionais que interveñan na execución de cada unha das distintas unidades de obra.

c) Informe en que se describa en que vai consistir a actuación dos medios propios, diferenciando se se trata dunha actuación para toda a obra ou ben para unidades de obra concretas.

Artigo 15. Perda do dereito á subvención

Serán motivo de perda do dereito da subvención as seguintes causas:

a) Os informes desfavorables do servizo con competencias en materia de patrimonio natural, do servizo con competencias en materia de montes ou do SPIF das xefatura territoriais correspondentes.

b) A notificación da resolución pola que se dea por transcorrido o prazo do requirimento de emenda da documentación.

c) A existencia de discrepancias entre as actuacións reflectidas no documento descritivo e as recollidas na resolución de estimación.

Artigo 16. Execución da subvención

1. Unha vez presentada a documentación recollida no artigo 14 desta orde, poderase realizar unha inspección para verificar as superficies propostas de traballo e a súa viabilidade. Esta inspección realizarase no campo por dúas persoas funcionarias da Consellería do Medio Rural.

2. Os traballos poderán comezar unha vez que sexan favorables os informes que se recollen no artigo 5 desta orde, se son necesarios.

3. No caso de renuncia, despois de notificada a resolución definitiva, as persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, comunicándoo por escrito á Consellería do Medio Rural. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co parágrafo segundo do artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Subcontratación dos traballos

1. A persoa beneficiaria poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada, conforme o previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas a diferentes provedores e achegalas coa solicitude. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

3. As persoas contratistas quedarán obrigadas só fronte á persoa beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Consellería do Medio Rural.

4. Cando a actividade subcontratada con terceiros exceda do 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 €, a subcontratación estará sometida a que o contrato se subscriba por escrito e que esta sexa autorizada previamente pola Consellería do Medio Rural.

5. Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos esixidos no punto anterior.

6. No suposto de subcontratación, non serán subvencionables os custos relativos aos seguintes subcontratos:

a) Os que aumenten o custo da execución da operación sen un valor engadido.

b) Os celebrados con intermediarios/as ou asesores/as en que o pagamento consista nunha porcentaxe do pagamento total da operación, a non ser que a persoa beneficiaria xustifique o dito pagamento por referencia ao valor real do traballo realizado ou aos servizos prestados.

Artigo 18. Alteración de condicións

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificacións da resolución de concesión.

2. No caso de que haxa modificación de parcelas Sixpac ou de distribución de superficie de actuación sobre estas, presentarase unha memoria modificada, que deberá obter un informe favorable do SPIF da xefatura territorial da Consellería do Medio Rural.

Artigo 19. Responsabilidade

1. A organización e a materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva da persoa beneficiaria.

2. A actuación da Consellería do Medio Rural quedará limitada ao outorgamento da correspondente subvención e a garantir o cumprimento da normativa en materia de subvencións.

Artigo 20. Xustificacións

1. A persoa beneficiaria deberá comunicar o remate das obras aos SPIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural.

2. O prazo máximo para o remate e a xustificación dos traballos remata o 30 de abril de 2022.

3. A xustificación presentarase de forma electrónica ante os SPIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A Consellería do Medio Rural poderá solicitar das persoas peticionarias toda a información e as xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

5. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e dado que existen custos de referencia para cada unidade de obra que supoñen que, en ningún caso, o custo de execución dos traballos subvencionados poida ser superior ao valor de mercado, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Artigo 21. Comprobacións

1. A subvención definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dúas persoas que teñan a condición de persoal funcionario da Consellería do Medio Rural, unha delas distinta das que realizaron a inspección en campo.

2. Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas. Esta comprobación final consistirá en:

a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible.

Certificado emitido por dúas persoas que teñan a condición de persoal funcionario da Consellería do Medio Rural, en que se indique se as obras realizadas foron executadas conforme a solicitude e a memoria inicial ou modificada presentada pola persoa beneficiaria, especificando o número de hectáreas rozadas e a súa localización.

b) Liña II: construción de puntos de auga.

Certificado emitido por dúas persoas que teñan a condición de persoal funcionario da Consellería do Medio Rural, en que se indique se os puntos de auga foron realizados conforme a solicitude e a memoria inicial ou modificada presentada pola persoa beneficiaria.

3. No caso de que se realizase unha inspección previa non poden coincidir as dúas persoas funcionarias que realizan a inspección coas persoas que certifican.

4. No caso de que o importe xustificado pola persoa beneficiaria coa notificación de remate dos traballos, supere en máis dun 10 % o importe da comprobación final realizada por dúas persoas funcionarias da Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a subvención que se percibirá, resultante da comprobación final, na diferenza entre ambos os importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se a persoa beneficiaria pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe xustificado.

Artigo 22. Solicitude de pagamento

1. As solicitudes de pagamento realizaranse a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia e segundo os anexos V (liña I, MR651A, control selectivo de combustible) e VI (liña II, MR651B, construción de puntos de auga). Coa solicitude de pagamento en que figurará a data de remate dos traballos, achegarase a seguinte documentación e realizarase a declaración contida no punto c):

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

i. Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas.

ii. Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os prezos das unidades de obra previstos nesta subvención.

c) Declaración doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia que figura nos anexos V (liña I, MR651A, control selectivo de combustible) e VI (liña II, MR651B, construción de puntos de auga).

d) Facturas e xustificantes de gasto. Os xustificantes de gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos que cumpran as esixencias que establece a AEAT (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación).

As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, e reflectindo, neste último caso, a contía exacta que resulte.

No caso de presentar copias das facturas, achegarán tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, marcándoos cun selo e indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, e indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, se é o caso, serie.

– Data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto da persoa obrigada a expedir factura como da persoa destinataria das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro estado membro da Unión Europea con que realizase a operación a persoa obrigada a expedir a factura.

– Domicilio, tanto da persoa obrigada a expedir factura como da persoa destinataria das operacións.

– Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluída no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, recibos nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tales ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

e) Xustificantes do pagamento efectivo. A xustificación do pagamento realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selado, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

i. A persoa beneficiaria presentará o xustificante bancario do pagamento (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa beneficiaria que paga e da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia compulsada e estará selado pola entidade bancaria.

ii. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

iii. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

iv. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

v. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

vi. No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

vii. No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda a unha terceira persoa, establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor das persoas cesionarias, presentada coa seguinte documentación:

1º. Comunicación outorgando o dereito de cobramento, conforme o modelo que figura no anexo IV desta orde.

2º. Documento público ou privado polo cal se formalizou a cesión.

3º. Copia do xustificante de pagamento ou de exención do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, cando proceda.

4º. Certificado do/a secretario/a da CMVMC en que conste o acordo da asemblea autorizando a cesión do dereito de cobramento á persoa cesionaria.

f) Plano final coa delimitación das actuacións realizadas así como arquivo gráfico en soporte dixital e formato vectorial tipo shape no datum ETRS89 e coordenadas UTM sobre o fuso 29N coa superficie afectada polos traballos, coas características descritas no artigo 14.2, 14.3, 14.4, 14.5 e 14.6 desta orde.

2. No caso de empregar medios propios achegaranse, ademais:

a) Nóminas correspondentes ao tempo dedicado polos/as traballadores/as á execución do traballo, certificando especificamente o emprego da porcentaxe de tempo que cada traballador/a dedicou á obra.

b) Documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención do IRPF.

c) No caso doutros gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada (compra de materiais,...) as facturas acreditativas deses gastos e os xustificantes de pagamento.

d) A persoa beneficiaria poderá imputar ao proxecto os custos de amortización dos medios materiais propios, sempre que se calculen de conformidade coas normas de contabilidade, para o que deberá achegar a documentación acreditativa do sistema de cálculo empregado.

Artigo 23. Pagamento

1. O pagamento será satisfeito unha vez realizada a obra preventiva ou a construción.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a persoa beneficiaria non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

3. Non procederá o pagamento das subvencións nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Para a liña I, no caso de que algunha persoa agrupada non execute a porcentaxe de traballos prevista e isto supoña que a agrupación non cumpre co disposto no artigo 3 desta orde, en relación coas superficies forestais mínimas por expediente, non se procederá ao seu pagamento.

c) Execución de menos do 80 % das accións viables sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior.

Artigo 24. Procedemento de reintegro

1. Serán causas de reintegro as recollidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Consonte o establecido no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control das medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade en que se establece de xeito explícito que o cálculo dos xuros se fará en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicada na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

3. Serán casos de forza maior, de conformidade co disposto no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello:

a) Falecemento da persoa beneficiaria.

b) Incapacidade profesional de longa duración da persoa beneficiaria.

c) Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

4. A notificación dos casos de forza maior e as probas relativas a estes, deberán realizarse por escrito e nun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde a data en que se produciu o caso de forza maior.

5. Así mesmo, procederase ao reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria ou, se é o caso, á porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 25. Controis

1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis administrativos sobre o 100 % das solicitudes de axuda e de pagamento.

2. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e as inspeccións que considere oportunas, coa finalidade de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das subvencións concedidas.

3. Estes controis realizaranse sobre unha mostra que represente, polo menos, o 4 % do gasto público declarado á Comisión cada ano civil e polo menos o 5 % do gasto público subvencionable declarado á Comisión en todo o período de programación. Estes controis realizaranse, na medida do posible, antes do pagamento derradeiro dun proxecto.

4. Na liña II os expedientes poderán ser sometidos a controis a posteriori, estes controis cubrirán anualmente, polo menos, un 1 % do gasto en investimentos completamente pagados e comunicados á Comisión.

5. A persoa beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, e as instancias de control comunitarias.

6. Seralles de aplicación ás subvencións recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen realizar o control pertinente sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión regulados no sistema integrado de xestión e control das medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade regulados no Regulamento (UE) nº 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013. Tamén se terán en conta as modificacións destes regulamentos introducidas polo Regulamento de execución (UE) nº 1242/2017 da Comisión, do 10 de xullo.

7. Serán de aplicación tamén os criterios xerais de aplicación de reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado do período 2014-2020, ditados polo Fondo Español de Garantía Agraria na circular de coordinación 32/2017.

8. Respecto das ofertas presentadas a que se fai referencia no artigo 8.1.d) desta orde, de acordo co artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas provedoras desas ofertas estarán obrigadas a prestar colaboración e facilitar canta documentación lle sexa requirida e, sobre todo, a necesaria para verificar a posible vinculación entre esas persoas provedoras.

Artigo 26. Financiamento

1. As subvencións que se deriven da aplicación desta orde financiaranse, nos exercicios 2021 e 2022, con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.551B.770.0, proxecto 2016 00212, por un importe de 4.000.000 € (400.000 € no ano 2021, e 3.600.000 € no ano 2022), cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nunha porcentaxe do 75 %, pola Administración xeral do Estado nun 7,5 % e pola Xunta de Galicia nun 17,5 %, respecto ao gasto público total.

2. O orzamento desta orde para o ano 2021 é de catrocentos mil euros (400.000 €), repartidos do seguinte xeito:

a) Liña I: dotada cun total de trescentos trinta e tres mil trescentos trinta e tres euros (333.333 €).

b) Liña II: dotada cun total de sesenta e seis mil seiscentos sesenta e sete euros (66.667 €).

3. O orzamento desta orde para o ano 2022 é de tres millóns seiscentos mil euros (3.600.000 €), repartidos do seguinte xeito:

a) Liña I: dotada cun total de dous millóns novecentos noventa e cinco mil douscentos euros (2.995.200 €).

b) Liña II: dotada cun total de seiscentos catro mil oitocentos euros (604.800 €).

4. A Consellería do Medio Rural, chegado o caso, poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. No caso de que quedasen remanentes de crédito destinados ao financiamento dunha liña de subvencións, tales remanentes poderán ser destinados ao financiamento da outra liña de subvención.

6. A orde tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do previsto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, e no artigo 25 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, polo que a aprobación do expediente queda condicionado á efectiva existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2021.

Artigo 27. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Segundo o Regulamento (UE) nº 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, establécese no artigo 71 que a persoa beneficiaria se compromete a proporcionar á autoridade de xestión, aos/ás avaliadores/as designados/as, ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan esixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Deberase levar un sistema de contabilidade específica Feader, ou ben un código contable axeitado, onde se rexistren as transaccións relativas á operación, tal e como exixe o artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso das agrupacións de montes veciñais en man común, se se disolve a agrupación antes de que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cada persoa xurídica membro da agrupación asumirá a obriga de reintegro que corresponda.

j) De acordo co disposto na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014-2020 de Galicia, cumprir co disposto no punto 2 da parte 1 do anexo III do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), en relación coa información e publicidade, en particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 € deberase colocar unha placa explicativa, e cando o custo supere os 500.000 € deberase colocar un panel publicitario. En ambos os casos figurará a descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema Feader «Europa inviste no rural».

Artigo 28. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o establecido no Regulamento (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, e a modificación realizada a este polo Regulamento de execución (UE) nº 1242/2017 da Comisión, do 10 de xullo.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 30. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO II

Liña I. MR651A, subvencións para o control selectivo de combustible

Artigo 31. Actividades que se subvencionan

1. A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación.

2. As actuacións que se subvencionarán nesta liña consistirán no control selectivo do combustible en áreas devasa, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible existente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros, en caso de se produciren. Estes traballos realizaranse sempre dentro do ámbito territorial do monte ou montes para os que a persoa beneficiaria solicite a subvención.

3. Os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito conteñen as accións necesarias para a defensa contra os incendios forestais e, máis alá das accións de prevención e outras medidas previstas en materia de emerxencias, inclúen a previsión e a programación integrada das intervencións das diferentes entidades implicadas no operativo contra incendios forestais.

4. Todas as iniciativas particulares de prevención e defensa deben estar articuladas e encadradas nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, polo tanto as actividades que se subvencionen incluídas nesta liña deben estar sempre de acordo co previsto no dito plan de prevención.

5. Dentro desta liña subvencionaranse as seguintes accións:

a) Áreas de devasa:

1º. Consistirá na roza mecanizada do mato a feito. Non se inclúen nesta actuación as rozas en rexenerado forestal natural nin en montes cunha fracción de cabida cuberta arborizada igual ou superior ao 30 %. Son traballos que se encamiñan especificamente a romper a continuidade horizontal e vertical do combustible forestal cunha anchura tal que, en condicións normais, deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que nos labores de extinción realicen o ataque directo ou indirecto desde estas áreas, creando zonas estratéxicas co fin de dificultar o inicio e a propagación do lume e facilitar a defensa dos montes contra os incendios forestais.

2º. Estas faixas terán unha anchura mínima de 16 metros e a altura do mato, logo da roza, non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

3º. No artigo seguinte se describen as actuacións que se poderán incluír dentro das áreas de devasa.

b) Faixas auxiliares de pista:

1º. Consistirá na eliminación nas marxes de vías e camiños forestais, do estrato arbustivo e subarbustivo, ata os 2,50 metros en cada marxe, incluíndo a roza de gabias e noiros sempre que sexa tecnicamente viable. Tamén se poderá incluír a plataforma do camiño se for necesario, mantendo sempre os importes e as porcentaxes máximas de subvención previstos no artigo 32 desta orde.

2º. A altura do mato tras a roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

3º. No artigo seguinte descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro das faixas auxiliares de pista.

c) Roza en rexenerado forestal natural:

1º. Consistirá na roza mecanizada por faixas do mato con árbores, co obxecto de defender a masa forestal, diminuír a densidade de pés e facela viable. Esta actuación estímase nuns 2/3 da superficie do rexenerado.

2º. A masa forestal procederá da rexeneración natural e terá un diámetro medio que non superará os 6 cm e unha densidade superior aos 3.000 pés/ha.

3º. A altura do mato, logo da roza, non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

4º. No artigo seguinte descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro da roza en rexenerado forestal natural. Os prezos refírense a hectáreas de actuación.

d) Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais:

1º. Consistirá nunha roza superficial de penetración, o rareo e a posterior eliminación dos restos acordoados en masas forestais coas características recollidas no punto c) anterior e nas cales en anos anteriores se realizasen as actuacións recollidas nese punto. A roza superficial de penetración e o rareo aplicaranse nas entrefaixas, que se estiman nun terzo da superficie; mentres que no resto da superficie, aproximadamente dous terzos, se eliminarán os restos mediante trituración.

2º. A densidade final que hai que acadar será de entre 1.000 e 2.000 pés/ha.

3º. A altura do mato, logo da trituración, non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

4º. No artigo seguinte descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro da roza e rareo nas entrefaixas de masas forestais. Os prezos refírense a hectáreas de actuación.

e) Mellora de infraestruturas preventivas xa existentes:

1º. Consistirá na eliminación mecanizada do mato con folla de máquina en faixas cortalumes xa existentes. Son traballos que se encamiñan especificamente a romper a continuidade horizontal e vertical do combustible forestal cunha anchura tal que, en condicións normais, deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que, nos labores de extinción, realicen o ataque directo ou indirecto desde estas faixas, creando zonas estratéxicas co fin de dificultar o inicio e a propagación do lume e de facilitar a defensa dos montes contra os incendios forestais.

2º. Logo do paso da folla da máquina, non quedarán nas faixas de devasas restos de combustible vexetal que permitan a propagación do lume.

3º. No artigo seguinte descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro da limpeza de devasas. Os prezos refírense a hectáreas de actuación.

6. As actuacións poderanse desenvolver de xeito manual, con rozadoras, ou apeiros similares, se for necesario, mantendo sempre os importes e as porcentaxes máximas de subvención previstos no artigo 32 desta orde.

7. A superficie mínima que se solicitará para as ditas actuacións será de 5 ha e a máxima de 30 ha, para expedientes con CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 1.000 ha clasificadas como MVMC, e de 40 ha como máximo, para expedientes en que a dita superficie sexa maior o igual a 1.000 ha e as Sofor. Estes máximos poderán incrementarse ata 50 ha no primeiro caso, sempre que, polo menos, se soliciten 10 ha para roza mecanizada en rexenerado forestal natural e ata 60 ha, e para o segundo caso, sempre que, polo menos, se soliciten 20 ha para roza mecanizada en rexenerado forestal natural.

8. A superficie mínima viable de execución para o conxunto de todas as actuacións, tras a inspección sinalada no artigo 16 desta orde, deberá chegar, cando menos, ás 5 ha. Se non fose así, implicará a revogación no caso de que xa estivese concedida.

9. Non serán subvencionables os gastos anteriores á solicitude de axuda ou á acta de non inicio, se esta é anterior a aquela.

Artigo 32. Importes e porcentaxes das subvencións

1. A contía das subvencións estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os prezos que se reflicten na táboa seguinte son indicativos para a persoa titular da solicitude e obrigatorios como prezos máximos na aplicación polos SPIF para a aprobación dos orzamentos.

Unidade

Descrición

Prezo máximo
aplicable

Porcentaxe
que se subvencionará

Áreas devasa

Ha

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

409,10 €

100 %

Faixas auxiliares de pista

Ha

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

409,10 €

100 %

Ha

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

490,07 €

100 %

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

Ha

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

272,73 €

100 %

Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais

Ha

Roza superficial de penetración e rareo das entrefaixas de masas forestais e eliminación mediante trituración con rozadora de martelos ou similar dos restos, no resto da superficie

868,63 €

100 %

Mellora de infraestruturas preventivas xa existentes

Ha

Mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina

479,35 €

100 %

Artigo 33. Criterios de selección

1. A concesión das subvencións axustarase aos principios xerais recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en consonancia coas prioridades das medidas de fomento dispostas no artigo 121 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. As actuacións preventivas subvencionadas complementarán os labores de prevención desenvolvidos polos medios propios dos SPIF, de xeito que se reforcen nos lugares estratéxicos e se estendan ao máximo posible no territorio.

3. Atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación ata acadar o orzamento asignado para esta liña, segundo o baremo seguinte:

a) Expedientes con Sofor ou montes veciñais situados en concellos declarados zonas de alto risco segundo o disposto na Orde do 18 de abril do 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal ou incluídos en concellos con espazos protexidos Rede Natura 2000: 2 puntos.

b) Número de comunidades que integran a agrupación e Sofor, puntuación:

Dúas comunidades: 0,20 puntos.

Tres comunidades: 0,45 puntos.

Catro comunidades: 0,75 puntos.

Cinco ou máis comunidades ou Sofor: 1 punto.

c) Superficie total da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidade clasificada como MVMC e Sofor:

Desde 500 ata 1.000 ha: 1 punto.

Mais de 1.000 e ata 2.000 ha: 2 puntos.

Máis de 2.000 ha ou Sofor: 3 puntos.

d) Expedientes que inclúan algún monte con instrumento de xestión rexistrado (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes ou de acordo cos instrumentos de ordenación e xestión de montes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia): 1 punto.

e) Expedientes con algún monte con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC: 1 punto.

f) Expedientes con montes protectores: 2 puntos.

4. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá a maior puntuación obtida no punto a) e de continuar este, será preferente a maior puntuación obtida nos puntos b), c), d), e) e f) sucesivamente.

De continuar o empate, prevalecerá a maior superficie clasificada da CMVMC, agrupacións de CMVMC, mancomunidade ou Sofor, despois o maior número de comunidades que integran a agrupación e, por último, de maior a menor o valor da suma das catro últimas cifras do NIF da CMVMC ou Sofor solicitante ou representante.

5. De acordo co disposto no documento de Criterios de selección de operacións do PDR de Galicia 2014-2020, a puntuación das solicitudes estará entre 1 e 10 puntos.

CAPÍTULO III

Liña II. MR651B, subvencións para a construción de puntos de auga

Artigo 34. Actividades que se subvencionan

1. Os puntos de auga integran as redes de defensa contra incendios forestais dos distritos.

2. Subvencionarase a construción de puntos de auga para a prevención e a defensa contra os incendios forestais, que se localizarán en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais, cunha orografía axeitada para a actuación dos medios do SPIF e garantindo a actuación rápida desta. A localización dos puntos de auga será coherente co disposto nos plans de prevención de distrito.

3. Os puntos de auga deberán cumprir, polo menos, coas seguintes premisas:

a) Permitirán a carga de vehículos motobomba do SPIF.

b) Levarán peche perimetral de seguridade e protección.

c) As dimensións mínimas dos puntos de auga serán as que figuran a continuación. Unha vez aprobado o expediente admitiranse variantes sempre que o volume útil sexa igual ou superior ao aprobado e co informe favorable do servizo provincial de prevención de incendios:

1º. Depósito de auga 5×4×2 m (volume útil 30 m3).

2º. Depósito de auga 6×4×2,5 m (volume útil 50 m3).

3º. Depósito de auga 7×4×2,5 m (volume útil 60 m3).

4º. Depósito de auga 8×7×2 m (volume útil 110 m3).

4. Subvencionarase un máximo dun punto de auga para expedientes con CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 500 ha clasificadas, e de dous puntos de auga para expedientes nos que a dita superficie sexa maior o igual a 500 ha ou Sofor.

5. Ademais, a persoa beneficiaria deberá manter operativos para a prevención e a defensa contra os incendios forestais destas infraestruturas durante polo menos 20 anos, polo que deberá garantir:

a) Un acceso axeitado aos mesmos dos medios do SPIF.

b) Un caudal continuo e suficiente.

c) Un baleirado do depósito axeitado.

d) Manterán a zona perimetral libre de vexetación arbórea e arbustiva.

6. O uso principal destas construcións estará vinculado á prevención de incendios.

7. Non se subvencionarán os gastos anteriores á solicitude de axuda ou á acta de non inicio, se esta é anterior a aquela.

Artigo 35. Importes e porcentaxes das subvencións

1. A contía das subvencións estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os prezos que se reflicten na táboa seguinte son indicativos para a persoa titular da solicitude e obrigatorios como tope máximo na aplicación polos SPIF para a aprobación dos orzamentos.

Unidade

Descrición

Prezo máximo
aplicable

Porcentaxe que se subvencionará

Ud

Depósito de auga 5×4×2 m (volume útil 30 m3)

6.103,61 €

100 %

Ud

Depósito de auga 6×4×2,5 m (volume útil 50 m3)

7.174,01 €

100 %

Ud

Depósito de auga 7×4×2,5 m (volume útil 60 m3)

8.146,68 €

100 %

Ud

Depósito de auga 8×7×2 m (volume útil 110 m3)

12.264,10 €

100 %

Artigo 36. Criterios de selección

1. A concesión das subvencións axustarase aos principios xerais recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en consonancia coas prioridades das medidas de fomento dispostas no artigo 121 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. Os puntos de auga deberán localizarse estratexicamente no territorio de Galicia complementando as infraestruturas deste tipo do SPIF, de xeito que se garante unha actuación o máis eficiente dos medios.

3. Atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación ata acadar o orzamento asignado para esta liña, segundo o baremo seguinte:

a) Expedientes con Sofor ou con montes veciñais situados en concellos declarados zonas de alto risco segundo o disposto na Orde do 18 de abril do 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal ou incluídos en concellos con espazos protexidos Rede Natura 2000: 2 puntos.

b) Número de comunidades que integran a agrupación ou Sofor, puntuación:

Dúas comunidades: 0,20 puntos.

Tres comunidades: 0,45 puntos.

Catro comunidades: 0,75 puntos.

Cinco ou máis comunidades ou Sofor: 1 punto.

c) Superficie total da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidade clasificada como MVMC ou Sofor:

Desde 500 ata 750 ha: 1 punto.

Máis de 750 e ata 1.000 ha: 2 puntos.

Máis de 1.000 ha ou Sofor: 3 puntos.

d) Expedientes que inclúan algún monte con instrumento de xestión rexistrado (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes ou de acordo cos instrumentos de ordenación e xestión de montes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia): 1 punto.

e) Expedientes con algún monte con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC: 1 punto.

f) Expedientes con montes protectores: 2 puntos.

4. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá a maior puntuación obtida no punto a) e, de continuar este, será preferente a maior puntuación obtida nos puntos b), c), d), e) e f) sucesivamente.

De continuar o empate prevalecerá a maior superficie clasificada da CMVMC, agrupación de CMVMC, mancomunidade ou Sofor, despois o maior número de comunidades que integran agrupación e, por último, de maior a menor o valor da suma das catro últimas cifras do NIF da Sofor ou da CMVMC solicitante ou representante.

5. De acordo co disposto no documento de Criterios de selección de operacións do PDR de Galicia 2014-2020, a puntuación das solicitudes estará entre 1 e 10 puntos.

Disposición adicional primeira

As subvencións contidas nesta orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública e con calquera outro réxime de subvencións comunitarias para a mesma finalidade.

Disposición adicional segunda

Nos aspectos non previstos nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (EU) nº 1306/2013.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file