Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 2021 Páx. 10143

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2021 pola que se autoriza o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Arousa para a tempada 2021.

Feitos:

O 1 de outubro de 2010, unha vez cumpridos os requisitos fixados no Regulamento (CE) nº 1100/2007, foi aprobado por Decisión da Comisión Europea o plan nacional español de xestión da anguía e os doce plans específicos de xestión da anguía, entre eles o de Galicia.

Fundamentos técnicos de dereito:

1. O Regulamento (CE) nº 1100/2007 do Consello, do 18 de setembro de 2007, polo que se establecen medidas para a recuperación da poboación da anguía europea, establece no seu artigo 2.4 a obrigatoriedade de establecer plans de xestión para a recuperación da especie, cuxo obxectivo será reducir a mortalidade antropoxénica a fin de permitir, cunha elevada probabilidade, a fuga ao mar de, polo menos, o 40 % da biomasa de anguías europeas correspondente á mellor estimación do posible índice de fuga que se tería rexistrado no caso de que ningunha influencia antropoxénica tivese incidido na poboación.

2. O artigo 2.8 do Regulamento (CE) nº 1100/2007 establece que os plans de xestión da anguía poderán incluír –entre outras– determinadas medidas como redución da actividade pesqueira comercial, restrición da pesca deportiva, medidas de repoboación, medidas ambientais, loita contra os depredadores e medidas relativas á acuicultura.

3. A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que «A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

No Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, a nasa voitirón vén regulada nos artigos 89 a 93 e a nasa para a anguía nos artigos 94 a 98. Segundo o establecido nos artigos 92 e 97, «o seu uso deberá facerse sempre mediante plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de pesca marítima».

Da discusión das medidas técnicas co sector, acórdase trasladar as recomendacións mediante un plan de xestión para toda Galicia con medidas técnicas específicas para cada ría.

Polo exposto, esta consellería

RESOLVE:

Autorizar a citada pesca baixo os seguintes termos e condicións:

1. Participantes. Unicamente participarán no plan as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación autorizada a arte de nasa voitirón ou a de nasa para anguía. Os tripulantes deberán estar debidamente enrolados e a bordo na embarcación en que desenvolven a actividade.

2. Período. O período autorizado será desde o 1 de febreiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021.

3. Horario.

a) Nasa para anguía: o uso de nasas para anguía será en horario exclusivamente diúrno.

b) Nasa voitirón: a utilización de nasas voitirón será tanto diúrna como nocturna.

As nasas non se poderán calar nin poderán permanecer no mar as fins de semana a partir das 12.00 horas do sábado, e non se poderán calar novamente ata as 12.00 horas do luns seguinte.

4. Arte. As artes que se usarán serán:

a) A nasa para anguía, segundo as seguintes características técnicas:

1ª. A nasa para anguía ten forma case cilíndrica, con dúas aberturas nas caras opostas, unha de entrada en forma de funil e outra provista de tapadeira, que serve para retirar as capturas.

2ª. A lonxitude máxima será de 670 milímetros.

3ª A altura ou diámetro máximo será de 350 milímetros.

b) A nasa voitirón, segundo as seguintes características técnicas:

1ª. A nasa voitirón consta dunha parte central rectangular de rede, chamada parada, ao extremo da cal e perpendicularmente a ela se sitúan tres funís concéntricos de rede que desembocan nunha última cámara onde quedan atrapados os peixes.

2ª. A lonxitude máxima será de 6 metros.

3ª. A altura ou diámetro máximo será:

– Primeiro aro: alto 500 milímetros, largo 700 milímetros.

– Segundo aro: diámetro máximo 400 milímetros.

– Terceiro aro: diámetro máximo 350 milímetros.

– Cuarto aro: diámetro máximo 340 milímetros.

4ª. A dimensión de malla mínima será de 14 milímetros na parte dos funís e de 16 milímetros no da parada.

5. Número de nasas. Con base no establecido no plan de xestión da anguía en Galicia, ningunha embarcación poderá empregar máis de 80 nasas de anguía ou nasas de voitirón ao día, independentemente da zona de pesca.

6. Zonas de pesca. A zona de traballo autorizada é a ría de Arousa, segundo a carta mariña que acompaña esta resolución como anexo A.

Para evitar a morte de capturas incidentais, prohíbese que os voitiróns queden en seco, polo que cómpre ter en consideración a influencia das mareas para adecuar á zona de traballo os puntos de calado das devanditas nasas.

7. Balizamento da arte. As artes deberán estar convenientemente balizadas segundo a normativa vixente, cunha boia nos extremos na cal irá pintado o folio e o nome do barco a que pertencen, así como o tipo de arte, neste caso coa letra «N», de tal xeito que permita a súa identificación. As boias de cada embarcación serán todas da mesma cor e tamaño.

8. Especies. Anguía e acompañantes, que deberán estar en época de extracción e superar o tamaño mínimo. Evitarase a captura de anguías prateadas e todas as que se capturen deberán ser devoltas ao mar para asegurar a súa reprodución. Procurarase baleirar as nasas o máis axiña posible, para evitar a mortalidade das capturas accidentais, e queda prohibido ter máis dunha cacea sen baleirar na cuberta da embarcación.

9. Punto de control e venda. Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.

10. Control e seguimento da actividade pesqueira.

a) Despachos telemáticos. Deberán despachar as embarcacións na epígrafe de adhesión a plan de explotación: [«NASA ANGUÍA (30A); NASA VOITIRÓN (15F) PLAN ANGUÍA 2021 (RÍA DE AROUSA)»]. Por tanto, as embarcacións que despachen a un plan de explotación só poderán faenar no mesmo día no ámbito do correspondente plan e non poderán usar ningunha outra arte que teñan no seu permiso de explotación.

Por outra banda, advírtese que, ao remate da vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira, a embarcación pasaría á situación de «pendente de rexistro de actividade».

b) Remisión de datos de capturas. Con periodicidade mensual a confraría deberá remitir datos de extracción por especie, utilizando como modelo o que como anexo B se xunta, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, vía correo electrónico ao enderezo serviciopesca@xunta.gal. No caso da anguía, débese indicar a procedencia das capturas: (M) as capturadas na zona marítima, (F) as capturadas na zona fluvial. A falta de inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa definitiva do plan.

c) Mostraxes. Durante o período de vixencia do plan, técnicos da Consellería poderán realizar en calquera das embarcacións autorizadas, mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

11. Extracción e comercialización. O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometida ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

12. Infraccións e sancións. O incumprimento das condicións establecidas neste plan, poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO A

Cartografía das zonas autorizadas para o plan de pesca de anguía
coas nasas para anguía e voitirón

(Ría de Arousa)-período 2021

missing image file

ANEXO B

Declaración de capturas de embarcacións

NOME DO PLAN:............................................................................ ANO:............................ MES:.................................. HORARIO:...............................

Nº CFPO

NOME
EMBARCACIÓN

MATRÍCULA E FOLIO

T.R.B

NASAS (1)


TRIPULANTES

Nº DÍAS TRABALLADOS

ZONA EXTRACCIÓN (3)

ESPECIE (2)

KG

(1) A cubrir unicamente naqueles plans nos que se emprega esta arte.

(2) Cando unha embarcación capture varias especies no mesmo mes deberá cubrirse unha casa por cada especie.

(3) no caso da anguía débese indicar a procedencia das capturas: (M) as capturadas na zona marítima. (F) as capturadas na zona fluvial.