Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 2021 Páx. 10075

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR905A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Estratexia Retorna aprobada polo Consello da Xunta de Galicia inclúe medidas tanto específicas como transversais, destinadas por un lado a rexuvenecer a poboación galega e contribuír a superar a crise demográfica que atravesa a comunidade e, por outro, a facilitar o dereito dos emigrantes galegos e mais os seus descendentes a regresar a Galicia.

Dentro destas medidas da Estratexia Retorna recóllese como un dos obxectivos a atención de situacións de vulnerabilidade en familias galegas retornadas que carezan de recursos suficientes para a súa plena integración, polo que esta secretaría xeral convoca unha liña de axudas extraordinarias en favor de persoas emigrantes galegas retornadas, que ten por finalidade axudar a facer fronte aos gastos excepcionais da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta liña de axudas extraordinarias incorpórase tamén unha axuda específica para as familias con fillos menores de idade e que se establezan en Galicia dun importe de 1.000 euros por fillo ata o segundo fillo e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento do 25 % no caso de que a familia resida nun concello rural, co obxecto de darlle pleno cumprimento aos obxectivos que ten encomendados de reforzar o apoio destinado a familias con cargas familiares, con especial atención ás que fixen a súa residencia nunha zona rural.

No contexto actual de crise sanitaria, económica e social a nivel mundial, ocasionada pola pandemia do coronavirus COVID-19, as persoas emigrantes retornadas presentan maiores dificultades de integración sociolaboral, polo que é necesario reforzar o apoio que se lles presta a través dunha liña de axudas específica dirixida ás persoas que retornaron nos últimos tres anos e que carecen dos recursos necesarios.

Polos ditos motivos e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese social, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e das garantías na súa aplicación, faciliten a tramitación e resolución sobre as peticións que se formulen, todo isto de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, d 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de dúas liñas de axudas non periódicas, dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas á Comunidade Autónoma de Galicia que carezan dos recursos suficientes:

– Liña 1 «Axudas extraordinarias»: teñen por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do retorno.

– Liña 2 «Axudas reforzo COVID-19»: teñen por finalidade apoiar a unidade familiar polas dificultades de inserción sociolaboral no contexto actual de pandemia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2021.

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e conforme o disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.

4. O órgano instrutor dirixirá cada solicitude de axuda á liña que corresponda segundo o cumprimento dos requisitos específicos establecidos nesta convocatoria.

5. A concesión destas axudas efectuarase atendendo en todo caso á data de presentación de cada unha das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9 e estará, en calquera caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario. No caso de esgotamento do crédito establecido para esta subvención, a Secretaría Xeral da Emigración publicará esta circunstancia no DOG, o que comportará a inadmisión das solicitudes presentadas con posterioridade á data da dita publicación, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. Para a concesión destas dúas liñas de axudas destinarase un crédito de dous millóns douscentos mil euros (2.200.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021. En todo caso, destinarase un importe de 500.000 € do crédito total á liña de Axudas reforzo COVID-19.

2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.

3. Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, posto que existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2021. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nacicidas en Galicia.

b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nadas en Galicia.

c) Os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

2. Quedan excluídas da liña de axudas extraordinarias desta convocatoria tanto as persoas que solicitasen a axuda e resultasen beneficiarias dela nas dúas convocatorias anteriores como o resto das persoas que formasen parte da súa unidade familiar cando solicitou a axuda, en virtude das seguintes resolucións:

– Resolución do 27 de decembro de 2018 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro de 2019).

– Resolución do 24 de febreiro de 2020 (DOG núm. 52, do 16 de marzo de 2020).

As persoas referenciadas no punto anterior poderán solicitar e ser beneficiarias da liña de axudas reforzo COVID-19 desta convocatoria.

Para os efectos desta convocatoria, considéranse persoas beneficiarias de convocatorias anteriores, tanto a persoa que solicitou a axuda como o resto de persoas que formaban parte da súa unidade familiar cando solicitou a axuda.

3. Así mesmo, quedan excluídas das dúas liñas de axuda desta convocatoria, as persoas beneficiarias do Programa de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior que inicien o máster no curso 2021/22.

Artigo 4. Requisitos e unidade familiar

1. Requisitos comúns para as dúas liñas de axudas que deberán cumprirse e acreditarse na data da presentación de solicitudes:

a) Estar en posesión da nacionalidade española antes de retornar.

b) Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do retorno a España.

d) Carecer de recursos económicos suficientes na unidade familiar.

Para estes efectos, considérase que son recursos económicos suficientes, cando a suma da media dos ingresos que perciba cada membro da unidade familiar, nos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude, dividido entre o número de persoas que a integren, supere o importe do IPREM mensual (indicador público de renda de efectos múltiples) vixente na data da solicitude.

Para os efectos desta axuda, consideraranse ingresos da unidade familiar os obtidos por calquera dos seguintes conceptos:

• Rendementos do traballo. Inclúe as rendas netas do traballo por conta allea, excepto as pagas extra, liquidacións ou indemnizacións. Excluiranse, en todo caso, os salarios xerados no estranxeiro percibidos con anterioridade á data de retorno.

• Rendas de actividades económicas, profesionais, empresariais ou agrarias. Compútase como rendas o rendemento neto reducido (ingresos menos gastos) dos distintos tipos de actividades desenvolvidas en España.

• Pensións e prestacións. Inclúe os ingresos netos de todo tipo de pensións e prestacións, excepto a prestación económica por razón de necesidade (ancianidade e incapacidade) da Dirección Xeral das Migracións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social español que puidesen percibir no seu país de orixe.

• Rendas do capital mobiliario. Inclúe os rendementos netos das distintas contas bancarias e investimentos financeiros.

• Rendas do capital inmobiliario. Inclúe os rendementos netos dos bens inmobles arrendados, diferentes da vivenda habitual.

Exceptúanse do cómputo dos ingresos da unidade familiar do punto anterior os seguintes conceptos:

• Os ingresos de carácter finalista dirixidos á formación regrada.

• Os ingresos por asistencia a cursos de formación non regrada, como incentivos ou gratificacións pola participación.

• Os ingresos de pagamento único dirixidos a paliar situacións de emerxencia social.

• As prestacións familiares por fillo/a ou menor a cargo.

• As prestacións económicas e libranzas derivadas de Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

e) Carecer de bens patrimoniais suficientes (bens mobles e/ou bens inmobles) na unidade familiar.

• Entenderase como patrimonio mobiliario suficiente, cando o valor actualizado dos bens mobles de todas as persoas da unidade familiar supere o límite de 15.000 euros cando a unidade familiar estea formada por unha persoa, incrementado, se é o caso, en 3.000 euros adicionais, por cada un dos restantes membros da unidade familiar.

O capital mobiliario ou bens mobles estará conformado polos depósitos en conta corrente ou a prazo, accións, fondos de investimento e fondos de pensións, valores mobiliarios, etc., que se valorarán polo seu valor nominal que conste na correspondente documentación bancaria, tanto en España como no estranxeiro.

• Entenderase como bens inmobles suficientes, cando a suma dos valores actualizados dos inmobles de todas as persoas que integran a unidade familiar, excluída a vivenda habitual, supere o límite de 50.000 euros.

O capital inmobiliario ou bens inmobles estará conformado polos inmobles radicados en España, de natureza rústica ou urbana, de acordo co seu valor catastral, que figure no recibo do imposto que os grave (IBI) ou, na súa falta, no contrato de compravenda.

2. Requisitos específicos que deberán cumprirse en función da liña de axuda que lle corresponda:

a) Liña 1 Axudas extraordinarias:

– Que a data de retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019 incluído e non fose beneficiaria desta axuda extraordinaria en convocatorias anteriores.

b) Liña 2 Axudas reforzo COVID-19:

Poderán ser beneficiarias as persoas que se atopen nalgunha destas dúas situacións:

b.1) Que a data do retorno a España estea comprendida entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2018, ambos os dous incluídos.

b.2) Que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019 incluído e que non poida acceder á axuda extraordinaria porque a persoa solicitante ou algún membro da súa unidade familiar xa fose beneficiaria da axuda extraordinaria nas convocatorias dos anos 2019 ou 2020.

3. Unidade familiar:

A persoa solicitante debe incluír na súa solicitude de axuda, se for o caso, as persoas que residan na mesma vivenda e coas que estea unida por vínculos de parentesco. Para os efectos desta convocatoria de axudas, constitúen unidades familiares independentes as seguintes modalidades:

a) A constituída só pola persoa solicitante, cando viva soa ou comparta vivenda con outras persoas coas que non teña vínculos de parentesco ou que formen outra unidade familiar independente.

b) A formada pola persoa solicitante, o seu cónxuxe ou parella de feito inscrita e, se for o caso, os/as fillos/as da persoa solicitante solteiros/as menores de 25 anos, así como os maiores desa idade incapacitados, que residan na mesma vivenda.

c) No caso de que persoa solicitante sexa solteira, sen fillos, menor de 25 anos ou maior desta idade e incapacitada, a unidade familiar estará formada pola persoa solicitante e, se é o caso, polos seus proxenitores, irmán/s ou irmá/s solteiros/as menores de 25 anos, así como os maiores desa idade incapacitados, que residan na mesma vivenda.

d) Cando a persoa solicitante sexa maior de 18 e menor de 25 anos e non conviva con algún dos seus proxenitores, considerarase que forma unha unidade familiar independente.

e) No caso de que a persoa solicitante estivese residindo nun establecemento de acollida temporal, nunha residencia de persoas maiores ou nun aloxamento turístico, a determinación da unidade familiar realizarase segundo as circunstancias do caso concreto.

Para estes efectos, só se computarán como membros da unidade familiar os que residan e consten inscritos no mesmo domicilio no certificado de empadroamento conxunto do padrón municipal, certificación municipal de convivencia, ou, no caso de imposibilidade de conseguilo, na declaración responsable presentada pola persoa solicitante relativa á composición da súa unidade familiar

Artigo 5. Criterios de valoración

A valoración da liña de axudas extraordinarias efectuarase conforme os criterios e a gradación que se establece a seguir:

1. Persoa solicitante: 3 puntos.

2. Situación económica per cápita mensual das persoas que integren a unidade familiar, de acordo co establecido no artigo 4.1.d) desta resolución, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos e rendas inferiores ao 50 % do IPREM: 3 puntos.

b) Ingresos e rendas do 50 % ao 80 % do IPREM: 2 puntos.

c) Ingresos e rendas superiores ao 80 % do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.

3. Cónxuxe ou parella de feito inscrita, sempre que conste no mesmo domicilio no certificado de empadroamento conxunto:

a) No caso de menor de 65 anos: 1 punto.

b) Con 65 ou máis anos: 2 puntos.

4. Número de fillos/as da persoa solicitante, maiores de 18 anos e menores de 25 anos solteiros/as ou maiores desta idade incapacitados, que convivan no seu domicilio e que consten no certificado de empadroamento conxunto: 1 punto por cada fillo/a.

5. Familia numerosa recoñecida por unha Administración pública e, en todo caso, entendida como as unidades familiares en que a persoa solicitante tivese, polo menos, tres fillos convivindo no seu domicilio sempre que un deles sexa menor de 21 anos: 1 punto.

6. Situación de discapacidade ou dependencia da persoa solicitante:

– Discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 1 punto.

– Discapacidade igual ou superior ao 65 %: 2 puntos.

– Dependencia en grao I ou II: 1 punto.

– Dependencia en grao III: 2 puntos.

No caso de que a persoa discapacitada ou dependente necesite axuda de terceira persoa para as actividades básicas da vida diaria a puntuación incrementarase en 2 puntos.

Naqueles certificados emitidos polos órganos competentes en que non conste a porcentaxe de discapacidade valorarase con 1 punto.

Naqueles casos en que o solicitante presente unha situación de discapacidade e dependencia, só se valorará unha das situacións.

7. Solicitante que fose vítima da violencia de xénero nos cinco anos anteriores ao retorno: 2 puntos.

8. As persoas solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de presentación da solicitude: 4 puntos.

Artigo 6. Contía e compatibilidade de axudas

1. Liña 1 Axudas extraordinarias:

1.1. As axudas extraordinarias de carácter xenérico para facer fronte á situación derivada do retorno da unidade familiar previstas nesta resolución aboaranse por unha soa vez e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteña segundo os criterios recollidos no artigo 5. Fíxase para os efectos un valor de 300 euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

1.2. Coa finalidade de reforzar o apoio ás persoas beneficiarias con cargas familiares, establécense tamén unhas axudas específicas de pagamento único, sempre que a persoa beneficiaria tivese algún fillo/a menor de 18 anos convivindo no seu domicilio. En calquera caso, esta axuda só a poderá percibir un dos proxenitores para o cal se terá en conta a solicitude presentada en primeiro lugar.

a) As contías destas axudas outorgaranse por cada fillo menor e terán os seguintes importes:

– 1.000 euros polo primeiro e segundo fillo/a menor de 18 anos.

– 1.500 euros a partir do terceiro fillo/a menor de 18 anos.

b) No caso de que no momento de solicitar a axuda, a unidade familiar conste empadroada e residindo nun concello rural, as anteriores contías establecidas por cada fillo/a menor incrementaranse nun 25 %.

Para estes efectos, enténdese por concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

1.3. No caso de que a persoa beneficiaria fose menor de idade aplicarase tamén o previsto no punto anterior deste artigo, incrementando neste caso a contía da axuda en 1.000 euros e un 25 % máis no caso de residir nun concello rural.

1.4. As axudas específicas de pagamento único establecidas para os supostos recollidos nos puntos 1.2 e 1.3 deste artigo poderanse conceder no caso de que a persoa solicitante non poida ser beneficiaria das axudas xenéricas por non cumprir os requisitos establecidos no artigo 4.1.d) ou e) desta resolución, sempre que a renda per cápita anual dos membros da unidade familiar do ano anterior ao da convocatoria non supere os 13.500 euros.

1.5. A contía límite da axuda extraordinaria concedida será ata un máximo de 6.000 euros.

2. Liña 2 Axudas reforzo COVID-19:

2.1. As axudas destinadas ao reforzo COVID-19 terán un importe de 1.000 euros por persoa solicitante e 400 euros por cada un dos restantes membros da unidade familiar.

2.2. A contía límite da axuda reforzo COVID-19 concedida será ata un máximo de 3.000 euros.

3. Soamente se poderá presentar unha única solicitude de axuda nesta convocatoria e por un único membro da unidade familiar. No caso de que a persoa solicitante ou outro membro da unidade familiar presentase outra solicitude de axuda, entenderase como válida a presentada no primeiro lugar segundo o asento de rexistro correspondente.

En todo caso, as axudas da liña 1 e 2 son incompatibles entre si.

4. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra que poida percibir a persoa solicitante para o mesmo fin concedidas por calquera Administración pública.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2021, inclusive.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI.

No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade ou estea incapacitada, a solicitude farase a nome do menor ou incapaz e será asinada polo seu representante legal. Neste caso deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

b) Documentación acreditativa da vinculación con Galicia da persoa solicitante: nacemento en Galicia ou, de ser o caso, ser cónxuxe ou parella de feito inscrita ou descendente por consanguinidade dunha persoa galega e nacida en Galicia.

c) Documentación acreditativa dos vínculos de parentesco da persoa solicitante co resto dos membros da súa unidade familiar que consten residindo na mesma vivenda no certificado de empadroamento conxunto, se é o caso: libro de familia ou certificado de matrimonio ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito, así como certificados de nacemento dos fillos/as da persoa solicitante.

No caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

d) Certificado de empadroamento conxunto ou de convivencia actualizado, expedido polo concello galego de residencia da persoa solicitante, no cal se acredite que todas as persoas que constitúen a súa unidade familiar se atopan empadroadas no mesmo enderezo, ou, no caso de imposibilidade de conseguilo, declaración responsable presentada pola persoa solicitante relativa á composición da súa unidade familiar.

e) Baixa consular, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

f) Certificación actualizada de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar maiores de 18 anos e menores de 70 anos, ou, no caso de imposibilidade de conseguila, declaración responsable de que non teñen vida laboral.

g) Documentación acreditativa dos ingresos económicos, pensións ou rendas de calquera tipo, correspondentes aos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar.

No caso de que a persoa solicitante ou algún membro da unidade familiar non perciba ingresos económicos, pensións ou rendas, declaración responsable da persoa solicitante neste sentido.

h) Documentación bancaria actualizada de saldo en contas correntes, depósitos bancarios, accións, valores, etc. acreditativa do valor dos bens mobles da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, que se teñan tanto en España como no estranxeiro.

No caso de que algún membro da unidade familiar, a excepción do solicitante, non teña bens mobles (contas correntes, depósitos bancarios, accións, valores, etc.), declaración responsable da persoa solicitante neste sentido.

i) Extracto de movementos das contas bancarias en España dos 2 meses anteriores ao mes de presentación da solicitude da persoa solicitante e demais membros da unidade familiar.

j) Documentación actualizada acreditativa do valor dos bens inmobles da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, a excepción da vivenda habitual: recibo do imposto que os grave (IBI) ou, na súa falta, no valor do contrato de compravenda.

No caso de que a persoa solicitante ou algún membro da unidade familiar non tivera outros bens inmobles diferentes á vivenda habitual, declaración responsable da persoa solicitante neste sentido.

k) Certificado expedido polo órgano competente que acredite o grao de discapacidade ou dependencia da persoa solicitante, no caso de alegar tal circunstancia, só no caso de que non fosen recoñecidos pola Xunta de Galicia, ou tamén polo Imserso no caso de alegar dependencia.

l) No caso de que a persoa solicitante alegue ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe socioambiental emitido por un organismo oficial.

2. Cando a persoa solicitante se atope na situación establecida no punto 1.4 do artigo 6, tamén deberá achegar a documentación acreditativa do importe dos ingresos anuais obtidos no ano anterior ao da convocatoria, tanto en España como no estranxeiro, de todas as persoas que forman a unidade familiar e, na súa falta, unha declaración responsable neste sentido.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

7. Cando os documentos achegados ao expediente pola persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

8. A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde tivese fixada a residencia a persoa solicitante a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das devanditas situacións.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando a persoa solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante.

d) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia.

b) Consulta de grao e nivel de dependencia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución e resolución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno.

2. De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

3. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

4. Á vista da proposta de resolución, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Renuncia

1. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Participar nas actuacións de información e asesoramento levadas a cabo polas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno da Secretaría Xeral da Emigración.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais.

c) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Secretaría Xeral da Emigración, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia antes dos pagamentos.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) As demais obrigas previstas no artigo 11 da antedita lei.

Artigo 18. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Dada a natureza das axudas recollidas nesta resolución e de conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exceptúase a Secretaría Xeral da Emigración da publicación das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta secretaría xeral (http://emigracion.xunta.gal/), onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.gal/).

Artigo 21. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Artigo 22. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, e no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderá interpoñerse desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file