Entre as funcións públicas delegadas exercidas en réxime de exclusividade polas federacións deportivas galegas atópase, consonte o establecido no artigo 56.4.c) da Lei do deporte de Galicia, a expedición das licenzas deportivas. Entre outros aspectos, as licenzas supoñen a existencia dun seguro que garante a cobertura dos riscos derivados da práctica deportiva e outorgan ao seu titular a condición de membro da correspondente federación, habilitándoo para participar nas súas actividades e competicións e acreditándoo como integrante da federación deportiva. Estes e outros aspectos relativos ás licenzas emitidas polas federacións deportivas e contidos no artigo 28 e demais concordantes da Lei 3/2012, do 2 de abril, conforman un sistema e réxime de substancial importancia sobre o cal pivota o conxunto da organización e funcionamento do sistema do deporte federado en Galicia.
O artigo 5.1.h) da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, na redacción dada polo artigo 28.un da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, recolle entre as facultades da Administración deportiva autonómica a de «aprobar os estatutos das entidades deportivas, así como os regulamentos electorais, os regulamentos de licenzas e os regulamentos relativos ao funcionamento interno das federacións deportivas».
Atendendo á nova redacción, requírense as federacións deportivas galegas para que con data límite do 31 de xullo de 2021 remitan á Secretaría Xeral para o Deporte os seus respectivos regulamentos de licenzas deportivas para a tempada 2021/2022. Estes regulamentos serán obxecto de depósito final no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia en termos equivalentes aos estatutos federativos, regulamentos de réxime interno e regulamentos internos de actuación, no que lles sexa de aplicación.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021
José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte