Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2021 Páx. 10326

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Universidade de Vigo.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Universidade de Vigo, e con base nos seguintes feitos:

1. A Fundación Universidade de Vigo constituíuna a Universidade de Vigo en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 23 de xullo de 1997, ante o notario Gerardo García-Boente Sánchez, co número de protocolo 2520, e inscribiuse, mediante a Resolución do 30 de setembro de 1977, no Rexistro Estatal de Fundacións co número 355.

2. O 4 de xaneiro de 2021, o Rexistro Estatal de Fundacións, dependente do Ministerio de Xustiza, remitiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a Resolución do 17 de decembro de 2020, pola que se acorda notificar ao Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia a modificación dos estatutos da Fundación Universidade de Vigo, con cambio de ámbito territorial á Comunidade Autónoma de Galicia, e dar traslado do expediente ao Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia para a súa inscrición e posterior baixa rexistral no Rexistro Estatal de Fundacións.

A escritura pública de modificación de estatutos do 23 de setembro de 2019, outorgada en Vigo ante o notario José Antonio Rodríguez González, co número 2427 do seu protocolo, contén os estatutos da Fundación Universidade de Vigo, aprobados por Acordo do Padroado do 9 de abril de 2019.

3. Segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, a fundación ten como fin principal cooperar no cumprimento dos fins propios da Universidade de Vigo, entre outros:

a) Prestar servizos necesarios para que a Universidade de Vigo realice as súas funcións básicas e non supoñan exercicio de función de autoridade.

b) Promover e desenvolver actividades que favorezan a cooperación internacional da Universidade de Vigo.

c) Impulsar e realizar actividades de formación non regrada co fin de lograr as máximas cotas de calidade de docencia e investigación.

d) Fomentar a actividade emprendedora e o fomento do emprego do estudantado universitario.

e) Promover a cooperación entre a universidade e o sector empresarial, entidades e institucións.

f) Fomentar a realización de actividades que favorezan a integración da Universidade de Vigo na súa contorna económica, cultural e social.

g) Promoción e comunicación da formación, investigación e das actividades da Universidade de Vigo.

4. O Padroado actual da fundación está formado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger, como presidente; o secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Michinel Álvarez, como secretario; a xerente da Universidade de Vigo, Raquel María Souto García, como xerente, e os membros do equipo de goberno da Universidade de Vigo, José María Martín Moreno, José Luís Míguez Tabarés, Mónica Valderrama Santomé e Natalia Caparrini Marín, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo a proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Universidade de Vigo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. De conformidade con esa proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 21 de xaneiro de 2021 (DOG núm. 23, do 4 de febreiro), clasificouse de interese educativo a Fundación Universidade de Vigo e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Universidade de Vigo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no citado regulamento.

En vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Universidade de Vigo.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, de ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución poderá interporse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade