Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2021 Páx. 10779

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 15 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU983C).

BDNS (Identif.): 549469.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as axencias de viaxes, entendendo por tales as empresas turísticas descritas no artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, tanto na súa categoría de grosistas, retallistas e grosistas-retallistas, que teñan o seu domicilio social ou fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír ao desenvolvemento da normal actividade das axencias de viaxe para o ano 2021.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 15 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU983C).

Cuarto. Importe

As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 05 A2 761A 470.0, proxecto 2015 00006, por un crédito de 400.000 €, e á aplicación orzamentaria 05 A2 761A 770.0, proxecto 2015 00005, por un crédito de 2.000.000 €, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Estas axudas poderán ser cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Tal circunstancia será comunicada ao beneficiario no momento en que se lle comunique a resolución de concesión da subvención.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 1 de outubro de 2021.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia