Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2021 Páx. 10737

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU983C).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece entre os fins que persegue, e aos que a Administración autonómica adecuará as súas actuacións, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade, con garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos seus recursos.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, mediante o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da Comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na Comunidade Autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade, a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

Esta resolución ten como obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe para contribuír ao seu mantemento como canle principal de comercialización do destino Galicia.

Con estas subvencións prestarase apoio a un colectivo fundamental no conxunto das empresas de servizos turísticos, xa que as axencias de viaxe son instrumentos imprescindibles para a comercialización de Galicia como destino turístico, visibilizando toda a oferta turística de Galicia a través do seu labor profesional.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1º. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, ás axencias de viaxe, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021(código do procedemento TU983C).

2º. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

3º. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas poderán ser cofinanciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), caso en que se deberán cumprir as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

2. Solicitudes.

1) Para poder ser beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2) As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions.

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada introducindo no buscador o código de procedemento.

b) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64.

c) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal.

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás axencias de viaxe, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código do procedemento TU983C)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír ao desenvolvemento da normal actividade das axencias de viaxe para o ano 2021.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Gastos subvencionables e importe máximo da subvención por entidade solicitante

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante durante o ano 2021 con respecto aos conceptos seguintes:

1.1. Gastos que obrigatoriamente se deben realizar en cumprimento da normativa turística con respecto á póliza de responsabilidade civil e garantía en materia de viaxes combinadas.

En concreto, serán gastos subvencionables:

a) A póliza de responsabilidade civil para afianzar o normal desenvolvemento da actividade da Axencia que garanta os posibles riscos da súa responsabilidade, que será directa ou subsidiaria, segundo a utilización de medios propios ou non na prestación do servizo, nos termos exixidos pola normativa en vigor (artigo 6.1 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo).

b) Os custos da constitución da fianza ou da inclusión da Axencia no fondo de garantía para dar cumprimento ao establecido no artigo 16 do Decreto 25/2018, do 22 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.

O importe máximo da subvención para este concepto será do 100 % do gasto subvencionable, cando estes gastos non superen os 1.200 €.

No caso de que o importe do gasto subvencionable da entidade solicitante supere os 1.200 €, o importe da axuda sobre a contía que exceda os 1.200 € será dun máximo do 80 % da citada contía e, en todo caso, o importe da subvención será como máximo de 2.500 €.

1. 2. Gastos derivados da creación de produto e/ou comercialización do destino Galicia.

Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, a partir do 1 de xaneiro de 2021, relativos á creación de produto e/ou comercialización do destino Galicia, acorde cos requisitos que se indican:

a) Gastos relacionados co deseño e elaboración de soportes de comunicación, xa sexan gráficos ou audiovisuais, tales como folletos, cartelaría, flyers, bancos fotográficos, vídeos, spots..., así como de elementos de promoción (merchandising).

b) Desenvolvemento das TIC na xestión, promoción e comercialización da oferta turística.

c) Gastos relacionados coa promoción en liña, tales como actualizacións de páxinas web, landing pages, accións para a mellora do posicionamento en buscadores SEO, email marketing, márketing dixital, plataformas de comercialización, medios de comunicación social, blogs e redes sociais.

d) Gastos derivados dos custos da pertenza a grupos de compra e/ou xestión de uso de ferramentas para a creación de produto turístico e/ou de comercialización do destino Galicia.

1.3. Gastos derivados da transformación dixital.

Consideraranse os conceptos de:

a) Gastos derivados dos custos das licenzas de programas de xestión para 2021.

b) Gastos derivados de ferramentas de comercialización e de servizos (IATA, AMADEUS, etc.) para 2021.

c) Gastos pola adquisición de equipamento informático, software e comunicacións.

d) Gastos derivados de asistencias en programación, desenvolvemento e mantemento de sistemas de información.

e) Gastos derivados de asistencias para actividades de dixitalización (xestión de plataformas, web, creación de contidos, xestión de redes sociais, community manager, etc.).

2. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais, nin ningún outro fóra dos especificados.

O IVE non será subvencionable, excepto cando non sexa recuperable ou compensable, conforme dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O importe máximo de subvención para os conceptos dos puntos 1.2 e 1.3 será do 100 % do gasto subvencionable cos límites que a continuación se expresan:

– Para empresas de ata 2 traballadores: 5.200,00 euros.

– Para empresas de 3 a 6 traballadores: 11.200,00 euros.

– Para empresas de 7 a 19 traballadores: 16.200,00 euros.

– Para empresas de 20 ou máis traballadores: 21.200,00 euros.

Se a entidade solicitante ten más dunha sucursal, o límite ampliaríase da seguinte forma:

– Entre 2 e 3 sucursais: 2.000 euros.

– De 4 ou máis sucursais : 3.500 euros.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputarase á aplicación orzamentaria 05 A2 761A 470.0, proxecto 2015 00006, por un crédito de 400.000 €, e á aplicación orzamentaria 05 A2 761A 770.0, proxecto 2015 00005, por un crédito de 2.000.000  de €, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que se publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

Concepto

Aplicación

Importe

Seguros

05 A2 761A 470.0

400.000,00 €

Creación e comercialización de produto e transformación dixital

05 A2 761A 770.0

2.000.000,00 €

Se as solicitudes presentadas por categoría non esgotan o crédito previsto no parágrafo primeiro deste artigo, este poderase destinar a outra categoría, logo de tramitación da modificación orzamentaria correspondente.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013, relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibiren os beneficiarios outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Estas axudas poderán ser cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Tal circunstancia será comunicada ao beneficiario no momento en que se lle comunique a resolución de concesión da subvención.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as axencias de viaxes, entendendo por tales as empresas turísticas descritas no artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, tanto na súa categoría de grosistas, retallistas e grosistas-retallistas, que teñan o seu domicilio social ou fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia.

Os datos que figuran no REAT, relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación, teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o/a representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

3. Así mesmo, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a definición contida na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.05.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

4. As entidades solicitantes deberán manter a súa operatividade durante todo o exercicio de 2021 na modalidade de atención ao público correspondente á súa clasificación. Esta atención poderá ser de carácter presencial, telefónico ou telemático. A Administración autonómica poderá requirir a documentación que considere pertinente que acredite esta circunstancia.

5. Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.

En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.

Así mesmo, terán a consideración de empresa para os efectos de poder ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas que desenvolvan a súa actividade en réxime de autónomos.

6. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

7. Non poderán obter a condición de beneficiaria:

– Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

– Aquelas entidades que foran sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

– As axencias de viaxe que teñan o seu domicilio social e fiscal fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria e declaracións responsables

1. As persoas interesadas achegarán a seguinte documentación para a tramitación do procedemento:

a) Solicitude de axuda, presentada pola persoa beneficiaria ou o/a seu/súa representante segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.

b) Acreditación da representatividade suficiente para actuar no nome da entidade solicitante.

c) Memoria explicativa da petición da subvención.

d) Contrato ou contratos de subscritos, en que se aseguran todos os conceptos que resultan subvencionables de conformidade co disposto no artigo 2 destas bases reguladoras, incluíndo o custo de cada un deles (póliza de responsabilidade civil e constitución de fianza ou inclusión da Axencia no fondo de garantía), que se establecen como gastos subvencionables no dito artigo 2.

e) Orzamento desagregado por partidas correspondente aos gastos de creación e/ou comercialización de produto e dixitalización consonte o anexo III.

f) Documentación oficial que acredite os empregados da empresa solicitante no momento da solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirirlle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. As entidades solicitantes deberán declarar responsablemente:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita a subvención.

b) Se, en relación con outras axudas de minimis concedidas ou solicitadas, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, ningunha outra axuda de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

h) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.

i) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, de 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003).

9. No caso de que a actuación estea cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), as entidades solicitantes deberán, ademais, declarar responsablemente:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de lle comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

d) Que conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

e) Que vai conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 de euros, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída (artigos 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a persoa beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, será requirida para que, no prazo de dez días, regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indícalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar as certificacións de estar ao día nas citadas obrigas.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, en que se indicarán as causas desta.

4. O órgano instrutor realizará unha proposta de resolución en que figurarán de xeito individualizado as persoas solicitantes propostas para obter a subvención, así como as denegacións, especificándose a causa da denegación, e indicando o importe da concesión que se propón para cada un delas.

5. No caso de existiren solicitudes que non acaden o dereito á subvención ao terse esgotado o crédito dispoñible, pasarán a formar unha lista de garda, coas persoas solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento do crédito, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos, ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

6. De conformidade co establecido no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis, informarase o beneficiario do carácter de minimis desta axuda facendo referencia de forma expresa ao presente regulamento e citando o subtítulo e a referencia da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea.

Artigo 12. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigorosa orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, a denominación e o NIF, a data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou non admisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa solicitante a que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de non admisión ou denegación da solicitude.

3. Unha vez esgotado o crédito destinado a esta subvención, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia, que suporá a non admisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible, poderá ampliarse cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interporse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses, contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non se danen os dereitos de terceiras persoas. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveren lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: unha memoria xustificativa, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 12.

6. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puideren dar lugar a modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1 m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar os dereitos de terceiras persoas.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 18 Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) As persoas beneficiarias deberán dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control. Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para tales efectos, a persoa solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que as soliciten o órgano xestor. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a persoa solicitante ou beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase aquela para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.

g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en que se fará constar a subvención concedida pola Xunta de Galicia conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente.

Igualmente, as persoas beneficiarias deberán incluír, nas súas accións promocionais, a marca Xacobeo 2021, de acordo co Manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do/da beneficiario/a.

h) A subministrar á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Axencia Turismo de Galicia das obrigas previstas no título I da citada lei.

i) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Por ter obtido a subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para iso ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Por incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou pola non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Por resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro; incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibido, ou por incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. Cando a actuación estea cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, son tamén obrigas das persoas beneficiarias das subvencións as seguintes:

a) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deban efectuar os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello.

c) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de lle comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

e) Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

f) Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

g) Segundo o establecido no artigo 15, ordinal 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto de conformidade co establecido no anexo VII destas bases, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

h) Facilitar a recolla de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 1 de outubro de 2021.

2. A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 5 destas bases, mediante a modalidade de conta xustificativa, copia da documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V.

b) Facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, entendendo por tal calquera documento presentado para xustificar que a contabilidade reflicte a imaxe fiel da realidade, así como os xustificantes do pagamento.

c) Anexo VI. Modelo de declaracións actualizado.

d) No caso de que a actuación fose cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a documentación de ter realizado a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no anexo VII, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e segundo o modelo que se establece no anexo VII que acompaña as presentes bases reguladoras.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Pagamento

1. O pagamento realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, e realizadas polos órganos competentes da Axencia as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

Previamente ao pagamento, deberá acreditarse que os beneficiarios están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin son debedores por resolución de procedencia de reintegro.

Para tales efectos, a persoa solicitante deberá achegar as ditas certificacións de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 8.2. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase a persoa solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

2. As persoas ou entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo dun 50 % da subvención concedida, ao abeiro do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

3. As persoas ou entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención poderán solicitar pagamentos á conta tal e como se recolle no artigo 62 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Para realizar os pagamentos anticipados ou pagamentos á conta deberá constituírse unha garantía do 110 % do importe das cantidades anticipadas, na forma establecida no artigo 67 do citado regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Os pagamentos anticipados e os pagamentos á conta están exentos da obriga de constituír garantía, segundo se establece no artigo 65.4.i) do citado Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes de conformidade co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento pola persoa beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade, e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. No caso de que as actuacións fosen cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, procederá o reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases nos seguintes casos:

a) Perda dun 2 % da subvención concedida por non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Perda dun 2 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto da subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Perda dun 5 % por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Perda da subvención de forma proporcional ao tempo en que se incumpra por non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de tres ou cinco anos (segundo o tipo de empresa beneficiaria).

e) Perda da subvención, cando se trate de operacións que comprendan investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos se, nos dez (10) anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión (excepto cando o beneficiario sexa unha peme) ou no prazo que determina a normativa de axudas do Estado.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 22. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá realizar as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Así mesmo, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2017, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais do anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

A solicitude para ser beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorran algunhas das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, no caso de que as actuacións fosen confinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 na súa condición de organismo intermedio en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión, segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, número 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

A aceptación da axuda implica, ademais, no caso de que as actuacións fosen cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013 e que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 no seguinte sitio web:

https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFeder1420/porFeder/Paginas/inicio.aspx.

3. No exercicio das súas responsabilidades en materia de información, comunicación e visibilidade de conformidade co artigo 115, números 1 e 3, e o anexo XII, os Estados membros e as autoridades de xestión garantirán que os beneficiarios potenciais, os beneficiarios, os participantes, os destinatarios finais dos instrumentos financeiros e o público en xeral sexan conscientes da existencia e o volume dos recursos REACT-UE e do apoio adicional que estes proporcionan.

Os Estados membros e as autoridades de xestión explicaranlles claramente aos cidadáns que a operación en cuestión se financia como parte á resposta da Unión á pandemia de COVID-19 e garantirán a plena transparencia, utilizando, cando sexa adecuado, as redes sociais.

As referencias ao «Fondo», «fondos» ou «fondos EIE» na sección 2.2 do anexo XII completarán coa referencia «financiado como parte da resposta da Unión á pandemia de COVID-19», cando o apoio financeiro ás operacións se preste con cargo aos recursos REACT-UE.

Artigo 24. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 25. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Tamén son de aplicación as seguintes normas:

a) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006.

d) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello.

e) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file