Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2021 Páx. 10733

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2021, conxunta da Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, levou a cabo unha ampliación de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia entre as cales se inclúen as relativas ás materias de asociacións e espectáculos públicos. Como consecuencia disto, mediante o Real decreto 1639/1996, do 5 de xullo, foron traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos que, dentro do seu territorio, viña desempeñando a Administración do Estado nas referidas materias, que foron asumidos polo Decreto 336/1996, do 13 de setembro.

Así mesmo, o Decreto 276/1997, do 25 de setembro, polo que se crea o Rexistro Central de Asociacións e se regula a organización e o funcionamento dos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia, determina a existencia do Rexistro Central, e de rexistros provinciais en cada unha das provincias da comunidade autónoma, e a súa xestión corresponderá á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, ao abeiro do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

Os rexistros electrónicos de todas e cada unha das administracións deben ser plenamente interoperables, de modo que se garanta a súa compatibilidade informática e interconexión, así como a transmisión telemática dos asentos rexistrais e dos documentos que se presenten en calquera dos rexistros.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asinaron o 27.11.2020 un acordo de colaboración para o inicio de prestación do servizo de intercambio de datos do Rexistro de Asociacións, a través da plataforma de intermediación PasaXe!.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en adiante, só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define a actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que, en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, a programación, o mantemento, a supervisión e o control de calidade e, se for o caso, a auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, a programación, o mantemento, a supervisión e o control de calidade e, de ser o caso, a auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, se é o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro de Asociacións, regulado polo Decreto 276/1997, do 25 de setembro, polo que se crea o Rexistro Central de Asociacións e se regula a organización e o funcionamento dos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Emisión de certificados da información que conste no Rexistro Central de Asociacións.

b) Emisión de certificados da información que conste nos Rexistros Provinciais de Asociacións.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaria Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, como órgano responsable para os efectos de impugnación das actuacións correspondentes á alínea a) do punto primeiro.

d) A Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da provincia correspondente ao rexistro provincial, como órgano responsable para os efectos de impugnación das actuacións correspondentes á alínea b) do punto primeiro.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Vicepresidencia Primeira e C. de Presidencia, Xustiza e Turismo» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderalle á Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

c) Nome do selo: Vicepresidencia Primeira e C. de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «Vicepresidencia Primeira e C. de Presidencia, Xustiza e Turismo» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e a realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte á actuación e ao procedemento mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a emisión do selo electrónico denominado «Vicepresidencia Primeira e C. de Presidencia, Xustiza e Turismo», sempre e cando continúe vixente a actuación administrativa automatizada declarada nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

Beatriz Cuiña Barja

Secretaría xeral técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

Mar Pereira Álvarez

Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia