Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 22 de febreiro de 2021 Páx. 10920

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2021

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do 22 de xullo de 2020, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 13.6 e 13.10 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, ambas as partes considéranas liquidadas nos seguintes termos:

Ambas as partes coinciden en que tanto o artigo 40 como a disposición transitoria terceira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, modificados respectivamente polos números 6 e 10 do artigo 13 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, deben interpretarse dentro do necesario respecto a outra normativa sectorial que poida ser de aplicación tanto estatal como autonómica, como é o caso da normativa de costas. Coa finalidade de aclarar as dúbidas que poidan suscitarse sobre este aspecto, a Administración xeral da Comunidade Autónoma comprométese a modificar o artigo 40 e a disposición transitoria terceira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no sentido de insistir na aplicación prevalente daquela normativa sectorial que poida resultar aplicable, establecendo neste sentido:

Modificación da Lei 2/2016, do 10 febreiro, do solo de Galicia:

1. Engádese un último parágrafo ao artigo 40, co seguinte contido:

«O previsto neste artigo enténdese sen prexuízo das previsións establecidas nas normas sectoriais que resulten de aplicación».

2. Engádese un último parágrafo á disposición transitoria terceira, coa seguinte redacción:

«O previsto nesta disposición enténdese sen prexuízo das previsións establecidas nas normas sectoriais que resulten de aplicación».

Segundo. En razón do acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Terceiro. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Carolina Darias San Sebastián
Ministra de Política Territorial
e Función Pública

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo