Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 22 de febreiro de 2021 Páx. 10922

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 29/2021, do 11 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Xermade, dun treito antigo da LU-P-2209 Cabreiros (LU-861)-Touza.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Xermade o 31 de agosto de 2020 solicita á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade do treito da LU-P-2209 comprendido entre o punto quilométrico 0+000 (intersección coa estrada autonómica LU-861 Vilalba-Igrexafeita) e o punto quilométrico 0+130 (paso inferior baixo a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba), denominado tramo antigo da LU-P-2209.

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo do día 29 de setembro de 2020 acordou o cambio de titularidade proposto polo Concello.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, en que se indica que se trata dun treito antigo da estrada provincial LU-P-2209, sen funcionalidade dentro da rede provincial, que conta con 140 metros de lonxitude, comeza á altura do punto quilométrico 16+560, marxe esquerda (ME) da estrada autonómica LU-861 e remata no paso inferior da autoestrada autonómica AG-64, situado aproximadamente no punto quilométrico 42+450 desta, e cumpre, por tanto, co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de febreiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Xermade de:

Clave

Denominación

PQi

PQf

Treito antigo da LU-P-2209

Cabreiros (LU-861)-Touza

0+000

0+140

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Xermade deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Xermade, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade