Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 23 de febreiro de 2021 Páx. 11270

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2021 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 2021, e seprocede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT302D).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou no Diario Oficial de Galicia número 20, do 1 de febreiro de 2021, a Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT302D).

A base sétima, punto 3, da citada resolución establece que o prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. O artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, establece que o prazo de presentación das solicitudes en ningún caso será inferior a un mes.

O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

En consecuencia, como a fin do prazo de presentación de solicitudes remata o día 1 de marzo de 2021, e considerando esta Axencia a conveniencia de ampliar este prazo para que se incremente o número de solicitudes xa que a expansión da COVID-19 está a xerar unha crise sanitaria sen precedentes na terceira onda, cun gran detrimento do emprego, cunha maior crise económica e un futuro incerto e que está a ter un impacto nos proxectos culturais e nas súas programacións, que se enfrontan a grandes dificultades tanto polos problemas de liquidez como pola interrupción da actividade económica.

Polas razóns antes expostas,

RESOLVO:

Modificar a data límite de presentación das solicitudes establecida na base sétima da Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT302D), ampliando o prazo para presentar solicitudes ata o 15 de marzo de 2021.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais