Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 24 de febreiro de 2021 Páx. 11442

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2021 pola que se convocan cursos de formación continua na modalidade de teleformación dirixidos ao persoal da seguridade pública de Galicia para o primeiro semestre do ano 2021.

De acordo o establecido no artigo 4.2 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse os cursos de formación continua na modalidade de teleformación dirixidos os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica), cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 16 de febreiro de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

1. Destinatarios.

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica), que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata, e no caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá diploma del.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia e a dita porcentaxe poderá ser superada no suposto de quedaren prazas vacantes.

Así mesmo, en caso de quedaren prazas vacantes, poderá acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

2. Desenvolvemento da convocatoria. Desenvolvemento da actividade.

Todas as edicións dos cursos de teleformación e/ou formación semipresencial que se convocan na presente resolución se desenvolverán da seguinte maneira:

• Lugar: a través da plataforma de formación en liña. Todos os cursos contan cunha proba final presencial na sede da Agasp.

Estableceranse sesións de videoconferencias ou clases en directo, de obrigada asistencia, e a ausencia probarase con causa xustificada e debidamente documentada.

• Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado, fóra das clases programadas por videoconferencia, en directo ou presencial na sede da Agasp.

• Data de comezo: a partir do 22 de marzo de 2021.

Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento dos cursos o alumnado participante deberá realizar unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non realización dalgún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No caso de que os exercicios non alcancen un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, excepto a proba presencial final, e a realización das tarefas faranse a través da plataforma de formación en liña.

Para aquelas actividades recollidas no anexo, cuxa modalidade de impartición sexa a formación semipresencial, establecerase na plataforma de teleformación o horario das clases presenciais na Agasp.

Durante as clases presenciais na Agasp tomaranse todas as medidas hixiénico-sanitarias que garantan a seguridade de todo o alumnado, cancelaranse cando as ditas medidas non poidan ser garantidas e serán retomadas cando as circunstancias sanitarias así o permitan.

Ningún alumno nin alumna acudirá ás clases presenciais da Agasp con algún síntoma relacionado coa COVID-19, nin tendo contacto estreito con algunha persoa con resultado positivo na devandita enfermidade.

3. Requirimentos técnicos mínimos para os equipamentos do alumnado.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado) ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF necesitase instalar Acrobat Reader.

• Micrófono e cámara web.

4. Proba final.

As probas presenciais finais realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), notificarase a data destas coa antelación suficiente e polo menos con dez días hábiles de anticipación.

Excepcionalmente e por razóns debidamente xustificadas que impidan acudir á proba na data fixada, poderase solicitar acudir á proba extraordinaria.

Aqueles alumnos que se presenten á proba común e non a superen non terán dereito a presentarse á proba extraordinaria.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal), non se admitirá outra forma ou modelo de solicitude.

b) É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións, no suposto de non ser correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar a exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

e) No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberán remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa figura en poder da Agasp, neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

– Profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares

f) Cando o curso para o cal presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria, co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 22) por correo electrónico (formación.agasp@xunta.gal) ou de acordo co establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 15 de marzo de 2021 (para os cursos que comecen con posterioridade ao día 22 de marzo de 2021 poderá continuar aberto o período de inscrición destes ata un máximo de 7 días antes do comezo de cada curso, sempre e cando non se completen as prazas ofertadas con anterioridade).

h) O número máximo de cursos que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a cinco.

i) No caso de que una mesma persoa presente máis solicitudes das permitidas, a Agasp de maneira automática elixirá as primeiras cinco accións formativas solicitadas.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo conste nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Reservaranse o 5 0% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen o deber de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal ou por fax ao número 886 20 61 22.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Certificado de aproveitamento.

Unha vez finalizado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os certificados de aproveitamento aos alumnos que cumpran as seguintes exixencias:

• Visualización dos contidos.

• Superación dos cuestionarios.

• Realización das tarefas segundo as exixencias indicadas.

• Asistencia a todas as clases (presencial, en directo por videoconferencia) programadas en cada curso.

• Superación da proba presencial final do conxunto do curso.

10. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir os cursos, ampliar novas edicións destes ou suspendelos temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Na páxina web da Agasp publicaranse todos os datos precisos das accións formativas que se convocan nesta resolución.

ANEXO II

Denominación da actividade

Horas

Prazas

Comezo

Fin

Denuncia e inmobilización de vehículos estranxeiros

45

35

22.3.2021

7.5.2021

Denuncia e inmobilización de vehículos españois

45

35

22.3.2021

7.5.2021

Medición de ruídos 2

16

35

22.3.2021

19.4.2021

Recollida de evidencias dixitais

20

35

22.3.2021

23.4.2021

Vehículos de mobilidade persoal (VMP)

20

35

22.3.2021

23.4.2021

Protección penal dos axentes da autoridade

20

35

22.3.2021

23.4.2021

Probas deportivas: organización e medidas de seguridade

20

35

22.3.2021

23.4.2021

Intervención co home maltratador

30

35

22.3.2021

7.5.2021

Xestión intelixente das redes sociais nas administracións públicas

35

35

22.3.2021

7.5.2021

Lingua inglesa 1

100

50

22.3.2021

25.6.2021

Mellora dás habilidades comunicativas

25

35

22.3.2021

23.4.2021

Intervención no tráfico, prevención e sinalización

16

35

22.3.2021

16.4.2021

Aplicación práctica da Lei de seguridade cidadá 2 5

20

25

22.3.2021

23.4.2021

Identificación de vehículos

45

35

5.4.2021

14.5.2021

Seguridade informática e ciberseguridade

60

35

5.4.2021

7.6.2021

Delitos contra o patrimonio e a orde socioeconómica 5

20

35

5.4.2021

7.5.2021

Atención á diversidade: ferramentas e habilidades sociopersoais

30

35

5.4.2021

7.5.2021

PEL (patrón de embarcacións de lecer) 2 6

50

20

5.4.2021

30.6.2021

Lingua, redacción e estilo

40

35

5.4.2021

14.5.2021

Substancias psicoactivas. Tipos, signos e danos 2

30

35

12.4.2021

14.5.2021

Ocupación ilegal de inmobles

20

35

19.4.2021

21.5.2021

Linguaxe de signos para a atención a cidadanía

20

35

26.4.2021

25.5.2021

Bandas xuvenís, moteiras, latinas. Graffitis 5

12

35

3.5.2021

31.5.2021

Introdución ao traballo en 3D con sketchup. Infografía e simulación en accidentes de tráfico 2

30

35

10.5.2021

30.6.2021

Inspección policial do transporte por estrada

20

35

18.5.2021

18.6.2021

Detección de drogas na condución

15

25

18.5.2021

18.6.2021

Captación de imaxes polos corpos policiais

20

35

24.5.2021

25.6.2021

Drons, marco de regulación: dun réxime restritivo a unha maior liberalización

20

35

24.5.2021

25.6.2021

Sexting, sextorsión, violencia de xénero dixital

20

25

6.9.2021

8.10.2021

Medio de linguaxe administrativa galega 3

75

25

13.9.2021

19.11.2021

Superior de linguaxe administrativa galega 4

75

25

13.9.2021

19.11.2021

1. Establecerase ao comezo do curso unha proba de nivel e o alumnado será encadrado nos niveis A1 a C1, segundo o resultado desta proba de nivel. Obrigatorio 3 clases de conversación en lingua inglesa de 30 minutos

2. Cursos con clases presenciais na Agasp obrigatorias

3. Requírese estar en posesión do Celga 4

4. Requírese ter realizado o curso medio de linguaxe administrativa galega

5. O 80 % do total do curso desenvolverase a través de clases virtuais en directo, de asistencia obrigada

6. Neste curso non se efectúa a reserva de prazas para as forzas e corpos de seguridade do Estado