Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 25 de febreiro de 2021 Páx. 11861

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se declara a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira ab intestato de Pilar Varela González.

Antecedentes.

Por Resolución do 12 de marzo de 2020 acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Pilar Varela González (ABI/2011/0003).

A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (supl. núm. 132, do 11.5.2020), no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 79, do 24.4.2020), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Coruña por prazo non inferior a un mes.

Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, nos cales se acredita o seu falecemento, o 10 de xuño de 2010, no municipio da Coruña, e que non tiña outorgado testamento rexistrado. Así mesmo, figura igualmente incorporado certificado do seu empadroamento no Concello da Coruña, e queda xustificada a súa veciñanza civil galega.

Non se teñen recibido alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica, o que corrobora o informe emitido para o efecto pola Policía Autonómica de Galicia e as manifestacións de terceiras persoas unidas ao expediente.

Das consultas efectuadas perante o Catastro Inmobiliario, no Índice Xeral Informatizado de Predios e Dereitos do Rexistro da Propiedade e no Rexistro Xeral de Contratos de Seguros de Cobertura de Falecemento, así como da información acadada de diferentes entidades bancarias e por outras fontes, determinouse, en principio, que ao menos forman parte do capital hereditario da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, sen prexuízo da inclusión na herdanza daqueles outros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.

A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións practicadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.

Fundamentos xurídicos.

Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, artigos 267 e seguintes.

Código civil, artigos 657 e seguintes.

Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, artigos 20.6, 20 bis e 20 ter.1.

Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, artigos 4 e 56.

Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, artigos 4 e 7.

Segundo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de Pilar Varela González, con DNI 32127177H, entendéndose legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.

Segundo. Adxudicar á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:

a) Bens inmobles:

– Piso sexto dereita da casa número cinco da rúa denominada Arcadio Vilela, hoxe rúa Cultura, da cidade da Coruña, cunha superficie útil aproximada de 40 m2.

Cargas e gravames: embargo a favor de entidade bancaria.

Referencia catastral: 6824305NJ4062S0007UR.

Valor catastral: 13.151,83 euros.

Inscrición rexistral: predio nº 55906, do tomo e libro 785, folio 81 do Rexistro da Propiedade da Coruña nº 2.

b) Contratos e outros efectos bancarios:

– BBVA, conta de aforro: 0182 4939 10 0200498509.

– BBVA, depósito a prazo: 0182 4939 18 0410498795.

Terceiro. Publicar a presente resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios.

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, por prazo non inferior a un mes, no taboleiro de anuncios do Concello da Coruña.

Esta resolución poderá ser recorrida por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112.1, 114 e 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución, poderán exercer as accións pertinentes perante o órgano da xurisdición civil correspondente.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021

Mª Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública