Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 25 de febreiro de 2021 Páx. 11800

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2021 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Mario Puentes e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Mario Puentes, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (Área de Cultura), resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 3 de febreiro de 2021 tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación e Universidade (Área de Cultura) a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Mario Puentes, adoptado polo padroado o 18 de decembro de 2020.

Segundo. A Fundación Mario Puentes foi constituída mediante escritura pública do 12 de xullo de 1996, outorgada ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Alejo Calatayud Sempere, co núm. 2099 do seu protocolo. A Fundación Mario Puentes foi clasificada de interese cultural por Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 26 de decembro de 1996 (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 1997) e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Cultura e Comunicación Social do 3 de abril de 1997 (DOG núm. 85, do 6 de maio) figurando inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1996/18.

Terceiro. De acordo co artigo 5 dos seus estatutos vixentes, os fins da fundación son:

1. Promoción, fomento e sostemento do deporte, así como de actividades culturais relacionadas coa historia e costume galegos.

2. A promoción, creación, sostemento e auxilio de obras asistenciais, docentes, sociais de toda índole, outorgando preferencia ás establecidas na Comunidade Autónoma Galega e as relacionadas coa terceira idade.

3. A Fundación usará para o cumprimento dos seus fins, os seguintes procedementos:

a) Creación de bolsas.

b) Concesión de auxilios económicos.

c) Sufragar títulos, matrículas e libros.

d) Conceder premios á cultura, a investigadores e descubridores, e axudar outras fundacións benéficas, así como a asociacións que fomenten o desenvolvemento do deporte e dos costumes e cultura galega.

e) Crear, soster ou auxiliar hospitais, sanatorios, clínicas, refuxios para desvalidos o indixentes, casas para cegos, anormais e subnormais, xordomudos, centros de reeducación e recuperación física e psíquica, dentro do ámbito da competencia da fundación.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 18 de decembro de 2020, adoptou o acordo de extinción da fundación por imposibilidade de realizar os fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

c) As contas da fundación na data de adopción do acordo.

d) Informe-proposta do protectorado.

e) Declaración de carecer de patrimonio, bens ou remanente algún, polo que non cabe a elaboración de ningún proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

Consideracións legais:

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación Mario Puentes, de conformidade co establecido no Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2 b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Cultura, Educación e Universidade a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, e foi aprobado polo padroado na súa reunión do 18 de decembro de 2020. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Mario Puentes, adoptado polo padroado da fundación na súa reunión do 18 de decembro de 2020.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Cultura, Educación e Universidade (Área de Cultura).

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, conforme aos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, podendo interpoñerse previamente no prazo dun mes un recurso potestativo de reposición, conforme o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021, DOG núm. 31, do 16 de febreiro)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de
Cultura, Educación e Universidade