Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 26 de febreiro de 2021 Páx. 12115

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 22 de febreiro de 2021 pola que se regula o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, e se aproba o modelo normalizado de solicitude (código de procedemento AP522T).

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, foi modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio.

O seu artigo 5, que entrou en vigor o 1 de xuño de 2020, segundo se establece no parágrafo segundo da disposición adicional terceira do Decreto 60/2019, modificado polo Decreto 160/2019, do 19 de decembro, recolle como novidade que a presentación das solicitudes de inclusión nas listas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia se realizará preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se permitirá opcionalmente a presentación presencial de solicitudes en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Na disposición derradeira segunda do Decreto 60/2019 facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do decreto, así como para regular a habilitación do procedemento de solicitude de inclusión en listas previsto no artigo 5 do Decreto 37/2006 na súa nova redacción, e os modelos normalizados correspondentes.

Tendo en conta que, de acordo co establecido no artigo 6.2 do Decreto 37/2006, o prazo para a presentación de solicitudes nas listas que se encontren en xestión se inicia o 1 de marzo e finaliza o 30 de abril de cada ano, faise preciso que con anterioridade ao comezo deste prazo se articule un procedemento destinado á tramitación electrónica e presencial das solicitudes de inclusión nas listas coa aprobación dos modelos normalizados correspondentes.

Esta orde adecúase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. O seu texto foi exposto a información pública no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia. Así mesmo, foi sometido a informe económico-financeiro da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, a informe tecnolóxico e funcional da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e a informe da Asesoría Xurídica Xeral.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de presentación de solicitudes de inclusión nas listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado de solicitude que se xunta como anexo I a esta orde (código de procedemento administrativo AP522T), así como a outros modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento de presentación de solicitudes (anexos II e III).

Artigo 2. Persoas solicitantes

Poderán presentar solicitude todas aquelas persoas que queiran formar parte das listas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a cobertura temporal de postos reservados a persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, e que consideren que cumpren os requisitos establecidos no artigo 8 do Decreto 37/2006 para poder inscribirse nas listas.

Artigo 3. Requisitos

1. Serán requisitos indispensables para poder inscribirse nas listas posuír a titulación ou formación académica exixida para cada grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade e os demais requisitos legalmente exixidos para participar na convocatoria pública das correspondentes probas selectivas na data de presentación da solicitude de inclusión na lista pola persoa interesada en formar parte dela, de acordo co establecido no artigo 8 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, así como, se é o caso, os requisitos establecidos para cada grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade nas convocatorias de apertura de listas.

2. As persoas solicitantes deberán posuír, así mesmo, o nivel de coñecemento da lingua galega previsto no artigo 8 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes, no caso de listas elaboradas que se encontren en xestión, esténdese desde o día 1 de marzo ata o 30 de abril de cada ano, e estas elabóranse no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de decembro.

As solicitudes poderanse presentar, así mesmo, no prazo establecido nas resolucións da dirección xeral competente en materia de función pública de apertura do prazo de presentación de solicitudes de inclusión en listas.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter nacionalidade española, documentación acreditativa de ter residencia legal en España, para a inclusión nas listas de persoal laboral temporal, e pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados, para a inclusión nas listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario.

b) Titulación ou formación non académica exixida para cada grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade, documentación acreditativa dos requisitos legalmente exixidos para participar na convocatoria pública das correspondentes probas selectivas ou, se é o caso, dos establecidos nas resolucións de aperturas de listas que non figuren enumerados no artigo 6.

c) Certificado ou documento equivalente ao Celga 4 nas listas para os subgrupos A1, A2, C1 e grupos B, I, II e III; ao Celga 3 nas listas para o subgrupo C2 e grupo IV e, finalmente, ao Celga 2 para a agrupación profesional de funcionarios e grupo V, non expedidos polo órgano competente en materia de política lingüística.

d) Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas por dereitos de inscrición ou, se é o caso, documentación xustificativa para a exención, total ou parcial, do pagamento das taxas (código da taxa 05/13/07/300301).

e) Para a acreditación dos méritos a que se refire o artigo 9.bis, letra a), ordinal 2º, do Decreto 37/2006, servizos prestados en concellos ou mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables, nas listas das categorías pertencentes aos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais, certificación de servizos prestados segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta, polo persoal funcionario que se determina no citado anexo.

f) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % non expedido pola Administración autonómica de Galicia, para a acreditación da exención do importe total da taxa.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE.

– Título/s oficial/oficiais non universitario/s.

– Título/s oficial/oficiais universitario/s.

– Documento xustificativo de estar en posesión do Celga 4 ou equivalente nas listas para os subgrupos A1, A2, C1 e grupos B, I, II e III; Celga 3 ou equivalente nas listas para o subgrupo C2 e grupo IV e, finalmente, Celga 2 ou equivalente para a agrupación profesional de funcionarios e grupo V, expedidos polo órgano competente en materia de política lingüística.

– Certificación de empadroamento, para a acreditación dos méritos a que se refire o artigo 9.bis, letra b), do Decreto 37/2006, Coñecemento do terreo, nas listas das categorías pertencentes aos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente, consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 % expedido pola Administración autonómica de Galicia, para a acreditación da exención do importe total da taxa.

b) Certificado de familia numerosa de carácter especial ou xeral, ou carné familiar en que conste o dito carácter, para a acreditación da exención do importe total da taxa ou do 50 %, respectivamente.

c) Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego, ininterrompidamente, desde polo menos seis meses antes da data da publicación da convocatoria no DOG, para a acreditación da exención do 50 % do importe da taxa, de cumprirse, así mesmo, o requisito establecido na alínea d).

d) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego, para a acreditación da exención do 50 % do importe da taxa, de cumprirse, así mesmo, o requisito previsto na alínea c).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Publicación

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as listas provisionais e definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Nestas listas figurarán as persoas solicitantes admitidas, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo establecido nos artigos 9 e 9 bis do Decreto 37/2006, e as excluídas, con expresión da causa de exclusión.

Así mesmo, as listas serán igualmente obxecto de publicidade no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación> e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia.

2. Todas as comunicacións se publicarán, así mesmo, nos lugares indicados anteriormente e, para estes efectos, terán o carácter de notificación, de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015.

Artigo 8. Solicitude de devolución do pagamento das taxas por dereitos de inscrición

Unha vez publicadas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, as persoas excluídas poderán solicitar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a devolución das taxas por dereitos de inscrición, para o cal presentarán o modelo que figura no anexo III desta orde xunto coa documentación xustificativa de ter aboado as taxas administrativas.

As persoas interesadas poderán solicitar a devolución do importe das taxas por pagamento indebido en calquera momento do procedemento mediante a presentación, así mesmo, do anexo III e a documentación xustificativa do aboamento das taxas.

As solicitudes de devolución de taxas presentaranse preferentemente por medios electrónicos. Opcionalmente poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

A consellería competente en materia de función pública será o órgano competente para a aprobación da actualización dos modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta orde. Unha vez aprobada a actualización, será suficiente a súa publicación na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas. Non obstante, en virtude desta orde apróbanse os modelos iniciais normalizados recollidos nos anexos I, II e III.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file