Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 26 de febreiro de 2021 Páx. 12262

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2021 pola que se convocan cursos de formación continua para os xefes ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento, xefes ou responsables dos grupos de emerxencias supramunicipais, xefes ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias e para os/as responsables das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Unha vez aprobado o programa anual de actividades para o ano 2021 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dos cursos de formación continua dirixidos aos xefes ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento, xefes ou responsables dos grupos de emerxencias supramunicipais, xefes ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias e para os/as responsables das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao primeiro semestre do ano 2021, cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 18 de febreiro de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

Denominación

Modalidade

Edicións

Horas lectivas

Prazas

Datas

Xestión de emerxencias derivadas de riadas e inundacións. Aplicación do método de xestión operativa de mando

En liña

1

30

35

Do 18 de maio ao 22 de xuño

Segunda. Contido das actividades formativas

O contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución pode consultarse na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.gal) na epígrafe «Formación de colectivos».

Terceira. Destinatarios/as

a) Xefes ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).

b) Xefes ou responsables dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

c) Xefes ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

d) Xefes/as, subxefes/as e mandos das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais: os/as solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira para estes colectivos.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a pór en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

3. Os/as xefes/as, subxefes/as e mandos das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia deben ter superado o curso básico de protección civil e estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC.

4. Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado), Internet Explorer 6.0 ou superior ou Google Chrome.

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF, necesítase ter instalado Acrobat Reader.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

O curso desenvolverase en liña.

1. A través da plataforma de formación da Agasp.

2. Datas: as edicións realizaranse segundo se especifica no anexo desta convocatoria.

3. Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado. Axustarase ao calendario establecido no propio curso.

O alumnado deberá acceder no curso dentro dos primeiros dous días hábiles (excluídos sábados, domingos e festivos) a partir da data de inicio.

As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado serán dados de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizados coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

4. Desenvolvemento: o alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación da Agasp, e de acordo cun calendario de presentación, as actividades incluídas no curso, que son:

• Visualización dos contidos.

• Superación dos cuestionarios.

• Cumprimento das tarefas segundo as exixencias indicadas.

O/a alumno/a que non realice algunha desas actividades no prazo establecido será sancionado/a coa baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado/a coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

No suposto de que as actividades realizadas non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do equipo docente, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

• Superación da proba final.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 11, 886 20 61 38 e 886 20 61 39 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Se as solicitudes para participar nun curso non superan o 50 % das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será de quince (15) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se relacionan e na orde indicada, sen prexuízo de que algúns cursos requiran criterios específicos, os cales se indicarán na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

1. En cada edición das distintas actividades formativas convocadas por esta resolución as prazas distribuiranse entre os colectivos destinatarios do curso de acordo co seguinte cadro:

Colectivo

Porcentaxe

1º grupo: xefes ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento

30 %

2º grupo: xefes ou responsables dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES)

20 %

3º grupo: xefes ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias

10 %

4º grupo: xefes/as, subxefes/as e mandos das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia

40 %

No caso de que non haxa suficientes solicitantes dalgún dos colectivos mencionados que cumpran os requisitos para cubrir o número de prazas asignado, completarase a selección con solicitantes dos outros colectivos que son destinatarios do curso que cumpran os requisitos, repartindo as prazas vacantes por igual entre os diferentes grupos sempre e cando o número de prazas o permita, e cando non sexa posible, por ser maior o número de solicitudes que de vacantes, estas distribuiranse pola orde e porcentaxe establecidas dos grupos, empezando a repartición polo grupo 1 e así sucesivamente.

2. Na selección dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

3. Dentro dos colectivos destinatarios do curso terán preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico, se as houbese.

4. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

5. Os solicitantes que realizasen anteriormente o curso nos últimos catro anos poderán ser seleccionados para realizalo no suposto de existiren vacantes. De non existiren vacantes, poderán figurar na lista de reserva despois dos solicitantes que non tivesen o curso.

6. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo primeira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A realización das actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria, a súa non realización deberá xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % do curso será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

Décimo segunda. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo terceira. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as datas da súa realización, ampliar novas edicións ou prazas deste ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia; especificamente, poderase suprimir o curso cando o alumnado admitido antes da data de inicio deste non supere o 50 % das prazas convocadas.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.