Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 4 de marzo de 2021 Páx. 12854

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se actualizan os prezos privados que percibirá a Xunta de Galicia polos servizos prestados polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro) establece, no seu artigo 50, que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestando tamén tales servizos ou actividades o sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados. O artigo 51 da dita lei dispón que os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

A través da presente resolución actualízanse os prezos privados que aplican aos servizos que presta o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia en base ao establecido na Orde do 27 de xuño de 2019 pola que se modifica a Orde do 26 de decembro de 2013 pola que se fixan os prezos privados que percibirá a Xunta de Galicia polos servizos prestados polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia; sendo actualizados en función das variacións experimentadas pola retribución do persoal ao servizo do sector público.

En consecuencia, e para dar cumprimento ao disposto na mencionada orde, esta secretaría xeral técnica

DISPÓN:

Darlle publicidade aos prezos privados actualizados exixibles pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación referentes aos servizos prestados ou a realización de actividades polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, efectuadas no réxime de dereito privado no ámbito da metroloxía industrial e a I+D+i, sendo os que figuran no anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Segunda e
Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ANEXO

Tarifas do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia polos seus servizos nos ámbitos da metroloxía industrial e da I+D+i.

Os prezos privados aplicables á hora de traballo do persoal do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia ou á hora de uso das súas instalacións serán os seguintes:

– Persoal técnico: 110,01 €/hora.

– Persoal auxiliar técnico: 83,81 €/hora.

– Uso de instalacións do laboratorio: 99,54 €/hora.

Outros custos que se repercutirán ao solicitante:

1. Os custos pola realización de viaxes, gastos de transporte, axudas de custos, manutención e aloxamento do persoal do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, desprazado para a prestación do servizo, serán facturados ao solicitante a razón das cantidades que para tales conceptos se determinen no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, modificado polo Decreto 96/2011, do 5 de maio.

2. Os materiais, produtos consumibles e equipamentos específicos necesarios para a prestación do servizo, cando sexa o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia quen os proporcione, así como as asistencias externas, facturaranse polo seu prezo e gastos que orixinen.